Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta idiosincrasia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta idiosincrasia. Amosar todas as publicacións

26 de out. de 2022

Guerra de tutelos na noite de Defuntos

 


[Helena Domínguez] Ata os anos noventa, era habitual que os rapaces da Arousa organizaran guerras de tutelos na noite de Defuntos. Normalmente, as cuadrillas organizábanse por barrios: os do Monte, os das Laxes, os de Pedraserrada, os das Aceñas... e enfrontábanse todos contra todos, nunha emocionante batalla campal que tiña por escenario o cemiterio e as leiras próximas. 

 O tutelo é un instrumento construído con canela, que se utilizaba a modo de canón para disparar. Introducíase dentro a semente das hedras ou dos loureiros e, ao soprar, saían as boliñas disparadas. Non había que ir moi lonxe para obter a munición, xa que no propio Agro da Torre medraban abundantes arbustos. O impacto dos balotes, por certo, revestía certo perigo e había que ter moito coidado de que a un non lle acadaran nun ollo.

O tutelo de canela rematou sendo substituído por tubos de plástico ou de metal, que se obtiñan de material de refugallo. Neste caso, a munición consistía en “carteruchos”, unha especie de cucuruchos elaborados con papel de revista, capaces de proxectarse a unha distancia considerable.

Os rapaces -era un xogo só de homes- presentábanse no escenario da batalla cun feixe de tiras de papel xa preparadas, colgadas da cintura. A práctica permitíalles elaborar sobre a marcha, con grande axilidade, os carteruchos que precisaban. Para darlle forma ao papel, era preciso enchoupalo ben de cuspe e chegaba un momento en que as gorxas quedaban secas e tocaba buscar auga polos pozos veciños. Toda unha aventura!

Máis de un marchaba para a cama con algunha ferida de guerra. E á mañá seguinte, o camiño do cemiterio amencía ciscado de hedras ou de papeis.

13 de set. de 2016

E á dereita, o continente

Os antigos sinais que orientaban os condutores sobre a ruta de saída da illa cunha frecha que sinalaba o “continente” foron no seu día obxecto de moita brincadeira, tanto entre as xentes locais coma as de fóra. A bifurcación, que distingue entre a Arousa e o resto da masa continental europea, ten a súa graza, ao deixar en terra de ninguén a pequena illa, unha condición que, por outra banda, casa moi ben co sentimento romántico da poboación insular de estar a vivir nun lugar á parte, no que rexen as leis ‘daquela maneira’. Durante anos foron estes os únicos sinais de indicación para abandonar ou entrar na illa, mais co paso do tempo engadíronse outros carteis máis modernos e precisos. O caso é que os antigos sinais continúan erguidos aínda que nun estado de abandono e deterioro. Preguntámonos se valería a pena restauralos e rescatalos para o noso patrimonio urbano, do mesmo xeito que algunhas cidades deciden conservar carteis, rótulos e outros grafismos singulares que adquiriron un especial significado social ou estético.

Estado dos antigos carteis que sinalan a dirección do continente 

25 de feb. de 2011

A teima de Vilanova coas luces da ponte

Imaxe da ponte ás escuras, tomada hai unhas semanas

[Susi Rial] A mediados de febreiro, comezaba a funcionar o alumeado da ponte na súa totalidade, logo das longas obras de reforma. Era este un momento moi agardado por todos, posto que os farois estaban colocados dende finais do verán. Pero antes de ver unha ponte totalmente alumeada, vimos, unha vez máis, como os farois da metade de Vilanova permanecían apagados. A situación foi criticada incluso por Jeanne Picard, representante de Stop Accidentes en Galicia, porque a escuridade da ponte comprometía seriamente a seguridade dos seus usuarios. O Concello vilanovés fixo responsable do apagamento á empresa construtora, pero esta asegurou ter deixado todo preparado para que se acendera o alumeado. E a Compañía de Electrificación aínda foi máis contundente, ó declarar que só era necesario premer un botón. A imaxe da ponte ás escuras é unha estampa coñecida na Illa. Hai agora unha década, Vilanova xa deixou de acender o alumeado da metade da ponte que lle corresponde por territorialidade, o que deu lugar á mobilización veciñal. Ducias de veciños acudían ó Bao con candís para reclamar a luz da ponte todos os venres pola noite. Pode que desta vez as presións foran maiores e de máis contundencia, e finalmente Vilanova volveu acender as luces. En todo caso, só nos queda alegrarnos pola entrada en razón do Concello de Vilanova, e desexamos que sexa esta unha actitude que dure para sempre.

