12 de ago. de 2006

¿Os de sempre?

Imaxe retocada sobre a orixinal de R. Estévez
publicada no Faro de Vigo

Esta mulleriña menuda, de loito de pés a cabeza, co seu bolso de “ghanchete", está acusada de provocar varios incendios en Ponteareas, ao parecer, para facerlles mal a uns veciños cos que non se entendía por un problema de terras. Entre os 40 detidos hai varios anciáns coma esta pobre vella de 72 anos, que probablemente non ten o seu sentido…támén hai algún menor, persoas con deficiencias, ex brigadistas… segundo os expertos, “o perfil de sempre”. Miles de hectáreas calcinadas nunha semana e catro persoas mortas ben merecen unha explicación máis complexa que “os de sempre”.

Hipóteses


Incendio en Rianxo, visto desde a Illa

Os xornais galegos ofrecen todo tipo de hipóteses para tentar dar unha explicación ó que está pasando en Galicia, desde intereses económicos (ligados a madereiras, especuladores, ás propias empresas de extinción de lumes….) ata axustes de contas persoais ou vinganzas de ex brigadas resentidos. Tamén os intereses políticos aparecen citados no posible abano de causas, aínda que máis timidamente pola gravidade do asunto e pola dificultade de demostralo; hai quen apunta a unha operación de desgaste do bipartito, unha teoría que tampouco é nova, pois xa nos gobernos populares se sinalaba á oposición como presunta incendiaria. Sexa como for, o goberno español insiste en que hai unha trama organizada detrás dos lumes que están a devastar Galicia.

Non imos quedar calados!

Benvidos ó foro de opinión da Arousa. Este espazo nace coa intención de opinar e debater libremente sobre as cousas que afectan á illa de Arousa. Quere ser un lugar de denuncia e reflexión, aberto a todas as propostas.
Saimos á rede en agosto de 2006, un mes marcado polos incendios que están a destruir os montes galegos, e que tamén afectaron á Arousa; e marcado polo boom inmobiliario que vive esta pequena vila mariñeira á que, finalmente, tamén chegou a especulación.
¡Non imos quedar calados ante as agresións!

10 de ago. de 2006

Muiño do vento

Praia do Peixe

Carreirón, custodiado

Logo da semana tráxica que estamos vivindo xa ninguén dubida da intencionalidade dos lumes que se están producindo na Arousa. Segundo testemuños da zona, o incendio de Gradín foi precedido dunha explosión. Tal e como están as cousas, a entrada ao parque natural de Carreirón está sendo vixiada por un militar e restrinxíronse os accesos para evitar riscos. Ademais, un grupo de veciños organizou patrullas para custodiar, en diferentes turnos e horarios, o monte.

Terrorismo forestal na Arousa!

Borralla en suspensión

A Arousa está vivindo neste día unha auténtica xornada de terror. Pola mañá cedo, detectouse un foco de lume na zona da Lavanqueira, próxima ao parque natural de Carreirón, que foi extinguido rapidamente coa colaboración dos veciños e os servizos contra incendios.
Á unha da tarde, iniciouse outro incendio de magnitudes considerables na zona de Gradín, que se extendeu por detrás do muíño do vento ata Espiñeiro, aproximándose perigosamente ás casas. Colaboraron varios helicópteros e camións de bombeiros, ademais de miles de arousáns de todas as idades. A este paso, a Illa está quedando sen masa forestal...

8 de ago. de 2006

Estragado un dos curruchos máis bonitos...




O lume chegou ao Con da Grañeira

Os veciños mobilizáronse contra o lume

Os baldes, o día despois

As campás da igrexa tocaron, un coche recorreu as rúas avisando que facían falta baldes e legoñas e os teléfonos móbiles non paraban de soar. A medida que se corría a voz, os veciños foron organizándose para facer fronte ó incendio como puideron. Os primeiros en chegar á zona da Area da Secada e do campo da Bouza tiveron que enfrentarse ó lume con ramas de eucaliptos. Logo o foco trasladouse a Testos, onde se organizou unha gran cadea humana para pasar baldes de auga. Outros cortaron as árbores próximas as casas, ou cavaban a terra para facer corta-fogos, ou desviaban o tráfico... ata os turistas se uniron á rede cidadá contra o lume.

¿Como se orixinou o incendio?

Unha fumarada espesa rodeaba a Arousa

Durante toda a tarde do luns 7 de agosto, o ceo da illa estivo cuberto de fume dos incendios que había activos por toda a ría. As charamuscas chegaban ás portas das casas e o sol tiña un ton alaranxado apocalíptico, parecía un día de tronada.Pola noite, saltou a alarma: había lume na Area da Secada. ¿Pero chegou a través dunha charamusca ou alguén o provocou?

Arde desde Con do Navío ata Testos

Vista do monte de As Penas
O 7 de agosto produciuse na Arousa un incendio, que se orixinou aproximadamente ás once da noite, e que arrasou os pinares desde o Con de Navío, pasando polas Penas, detrás do Santo, A Bouza e Testos.O foco inicial localizouse nas Penas pero propagouse rapidamente coa axuda do vento e o estado do monte, cheo de toxos e silvas de medio metro de altura, a pesares da intervención dos veciños da Arousa e dun par de camións de bombeiros.


As Penas