3 de nov. de 2008

O día de pedir

Castañas e caramelos son o botín máis habitual do "día de pedir"

O pasado domingo, 2 de novembro, os rapaciños da Arousa cumpriron coa antiga tradición de ir pedir polas portas en nome dos defuntos, un costume moi carcamán que conecta co Haloween do mundo anglosaxón.
Grupos de nenos provistos de cadansúa bolsa percorren as casas veciñas na procura de castañas, caramelos ou o que caia. Para seren atendidos, teñen que dicir de corrido, e de un en un, "unha limosniña polos defuntiños que van alá" e calar a boca se resulta máis beneficiado o sobriño de quen os recibe.‘Pero agora imos a de miña tía, eh?". E así toda a mañá.
Unha das adquisicións ineludibles é o boliño de pan. As panaderías da Illa, comprometidas coa tradición, fornean para a ocasión pequenas pezas para regalarlles aos nenos que se acheguen por alí.
Máis importante ca o botín, é o ben que se pasa indo de porta en porta cos amigos, aínda que sempre hai algún vergoñento que non se atreve.