Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta dornas

As partes da dorna

Imaxe
Con este vídeo sobre a dorna, a rapazada da Illa de Arousa gañou o terceiro premio dos Premios 'Dígocho Eu' dirixidos aos centros de ensino. A montaxe pón en valor a riqueza cultural que rodea a esta embarcación tradicional de orixe normanda. Só no campo do léxico, podemos falar de máis dun cento de nomes para designar as distintas partes da dorna (escora, cadeira, banco de popa, drisa, cofiño...). Se non fose importante, non teríamos inventado tantos nomes para identificar ata a máis pequena peza da madeira!

Os trofeos da Volta á Arousa

Imaxe
[Redacción] A entrega de premios é sempre un dos actos máis esperados das regatas de dornas a vela. As tripulacións encóntranse co público que seguiu a proba por mar ou por terra, chega o momento de comentar as manobras da regata, de merendar e, se cadra, de facerse con algún trofeo. Os primeiros clasificados adoitan ser agasallados con pezas de artesanía que reproducen motivos mariñeiros, un ben destinado a lucir nos estantes de todo dorneiro que se prece. Por iso son especialmente valorados os trofeos asinados por algún artista ou artesán. Na última edición da Volta á Arousa , o listón estivo moi alto, grazas á colaboración dun grupo de creadores, que cederon gratuitamente as súas obras. O ceramista Manolo Caamaño Añón , en colaboración cos carpinteiros Fernando e Santiago, achegou as pezas para o primeiro e o cuarto premios. Os debuxos de Saúl Otero foron para os segundos clasificados, e as velas de madeira de Calixto Palacios, para os terceiros. A quinta dorna máis rápida da reg...

A organización dos Encontros de Carril propón unha edición de 'resistencia'

Imaxe
 O cartel dos X Encontros Carril 2011 [Redacción] Do 30 de xuño ao 3 de xullo, vai ter lugar en Carril a décima edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia , a cita bienal de referencia para os colectivos de navegación tradicional. A poucas semanas da celebración, o comité organizador vén de alertar da “grave situación económica” que atravesa, dadas as escasas achegas económicas das empresas patrocinadoras e das administracións. En concreto, a organización destacou a nula colaboración da Deputación de Pontevedra, cando nos Encontros anteriores de Ferrol (2007) e de Muros (2009), a deputación coruñesa destinou aos eventos 60.000 euros. Así as cousas, segundo a Federación Galega pola Cultura Marítima , esta será unha edición de “resistencia”, na que variarán algunhas cousas pero non o esencial: a xuntanza dos barcos e dos seus tripulantes. Certamente, as cifras de participación ata o momento son similares ás doutros anos, xa que está confirmada a asistencia de m...

A asociación Dorna busca presidente

Imaxe
 Uxío Allo, nunha imaxe tomada de Dorna [Redacción] A asociación cultural e deportiva Dorna vén de iniciar un proceso para elixir nova directiva a través dunha xunta xestora, tras convocar eleccións e esgotarse o prazo de presentación de candidaturas sen que ninguén concorrese. O presidente saínte, Uxío Allo, considera que o colectivo conta coas persoas e cos medios necesarios para iniciar unha nova etapa, pero “ninguén quere o peso da presidencia”. “A proba é que se apuntaron voluntariamente dez persoas para formar parte da xestora”, explica. A constitución formal da xestora terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril e a partir de entón, daranse os pasos necesarios para formar unha directiva nun período aproximado de tres meses. Allo ofreceu todo o seu apoio ao novo equipo e cualificou como “unha experiencia única e enriquecedora” a súa etapa de sete anos á fronte da entidade. Aínda que deixa a presidencia, Uxío Allo continuará vinculado activamente a Dorna, coa súa colaboració...

O galeón 'Presioso' prepárase para navegar no verán

Imaxe
O  "Presioso" foi construído en 1944 . Imaxe tomada de Calmoseira [Redacción] A asociación Calmoseira xa está na fase final de restauración do galeón “Adelino Manuel”, tamén chamado “Presioso”, pola elegancia das súas formas. Queda completar a parte mecánica, e logo mercar a vela. Calmoseira prevé presentar o galeón durante a próxima edición dos X Encontros de Embarcacións Tradicionais, que este ano se celebrarán en Carril, do 30 de xuño ao 3 xullo. Polas mesmas datas, tamén agardan saír dos estaleiros os outros dous galeóns que están a ser recuperados por colectivos da Arousa, o Rei do Mar e o Komaira.

Pechada unha irregular tempada de dornas a vela

Imaxe
Unha das embarcacións participantes na Volta á Arousa 2010 [Redacción] As regatas de dornas a vela pecharon este ano a súa tempada máis irregular dos últimos tempos. O vento, os problemas internos dos clubs e as desavinzas entre colectivos de diferentes localidades contribuíron a enrarecer o ambiente. Para comezar, o Trofeo Galicia, a competición máis importante do mundo na súa modalidade, quedou a medio facer.

