

Ramón Otero Oubiña, bateeiro da Illa de Arousa, mantén desde o pasado verán un blog denominado Pensamentos contracorrente, no que leva publicados algúns artigos interesantes sobre a situación do sector mexilloeiro. Para o blogueiro arousán, a competitividade, a cohesión e a rendabilidade do sector mexilloeiro están estreitamente vinculadas ás decisións da Consellería de Pesca, e relaciona os vaivéns do sector coa promulgación de leis, normativas e decretos.
O Ministerio de Cultura mantén na rede un interesante portal destinado á difusión do patrimonio histórico documental. Entre os arquivos dixitalizados que se poden consultar, figuran varios sobre a Arousa, como a carta do rei Fernando IV, pola que se lle concede ao mosteiro de San Martiño Pinario o privilexio de cobrar as rendas reais dos habitantes da illa de Arousa, coa condición de que os benedictinos manteñan acendida día e noite unha lámpada que o rei ordenou poñer na catedral compostelá. Do ben que a Igrexa levou as contas nos séculos sucesivos, dan fe os libros das rendas, tamén de acceso libre, nos que figuran por orde alfabética todos os pagadores arousáns, así como a cantidade de trigo, millo e centeo que abonaron.
A través do blog da asociación cultural Dorna, imos coñecendo detalles da rodaxe de Mar libre, un filme ambientado no século XVIII, dirixido polo monfortino Dani de la Torre. Mar libre ten como contexto a chegada dos industriais cataláns á costa galega e narra a historia do capitán Anxo Estrada, fillo dun mariñeiro, que volve á súa aldea natal despois duns anos de ausencia, e decide rebelarse contra as inxustizas provocadas por un desapiadado empresario. A película está sendo gravada en escenarios de Carnota, Redondela, Muros e Sálvora, entre outros, e conta coa participación de extras coñecidos: as embarcacións e os tripulantes da Escola de Navegación de Dorna. Mar Libre está producido por Ficción Producciones en colaboración coa Televisión de Galicia, e probablemente se emita como miniserie.
Se hai uns meses falabamos da placa-monumento de Fraga colocada no paseo marítimo do Cantiño, ben merece atención especial este outro monolito piramidal situado na Franqueira. O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde da Arousa, Manuel Vázquez, non quixeron deixar pasar a oportunidade de incrementar o patrimonio monumental da illa, con esta placa que conmemora a “inauguración oficial” da estrada das Aceñas. Como adoita acontecer, a vía xa existía moito antes do ritual político de inauguración, pero é xusto que as xeracións vindeiras lembren, con nomes e apelidos, quen foron os responsables de dotar a estrada de beirarrúas e sinalización, sen dúbida, unha actuación de envergadura que ficará na memoria popular. É máis, cada nova beirarrúa debería ter o seu correspondente monolito piramidal.
Con todo, as persoas máis castigadas pola falta de perspectivas laborais son as mulleres. Segundo datos oficiais, no 2008, o 4,5% da poboación da Arousa estaba rexistrada nas listaxes do paro. Se observamos os datos por sexos, a cifra sobe ata o 6,7% no caso das mulleres, fronte ao 2,4% dos homes. O perfil do parado máis común na Arousa é unha muller, entre os 25 e os 49 anos.
O festival S.O.S. Komaira é un exemplo de autoxestión
Mentres o galeón Comaira permanece mergullado en Castrelo, os catorce socios do colectivo do mesmo nome levan unha semana de intenso traballo para ter todo a punto para este sábado. Os concertos de grupos amigos, que colaboran desinteresadamente no festival, acompañaranse dunha exposición fotográfica sobre a evolución da restauración da embarcación. E tamén haberá empanada de mexillóns, que se servirá gratuitamente coa entrada (tres euros). O festival S.O.S. Komaira é unha iniciativa independente das institucións, destinada a financiar a recuperación dun antigo barco que ía ser despezado.