Buscar neste blog

10 de set. de 2016

O blog que nunca morreu


Hai cinco anos anunciabamos con gran pesar o cese da actividade deste blog. Mais o certo é que a bitácora resistiuse a morrer e aínda que deixamos de actualizar as entradas e pechamos a posibilidade de engadir comentarios, o arquivo de contidos continuou a recibir visitas diarias e a espertar un grande interese.

Ao pouco de pechar, a xente de Pandulleiros pedíanos permiso para retomar o noso inventario de alcumes e seguir completando a listaxe e a explicación de cada un dos alcuños da Arousa. Aceptamos con grande gusto, pois tratábase dunha iniciativa que non nos pertencía en exclusiva, xa que fora desenvolvida de xeito colectivo pola comunidade de lectores de na illa e merecía ter continuidade. Os alcumes tamén chamaron á atención do equipo do programa da TVG “De quen ves sendo”, que contactou con nós e dedicou no 2014 un espazo aos sobrenomes da Illa e do Grove.

Logo, sorprendíanos a chamada dunha investigadora do Instituto da Lingua Galega, que nos pediu autorización para incorporar as palabras do Dicionario de Ausencias á base de datos Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués. Deste xeito, entre todos os que formamos no seu día a comunidade deste blog logramos que fosen recollidos oficialmente moitos vocábulos galegos que estaban ausentes nas fontes lexicográficas escritas.

 Sabemos que os contidos de na illa tamén foron usados por mestres e mestras nas aulas e que serviron de inspiración para proxectos de diversa natureza. Sen ir máis lonxe, este verán sorprendeunos atopar no auditorio unha exposición artística que incluía tres prezas denominadas “dicionario de ausencias”, “fraseoloxía carcamana” e “talasonimia da Arousa”, títulos sacados das seccións deste blog. Mágoa que a autora non tivera o detalle de citar a fonte orixinaria de inspiración, pero aquí estamos nós para reclamar a autoría!

Finalmente, observamos con orgullo que non só os contidos mantiveron o seu valor co paso dos anos, senón tamén a identidade gráfica de na illa, que mantén a frescura e contemporaneidade, un aspecto meritorio tendo en conta a fugacidade e caducidade das tendencias de deseño na web. E isto debémosllo ao bo facer do artista Luis Berroy, que creou todas as imaxes e os gráficos orixinais presentes no blog.

Significa toda esta explicación que retomamos a actividade de na illa? En certa maneira, si. Pero non será nin coa dedicación nin coa frecuencia de antano. Publicaremos novos artigos cando nos apeteza, cando teñamos algo interesante que contar, cando nos pareza que a situación así o require. E mentres, convidámosvos a que vos mergulledes nas entrañas do blog, a retomar vellos fíos de comentarios nos que aínda queda moito por dicir ou a botarlle unha ollada ao que imos publicando no facebook e no twitter.

1 comentario:

  1. Ola, só quería comentar que tanto a autora como os organizadores da exposición "Dúas illas" si que citamos as fontes con links de tinyurl, na páxina web, no catálogo e tamén nas fichas de cada peza na exposición física. Por exemplo: https://www.iessanclemente.net/plurilinguismo/galeria-virtual-duas-illas-docentes

    Pido desculpas por non termos sido máis explícitos e parabéns polo voso traballo!

    Apertas,
    Marcos Vence.

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.