31 de dec. de 2008

Na lonxa

A lonxa da illa rexistrou un gran movemento o martes 30

As principais capturas corresponden a ameixa san e babosa


Colas á entrada da lonxa, ás dúas da tarde


A crise económica tamén deixou sentir os seus efectos nas economías mariñeiras. A campaña de marisqueo do Nadal, a máis importante do ano, estivo marcada pola caída dos prezos. Mentres que no 2007 a ameixa alcanzaba a súa máxima cotización xa na primeira semana de decembro, neste final de ano houbo que esperar ás vésperas de Noiteboa e Noitevella para lograr as mellores vendas. Aínda así, a ameixa san vendeuse a un máximo de 70 euros o quilo, fronte aos 100 euros que chegaron a acadarse no 2007. Noutras especies, a situación non foi mellor. A centola, por exemplo non chegou aos 40 euros, cando noutras campañas se tiña vendido a 55 € o quilo.

Unha xornada de marisqueo

Mulleres á seca na Canteira, o pasado día 30 de decembro

Algunhas sequeiras usan unha especie de "horquilla" para extraer a ameixa


Coa legoña, o apeiro tradicional de marisqueo a pé

Duascentas embarcacións participaron na última xornada de marisqueo do 2008


Rañeiros no Bao

Rañeiros e sequeiras coincidiron o pasado 30 de decembro na zona do Bao, na última xornada de marisqueo do 2008. As mulleres a pé, na Canteira, e os homes a flote, a ambos os dous lados da ponte, traballaron durante a mañá con chuvia e frío para apañar a taxa de ameixa, nunha campaña marcada pola caída de prezos.

23 de dec. de 2008

A memoria do mar

Mulleres no Naval, coa ameixa á cabeza

Imaxes collidas do álbum A memoria do Mar

Un equipo do Museo do Mar de Galicia percorreu hai uns meses 25 portos galegos, entre eles o da Illa, na procura de fotografías mariñeiras. Tralo traballo de recollida e dixitalización das imaxes, xa se pode consultar na rede o resultado, agrupado baixo o título xenérico “A Memoria do mar”. Verán que hai case unha vintena de imaxes cotiás da Arousa.

10 de dec. de 2008

Colectores soterrados

Colectores soterrados no Charco

Colectores no Campo

Os do Charco foron os últimos colectores para depositar lixo, papel e plástico que o concello soterrou. No Campo, xa hai tempo que se substituíron os vellos depósitos de plástico polos tanques subterráneos, que evitan cheiros e problemas de insalubridade. O malo é para os gatos de rúa, que quedan sen o seu almacén de comida favorito.

2 de dec. de 2008

Tempo de cogumelos

A Estrela de terra bota un chorro de polvo de esporas negras ao apretala


Unha macrolepiota nova, ou quizais un coprinus


Aquí temos unha pequena mostra das especies de cogumelos que podemos atopar na illa. Hai contabilizadas máis de 50 especies diferentes.

24 de nov. de 2008

Grandes obras en marcha


As obras de construción da glorieta, na entrada da ponte

A construción da rotonda na entrada da ponte é só unha mostra das grandes obras que están en marcha na illa. A nova glorieta, financiada por Política Territorial, facilitará o cambio de sentido dos vehículos, en dirección á praia do Bao.
As actuacións desta Consellaría non quedan aquí. Recentemente comezaron as obras de ampliación do porto do Chufre, cun prazo de 18 meses de execución e 3,5 millóns de euros de investimento. O proxecto inclúe a creación dunha terceira rampla para a descarga do mexillón e dun porto deportivo cunha capacidade inicial de 70 amarres para esloras entre 8 e 10 metros.
Por outra banda, o proxecto da nova estrada que unirá a ponte co Chufre, pasando pola Sapeira, Cabodeiro e Aguiuncho, segue o seu curso legal, logo de adaptarse aos requerimentos de Costas e lograr o acordo dos veciños afectados polas expropiacións.

19 de nov. de 2008

As rendicións de Pladimega


Pladimega rompe, case antes de botar a andar. Primeiro foi a capitulación ante as fábricas. As conserveiras que traballan co sector mexilloeiro reciben o 8% dos seus pedidos gratis, en virtude dun abusivo privilexio adquirido, que ten a súa orixe na posición dominante das fábricas nas negociacións cos produtores. Pladimega non foi quen de eliminar este privilexio. Pero o seu maior fracaso coñeceuse onte, ao anunciar a baixada do prezo do mexillón para a súa comercialización en fresco, logo de ter fixado un prezo mínimo de 65 céntimos. Así as cousas, moitos dos produtores de mexillón senten que os sacrificios dos últimos meses, folgas, piquetes e mobilizacións, non serviron de nada. Os acordos que permitiron a creación da plataforma única de distribución ameazan con disolverse e, desde as bases, comeza a cuestionarse a capacidade dos actuais dirixentes de Pladimega para liderar o proxecto.

