Buscar neste blog

27 de feb. de 2011

Entrevista a Manuel Vázquez, alcalde da Illa e candidato á reelección polo PSOE

 Manuel Vázquez, candidato socialista á alcadía da Illa de Arousa

[Redacción] Manuel Vázquez enfrontarase no mes de maio por cuarta vez consecutiva ás eleccións municipais, co convencemento de que os seus veciños volverán confiar nel para seguir ocupando a cadeira de alcalde. O candidato socialista obtivo 1.632 votos no 2007, o que lle permitiu gobernar en solitario nesta lexislatura con seis dos once concelleiros que lle corresponden ao Concello da Arousa. Coa súa entrevista, na que fai balance da súa xestión, completamos a serie de entrevistas cos alcaldables.

25 de feb. de 2011

A teima de Vilanova coas luces da ponte

Imaxe da ponte ás escuras, tomada hai unhas semanas

[Susi Rial] A mediados de febreiro, comezaba a funcionar o alumeado da ponte na súa totalidade, logo das longas obras de reforma. Era este un momento moi agardado por todos, posto que os farois estaban colocados dende finais do verán. Pero antes de ver unha ponte totalmente alumeada, vimos, unha vez máis, como os farois da metade de Vilanova permanecían apagados. A situación foi criticada incluso por Jeanne Picard, representante de Stop Accidentes en Galicia, porque a escuridade da ponte comprometía seriamente a seguridade dos seus usuarios. O Concello vilanovés fixo responsable do apagamento á empresa construtora, pero esta asegurou ter deixado todo preparado para que se acendera o alumeado. E a Compañía de Electrificación aínda foi máis contundente, ó declarar que só era necesario premer un botón. A imaxe da ponte ás escuras é unha estampa coñecida na Illa. Hai agora unha década, Vilanova xa deixou de acender o alumeado da metade da ponte que lle corresponde por territorialidade, o que deu lugar á mobilización veciñal. Ducias de veciños acudían ó Bao con candís para reclamar a luz da ponte todos os venres pola noite. Pode que desta vez as presións foran maiores e de máis contundencia, e finalmente Vilanova volveu acender as luces. En todo caso, só nos queda alegrarnos pola entrada en razón do Concello de Vilanova, e desexamos que sexa esta unha actitude que dure para sempre.

24 de feb. de 2011

O ex alcalde Sito Vázquez revela como se preparou o 23 F na comarca



[Redacción] Nun relato con datos sorprendentes e ata o de agora inéditos, o ex alcalde  socialista do Concello de Vilanova, Sito Vázquez, mestre xubilado da Illa de Arousa, descobre no seu blog como se preparou na comarca o golpe de Estado do 23-F. Tras conectar varios acontecementos que no seu tempo considerou illados, Vázquez mantén a teoría de que se planificou un levantamento civil, a través dunha trama na que estaban implicados os contrabandistas da época, o xeneral Armada e o cura de Cambados. Segundo explica, sendo alcalde puido saber por unha fonte da súa confianza que en decembro de 1980 se produciu unha descarga no Terrón, pero non de tabaco, como viña sendo habitual, senón de fusiles. Ao parecer, o armamento foi trasladado á casa parroquial de Cambados. Dáse a coincidencia de que o párroco cultivaba amizade co xeneral Armada,  asiduo visitante de Fefiñáns, onde, ademais, o militar tiña parentes. Así, de acordo coa tese de Vázquez, uns meses antes de se producir o intento frustrado de golpe de Estado, Armada tería preparado un arsenal na comarca do Salnés destinado a uso civil, e co obxectivo de eliminar os elementos considerados perigosos. Por outra banda, o ex alcalde tamén revela como viviu o acontecemento e as ameazas de morte que recibiu por parte de xente da Arousa.

23 de feb. de 2011

Marcos Nine busca novos camiños creativos



[Redacción] Seguindo a estela do proxecto arxentino La Brecha, Marcos Nine experimenta cos materiais no seu último filme, probablemente a creación máis arriscada do autor ata o momento. La Brecha parte da idea de que todas as persoas que realizan tarefas creativas, co paso do tempo, acaban traballando de forma predecible e mecánica, polo que cómpre buscar novos camiños e novos métodos aos que nunca se chegaría 'tirando de oficio'. Con esta idea, Nine pechouse o pasado Nadal no seu obradoiro da Arousa e someteu material de película super 8 e 16 mm a distintos procesos, degradando o filme con óxido, lixivia e pintura. Os primeiros resultados da montaxe  xa están dispoñibles no youtube.

Os resultados da enquisa: coroamos o pan de ovos


[Redacción] Unha vez pechadas as votacións da enquisa para elixir o prato máis representativo da Arousa, non nos queda outra que coroar o pan de ovos como o rei gastronómico da ínsula. A repostería carcamana impúxose a outras opcións como o polbo cocido con patacas (fervidas na mesma auga do cefalópodo), un prato tamén coñecido baixo a marca turística e de vocación exportadora, “estilo illa”. O ghaspacho de chícharos resultou unha opción pouco votada, probablemente por pouco coñecida, e sorprende que obtivera menos apoios que a caldeirada de rinchas en escabeche. A rincha é un peixe abundante, así que hai moito comensal local aburrido dela. Agora só falta que os que votaron “outra” opción, nos digan cales eran as súas propostas.

20 de feb. de 2011

Entrevista a Juan José González, candidato do PP á alcaldía

Juan José González, candidato do Partido Popular á alcaldía


[Redacción] Desde que a Illa se segregou de Vilanova e constituiu un Concello de seu, en 1997, o PP non conseguiu gobernar na Arousa. Actualmente conta con catro concelleiros na corporación municipal, onde desenvolve unha activa oposición ao seu máximo rival, o PSOE. O líder do grupo Popular, Juan José González, confía en que o desgaste do grupo de goberno socialista lle permita alcanzar en maio a alcaldía. Así nolo conta nesta entrevista, coa que continuamos a serie de conversas cos alcaldables iniciada a pasada semana.