11 de feb. de 2011

A Illa, no armario

Os resultados da última enquisa

[Susi Rial] Coa chegada da ponte, hai agora 25 anos, a sociedade da Illa sufriu un evidente cambio de mentalidade. Ós arousáns gústanos viaxar e alá onde imos deixamos unha morea de amigos. Da mesma maneira, encántanos recibir visitas e coñecer xente de países exóticos, sen que as diferentes culturas ou os idiomas sexan un impedimento para facer novas amizades. Resumindo, pouco queda daquel pobo pechado que detestaba calquera cousa que viñera de fóra. Mais debemos recoñecer que nalgúns aspectos, a Illa regresa á súa faceta primitiva. E un destes aspectos é o que ten que ver coa homosexualidade. Porque se non, non se entende por qué non vemos parellas do mesmo sexo polas rúas da Arousa collidos da man, ou porque os homosexuais deciden facer a súa vida fóra da Illa. Por qué a estas alturas aínda non se celebrou na Illa a primeira voda homosexual? Este artigo non pretende sacar a ninguén do armario, faltaría máis. A quen queremos sacar do armario é á propia Illa, como sociedade que, sen querelo ou querendo, estalle a dar as costas a algo que forma parte dela.

29 de out. de 2010

A luz dos mortos

O cemiterio vello

[Redacción] Gústalle ao pobo arousán que os seus mortos, coma os vivos, teñan luz que os alumee na noite, aínda que sexa só unha vez ao ano. Así, cada un de novembro, o cemiterio énchese de bombillas e créase arredor do camposanto un resplandor que convida á visita nocturna. Este ano, porén, o sistema de iluminación será diferente. O cableado do cemiterio vello non reúne as condicións de seguridade axeitadas, segundo informou a Compañía de Electrificación, que se encarga da instalación. E o cemiterio novo aínda funciona con “luz de obra”. A empresa eléctrica propúxolles aos veciños a contratación dunha nova rede de alumeado, pero ante a falta de acordo económico –cada abonado debería pagar 30 euros pola instalación, máis outros cinco de cota mensual–, cadaquén poñeralles luz aos seus defuntos ao seu xeito. Velas, lanternas e leds servirán para prender a chama do recordo, en ausencia das bombillas. E nas fiestras dalgunhas casas, seguindo unha vella tradición, na noite de Defuntos aboiará nun vaso de aceite unha “bolboreta” –un pequeno disco de cartón cunha mecha– acendida por cada unha das almas que xa van alá.