18 de nov. de 2008

Que foi das avestruces do faro?

Imaxe das avestruces do faro, collida da rede


Ata comezos deste ano, existía no faro unha explotación dedicada á cría de porcos bravos e á produción de ovos de avestruz. As dúas repoludas avestruces que pastaban libres na granxa eran a gran atracción da zona, sobre todo entre os máis pequenos. Afeitas a recibir chucharías da xente, achegábanse confianzudas ao valado cada vez que había visita. Co peche da explotación, desapareceron tamén as únicas grandes aves que había en territorio insular.

30 anos da revista Dorna

Exemplares da primeira etapa de Dorna, entre 1978 e 1982

A revista Dorna conmemora no próximo número, en decembro, o seu 30 aniversario. O boletín foi fundado aló polo 1978 por un grupo de mozos progresistas, que quería impulsar a creación dunha asociación cultural na illa.

O equipo de redacción lanzou 14 números entre 1978 e 1982. Aquelas primeiras páxinas reflicten as preocupacións dos arousáns no tempo da transición e sorprende comprobar a vixencia na actualidade de moitos dos pensamentos da época (a preocupación medioambiental, o desequilibrio entre homes e mulleres no reparto das tarefas do fogar, a excesiva importancia das aparencias, a necesidade de dignificar a nosa variante dialectal do galego, os problemas de comercialización do mexillón...).

A asociación Dorna fíxose realidade e aínda hoxe goza do apoio popular, mais a publicación da revista interrompeuse, polo menos, na illa. A iniciativa editorial tivo continuidade de xeito independente e con outros obxectivos na Universidade de Santiago, coa edición da revista Dorna de expresión poética. Habería que agardar ata o ano 2005, para que o colectivo cultural Dorna da Illa de Arousa decidise retomar a publicación. O novo equipo editor leva lanzados nesta nova etapa nove números.

No blog de Sito Vázquez, un dos fundadores da publicación, explícanse máis detalles sobre o nacemento da asociación cultural.

3 de nov. de 2008

O día de pedir

Castañas e caramelos son o botín máis habitual do "día de pedir"

O pasado domingo, 2 de novembro, os rapaciños da Arousa cumpriron coa antiga tradición de ir pedir polas portas en nome dos defuntos, un costume moi carcamán que conecta co Haloween do mundo anglosaxón.
Grupos de nenos provistos de cadansúa bolsa percorren as casas veciñas na procura de castañas, caramelos ou o que caia. Para seren atendidos, teñen que dicir de corrido, e de un en un, "unha limosniña polos defuntiños que van alá" e calar a boca se resulta máis beneficiado o sobriño de quen os recibe.‘Pero agora imos a de miña tía, eh?". E así toda a mañá.
Unha das adquisicións ineludibles é o boliño de pan. As panaderías da Illa, comprometidas coa tradición, fornean para a ocasión pequenas pezas para regalarlles aos nenos que se acheguen por alí.
Máis importante ca o botín, é o ben que se pasa indo de porta en porta cos amigos, aínda que sempre hai algún vergoñento que non se atreve.

28 de out. de 2008

Ven á vila

Á esquerda, Sabela Otero, unha das arousás que participa no concurso

O Canal Rías Baixas estrea este mércores 29 ás once e cuarto da noite o concurso televisivo “Ven á vila”, un programa destinado a promocionar o comercio vilagarcián no que participan dúas rapazas da Arousa, Sabela Otero e Gema Salgado. Un total de 12 parellas compiten contrarreloxo por localizar determinados artigos nas tendas de Vilgarcía e levalos de volta ao plató instalado na Praza de Galicia. En xogo hai un vale desconto, unha estancia nun hotel ou unha cea. Tras as cámaras, traballa na produción e na dirección de arte o arousán Antonio Millán.

20 de out. de 2008

Máis facilidades para a reciclaxe

O punto limpo


O punto limpo da illa, de titularidade municipal, xa está en pleno funcionamento en horario de mañá, os xoves e os sábados. Nestas instalacións, ubicadas preto do muíño do vento, poden deixarse obxectos voluminosos como mobles, colchóns e electrodomésticos, así como aceites, pinturas, pilas, restos vexetais e entullos de pequenas obras, entre outros materiais. Trátase do primeiro centro da illa de recollida de residuos especiais, aqueles que pola súa natureza non son obxecto de recollida diaria. Este novo servizo debería poñer fin aos vertedoiros incontrolados nos montes e nas praias.