16 de feb. de 2011

O galeón 'Presioso' prepárase para navegar no verán

O  "Presioso" foi construído en 1944. Imaxe tomada de Calmoseira

[Redacción] A asociación Calmoseira xa está na fase final de restauración do galeón “Adelino Manuel”, tamén chamado “Presioso”, pola elegancia das súas formas. Queda completar a parte mecánica, e logo mercar a vela. Calmoseira prevé presentar o galeón durante a próxima edición dos X Encontros de Embarcacións Tradicionais, que este ano se celebrarán en Carril, do 30 de xuño ao 3 xullo. Polas mesmas datas, tamén agardan saír dos estaleiros os outros dous galeóns que están a ser recuperados por colectivos da Arousa, o Rei do Mar e o Komaira.

15 de feb. de 2011

O Regueiro renace


[Susi Rial] Nas mañás dun domingo soleado ou cando as tardes se van facendo máis longas, calquera que se achegue ó Regueiro pode comprobar que segue sendo o mesmo que aquel do que tanto gozamos nas nosas infancias. En algo contribúe niso o "skate" que colocaron hai poucas semanas alí  (algo nos di que nos agardan sorpresas semellantes de aquí ó mes de maio). Polo tanto, amplíase a oferta lúdico-deportiva para o público infantil e xuvenil ó unirse o "skate" ás xa existentes pistas de baloncesto e ós columpios. E é que os rapaces, tanto os de antes como os de agora, necesitan moi pouco para divertise. Pero maior é, se cabe, o mérito dos rapaces de hoxe en día, que viven na sociedade dos videoxogos, das múltiples canles televisivas e do ocio sedentario, en xeral. Con todo, moitos seguen preferindo xogar na rúa.

14 de feb. de 2011

Entrevista a Carlos Otero, candidato do BNG á alcaldía

Carlos Otero, candidato á alcadía da Illa de Arousa polo BNG


[Redacción] Dos once concelleiros que compoñen a corporación municipal da Illa de Arousa, Carlos Otero é o único representante do Bloque Nacionalista Galego. Otero conseguiu 437 votos a primeira vez que se presentou como candidato á alcaldía, nas eleccións do 2007. En maio concorrerá por segunda vez ás municipais e agarda que, esta vez, o BNG sexa chave para a formación do goberno. Coa súa entrevista, iniciamos unha serie de conversas  cos alcaldables, que iremos publicando cada semana.

11 de feb. de 2011

A Illa, no armario

Os resultados da última enquisa

[Susi Rial] Coa chegada da ponte, hai agora 25 anos, a sociedade da Illa sufriu un evidente cambio de mentalidade. Ós arousáns gústanos viaxar e alá onde imos deixamos unha morea de amigos. Da mesma maneira, encántanos recibir visitas e coñecer xente de países exóticos, sen que as diferentes culturas ou os idiomas sexan un impedimento para facer novas amizades. Resumindo, pouco queda daquel pobo pechado que detestaba calquera cousa que viñera de fóra. Mais debemos recoñecer que nalgúns aspectos, a Illa regresa á súa faceta primitiva. E un destes aspectos é o que ten que ver coa homosexualidade. Porque se non, non se entende por qué non vemos parellas do mesmo sexo polas rúas da Arousa collidos da man, ou porque os homosexuais deciden facer a súa vida fóra da Illa. Por qué a estas alturas aínda non se celebrou na Illa a primeira voda homosexual? Este artigo non pretende sacar a ninguén do armario, faltaría máis. A quen queremos sacar do armario é á propia Illa, como sociedade que, sen querelo ou querendo, estalle a dar as costas a algo que forma parte dela.

8 de feb. de 2011

A labor do xuíz de paz

 Pablo Iglesias, xuíz de paz da Illa de Arousa


[Redacción] O xulgado de paz é probablemente unha das institucións menos coñecidas da Illa, e iso que por el han de pasar desde as persoas que desexan casar ata aqueles que deben responder ante a Xustiza por denuncias de calumnias. O da Arousa ten a súa sede na Casa do Concello, e é atendido por Pablo Iglesias. Os luns, toca xuízos; os mércores, conciliacións; e os sábados, casamentos. O propio xuíz de paz explícanos neste artigo cales son as súas competencias e a filosofía que guía a súa labor.

7 de feb. de 2011

BBE & SD, o máis novo do rock insular

BBE & SD, durante un concerto ofrecido no Con do Moucho

[Redacción] A última banda de rock que naceu na Arousa chámase 'Between Big Eggs & Small Dicks' e fórmana tres compoñentes: Viktor García (guitarra), Alberto "o alemán" (voz e batería) e Álex "funkillo" (baixo). No YouTube xa se pode ver algún directo da banda, que ofrece un rock potente e aloucado que rexeita calquera etiqueta. O grupo ten o seu propio espazo no facebook, e tamén no myspace.

3 de feb. de 2011

Constituído o club de lectura Bibliarousa +


[Redacción] O club Bibliarousa + estréase coa lectura de Afirma Pereira, unha fermosa obra de Antonio Tabucchi, ambientada historicamente na Lisboa da dictadura salazarista. Coa escolla deste título, quedou constituído, o pasado mes de xaneiro, o primeiro club de lectura de adultos da Arousa, unha iniciativa que partiu da biblioteca do instituto e que secundaron, polo momento, cinco persoas. O club está aberto permanentemente á incorporación de lectores. A próxima cita será o 22 de febreiro, e terá como protagonista a un xornalista portugués, especializado en necrolóxicas.

