30 de maio de 2009

Comeza a tempada de regatas de dornas a vela

O cartel é de Antonio Millán

O Trofeo Galicia de Dornas a vela, a competición máis importante na súa modalidade, arrinca o 6 de xuño na Arousa coa celebración de Fasquía, a primeira das catro regatas puntuables para o campionato. Unhas 40 embarcacións da ría participarán nesta quinta edición de Fasquía, con saída e meta no porto do Chufre e 4 millas de percorrido. A seguinte proba do calendario de dornas a vela é a Volta á Arousa, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, e irá acompañada dunha programación especial.

Dispoñible para a descarga o último número de Dorna

A portada do número de maio foi deseñada por Pedro Díaz Lorenzo


Tardou uns meses máis do previsto, pero á fin está na rúa o último número da revista Dorna, editada pola asociación do mesmo nome. A publicación celebra o seu 30 aniversario con interesantes reportaxes e artigos, como sempre. Especialmente recomendable é o artigo "Montes: usos e desusos" de María Oubiña, xa que aborda un tema do que escasea a información e o debate: a situación dos montes comunais da Arousa.

25 de maio de 2009

Fraseoloxía carcamana



[Redacción. 25/05/09 ] "Fraseoloxía carcamana" naceu co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas carcamanas, unha morea de frases de uso coloquial, difíciles de entender para as persoas alleas á Arousa.

-Andar ao chuchuchú: participar en pequenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan e difunden  rumores ou pequenas conspiracións. Exemplo de uso:  "non te fíes de fulaniña que anda moito ao chuchuchú".

-Aparta laxe que te fendo!: expresión para indicarlle a alguén que ten moita fachenda ou que esaxera as súas capacidades. Obviamente, unha laxe non é tan fácil de fender.


-A xogar a Testos: expresión usada para dicirlle a alguén que deixe de molestar e marche. Fai referencia ao lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol.

De cando o pobo defendeu a xestión colectiva do marisqueo

Cartel no Faro para disuadir os mariscadores furtivos

No verán de 1931, uns veciños da Arousa solicitaron unha concesión administrativa para crear viveiros de marisco na zona de Riazón. A noticia correu de boca en boca: “queren mercar as praias, queren mercar as praias!”. O técnico que chegou á illa para analizar a calidade das augas mariñas foi recibido co repenicar das campás da igrexa e tivo que marchar sen facer o seu traballo, despois de calmar ao pobo que se opuña a tal concesión. Foi a mobilización popular a que impediu que os areais arousáns evolucionasen dun modelo de xestión colectiva do marisqueo a outro baseado en parques de cultivo particulares, coma o caso de Carril. No Entroido do ano seguinte, as comparsas fixeron escarnio da idea dos viveiros:


Homes sabios que queredes*
praias grandes po marisco
Ide a Muros e collede
a que?
a praia de San Francisco

A onde irán os lareiras
que será de todos nós
pois meteranse dentistas
e que?
Irán rastear a mós

Haberá un marqués no Bao
un bizconde da Sapeira
e un conde de Riazón
que máis?
E un duque dos Tarais

Hai miña rula arousana , garrida do corpo xentil
nunca me olvides miña queridiña que morro por ti
Darche quixera rapaza da i’alma todo o meu querer
entre as delicias das túas caricias sequiño morrer (retrouso)


(*Letriña de Entroido recollida oralmente e datada a comezos dos anos 30)