Buscar neste blog

25 de xan. de 2009

Comezamos o Proxecto talasonimia da Arousa


Nos 36 quilómetros de costa da illa existen moitos lugares con denominación de seu. Os nomes das praias, dos cons, dos caladoiros, das masas marítimas, dos cabos e das zonas rochosas tamén forman parte do patrimonio de todos os arousáns. Foron eles os que, ao longo da historia, foron transmitindo eses nomes de xeración en xeración, como pequenos tesouros orientativos, pistas que resumen o saber popular sobre o lugar. Temos talasónimos referidos á fauna (aguiuncho, niño do corvo), a antigos usos (a salga), ao producto que se obtén deles (a praia do peixe), ás características da paisaxe (Areoso...).

Inspirándonos na recente publicación do libro Talasonimia da Costa Sur de Galicia, do arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira, desde este blog propoñémonos recuperar e clasificar as denominacións que recibe o mar na Illa de Arousa. Partimos dunha listaxe de 55 talasónimos, coa intención de ir ampliando a relación e a información de cada un dos nomes, coa colaboración libre dos internautas.

Cada un dos topónimos tentará incluír os seguintes campos de información: nome do topónimo, etimoloxía da palabra, significado, localización, fotografías e outras curiosidades. Alguén se apunta?

Lixo submarino

Un grupo de buzos limpou voluntariamente os fondos de Punta Cabalo


Algúns dos obxectos que sacaron do fondo do mar
(Imaxes collidas do Club de Mergullo Neptuno)


O club de mergullo Neptuno do Salnés, con sede en Cambados, organizou o pasado mes de agosto unha limpeza do fondo mariño de Punta Cabalo, no norte da illa, co obxectivo de preservar o ecosistema submarino e concienciar sobre a necesidade de manter o mar limpo de residuos. A maioría do lixo extraído correspondía a utensilios usados polos mariñeiros, como son nasas, trasmallos, cordas de batea, baldes e neumáticos. No verán anterior, o grupo de buzos realizou a mesma actividade nos fondos do Areoso, de onde sacaron ata unha televisión.