Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta maría garcía

Namorados doutros tempos

Imaxe
[María García] Facendo un pouco de memoria dos costumes e da forma de vida dos nosos antergos, podemos darnos conta da evolución da vida social na Illa, sobor de todo, a das mulleres. Recordemos, por exemplo, as relacións entre noivos de antes. A muller nunca tomaba a iniciativa, e de ningunha maneira entraba na casa do mozo; nin ó revés, el tampouco entraba na casa dela. Os encontros adoitaban ser de noite, no camiño, cerca da casa da moza ou mesmo á porta da casa. “Falan á porta” dicíase. Tendo en conta que os puntos de luz na rúa eran débiles e moi escasos, a cousa non pintaba mal. Cando se formalizaba o que podíamos chamar a petición de man, eran os pais do mozo os que ían á casa da moza a pedila. Entón, dicíase: “xa falan dentro”. Aquí xa podían entrar un na casa do outro, isto xa era para casar de inmediato. En moitas ocasións, o mozo marchaba para navegar e deixaba a moza pedida. Así, ela, na súa ausencia, non saía nin ó baile nin ó cine coas amigas, ata que el regresaba cuns...

O Café Moderno

Imaxe
 Tomando o chocolate no Café Moderno, a finais dos sesenta [María García] Se ben é certo que a apertura dun bar na illa non é unha noticia destacable, non deixa de ser entrañable que o novo Café Moderno leve ese nome en honor da cafetería que antes había nese mesmo sitio. O Café Moderno foi un bar de renome no seu tempo. Estaba ubicado no primeiro andar, polo tanto, había que subir unhas escaleiras, o que xa lle daba un toque de distinción. Coas súas mesas de mármore branco e forxa, era lugar escollido por moitos homes para xogar a partida; as mulleres ían cos seus maridos os domingos. A antiga cafetería foi escenario de moitas celebracións, pero para recordar costumes xa desaparecidas, cómpre destacar unha: cando se celebraba a Primeira Comuñón, os rapaces eran convidados pola parroquia a chocolate con churros ao saír da misa; nin que dicir ten que era un momento moi esperado polos cativos. Este festexo celebrábase sempre no Café Moderno.

Persil, as pioneiras das comparsas femininas

Imaxe
A comparsa de arousás Persil, de visita no Grove, a finais dos anos 60 [María García] Foi a finais dos anos 60 cando se formou a que cremos que foi a primeira comparsa carnavaleira da Illa formada integramente por mulleres. Un grupo de mozas tomou a idea dun anuncio da televisión no que se ofertaba un deterxente para lavar a roupa, no cal se podía ver  un grupo de majorets resaltando a brancura de “Persil”. As mozas trasladaron o anuncio ás rúas da Illa, de Cambados, do Grove e de todas as vilas veciñas que visitaron, enarborando unha pancarta co lema ”La Isla de Arosa se une al desfile del blanco”. Con letra do señor Juan de Albertina, a comparsa Persil alegrou o Entroido e causou gran expectación, porque o traxe era orixinal, as mozas bonitas e, porque non dicilo, as saias subían do xeonllo, cousa que neses anos non se podía ver a calquera hora.

Anécdotas da motora

Imaxe
 A motora que transportaba viaxeiros entre a Arousa e Vilanova [María García] Cando se fala do pasado da Illa de Arousa, nalgún momento ten que saír o tema da motora, pois era o medio de transporte que nos comunicaba co mundo exterior. A motora, ademais das viaxes regulares, facía viaxes especiais, incluso a altas horas da madrugada, para trasladar a un enfermo, a unha muller que ía dar a luz ou ás orquestras que viñan amenizar os bailes. De seguro que todos temos algunha anécdota relacionada coa motora.

Lembrando o Patrón de antes

Imaxe
Un bolo de pan de ovos feito na casa [María García] O recordo que teño das festas do Patrón de antes está envolto nun inequívoco cheiro a pan de ovos, doce típico destas datas na illa. O pan facíase na casa, cada un amasaba o seu, pero logo, o que non tiña forno -forno de leña-, ía cocer á casa dalgún veciño que o tiña. Así, era normal que se xuntaran varias familias para cocer o pan de ovos no forno a noite de Reis. Eran tres días de festa, os tres ben importantes. Existía o costume de invitar a comer ás amizades de fóra que tiña cada un. O día de San Xulián, mentres as mulleres cociñaban para os da casa e mais os invitados, os homes ataviados coas súas mellores galas, saían a tomar os viños e formaban cantareas nas tabernas. Chegaban tarde para comer, pero chegaban e comíase en familia; mesmo nalgunhas casas tamén había cantarea despois de comer. E pola noite, todos ó baile para honrar ó Patrón.

De cando a roupa se botaba ao clareo

Imaxe
O  río da Abilleira [María García] Os maiores de 40 anos acordaranse de que non sempre se lavou a roupa na lavadora. Antes de que este bendito aparello entrara nas nosas casas, eran as mulleres as que ían ó río a lavar a roupa; non é que foran a un río a lavar, é que así se lles chamaba ós puntos onde había lavadoiros con pozo. Nos lavadoiros xuntábanse a diario moitas mulleres, así que había que madrugar para coller sitio. As que chegaban máis tarde tiñan que esperar a que algunha madrugadora acabara de lavar. Era o lugar de rexouba por excelencia; as mulleres non ían ás cafeterías, non ían andar, pero no río tamén se fasía “vida social”.