21 de xan. de 2011

A biblioteca do instituto convoca unha xuntanza para crear un club de lectura

 O club de lectura do instituto. Imaxe tomada de Bibliarousa

[Redacción] Gústache ler? Queres descubrir novos autores e comentar as obras con outras persoas? A biblioteca do IES Illa de Arousa quere poñer en marcha un club de lectura para adultos, ao estilo do que xa funciona con éxito entre o alumnado. Os rapaces xúntanse todos os venres nos recreos para comentar lecturas comúns e ver fragmentos de películas. A iniciativa, denominada Bibliarousa, ábrese agora á comunidade arousá baixo o lema Bibliarousa +. O vindeiro martes, 25 de xaneiro, ás 20.00 horas, celebrarase na biblioteca do instituto unha xuntanza para acordar as lecturas e a periodicidade dos encontros. Están convidadas a participar todas as persoas que gocen coa literatura, non é preciso que sexan pais ou nais de alumnos.

18 de xan. de 2011

Case 600 Carcamáns Celestes

 Interior da sede da peña Carcamáns Celestes, nun bar do Campo

[Susi Rial] O Celta de Vigo é un equipo afortunado. Non son moitos os clubs de fútbol que poden dicir que as súas asociacións de seareiros aumentan os seus socios cando baixan a segunda división. Iso é o que ocorre dende sempre nos "Carcamáns Celestes", ata o punto de estaren a piques de chegar ós 600 socios, cifra de vertixe para unha illa de 5.000 habitantes. Lonxe quedan os tempos nos que o Celta mandaba representantes para que pasaran na Illa un puro trámite, poñendo escusas ante a ausencia dos xogadores máis queridos pola afección. Hoxe en día, nas ceas anuais dos Carcamáns é habitual a presenza dos xogadores máis emblemáticos, tanto de hoxe coma de onte. Por outra parte, Balaídos xa non é aquel estadio dos tempos de esplendor do Celta de Mostovoi e Karpin. É obvio que precisa dende unha boa dose de limpeza ata unha importante reforma. Pero a presenza dos Carcamáns nas bancadas dá unha inxección de aire fresco, e iso fai que se teña presente que o fútbol é, ante todo, un espectáculo no que o importante é pasalo ben. Porque para amarga, xa é a vida.

17 de xan. de 2011

A malleira do polbo

A mazar un polbo de sete quilos, no peirao da Abilleira

[Redacción] Que un polbo reciba unha malleira nada máis ser pescado non é cousa de asombro, o raro sería ver un polbo mazando un home. Non queira o Demo que o intelixente octopus se rebele un día e bata as cachas dos homínidos contra os cons e peiraos da Arousa! De consumarse a sedición cefalópoda, poden estar seguros de que a malleira non obedecería a outro propósito que a vinganza por tantos agravios históricos, pois nada se sabe de que a carne de home vire correúda no prato. Masar por masar. A única tranquilidade que nos queda é a superioridade física, aínda que non quixera un servidor caír nos tentáculos do inmenso polbo que ven na imaxe.

O boom inmobiliario non convence

[Redacción] O boom na edificación de bloques de pisos que experimentou a Arousa nos últimos anos semella que non  trouxo grandes beneficios para a vila. Polo menos, así o cren a maioría dos participantes na enquisa que publicamos o pasado mes de decembro, que rexistrou 23 votos durante os sete días que estivo activa. O 78% dos votantes consideraron que a proliferación deste tipo de inmobles non foi positiva. Na enquisa desta semana, interrogámoslles sobre a lingua que utilizan para comunicarse cos nenos pequenos.

O faro, exemplo de feísmo para La Voz

O faro, nunha tarde de verán

[Susi Rial] O xornal La Voz de Galicia, dentro da súa galería de fotos dedicada ás paisaxes máis surrealistas que podemos atopar ó longo da nosa xeografía, incluíu recentemente o faro da Illa de Arousa. Beirarrúas en mal estado, fantásticas paisaxes atravesadas polo tendido eléctrico, cruceiros asoballados por casas de nova construción... son só algúns dos exemplos que conviven co faro, ó que podemos ver na foto número 11 de “novos exemplos de feísmo galego”. O que se denuncia en concreto é o recheo de cemento arredor de todo o faro co único propósito de instalar alí un posto de praia. Algo que o pé de foto non dubida en denominar como un "exemplo sangrante" do feísmo galego.