O resultado da enquisa das infraestruturas


[Redacción] Escoller entre tres infraestruturas básicas non é fácil, tendo en conta que o ideal sería dispoñer das tres. Con todo, se hai que elixir, os lectores deste xornal decántanse pola construción dun novo centro de saúde, unha opción votada polo 45% dos participantes e moi igualada -con só un voto de diferenza- co polideportivo municipal. A casa da terceira idade, unha vella demanda dos xubilados arousáns, queda nun segundo plano fronte ás outras opcións. Na enquisa desta semana queremos saber o seu parecer sobre o trato que reciben as persoas homosexuais na Arousa.

2 de feb. de 2011

Sons da Arousa: a subida da marea


[Redacción] Co son que fai a marea cando comeza a subir, presentamos unha nova sección de na illa, Sons da Arousa, un arquivo sonoro cuxa entrada directa atoparán na columna da dereita, á beira do Dicionario de Ausencias. O vídeo foi gravado en xuño de 2010 na praia do Portiño e captura o murmurio do mar, axitado polas forzas dos astros.

31 de xan. de 2011

Anécdotas da motora

 A motora que transportaba viaxeiros entre a Arousa e Vilanova

[María García] Cando se fala do pasado da Illa de Arousa, nalgún momento ten que saír o tema da motora, pois era o medio de transporte que nos comunicaba co mundo exterior. A motora, ademais das viaxes regulares, facía viaxes especiais, incluso a altas horas da madrugada, para trasladar a un enfermo, a unha muller que ía dar a luz ou ás orquestras que viñan amenizar os bailes. De seguro que todos temos algunha anécdota relacionada coa motora.

O aceite da Illa


[Susi Rial] Hai unhas semanas coñecíamos que a Illa é un dos concellos que máis aceite reciclou durante o último ano. E iso é posible grazas a este contedor, situado na Avenida da Ponte, que case pasa desapercibido entre os outros recipientes de orgánicos e plásticos. Botar aceite polo vertedeiro é un dos xestos máis nocivos para o mundo mariño. A meirande parte da poboación coñece moi ben isto, pero non todo o mundo pode ir expresamente ata a Avenida da Ponte a levar botellas con aceite usado. Tanto na Illa como no resto dos concellos, este tipo de recipientes escasean. E, en moitos deles, nin sequera dispoñen do primeiro.

27 de xan. de 2011

Unha pintada reivindicativa


[Susi Rial] Un grupo cada vez máis numeroso de arousáns é afeccionado á práctica do tenis. A imposibilidade de que este deporte se poida practicar na Illa provocou a aparición desta pintada, nun lugar que non semella ter sido escollido ó azar. Trátase dun cartel do "Plan E", situado na Rúa Con do Moucho. O "Plan E" foi lanzado tempo atrás polo goberno para reactivar o emprego, pero para moitos non foi máis que unha operación de maquillaxe, porque as obras que se levaron a cabo, ou se trataban dun simple arranxamento, ou simplemente non se realizaban, como sucede no lugar da foto. A pintada demostra que a poboación ten necesidades nas que as autoridades moitas veces non reparan. Porque ben que se nos di que practiquemos deporte, pero onde?

25 de xan. de 2011

As mariscadoras financian a semente cunha cota mensual

Baldes nunha xornada de seca

[Redacción] Tal e como revela a entrevista co patrón maior, o descenso das capturas é un dos principais desafíos aos que deben enfrontarse os mariscadores na actualidade. Na práctica, este problema tradúcese na necesidade de mercar a cría da ameixa e de sementala nas praias. A gravidade da situación empuxou ás mariscadoras, un colectivo que na Arousa agrupa unhas 300 mulleres, a abonar unha cota mensual de 10 euros para financiar a compra da semente. O fondo común creouse o pasado mes de xuño e supón un novo esforzo por parte das sequeiras para continuar vivindo do seu oficio. Nas seguintes ligazóns, poden consultar algunhas das iniciativas que emprenderon:

-A revolución das sequeiras (2007)
-A condena de vixiar as praias (2009)
-O mantemento do Chufre (2010)

A enquisa da lingua: gaña o galego


[Redacción] O pobo da Illa de Arousa é maioritariamente falante de galego. A falta de datos estatísticos, a experiencia empírica permite comprobar facilmente esta afirmación, pois a meirande parte dos veciños utilizan esta lingua para comunicarse. Aínda que nas relacións cos nenos se dan situacións diglósicas, o galego semella que aínda permanece como lingua dominante. Na enquisa que publicamos a semana pasada, a maioría dos participantes (54%) aseguraron que seguen a utilizar o galego para falar cos meniños. Un 32% votou a opción de castelán, e só un 13% marcou a opción de “galego mais castelán”. De ser certa esta tendencia, o galego ostenta unha fráxil maioría como lingua inicial entre a infancia arousá, pero, unha vez máis, a experiencia  parece apuntar cara un retroceso neste eido, en consonancia coa situación xeral da lingua no resto de Galicia. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) para a provincia de Pontevedra, a porcentaxe de persoas que aprenderon a falar en galego baixou en catro puntos do ano 2003 ao 2008.


24 de xan. de 2011

'O meu obxectivo é poñer en marcha a hatchery'

Ángel Iglesias considera prioritario rexenerar os bancos marisqueiros

[Redacción] O patrón maior da Confraría da Illa de Arousa, Ángel Iglesias García, fixou como obxectivo do seu mandato botar a andar o criadeiro de ameixas de Quilma, coñecido como a “hatchery”. As instalacións, abandonadas dende hai máis dun lustro, nunca chegaron a ser produtivas e hoxe esixen dun forte investimento para recuperar a actividade. Os cartos non semellan, porén, o principal problema, xa que segundo explica Iglesias, a Confraría conta cunha subvención para actualizar tecnoloxicamente o centro. Deste e outros temas fala o patrón maior nesta entrevista exclusiva.