Polbo á illa


Unha das receitas con máis sona da tradición culinaria carcamana é o polbo “á illa”, que consiste en acompañar o cefalópodo con patacas cocidas na auga onde previamente se cociñou o polbo. Esta técnica proporciónalles ás patacas unha cor rosada e un sabor característico. A caldeirada complétase cun rustrido de cebola e pemento doce.
As augas da illa foron noutros tempos moi abondosas en polbos, non é de estrañar que os seus habitantes desenvolvesen un xeito propio de cociñalo.

17 de out. de 2008

Novo miradoiro

A plataforma de madeira, vista desde o Igafa

O novo miradoiro ofrece unhas magníficas vistas á ría


O miradoiro da Bouza está situada no noroeste da illa


O monte da Bouza conta cun novo miradoiro, unha plataforma de madeira elevada sobre cons, que ofrece unhas fermosas vistas á ría, especialmente ao solpor. A zona foi acondicionada, ademais, coa plantación de carballos e a instalación de mesas e bancos ao longo do camiño que conduce ao miradoiro. Velaquí unha instalación respectuosa co medio.

7 de out. de 2008

O club de piragüismo xa ten blog


O Club de Piragüismo da Illa, no Bao (imaxe collida do blog do club)

O Club de Piragüismo da Illa de Arousa vén de estrear un blog no que nos ofrece información actualizada das súas actividades. Os palistas carcamáns pecharon a tempada cunha destacable segunda posición na Copa Xunta de Galicia de Piragüismo, a liga galega, e con outros éxitos deportivos que detallan na súa bitácora. O blog complementa á web oficial, que leva moito tempo parada.

30 de set. de 2008

Morriña da Arousa

Imaxe da illa publicada na revista Céltiga, en 1927


Nos anos 20, unha veciña da Arousa, Antonia Dios, escribiu na revista Céltiga de Bos Aires, un emotivo artigo no que expresaba a morriña que sentía pola súa vila natal. "Como me acosa o seu recordo querido!". Con emoción e saudade, Antonia explica como é a illa que deixou con trinta anos, e sobre todo, o carácter das súas xentes, "sinxelas e sinceras, en eterno contacto coa natureza". Pregúntase a autora se algún día volverá a ver a illa... Oxalá que o seu desexo se cumprira.

O concello queda sen web

No mes de setembro do 2007 asistimos ao lanzamento da web oficial do concello, con fotografías e contidos que pouco tiñan que ver coa realidade da illa. Logo duns retoques insuficientes, o sitio mantívose na rede sen actualizacións e novidades destacables, ata que deixou de estar operativo a comezos do verán de 2008. Agora, finalmente, o dominio http://www.concellodailladearousa.com/ xa non conduce a ningunha parte.

22 de set. de 2008

Lavadoiros

Lavadoiro do Río

Lavadoiro de Palmeira

O persoal do obradoiro Nordés anda a traballar na rehabilitación do lavadoiro público das Laxes, que foi derruído por completo para elevalo ao nivel da Avenida da Ponte. A construción da estrada deixara este humilde lavadoiro de tellado de uralita agochado e esquecido. Agora semella que vai correr mellor sorte e que lucirá con materiais máis nobres.
Na illa hai outros dous lavadoiros máis, o de Palmeira, que é quizais o que mellor se conserva e continúa a manter a fonte natural de auga. E o do Río, un curruncho con moito encanto que foi estragado hai uns anos cunha desafortunada reforma, que soterrou con cemento o rego do pilón polo que fluía a auga.

Novos vídeos no youtube



A empresa promotora do centro comercial "Isla de Arosa Center", colgou na rede unha chea de vídeos da illa, como parte da promoción da venda de apartamentos e locais comerciais. A praia do Bao, os xardíns do Concello, a Area da Secada e o parque natural de Carreirón son algúns dos espazos que dá a coñecer, para espertar o interese dos inversores. O vídeo máis rechamante é o de “proyectos en la isla de Arosa”, confeccionado con retallos da cinta propagandística que o PSOE local distribuíu na campaña electoral das pasadas eleccións municipais.

18 de set. de 2008

Veciños das Laxes solidarízanse cunha conveciña en cadeira de rodas

Os veciños das Laxes reclamaron no Concello que se asfaltase o camiño de servidume

Veciños e propietarios do terreo enfrontáronse ante as cámaras de "España Directo"


A veciña en cadeira de rodas sae da casa, unha vez que lle arranxan o camiño


Un grupo de veciños das Laxes reivindicou hoxe no concello, e ante as cámaras do programa televisivo España Directo, que se asfaltase o acceso á casa dunha veciña, que está en cadeira de rodas. Aínda que as autoridades municipais intentaron atender esta solicitude anteriormente, trátase dun camiño de servidume cuxos propietarios se opoñían ás obras. Finalmente, a presión cidadá e a atención mediática desencadearon o inmediato acondicionamento do terreo, ante o aplauso dos veciños e a ira dos propietarios.

