Buscar neste blog

26 de out. de 2022

Guerra de tutelos na noite de Defuntos

 


[Helena Domínguez] Ata os anos noventa, era habitual que os rapaces da Arousa organizaran guerras de tutelos na noite de Defuntos. Normalmente, as cuadrillas organizábanse por barrios: os do Monte, os das Laxes, os de Pedraserrada, os das Aceñas... e enfrontábanse todos contra todos, nunha emocionante batalla campal que tiña por escenario o cemiterio e as leiras próximas. 

 O tutelo é un instrumento construído con canela, que se utilizaba a modo de canón para disparar. Introducíase dentro a semente das hedras ou dos loureiros e, ao soprar, saían as boliñas disparadas. Non había que ir moi lonxe para obter a munición, xa que no propio Agro da Torre medraban abundantes arbustos. O impacto dos balotes, por certo, revestía certo perigo e había que ter moito coidado de que a un non lle acadaran nun ollo.

O tutelo de canela rematou sendo substituído por tubos de plástico ou de metal, que se obtiñan de material de refugallo. Neste caso, a munición consistía en “carteruchos”, unha especie de cucuruchos elaborados con papel de revista, capaces de proxectarse a unha distancia considerable.

Os rapaces -era un xogo só de homes- presentábanse no escenario da batalla cun feixe de tiras de papel xa preparadas, colgadas da cintura. A práctica permitíalles elaborar sobre a marcha, con grande axilidade, os carteruchos que precisaban. Para darlle forma ao papel, era preciso enchoupalo ben de cuspe e chegaba un momento en que as gorxas quedaban secas e tocaba buscar auga polos pozos veciños. Toda unha aventura!

Máis de un marchaba para a cama con algunha ferida de guerra. E á mañá seguinte, o camiño do cemiterio amencía ciscado de hedras ou de papeis.