Magnolios, unha mala elección

 O Concello está a substituír os magnolios por laranxeiros silvestres

[Susi Rial] Hai agora 25 anos, a construción da ponte fixo obrigatorio o adorno da avenida de entrada na Illa, e para tal propósito, escolléronse magnolios. A elección non puido ser máis desacertada e hoxe en día estase a pagar coas consecuencias. Non hai moito, o Concello anunciaba a substitución dos magnolios por laranxeiros silvestres, de maneira gradual. Non cabe dúbida de que o magnolio é unha árbore moi fermosa, polo que é moi apreciada en xardinería. Pero os mesmos botánicos aconsellan que, cando se trata dun xardín, se plante o magnolio a unha distancia prudencial das vivendas. O seu crecemento é imparable, podendo chegar a medir ata 30 metros. Os da Avenida da Ponte, polo tanto, son magnolios aínda pequenos. Aínda así, as súas raíces fortes e duras estaban comezando a levantar as beirarrúas e as súas ramas xa estaban a "acosar" algunhas ventás. Non é de estrañar que a súa substitución sexa unha cuestión urxente.

21 de xan. de 2011

A biblioteca do instituto convoca unha xuntanza para crear un club de lectura

 O club de lectura do instituto. Imaxe tomada de Bibliarousa

[Redacción] Gústache ler? Queres descubrir novos autores e comentar as obras con outras persoas? A biblioteca do IES Illa de Arousa quere poñer en marcha un club de lectura para adultos, ao estilo do que xa funciona con éxito entre o alumnado. Os rapaces xúntanse todos os venres nos recreos para comentar lecturas comúns e ver fragmentos de películas. A iniciativa, denominada Bibliarousa, ábrese agora á comunidade arousá baixo o lema Bibliarousa +. O vindeiro martes, 25 de xaneiro, ás 20.00 horas, celebrarase na biblioteca do instituto unha xuntanza para acordar as lecturas e a periodicidade dos encontros. Están convidadas a participar todas as persoas que gocen coa literatura, non é preciso que sexan pais ou nais de alumnos.

18 de xan. de 2011

Case 600 Carcamáns Celestes

 Interior da sede da peña Carcamáns Celestes, nun bar do Campo

[Susi Rial] O Celta de Vigo é un equipo afortunado. Non son moitos os clubs de fútbol que poden dicir que as súas asociacións de seareiros aumentan os seus socios cando baixan a segunda división. Iso é o que ocorre dende sempre nos "Carcamáns Celestes", ata o punto de estaren a piques de chegar ós 600 socios, cifra de vertixe para unha illa de 5.000 habitantes. Lonxe quedan os tempos nos que o Celta mandaba representantes para que pasaran na Illa un puro trámite, poñendo escusas ante a ausencia dos xogadores máis queridos pola afección. Hoxe en día, nas ceas anuais dos Carcamáns é habitual a presenza dos xogadores máis emblemáticos, tanto de hoxe coma de onte. Por outra parte, Balaídos xa non é aquel estadio dos tempos de esplendor do Celta de Mostovoi e Karpin. É obvio que precisa dende unha boa dose de limpeza ata unha importante reforma. Pero a presenza dos Carcamáns nas bancadas dá unha inxección de aire fresco, e iso fai que se teña presente que o fútbol é, ante todo, un espectáculo no que o importante é pasalo ben. Porque para amarga, xa é a vida.

17 de xan. de 2011

A malleira do polbo

A mazar un polbo de sete quilos, no peirao da Abilleira

[Redacción] Que un polbo reciba unha malleira nada máis ser pescado non é cousa de asombro, o raro sería ver un polbo mazando un home. Non queira o Demo que o intelixente octopus se rebele un día e bata as cachas dos homínidos contra os cons e peiraos da Arousa! De consumarse a sedición cefalópoda, poden estar seguros de que a malleira non obedecería a outro propósito que a vinganza por tantos agravios históricos, pois nada se sabe de que a carne de home vire correúda no prato. Masar por masar. A única tranquilidade que nos queda é a superioridade física, aínda que non quixera un servidor caír nos tentáculos do inmenso polbo que ven na imaxe.

O boom inmobiliario non convence

[Redacción] O boom na edificación de bloques de pisos que experimentou a Arousa nos últimos anos semella que non  trouxo grandes beneficios para a vila. Polo menos, así o cren a maioría dos participantes na enquisa que publicamos o pasado mes de decembro, que rexistrou 23 votos durante os sete días que estivo activa. O 78% dos votantes consideraron que a proliferación deste tipo de inmobles non foi positiva. Na enquisa desta semana, interrogámoslles sobre a lingua que utilizan para comunicarse cos nenos pequenos.

O faro, exemplo de feísmo para La Voz

O faro, nunha tarde de verán

[Susi Rial] O xornal La Voz de Galicia, dentro da súa galería de fotos dedicada ás paisaxes máis surrealistas que podemos atopar ó longo da nosa xeografía, incluíu recentemente o faro da Illa de Arousa. Beirarrúas en mal estado, fantásticas paisaxes atravesadas polo tendido eléctrico, cruceiros asoballados por casas de nova construción... son só algúns dos exemplos que conviven co faro, ó que podemos ver na foto número 11 de “novos exemplos de feísmo galego”. O que se denuncia en concreto é o recheo de cemento arredor de todo o faro co único propósito de instalar alí un posto de praia. Algo que o pé de foto non dubida en denominar como un "exemplo sangrante" do feísmo galego.

10 de xan. de 2011

O primeiro pleno do ano



[Redacción] A Casa do Concello acolle o vindeiro 13 de xaneiro, ás 20 horas, o primeiro pleno do ano. Será unha sesión na que predominen os temas económicos, xa que na orde do día figuran a aprobación dos orzamentos para o 2011,  do propio Concello, e da Fundación Deportiva Municipal. Os tres partidos con representación na cámara municipal de seguro que non estarán sos nesta convocatoria; os plenos da Arousa adoitan contar coa presenza dun grupo fiel de veciños, que gusta de seguir en directo o debate político.

