Publicacións

Mostrando publicacións desta data: novembro 4, 2007

Conversa real

De dorna a dorna, no medio do mar: -E vós de onde sodes? -Da Arousa -Ah, carcamáns, xa se vos ve na cara, que tedes a cor do camarón -E “lo”, de onde sodes vós? -Nós somos caliveras -De Vilanova, xa se vos nota, que tedes a cor das cebolas (para que logo digan que os da Arousa e os de Vilanova non se levan)

O balance turístico

Imaxe
A oficina de turismo das Laxes, que este ano estivo aberta por primeira vez no mes de outubro, pechou a tempada coa visita de 22.000 persoas, a maioría procedentes do País Vasco, Cataluña, Valencia e Madrid, de acordo co balance oficial. Os aspectos da illa máis valorados polos turistas foron a paisaxe, a gastronomía e “a ruta dos cons”. Este itinerario turístico comezou a promocionarse o pasado verán, cun xeitoso folleto que propón unha visita ás pedras e aos cons máis característicos da Arousa. Parece que gustou. Portada do folleto turístico Páxina interior

Tres reloxos públicos

Imaxe
O reloxo da caixa de aforros, visto desde o mar O reloxo da igrexa O reloxo de sol do faro Na illa hai tres reloxos públicos, de distintas épocas, e diferentes entre si. O máis orixinal é o reloxo de sol gravado nun con a carón do faro. O desgaste da pedra non conseguiu borrar as liñas, pero precisa unha restauración. Os outros dous aparellos de medir o tempo son o da igrexa que, segundo fontes orais, “debe de ser de canda a chegada do cura Don Olimpio”, é dicir, dos anos 50; e o da caixa de aforros, que debe ter tantos anos como o edificio no que está, construído entre finais dos setenta e principios dos 80. O reloxo da caixa de aforros pasa desapercibido desde terra -a mellor vista tena desde o mar– pero non así a súa melodía, que fai sonar a cada hora, coas súas correspondentes badaladas, o "Negra sombra".