Máis placas de inauguracións
Placa no cruzamento da Franqueira e a estrada das Aceñas Se hai uns meses falabamos da placa-monumento de Fraga colocada no paseo marítimo do Cantiño, ben merece atención especial este outro monolito piramidal situado na Franqueira. O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde da Arousa, Manuel Vázquez, non quixeron deixar pasar a oportunidade de incrementar o patrimonio monumental da illa, con esta placa que conmemora a “inauguración oficial” da estrada das Aceñas. Como adoita acontecer, a vía xa existía moito antes do ritual político de inauguración, pero é xusto que as xeracións vindeiras lembren, con nomes e apelidos, quen foron os responsables de dotar a estrada de beirarrúas e sinalización, sen dúbida, unha actuación de envergadura que ficará na memoria popular. É máis, cada nova beirarrúa debería ter o seu correspondente monolito piramidal.