Buscar neste blog

2 de abr. de 2011

O Café Moderno

 Tomando o chocolate no Café Moderno, a finais dos sesenta

[María García] Se ben é certo que a apertura dun bar na illa non é unha noticia destacable, non deixa de ser entrañable que o novo Café Moderno leve ese nome en honor da cafetería que antes había nese mesmo sitio.
O Café Moderno foi un bar de renome no seu tempo. Estaba ubicado no primeiro andar, polo tanto, había que subir unhas escaleiras, o que xa lle daba un toque de distinción. Coas súas mesas de mármore branco e forxa, era lugar escollido por moitos homes para xogar a partida; as mulleres ían cos seus maridos os domingos. A antiga cafetería foi escenario de moitas celebracións, pero para recordar costumes xa desaparecidas, cómpre destacar unha: cando se celebraba a Primeira Comuñón, os rapaces eran convidados pola parroquia a chocolate con churros ao saír da misa; nin que dicir ten que era un momento moi esperado polos cativos. Este festexo celebrábase sempre no Café Moderno.

31 de mar. de 2011

A asociación Dorna busca presidente

 Uxío Allo, nunha imaxe tomada de Dorna

[Redacción] A asociación cultural e deportiva Dorna vén de iniciar un proceso para elixir nova directiva a través dunha xunta xestora, tras convocar eleccións e esgotarse o prazo de presentación de candidaturas sen que ninguén concorrese. O presidente saínte, Uxío Allo, considera que o colectivo conta coas persoas e cos medios necesarios para iniciar unha nova etapa, pero “ninguén quere o peso da presidencia”. “A proba é que se apuntaron voluntariamente dez persoas para formar parte da xestora”, explica.
A constitución formal da xestora terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril e a partir de entón, daranse os pasos necesarios para formar unha directiva nun período aproximado de tres meses. Allo ofreceu todo o seu apoio ao novo equipo e cualificou como “unha experiencia única e enriquecedora” a súa etapa de sete anos á fronte da entidade. Aínda que deixa a presidencia, Uxío Allo continuará vinculado activamente a Dorna, coa súa colaboración na Escola de Navegación Tradicional, unha das áreas máis importantes da asociación, xunto coas seccións de baloncesto e de música e danza.

A música achégase aos nenos nos “Sábados musicais”

Un momento do concerto de Nadal ofrecido pola Escola de Música

[Susi Rial] A partir do próximo sábado, 2 de abril, ponse en marcha unha nova iniciativa procedente da Escola de Música da Illa de Arousa. Trátase dos “Sábados musicais”, unha oferta educativa totalmente gratuíta e dirixida a nenos de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades terán lugar na propia Escola (instalacións da antiga escola taller, en Testos), todos os sábados de 10:30 a 12:30. Durante as xornadas, os nenos realizarán diversas actividades, como bailes e xogos, mediante as cales tomarán contacto con diversos instrumentos, coas notas e cos diferentes sons, e poderán determinar a súa capacidade auditiva e, quen sabe, descubrir unha vocación agochada. Todos aqueles interesados poden inscribirse na Escola de Música os martes e os xoves de 16:00 a 20:00 da tarde, e os sábados de 9:00 a 14:00 pola mañá, e de 16:00 a 20:00 pola tarde. Tamén é posible inscribirse o resto dos días na biblioteca municipal.