28 de feb. de 2008

Quen está detrás

Desde que comezaron as obras dos pisos da punta do Furado, xurdiron entre os veciños todo tipo de rumores e especulacións sobre os promotores, xa que se daba o paradoxo de que esta gran edificación á beira do mar tiraba para adiante con todas as da lei, mentres as casas unifamiliares situadas por detrás, e polo tanto máis lonxe da liña de costa, estaban ameazadas de derribo. A empresa promotora, Residencial Illa de Arousa S.L, foi constituída no ano 2004 e ten a súa sede en Vigo. Está participada por Nova Urbe, o accionista maioritario, e por Promociones Invelux, ambas as dúas compañías, tamén con domicilio social en Vigo. Verán na web que a construtora pretende “distanciarse de las propuestas urbanísticas cuyo norte es exclusivamente la venta” (non sabemos lojo que farán cos pisos).

Arousa a debate


Os blogueiros mecos presentan o Grove como "a vila dos blogs", pero os carcamáns ímoslle á zaga. Aquí temos outro blog destinado a reflexionar sobre a Illa, Arousa a debate, da autoría de Sito Vázquez, ex alcalde de Vilanova -e da Illa, cando estaba integrada neste concello- e profesor xubilado. Na súa presentación, describe as súas prioridades de contidos: "as relacións sociais, a Natureza, o urbanismo, as artes plásticas, e todo tipo de divertimentos que tamén me fagan pensar". Benvida sexa unha nova opinión na rede!

O mellor amigo do mariñeiro

Na proa, vixiante, o can

Mentres o amo prepara os aparellos, o can decide ir a terra


Logo de dar unha volta inspeccionadora, volverá á dorna a nado

Can e amo marchan xuntos, teñen unha xornada de traballo por diante


Ademais de cans abandonados, o faro tamén nos amosa estampas máis amables relacionadas con este animal, que se xuntou ao home hai máis de 2.000 anos. Na Arousa temos cans mariñeiros, que acompañan aos seus amos nas faenas cotiás, e que afeitos a estar xuntos a bordo, xa non poden pasar un sen o outro.

Abandono de cans no faro

Cans no faro, o do medio, abandonado


A xente que frecuenta o faro sabe que este é un lugar habitual de abandono de cans, sobre todo, coa chegada do bo tempo. Os cadelos famélicos de mirada triste xúntanse cos cans dunha propiedade veciña, a ver o que lles cae de comer. Nesta zona tense dado, incluso, un caso de roubo dun animal, perfectamente coidado e querido polos seus amos, que apareceu aos poucos anos no mesmo lugar, esquelético e maltratado. Os responsables do abandono de animais son, probablemente, de fóra, pois calquera can criado na illa non tardaría en presentarse de novo na porta da casa.