18 de xuño de 2010

Todos os nomes

A Consulta-O Cortixo

[Susi Rial] Adoita pasar na Illa que os donos non lles elixen os nomes ás cousas, senón que son os nomes os que os escollen. Ou, mellor dito, a xente. Aí está o caso do Cortixo. Quixo a casualidade que o seu local fose durante moitos anos a consulta do médico. E de aí, o bocadillo de pinchos sempre se foi buscar á Consulta e nunca máis ó Cortixo. Ou o caso do Saratoga. É un dos bares máis antigos da Illa e o seu polbo é moi apreciado entre os nosos visitantes. Pero os seus incondicionais sempre che proporán ir tomar unha chiquita ó Bar Suso. Mención especial merecen os bares atendidos por mulleres. Neses casos, os alcumes preferidos son os nomes de dúos musicais femininos, ó estilo de "As Ghrecas" ou "Asúcar Moreno". Por que ocorre isto? Quen sabe! Quizais é debido á nosa memoria colectiva, que nós mesmos asumimos como a maior das sabedorías. Por iso, cando a unha persoa de certa idade lle digas, "vou ata o Moucho", pode que che mire como se lle falaras en inglés. Mellor dille "vou á de Juanito Viñas". E o mesmo se vas ó Baka. Colle o atallo e dille "vou á do Capricho". E isto non ocorre só cos bares. Aí temos, por exemplo, o caso do Xufre; obviamos por completo o intento de "normativización" imposto e nunca puxemos en dúbida esa "ch". Por iso, cando alguén vén de fóra e pronuncia a forma que cre correcta, non podemos evitar miralo con certa dor, do mal que nos sona. Por non falar do Santo. Porque non é un santo. Trátase do Corazón de Xesús, é dicir, de Xesucristo. Polo tanto, deberíase chamar "O Cristo". Pero non. Nunca será O Cristo. O Santo é o Santo.

10 de mar. de 2010

Un ano do proxecto talasonimia

¿Cal é o Con das Camas, o que está en seco ou o de máis atrás?



Hai un ano iniciábamos o Proxecto Talasonimia para tratar de inventariar e recuperar os nomes dos cons, das praias, dos caladoiros e de todos os accidentes marítimos da Illa de Arousa. Logo viría o Dicionario de Ausencias, para recuperar as palabras patrimoniais. O espazo recibiu tal cantidade de propostas, que derivou na creación de outro diferente, dedicado á Fraseoloxía carcamana, é dicir, a todas aquelas expresións coloquiais que, se un non mantén relación coa Arousa, non entende. Finalmente, a proposta dos lectores, creouse o espazo de Alcumes, para recoller os apodos de tradición familiar. Con motivo do aniversario, animámosvos a darlle un novo impulso ao Proxecto Talasonimia, que conta na actualidade con 77 entradas e 32 comentarios. A última incorporación foi o “Con das camas”. Xa dirán os expertos cal deles é, dos dous que aparecen na foto.

3 de nov. de 2009

O samaín máis arousán

De porta en porta, á procura do botín

Grupo de rapaces e rapazas pedindo, onte á mañá

Un ano máis, os rapaces da Arousa cumpriron coa tradición de ir pedir polas portas "unha limosniña polos defuntiños que van alá".

19 de out. de 2009

Enxeños carcamáns


Certamente, transportar o balde de ameixas pendurado do guiador da bici non resulta cómodo, e ademais, pode ser perigoso para a estabilidade do vehículo. A propietaria da bici, unha sequeira, instalou no "gardabarros" traseiro un enxeño metálico á medida do balde.

7 de xul. de 2009

Inventario de alcumes

Inauguramos un novo espazo de participación, destinado a compilar os sobrenomes que reciben en herdanza familiar as xentes da Arousa, gústelles ou non. Quedan descartados, polo tanto, os alcumes particulares de persoas -moi abundantes na illa, por certo- que non se transmiten de xeración en xeración. Poden deixar as súas propostas en Alcumes da Arousa.

4 de xuño de 2009

A ruta dos faladoiros

Marquesiña de fabricación artesanal na Abilleira

O paseo que vai dunha punta da Abilleira a outra vai camiño de converterse nunha ruta dos faladoiros. Primeira parada: ao comezo da Abilleira pequena, no curruncho entre onde remata a fila de casas e a praia, pavimentado recentemente. Os xubilados asiduos ao lugar instalaron alí algún banco e cadeira. Parada intermedia: os bancos de embaixo o perelluqueiro. E terceira parada, onda o pequeno peirao da Abilleira, contra as Laxes do pan. Neste último posto, os veciños sofisticaron as instalacións, xa que cambiaron o banco baixo a figueira por unha auténtica marquesiña fabricada artesanalmente con materiais de reciclaxe. Cada un dos tres postos ten os seus fieis, que buscan sombra e compaña para botar o conto á beira do mar .