San Xulián non se mollou

 O 7 de xaneiro é tradición ir de viños

[Susi Rial] Anunciábase un día de chuvias e treboadas, pero finalmente, a mesma climatoloxía honrou ó noso patrón coma se dun arousán máis se tratara, e no momento da procesión, San Xulián puido percorrer as rúas da Illa sen maiores incidencias. No que respecta á troula, tamén puido levarse a cabo sen maiores complicacións, aínda que o día invitaba a permanecer dentro dos bares, máis que no camiño. A excepción daqueles, iso si, que saían á porta a fumar. E iso que os bares foron xenerosos e permisivos cos fumadores ante a nova lei antitabaco. No ámbito masculino, coma sempre, un 10. Por esa elegancia que tanto reparo dá lucir outras veces, e que os homes pasean con tanto orgullo en San Xulián. E no ámbito feminino, outro tanto. Cada vez máis, o día do Patrón é unha festa de exaltación da beleza arousá, sendo máis importante a indumentaria dese día que a da propia noite de Fin de Ano. A festa prolongouse ata altas horas da madrugada, ata que amenceu un novo día e a chuvia regresou. Coa entrada da nova semana, na Illa comézase a pensar nos bos propósitos para o ano novo: comer san, facer deporte, aprender inglés... e moitas outras cousas igualmente aburridas. Pero... que nos quiten o bailado!

7 de xan. de 2011

Lembrando o Patrón de antes

Un bolo de pan de ovos feito na casa

[María García] O recordo que teño das festas do Patrón de antes está envolto nun inequívoco cheiro a pan de ovos, doce típico destas datas na illa. O pan facíase na casa, cada un amasaba o seu, pero logo, o que non tiña forno -forno de leña-, ía cocer á casa dalgún veciño que o tiña. Así, era normal que se xuntaran varias familias para cocer o pan de ovos no forno a noite de Reis.
Eran tres días de festa, os tres ben importantes. Existía o costume de invitar a comer ás amizades de fóra que tiña cada un. O día de San Xulián, mentres as mulleres cociñaban para os da casa e mais os invitados, os homes ataviados coas súas mellores galas, saían a tomar os viños e formaban cantareas nas tabernas. Chegaban tarde para comer, pero chegaban e comíase en familia; mesmo nalgunhas casas tamén había cantarea despois de comer. E pola noite, todos ó baile para honrar ó Patrón.

4 de xan. de 2011

O balance anual do Rexistro Civil

Fonte: elaboración propia a partir dos datos do Rexistro Civil da Illa de Arousa

[Redacción] A Arousa mantén un crecemento de poboación positivo, unha vez pechados os datos do Rexistro Civil correspondentes a 2010. O ano pasado naceron na insua 23 nenas e 20 nenos, o que supuxo un total de 43 novos habitantes, fronte ás 19 defuncións contabilizadas no mesmo período. Aínda así, o número de nacementos foi lixeiramente inferior á media anual dende 1997, situada en 49 nacementos. Por outra banda, o ano pasado casaron na illa 17 parellas, 11 delas optaron polo matrimonio pola Igrexa, e outras seis, polo civil. O número de vodas tamén semella que vai á baixa, posto que a cifra media dos últimos anos é de 24.

As máis comentadas do 2010

[Redacción] Aquí teñen o top ten das entradas máis comentadas o pasado ano. Sen dúbida, a sorpresa no ránking é a información sobre a pérgola, que suscitou un longo fío de debate. Certo é que o titular da información non é necesariamente indicativo dos temas que logo acabaron abordando os comentaristas.

6  As famosas letras dos M.D.A. 35 comentarios
10  Habemus fonte 23 comentarios

3 de xan. de 2011

Os alumnos da Escola de Música celebran un festival

O alumnado da Escola de Música, posando en conxunto ao remate de festival

[Redacción] A Escola Municipal de Música ofreceu o pasado 30 de decembro, no auditorio,  un concerto de Nadal no que o alumnado puido amosar os seus progresos. Polo escenario foron desfilando durante unha hora solistas e grupos, diversos tanto en idades como en instrumentos e en repertorio. O colofón do festival puxérono os pequenos alumnos de "expresión corporal", que arrincaron, co seu baile, o sorriso dun público familiar que agardaba a actuación dos seus.

Nova conserva de mexillón con selo de orixe

Conserva co logo do Mexillón de Galicia, adquirida nunha oferta dun supermercado

[Redacción] Pouco a pouco, vaise ampliando o catálogo de conservas de mexillón que apostan pola denominación de orixe galega. Unha das últimas novidades do mercado é esta terrina de mexillóns cocidos, envasada e comercializada por unha empresa da Arousa, Pescadona. Este produto súmase aos preparados das factorías Cermar e Boiromar, entre outras, que tamén locen o distintivo impulsado polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia.

23 de dec. de 2010

A Arousa acada os 5.000 habitantes


[Redacción] Nin un máis, nin un menos. A Illa de Arousa conta na actualidade cun censo oficial de 5.000 habitantes, de acordo cos datos que acaba de facer públicos o Instituto Nacional de Estadística. Esta cifra supón un incremento da poboación en 18 persoas con respecto ao 2009,  pero non logra a ansiada meta demográfica que lle permitiría ao Concello ascender de categoría, e aumentar así o seu financiamento. Na enquisa que publicamos hai uns días sobre este tema, a maioría das persoas que participaron consideraban a consecución dos 5.000 habitantes un fito relevante.

