Buscar neste blog

13 de set. de 2016

E á dereita, o continente

Os antigos sinais que orientaban os condutores sobre a ruta de saída da illa cunha frecha que sinalaba o “continente” foron no seu día obxecto de moita brincadeira, tanto entre as xentes locais coma as de fóra. A bifurcación, que distingue entre a Arousa e o resto da masa continental europea, ten a súa graza, ao deixar en terra de ninguén a pequena illa, unha condición que, por outra banda, casa moi ben co sentimento romántico da poboación insular de estar a vivir nun lugar á parte, no que rexen as leis ‘daquela maneira’. Durante anos foron estes os únicos sinais de indicación para abandonar ou entrar na illa, mais co paso do tempo engadíronse outros carteis máis modernos e precisos. O caso é que os antigos sinais continúan erguidos aínda que nun estado de abandono e deterioro. Preguntámonos se valería a pena restauralos e rescatalos para o noso patrimonio urbano, do mesmo xeito que algunhas cidades deciden conservar carteis, rótulos e outros grafismos singulares que adquiriron un especial significado social ou estético.

Estado dos antigos carteis que sinalan a dirección do continente 

10 de set. de 2016

O blog que nunca morreu


Hai cinco anos anunciabamos con gran pesar o cese da actividade deste blog. Mais o certo é que a bitácora resistiuse a morrer e aínda que deixamos de actualizar as entradas e pechamos a posibilidade de engadir comentarios, o arquivo de contidos continuou a recibir visitas diarias e a espertar un grande interese.