3 de nov. de 2008

O día de pedir

Castañas e caramelos son o botín máis habitual do "día de pedir"
 
Grupo de rapaces e rapazas pedindo 
 
Cada 2 de novembro, a rapazada da Arousa cumpre coa antiga tradición de ir pedir polas portas en nome dos defuntos, un costume moi carcamán que conecta coa celebración do Halloween do mundo anglosaxón (aínda que a nosa é unha tradución xenuína). 
Grupos de nenos e nenas provistos de cadansúa bolsa percorren as casas veciñas na procura de castañas, caramelos ou o que caia. Para seren atendidos, teñen que dicir de corrido, e de un en un: "unha limosniña polos defuntiños que van alá", e calar a boca se resulta máis beneficiado o sobriño de quen os recibe á porta. ‘Pero agora imos a de miña tía, eh?". E así toda a mañá. 
Unha das adquisicións ineludibles é o boliño de pan. As panaderías da Illa, comprometidas coa tradición, fornean para a ocasión pequenas pezas para regalarlles aos nenos que se acheguen por alí. 
Máis importante ca o botín, é o ben que se pasa andando coas amizades toda a mañá polos camiños, aínda que sempre hai algún vergoñento que non se atreve.

30 de set. de 2008

Morriña da Arousa

Imaxe da illa publicada na revista Céltiga, en 1927


Nos anos 20, unha veciña da Arousa, Antonia Dios, escribiu na revista Céltiga de Bos Aires, un emotivo artigo no que expresaba a morriña que sentía pola súa vila natal. "Como me acosa o seu recordo querido!". Con emoción e saudade, Antonia explica como é a illa que deixou con trinta anos, e sobre todo, o carácter das súas xentes, "sinxelas e sinceras, en eterno contacto coa natureza". Pregúntase a autora se algún día volverá a ver a illa... Oxalá que o seu desexo se cumprira.

3 de xul. de 2008

O libro das festas


Xa corre de man en man o "libro das festas", o folleto que edita anualmente a comisión das festas do Carme para dar a coñecer a programación. A reprodución de fotografías antigas, cedidas polos veciños, é un dos principais reclamos desta publicación. Á xente gústalle recoñecer e recoñecerse nestas imaxes, que mostran escenas cotiás de tempos pasados e amigos e familiares que xa non están, ou que cambiaron moito.

3 de xuño de 2008

Arte efémera para celebrar 40 anos xuntos


A pasada fin de semana, 18 parellas da Arousa celebraron os 40 anos de casados cunha cerimonia festiva e relixiosa, denominada localmente “Sacramento”. É típico neste día decorar as rúas con alfombras de flores e sal de cores, como fan noutras vilas para festexar o Corpus. A imaxe mostra a alfombra colectiva do Campo, financiada entre todos os matrimonios, aínda que tamén houbo outra particular na avenida Castelao, as dúas ben fermosas.
Para o ano que vén, cumpren 40 anos xuntos outras 24 parellas, pero non todas se sumarán á celebración oficial, xa que entre misa, coro, traxes, banquete e arranxos florais, o gasto dispárase case como nunha voda.

20 de maio de 2008

Terra de doantes


A xenerosidade do pobo da illa á hora de doar sangue está recoñecida publicamente cun monolito situado no paseo marítimo do Chufre. Son moitos os veciños que acoden á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia cando esta visita periodicamente territorio insular, así que a illa rexistra todos os anos as maiores taxas de doazón de Galicia . No ano 2007, quedou en segundo lugar, con 114 doazóns por cada mil habitantes.