Faltounos un

[Manuel Suárez Nieto] Despois da lotaría, hoxe o BOE publica o Real Decreto 1612/2010, de 7 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación referidas a 01/01/2010. Xa somos 5.000 veciños. Estes dados, como xa apuntáramos, valen, entre outras cousas, para fixar a participación nos fondos do Estado e tamén para establecer o número de concelleiros que compoñen a corporación municipal. Pero tanto o Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, coma a LO do réxime electoral xeral fixan os distintos tramos ata 5.000, e dende 5.001. Así que o dito, faltounos un para dar o salto. Paréceme que nisto non hai o premio ese das aproximacións.
"Sempre andan dicindo para o ano que vén, e chega outro ano e pasa tamén... Ala Celta".
Bo nadal

22 de dec. de 2010

A agrupación socialista reparte un boletín polas casas

[Redacción] A agrupación socialista da Arousa lanzou o pasado mes de novembro un boletín informativo no que explica algunhas das actuacións máis destacadas do goberno municipal, en concreto, a adquisición das casas de estilo modernista do Campaneiro e Doña Tomasa, e as xestións para a construción do novo centro de saúde. O folleto tamén se dirixe directamente ao Partido Popular, ao que acusa de insultar, provocar e interromper plenos.
A publicación, distribuída mediante buzoneo, enmárcase nun contexto de precampaña electoral. O déficit de comunicación que caracteriza os partidos políticos locais, que carecen de blogs –con contidos actualizados-, publicacións ou calquera outra canle de comunicación regular coa veciñanza, altérase habitualmente ante a chegada das eleccións. As municipais están previstas para maio do 2011 e o alcalde, José Manuel Vázquez, xa comezou a aumentar o número de amigos no facebook.

O folleto propagandístico distribuido polo PSOE 

O Nadal, de novo

 O alumeado de Nadal

[Susi Rial] Como se adoita dicir nestes casos, aínda o outro día estabamos no verán, cando de súpeto nos sorprende o Nadal. E é que estas non son unhas festas como as demais. Quizais porque son longas, porque requiren máis gasto que calquera outra data sinalada, ou porque, dunha maneira inconsciente, nos obriguemos a nós mesmos a aparcar os problemas cotiáns durante estas semanas. Polo que sexa, pero do Nadal ninguén pode escapar.
Durante os últimos anos, apréciase un descenso de xente nos bares as noites de Nadal e de Fin de Ano, pode que debido á situación económica ou mesmamente ó frío. Iso si, nunca falta alguén que diga aquilo tan vello de "Feliciano" coa ilusión da primeira vez. E é que son tantos os días especiais, que xa non sabe un para cal reservarse, posto que se dá na Illa a especial particularidade de que, cando nos arredores van retomando a vida normal, a nós aínda nos queda a maior das festas, a do noso patrón San Xulián.
Nós seguiremos aquí, un ano máis, como fieis observadores da realidade arousá. Pero non esquezan que o que enriquece este lugar son os seus comentarios, críticas, suxestións e demais. Porque, por riba de todo, este é un espazo no que a súa voz pode ser escoitada e onde somos moitos os que estamos desexándoa escoitar. Que pasen unhas felices festas.

15 de dec. de 2010

As novas consignas da bandeira azul

 Bandeira azul na Area da Secada

[Susi Rial] A concesión dunha bandeira azul pretende premiar que se acadan certos criterios -legalidade, seguridade e accesibilidade, entre outros- nos areais, segundo a Asociación de educación ambiental e do consumidor (ADEAC), organismo encargado da concesión e a xestión das bandeiras.  Entre os criterios que se seguen, sempre tiveron unha especial prioridade o da "información e xestión ambiental", pero o certo é que, a nivel usuario, isto non se percibe desa maneira. Normalmente, adoitamos asociar a bandeira azul cunha praia á que os turistas acoden en masa, sen valorar a súa riqueza ecolóxica, máis aló da súa lonxitude e da súa area branca. Quizais por iso, a ADEAC decidiu incorporar novos criterios de valorización, máis acordes co desenvolvemento sustentable. Entre eses novos criterios, destacan a eliminación das duchas, por consideralas un gasto de auga innecesario, e por outra parte, a preservación das algas. Certamente, non deixa de sorprender que este criterio chegase tan tarde. As algas son fogares naturais e fonte de alimento para determinadas especies mariñas, ademais de evitar a erosión. É dicir, tan importante é a flora mariña como a terrestre, polo que actuar en sentido contrario é unha total aberración. Lembremos que na Illa existen dúas praias con bandeira azul, a Area da Secada e O Bao. Estamos convencidos de que estas novas consignas non só non serán un obstáculo para a renovación da concesión, senón que tamén serán todo un revulsivo para os nosos areais. E é que preserva-las algas significa tamén preservar as propias praias.

13 de dec. de 2010

A formación dos mariñeiros de baixura

Mariñeiros facendo cola na lonxa

[Redacción] Os mariñeiros da Arousa levan anos atrapados nun bucle de cursos, que os obriga a volver ás aulas de tanto en tanto para seguir exercendo a súa profesión. O antigo título de “competencia mariñeira” foi substituído polo “carné de mariñeiro-pescador”, pero a maioría dos profesionais puideron convalidar a titulación e eludir así a repetición do curso. Non se libraron, con todo, doutras novas materias obrigatorias, como os cursos de “formación básica”, “operario de radio” ou “sanitario”, por exemplo. A formación continua dos traballadores é unha meta desexable e esixible, aínda que a moitos adultos lles custe prestar atención a un encerado que deixaron de ver a unha idade moi nova. O que non ten sentido é que os contidos da aprendizaxe estean desconectados da realidade, e que se traten temas como o abandono de buque e o comportamento en caso de incendio en barcos de gran tonelaxe, cando estamos ante unha flota de baixura que desenvolve o seu traballo en gamelas e planeadoras, a quince minutos de terra.