O patente

Imaxe
 Un mariñeiro dándolle  patente á dorna no Portiño [Información corrixida] Na fala mariñeira, chámaselle "patente" ao recubrimento que se aplica na obra viva das embarcacións, é dicir, na parte que se mergulla no mar, para evitar que se adhiran ao casco parásitos e estercos. Dar patente é un traballo que forma parte do mantemento habitual dun barco, sexa de madeira, poliéster ou ferro, e convén facelo unha vez ao ano.

Un carril bici diante da porta

Imaxe
Imaxe collida de Dorna A Escola de Navegación Tradicional Dorna quéixase a través do seu blog do trazado do novo carril bici, que xusto lles pasa por diante  da caseta na que gardan os aparellos. Por outra banda, o vindeiro sábado iníciase na Arousa a tempada oficial de regatas de dornas a vela, coa celebración do VI Trofeo Fasquía , a primeira proba puntuable para o campionato galego.

Cemiterio de dornas

Imaxe
Dornas deterioradas no Cabodeiro, a comezos de xaneiro Imaxe doutra dorna na mesma praia, tomada hai uns días E un par de gamelas en desuso Ao tempo que medra a consideración social da dorna como embarcación para a práctica deportiva, moitas  dornas de traballo apodrecen nas praias. No Cabodeiro hai unha boa mostra de vellas dornas e gamelas que esmorecen.

A regata do Bao levanta expectación

Imaxe
As dornas, preparadas para a saída Na Regata do Bao, o aparellamento da dorna forma parte da competición Moitas persoas seguiron desde a praia o embarque dos tripulantes nas dornas O pasado 22 de agosto celebrouse na Arousa a Regata do Bao, a última competición do calendario estival de dornas a vela que ten lugar en augas carcamanas. A proba contou coa participación de case 40 embarcacións, entre as que se proclamou vencedora a dorna Bazarra, tripulada por dous veteranos navegantes. A espectacularidade da regata, a única da súa clase con saída desde terra e na que o aparellamento das embarcacións forma parte da competición, congregou a un numeroso público na praia, que non quixo perder o emocionante comezo da regata. As seguintes citas para os dorneiros da ría de Arousa son a Regata do Albariño, que se celebrará o 12 de setembro en Cambados, tras suspenderse a convocatoria inicial debido ao vento, e a Regata do Marisco, prevista para outubro no Grove.

Fetichismo dorneiro

Imaxe
Non hai bar que se precie de mariñeiro que non teña a súa maqueta de dorna ben á vista da clientela. Na Arousa hai varias persoas que se dedican a facer dornas por encargo, a un prezo que ronda os 150 euros, máis ou menos. Trátase de traballos artesanais que reproducen fielmente a embarcación a escala. Quen queira iniciarse nesta arte, pode botar man dos planos do antropólogo sueco Staffan Mörling, grande coñecedor das embarcacións tradicionais galegas.

O vento obriga a interromper a Volta á Arousa

Imaxe
A XXV Volta á Arousa rexistrou unha participación récord de dornas De volta, despois dunha regata ventosa e accidentada A 1ª edición da Volta á Arousa en bici acompañou por terra a regata A Volta á Arousa, a regata coa que se iniciaron a mediados dos 80 as competicións deportivas de dornas a vela, non puido completar o percorrido da edición 2009 debido ao forte vento. A saída produciuse segundo o previsto, no Bao, cunha participación récord de 62 dornas. Pero o forte vento dificultou dende o comezo a navegación; houbo de todo, dornas que foron ao fondo, ou que estiveron a piques, e paus que partiron. Antes de que as primeiras embarcacións chegaran á altura de Carreirón, a organización decidiu suspender a regata. A celebración do 25 aniversario da Volta á Arousa continuou en terra coa merenda de rigor, en merecida recompensa polos traballos pasados. Este ano, por primeira vez, paralelamente á regata celebrouse a Volta á Arousa en bici.

Comeza a tempada de regatas de dornas a vela

Imaxe
O cartel é de Antonio Millán O Trofeo Galicia de Dornas a vela, a competición máis importante na súa modalidade, arrinca o 6 de xuño na Arousa coa celebración de Fasquía , a primeira das catro regatas puntuables para o campionato. Unhas 40 embarcacións da ría participarán nesta quinta edición de Fasquía, con saída e meta no porto do Chufre e 4 millas de percorrido. A seguinte proba do calendario de dornas a vela é a Volta á Arousa, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, e irá acompañada dunha programación especial.

