Buscar neste blog

24 de ago. de 2006

Ladrillo de tempada


Un recente informe de Greenpeace, titulado Destrucción A Toda Costa 2006, alerta dos plans urbanísticos desmedidos que ameazan con desfigurar o litoral galego. Entre os puntos negros sinalados, aparece a Illa de Arousa, onde a edificabilidade aumentou un 200%. Non hai más que botarlle un ollo á cantidade de grúas e de bloques de pisos en construción que hai na vila para quedar asombrado. "E case todos son comprados por xente de fóra", comentan veciños indignados. E que a maioría destes pisos están deseñados para “veraneantes”: 50 metros cadrados útiles a unha media de vintedous millóns das vellas pesetas; un tamaño e prezo que non se axusta nin ás necesidades nin ás posibilidades dunha familia media autóctona.

21 de ago. de 2006

Fotomontaxe do Areoso

Nos veráns é habitual que os mariñeiros da Arousa vaian de vez en cando ao Areoso a comer de praia ou a pasar unha tarde coa familia. Para chegar ao illote usan as embarcacións das que dispoñen para traballar, normalmente barcos de batea (4ª lista) ou planadoiras (3ªlista). Este ano, por primeira vez, a Garda Civil está a impedir o acceso á pequena illa de dunas, poñendo multas ás embarcacións de pesca. Ao parecer, as autoridades competentes queren controlar o tráfico nesta fermosa zona, incluida na rede Natura. Sen embargo, si se permite a chegada á illa de embarcacións de recreo matriculadas na 6ª e 7ª lista (pesca recreativa e actividades turístico deportivas). Así, mentres que os mariñeiros son expulsados do Areoso, si se permite disfrutar do illote aos turistas dos iates. É como se che din que, para reducir o tráfico nas estradas, só podes ir en Mercedes.