10 de dec. de 2010

Descontento coa proxección mediática


[Redacción] Ningunha das enquisas realizadas ata o momento foi tan rotunda coma esta, sobre a representación da Arousa nos medios de comunicación. O 95% dos participantes están descontentos coa imaxe do pobo arousán que reflicten os medios de comunicación. Temporais, sucesos, narcotráfico e campañas marisqueiras adoitan ser os temas recorrentes nos que aparece enmarcada a ínsula, cando é noticia nos grandes medios. As delegacións locais da prensa galega, con sede central en Vilagarcía, adoitan cubrir un rango de temas máis variado e cercano ás necesidades dos veciños, pero aínda así, contemplan a comarca enteira, coa Arousa incluída, dende a lonxanía, como se se tratase da periferia da “Vila”.
Por outra banda, non é raro que moitas das reportaxes referidas á Arousa deixen un pouso de prexuízos, que se moven entre a fascinación antropolóxica, a condescendencia e o descoñecemento. Nalgunha ocasión, xa temos falado aquí da visión mediática (Cen por cen illa; caso Willisch) e, na mesma liña, Ilha de Orjais explica neste artigo os tópicos presentes nas crónicas de comezos do século XX, en certa maneira, algúns aínda vixentes. Os propios habitantes da Arousa temos contribuído á propagación dun imaxinario colectivo encorsetado no "pirata carcamán", por ese gusto tan noso de recrearnos nas nosas diferenzas. Con todo, apréciase certa evolución nos contidos elaborados sobre a Arousa: na rede, o que triunfa son as informacións acompañadas da palabra “paraíso”. Desconfíen, seguro que lles queren vender algo.

A Illa prepárase para vivir sen fume


[Susi Rial] Continuas subas, prohibicións cada vez máis estritas de fumar en lugares públicos... as continuas medidas do goberno relacionadas co tabaco están creando un cerco ó fumador, que cada vez ten que agudizar máis a imaxinación para gozar dun cigarro. O feito de que calquera paquete de tabaco, incluso as marcas clasicamente máis accesibles, acadasen altos prezos, fixo que na Illa cada vez sexa máis habitual que os fumadores se pasen ó tabaco de lear, máis económico, pero tamén con necesidade de accesorios "extra", como filtros, papel e ata un sofisticado aparello que axuda a facer o cigarro de maneira perfecta en apenas uns segundos. A nova lei antitabaco prohibirá fumar en calquera lugar público, incluído bares de tódolos tamaños, a partir do 1 de xaneiro, aínda que estará permitido na noite de fin de ano. Serán as últimas festas de Nadal nas que se fume nos bares. A partir de aí, os cafés, as partidas de cartas e os "cubatas" nos bares e cafeterías, non poderán ser compartidos co pracer dun cigarro. Na Illa, a primeira gran proba chegará o día do Patrón, pero todo indica que haberá que fumar o puro no traxecto dun bar a outro. Por se todo isto fose pouco, o goberno anunciou a semana pasada unha nova suba do tabaco, unha media do 7,3%. As alternativas dos fumadores cada vez son menos. Dende aquí imos propoñer unha que, sen dúbida, non será a máis popular, pero...  por que non deixar de fumar?

6 de dec. de 2010

Canda a lotaría

Nenos á entrada do auditorio


[Manuel Suárez Nieto] Pois si, o Consello de Ministros non para. Estragóuselles a ponte, a eles e a algúns máis. O pasado venres 3 de decembro aprobou o “Real Decreto Lei de actuacións no ámbito fiscal, laboral e liberalizadoras para fomentar de forma inmediata o investimento e a creación de emprego”; máis unha, das xa moitas medidas que non conseguen os obxectivos para o que foron ditadas, baixar o desemprego. Todo a estribor, voga de couso na política económica. Séguese o ronsel das medidas propostas pola doutrina neoliberal, que non deixaron de poñerse en práctica dende finais da era Felipe González, con Pedro Solbes como Ministro de Economía, quen continuou coas mesmas de volta no goberno, aló polo 2004, moi na liña das preocupacións de Rato e do seu temor ao “tsunami regulatorio”. Pero nese Consello de Ministros houbo máis. Tamén se aprobou, coma tódolos anos, a proposta do Ministerio de Economía e Facenda, o RD que declara oficiais as cifras de poboación dos municipios españois a 1 de xaneiro de 2010. 

De cando a roupa se botaba ao clareo

O  río da Abilleira

[María García] Os maiores de 40 anos acordaranse de que non sempre se lavou a roupa na lavadora. Antes de que este bendito aparello entrara nas nosas casas, eran as mulleres as que ían ó río a lavar a roupa; non é que foran a un río a lavar, é que así se lles chamaba ós puntos onde había lavadoiros con pozo. Nos lavadoiros xuntábanse a diario moitas mulleres, así que había que madrugar para coller sitio. As que chegaban máis tarde tiñan que esperar a que algunha madrugadora acabara de lavar. Era o lugar de rexouba por excelencia; as mulleres non ían ás cafeterías, non ían andar, pero no río tamén se fasía “vida social”.

30 de nov. de 2010

Pisos pantasma

Pisos á venda na Avenida da Ponte

[Susi Rial] A aprobación do PXOM na Illa de Arousa, en febreiro de 2002, marca o inicio dun proceso de construción masiva. O ordenamento do urbanismo na Illa daba lugar á posibilidade de edificar e moitos construtores, promotores e inmobiliarias non tardaron en sentirse atraídos polo potencial da nosa Illa. O fenómeno da "burbulla inmobiliaria" tamén tivo lugar aquí, e o seu resultado é un exceso tal de oferta de vivenda, que non pode ser abarcada polo mercado. A consecuente crise económica mundial chegou a finais de 2007, chegando a fin do proceso. Cabe preguntarnos qué ocorrería se este fenómeno durase máis tempo, chegaría a converterse a Illa nunha vila pantasma?. Polo momento, quedounos unha morea de pisos inhabitados, eternamente á venda. Edificios enteiros cheos de frialdade e de eco retumbando. Sen cortinas, sen luces prendidas, sen nada. Poderíase pensar que isto débese á época do ano na que estamos, na que case non hai turistas. Pero o certo é que a cousa pouco cambia no verán. Quizais aparece algún que outro veciño solitario, pero pouco máis. Por si fora pouco, son pisos pensados como segunda vivenda, polo que só dispoñen de unha ou dúas habitacións, polo que non son apropiados para parellas novas ou familias con vistas ó futuro. O futuro destes pisos é incerto, cairán a cachos antes de que alguén entre a vivir neles?