A Lavanqueira e o Comaira, case listos

Imaxe
Á Lavanqueria xa só lle faltan os detalles (imaxe collida do blog de Fasquía). O estaleiro de Manuel Mougán, na praia de Riasón, xa rematou a construción da Lavanqueira , unha dorna de tope encargada pola asociación Fasquía, no marco do proxecto de recuperación de embarcacións Desafío a tope . No blog de Fasquía podedes ver unha completa reportaxe fotográfica dos traballos de carpintería, desde os inicios ata o final, acompañada de explicacións técnicas. Mentres, a poucos quilómetros de distancia, avanza a bo ritmo a restauración do galeón Comaira , no estaleiro de Evaristo de Castrelo. Un grupo de mozos da illa está arranxando este antigo barco de batea, coa intención de dotalo de vela, tal e como lucía orixinariamente.

Regata Calmoseira: permitido bogar

Imaxe
A regata Calmoseira celebra o vindeiro sábado en Cambados a súa segunda edición, cunha novidade importante na organización: pódese bogar. Deste xeito, se o mar queda en calma podre, os navegantes poden botar man dos remos. A iniciativa contribuirá a darlle emoción e espectacularidade á regata de dornas a vela. Boa idea!

Volta á Illa

Imaxe
A Volta á Illa é a regata pioneira das competicións de dornas a vela de Galicia Imaxes tomadas con móbil, o pasado 28 de xuño A regata de dornas a vela máis veterana do calendario, a Volta a Illa, volveu demostrar o seu poder de convocatoria reunindo o pasado sábado a medio cento de embarcacións. Nesta vixésimo cuarta edición, as dornas tomaron a saída con pouco vento, e despois dunha encalmada xeral pola zona do Campelo e o Faro, a navegación axilizouse ao pasar Carreirón. Os cinco primeiros postos estiveron moi disputados ata o final, o que contribuíu a darlle emoción á competición. Finalmente, venceu a Cariñosa. Poden ler unha crónica de primeira man no blog de Fasquía . Por certo, durante a regata tamén se promocionou cun stand a participación de Galicia na festa marítima internacional de Brest.

Caldeirada de peixe na xeiteira

Xa hai tempo que a asociación cultural Dorna pendurou no youtube este vídeo, no que se recrea a antiga costume mariñeira de facer unha caldeirada de peixe a bordo. O narrador, Uxío Allo, interpreta unha canción popular que di así: "quen teña viño, quen teña viño (bis) que me traia un pouquiño, quen non o teña, que vaia rápido a buscar unha botella" E aquí abaixo, temos unha nova versión fílmica da caldeirada, a cargo de Hércules Audiovisual. O narrador do vídeo é o mesmo, pero variou o seu cantar; iso si, sen renunciar á temática de costume ;-) "Bota viño taberneiro, taberneiro bota viño bota viño taberneiro que os da Illa pra cantare temos que beber primeiro" (bis)

As imaxes de Fasquía

Imaxe
Na imaxe, os trofeos que recibiron as cinco primeiras dornas clasificadas O vento puxo nun apuro a máis de un O patrocinio é unha forma cada vez máis estendida de financiar a vela Unha visión da regata, o pasado 7 de xuño A Cariñosa, a Nécora e a Mimela, as tres dornas da Illa, foron as primeiras clasificadas da cuarta edición de Fasquía , a regata que inaugurou a pasada fin de semana o campionato galego de dornas a vela. En total, competiron 26 dornas, algunhas menos das previstas, xa que a delegación meca, por exemplo, non acudiu ao completo. A regata Area Seba, prevista para o 14 de xuño, foi suspendida, segundo informan Amigos da Dorna Meca . Así que a seguinte cita puntuable para o campionato será o 28 de xuño, coa veterana Volta á Illa, que cumpre 24 anos.

Como se constrúe unha dorna de tope

Imaxe
Imaxes collidas do blog de Fasquía A asociación Fasquía está a construír unha dorna de tope e móstranos parte do proceso no seu novo blog , para alegría dos afeccionados á cultura marítima tradicional. A dorna de tope, unha tipoloxía de embarcación que escasea, recibe este nome pola súa técnica de construción. Na dorna común, as táboas van montadas en tingladillo, superpostas unhas a outras, mentres que na dorna de tope, as táboas xúntanse unhas a outras “a tope”. Estaremos pendentes da evolución da "Lavanqueira", que así se vai chamar a embarcación, e do traballo do seu artífice, o carpinteiro Manuel Mougán.

Calendario de dornas a vela

Imaxe
A Xarandeira nunha manobra de cambio de vela, a pasada tempada A Federación Galega pola Cultura Marítima xa deu a coñecer o calendario de actividades deste ano, no que se combina a participación en encontros e eventos lúdico-culturais coas regatas competitivas do Trofeo Galicia. A tempada comeza na Illa, o día das Letras Galegas, cunha regata-pachanga, e a competición tamén se inicia en augas carcamás, o sábado 7 de xuño, coa celebración da IV Regata Fasquía. Ao longo do verán, aínda terán lugar outras dúas regatas de dornas na Arousa, a XXIV Volta á Illa, a máis antiga das que se celebran en Galicia e que supuxo o primeiro pulo a prol da recuperación da vela tradicional, e a Regata do Bao, a única con saída desde terra.