8 de maio de 2008

O aire dos mortos

[Helena Domínguez] Ata hai ben pouco, nada máis rematar un enterro, xa había quen facía unha pequena fogueira de loureiros diante do cemiterio para afumarse e evitar así que algún meniño co que tivese contacto collera o “aire do morto”. Aínda quedan persoas que se afuman, sobre todo os máis vellos, pero en xeral, a poboación da illa desprendeuse deste ritual de fondas raíces.

Na cosmovisión para a morte propia da sociedade tradicional galega, considerábase que os mortos podían deixar “aires” enfermizos –hoxe diriamos virus-, que se metían nos meniños, facendo que estes murcharan e quedaran cativos sen aparente explicación médica. Era entón cando se recorría á curandeira experta en sacar o aire e poñíase en marcha o tratamento.
Aínda que resulte difícil de crer, era costume poñer o neno nunha pa e introducilo e sacalo do forno do panadeiro varias veces, de xeito rápido, sen que lle fixera ningún mal ao enfermo. A cerimonia completábase coa aplicación dun remedio de herbas, só coñecidas pola curandeira. O lume, primeiro para afumarse de xeito preventivo, e logo para sacar o aire, adquiría aquí todas as propiedades máxicas e purificadoras. que lle atribúe a antropoloxía galega. Sobra dicir que o único potencial terapéutico de todo isto, era actuar a nivel sicolóxico sobre uns pais preocupados (ou non?).

O artista arousán Antón Millán gañou no 2003 o primeiro premio do Certame de Videocreación da Universidade de Vigo, cunha curtametraxe sobre este tema, que nunca foi estreada oficialmente.

27 de abr. de 2008

Furanchos

Unha cunca de tinto de furancho, do que deixa os dentes negros


Os furanchos ou loureiros tradicionais xurdiron na comarca do Salnés para darlle saída ao excedente de viño dos produtores. Deste xeito, habilitáronse en garaxes, alpendres e baixos de casas particulares, bares improvisados nos que se podía beber á noitiña, nun ambiente familiar e por un prezo moi económico, Albariño ou tinto Barrantes, acompañado dunha tortilla de ovos da casa, uns pementiños de padrón ou unha tapa de zorza. Hoxe existe unha ampla rede de furanchos nas aldeas de Vilanova, Ribadumia e Cambados, cunha clientela fiel que apreza a calidade do viño e certas liberdades, como a de cantar. Non abren todo o ano, nin son fáciles de atopar, moitos nin sequera teñen un distintivo na porta, pero o boca a boca deulle sona aos furanchos máis farturentos. Os hostaleiros da zona téñense queixado en repetidas ocasións da “competencia desleal” destes establecementos, que non pagan impostos, pero ata o momento, os intentos de regular a situación dos furanchos non prosperaron.

4 de abr. de 2008

Educación intercultural: A Illa e Senegal


“A Illa é un pobo que ten unha íntima relación co mar ao igual que Senegal. Senegal chámase o país da Teranga, a hospitalidade. Os habitantes da Illa son de tradición solidaria e cooperan entre eles, valores que se manteñen pola ausencia de comunicación directa co continente ata hai só 22 anos, en que se construíu a ponte”.

Este extracto pertence ao proxecto educativo Kasumai, que establece pontes, a través da rede e do coñecemento mutuo, entre os rapaces arousáns e senegaleses. A idea naceu a proposta do profesorado do IES A Illa, que percibiu no alumnado unha actitude xeral de rexeitamento cara ás persoas de fóra. “Pareceunos moi importante poder estender esa solidariedade interna cara o exterior, tomando como referencia un país presente nos medios de comunicación pola chegada masiva de inmigrantes ás nosas costas”, explican na web. Un bo proxecto de educación intercultural, que tamén ten o seu blog.

22 de xan. de 2008

Unha partida de cartas




A partida de cartas á tarde é unha cita inexcusable para moitos xubilados. Cada un ten o seu bar, a súa hora e os seus compañeiros de sempre, unha rutina que levanta paixóns.