O "Presioso" foi construído en 1944. Imaxe tomada de Calmoseira
[Redacción] A asociación Calmoseira xa está na fase final de restauración do galeón “Adelino Manuel”, tamén chamado “Presioso”, pola elegancia das súas formas. Queda completar a parte mecánica, e logo mercar a vela. Calmoseira prevé presentar o galeón durante a próxima edición dos X Encontros de Embarcacións Tradicionais, que este ano se celebrarán en Carril, do 30 de xuño ao 3 xullo. Polas mesmas datas, tamén agardan saír dos estaleiros os outros dous galeóns que están a ser recuperados por colectivos da Arousa, o Rei do Mar e o Komaira.
O “Adelino Manuel” naceu en 1944 para servir a unha carpintería de Outes, na comarca de Noia. Como a maioría dos barcos da súa clase, pasou por diversos usos na súa longa vida laboral, e tamén por diferentes portos, a medida que ía cambiando de propietarios. Comezou transportando mercadorías na ría de Muros e rematou exercendo de bateeiro na ría de Arousa, a onde xa chegou bautizado coa alcuña de “Presioso”.
Na súa folla de asento, o “Adelino Manuel” ten algún capítulo negro. Segundo explica Felipe Vázquez, presidente de Calmoseira, o galeón sufriu un naufraxio no que morreron dúas persoas. E estivo moito tempo no fondo do mar, antes de ser reflotado.
Logo de varios anos de traballos, Felipe Vázquez estima que o galeón estará listo para os Encontros de Carril, aínda que dubida que para entón poidan contar coa vela. A compra da lona para un barco cunha eslora de 12 metros alcanza os 6.000 euros, un investimento moi forte para os orzamentos dos que dispón o colectivo cultural. “Se non é a vela, é a motor”, di Vázquez.
Nunha situación semellante ao “Presioso”, están o Rei do Mar, que está a ser restaurado pola asociación Dorna, e o Komaira, que xa vai comezar coa fase de pintado do casco. As tres xoias lucirán o seu aspecto orixinal coa chegada do verán. E se non pode ser con propulsión a vela, pois será a motor.
Realmente presioso, noraboa!
ResponderEliminar