A visibilidade do Igafa, e da FP

O Igafa, visto desde o mar

[Manuel Suárez Nieto] Se facemos unha pescuda no buscador de na illa co termo "Igafa", o primeiro que nos sae é unha entrada do 2008, na que se denuncia a invisibilidade do instituto na rede e a imposibilidade de consultar a oferta formativa e os proxectos de investigación que se estaban a levar a cabo. Afortunadamente, isto mudou. Dende febreiro de 2009, está rexistrado o dominio www.igafa.es. Unha web, ben bonita e entretida por certo, na que se pode atopar toda a información. A Formación Profesional avanzou de xeito importante no sistema educativo español. Aquela FP marxinal e sen recursos pasou á historia, aínda que é frecuente escoitar algúns tertuliáns que non se puxeron ao día reproducir argumentos do pasado. Hai ciclos formativos cun nivel moi alto, do que os alumnos saen con altas capacidades para o desenvolvemento de profesións cualificadas. Sería unha pena que este camiño comezado fai algúns anos e ao que tanto esforzo se ten dedicado comezase a desandarse só pretexto da crise. O movemento demóstrase andando, e a aposta pola educación demóstrase con recursos enriba da mesa. Non é casual que as comunidades con menor gasto en educación (Valencia, Canarias e Baleares), sexan tamén as que maiores índices de fracaso escolar ostentan, e ao revés, a maiores recursos, mellores resultados (Asturias, País Vasco e Navarra).

24 de nov. de 2010

O mantemento do Chufre


[Susi Rial] O Chufre é o centro neurálxico da vida pesqueira da Illa, así como o lugar máis visitado polos turistas nos meses de verán. Aínda con iso, e unha vez máis, a iniciativa de limpar os seus fondos tivo que chegar dende o colectivo das mariscadoras. Grazas á súa boa organización e ó seu compromiso firme por coidar, manter, vixiar e limpar as praias, as mariscadoras aproveitaron as grandes secas para a limpeza do Chufre, mediante quendas de grupos de mulleres nas fins de semana. Entre o lixo retirado, había moito expulsado polo propio mar durante os temporais, por iso non deixaba de sorprender o número de pneumáticos aparecidos procedentes dos barcos, así como cordas, taboleiros de tódolos tamaños e todo tipo de botes e fragmentos de diferentes materiais. No contorno do Chufre e do Naval sempre se foi á seca. Agora, mediante esta limpeza, espérase que aumente a produción marisqueira nestas zonas. A pesar da cantidade de lixo retirado, presúmese que non se chegou nin á metade do que aínda fica nos fondos. Trátase dunha labor infinita, porque cada vez que se produza un temporal será necesario volver a limpar. E é que o mar coñece moi ben o que non precisa.

22 de nov. de 2010

A enquisa do mexillón: nin si, nin non


[Redacción] A 40 céntimos o pequeno; 70 céntimos, o normal, e 85, o grande. Eis o prezo medio aproximado ao que os produtores están a vender o mexillón na actualidade. O prezo do molusco mantense en niveis aceptables e a demanda do mercado responde, logo da vaga de toxina que mantivo pechados a maioría dos polígonos de bateas o pasado mes de setembro. Os mexilloeiros reciben así un pulo, para pechar un ano que destacou pola crise do Consello Regulador do Mexillón, a institución encargada de implantar a denominación de orixe. Por unha banda, a Consellería do Mar recurtou a mínimos históricos o orzamento do Consello, cuxo principal gasto é o mantemento dos axentes controladores do produto nos peiraos; e por outra banda, o Tribunal Superior de Xustiza anulou o regulamento da denominación de orixe, sentenza que foi recorrida polo Consello e que agora mesmo está pendente de resolución. Con estas dúas frontes abertas, o sector encara un ano de incógnitas, sen unha visión unánime sobre o futuro. Na nosa enquisa,  que rexistrou nesta ocasión unha baixa participación, un 50% considera que a situación mellorará no 2011, e outro 50% pensa que non.

21 de nov. de 2010

Garzas urbanas


[Susi Rial] Cada vez é máis habitual ver na beira do mar, nas praias preto das nosas casas, esta maxestosa ave. As garzas viven en bandadas nos cons preto de Carreirón. Pero vese que, de cando en vez, algunha se afasta do grupo, ou se extravía, e quizais animada pola presenza de outras aves como os patos, fica a vivir preto de nós. E iso é o estraño, porque, polo xeral, son animais esquivos que nin sequera gustan das miradas da xente pousadas nelas. Pero aí aparecen, dende o Chufre ata a Salga, cada vez dunha maneira máis frecuente. Adoitan estar dúas especies: a garzota común, máis pequena e de cor branco inmaculado; e a impresionante garza real, de cor agrisada e duns 90 centímetros de lonxitude. A cotío aparecen estáticas sobre un con ou nun peirao, ou cazando algunha presa que xantar, cando hai marea baixa. En calquera caso, semella que estas fermosas aves están descubrindo, ó igual que moita xente, o ben que se vive na Illa de Arousa.

19 de nov. de 2010

Un adianto sobre o 'Entroido na Arousa'


[Redacción] Logo de moito tempo de traballo, Antonio Millán ofrece o sábado ás 19.00 horas un adianto do libro "Entroido na Arousa", que el mesmo está preparando, en colaboración co fotógrafo Miguel Chazo. O acto consistirá nunha pequena presentación dos contidos e mais a proxección de fotografías, antigas e recentes, do Carnaval arousán. Os autores agardan que a obra poida estar lista para a  venda nos vindeiros meses.