Tanto no conflito da fonte do Charco como agora no conflito do camiño das Laxes, púxose de manifesto a solidez das redes de solidariedade veciñal na illa. A falta de asociacións de veciños, ás persoas que queren facer valer as súas reivindicacións non lles queda outra que chamar de porta en porta e organizar un acto de protesta colectiva no concello. Trátase dunha canle de participación informal, pero eficaz.

Unha casota arbórea

Casota no Lagartiño

Na illa chámaselles “casotas” aos refuxios que constrúen os rapaciños, xeralmente no monte, camuflados entre árbores e silvas, con pretensión de lugar secreto de reunión e de xogos. Esta que ven na imaxe, no Lagartiño, non é unha casota ao uso, pola sofisticación da construción, enriba dun piñeiro, e o visible que é desde o camiño.

16 de set. de 2008

As protestas dos bateeiros radicalízanse

Ao fondo, os antidisturbios, que cargaron sen miramentos contra os bateeiros

Os piquetes tentaron impedir o paso dos camións que transportaban mexillón

Numerosas persoas da illa achegáronse ata Vilanova, para apoiar os manifestantes

As accións dos piquetes radicalizáronse


Despois de sete semanas de mobilizacións, negociacións, piquetes, manifestos e folgas, o sector mexilloeiro acusa o desgaste. Sen vender e sen lograr un acordo de consenso que una a todo o sector, os bateeiros amosaron hoxe no porto de Vilanova a súa desesperación. Centos de produtores afíns a Pladimega concentráronse desde primeiras horas da mañá no peirao vilanovés para impedir que Virxe do Rosario vendese mexillón aos cocedeiros, burlando a folga. Os piquetes, que trataron de frear o transporte da mercadoría, foron contestados cun contundente dispositivo de antidisturbios. Os enfrontamentos entre ambos os dous bandos sucedéronse durante todo o día e recibiron amplo eco mediático. Á tardiña, os directivos das diferentes asociacións que integran a central reuníanse de urxencia en Vilagarcía, á procura dunha saída ao conflito.

A competencia entre as diversas agrupacións de mexilloeiros desplomou no último ano o prezo do molusco ata mínimos que chegaron aos 20 céntimos o quilo, unha tarifa insostible para un pequeno produtor. O descenso das vendas, debido á masiva entrada de mexillón foráneo, e o incremento do prezo do gasóleo, sementaron o resto das condicións para que o sector entrara en crise.

Neste contexto, unha representación maioritaria dos sector decidiu crear unha plataforma unitaria de comercialización do mexillón, “Pladimega”, para fortalecer o conxunto dos produtores, cun reparto equitativo das vendas por batea e uns prezos fixos. Pero non a todas as agrupacións lles pareceu boa a idea.

Os actores do conflito mexilloeiro

Concentración de bateeiros, este mediodía no porto de Vilanova

PLADIMEGA. (Plataforma de distribución de mexillón de Galicia). Central de compras de nova creación que pretende implantar un sistema de vendas unitario para a comercialización do mexillón en Galicia, cun reparto xusto e equitativo por batea. Está constituída por diversas asociacións de mexilloeiros, que representan ao 80% do sector, con 2.300 bateas das máis de 3.000 existentes.
Tras frustrados intentos, Pladimega non conseguiu integrar a tres colectivos, Cons do Udra, Virxe do Rosario e Federación Arousa Norte. Cada un esgrime os seus motivos para non sumarse á central, aínda que fontes do sector sinalan tamén outra motivación: vender por baixo dos prezos que fixe Pladimega para acaparar mercado.

CONS DO UDRA. Colectivo de bateeiros da ría de Vigo no que conflúen latifundistas e minifundistas. A metade das bateas asociadas pertencen a moitos pequenos propietarios, mentres que a outra metade concéntrase nas mans duns poucos socios. Estes últimos son os que levan a voz de mando. O principal directivo é Amador Mallo, quen mantivo en vilo ao sector mexilloeiro, ao anunciar a integración de Cons do Udra en Pladimega, para logo recuar.
Particularidades: Cons de Udra conta cun mexillón de calidade, con moi boa saída no mercado; por outra banda, a ría de Vigo adoita estar pechada por toxina con máis frecuencia que noutros polígonos.
Motivos para non sumarse a Pladimega: un propietario con setenta bateas pódese permitir rebaixar o prezo do mexillón, porque o gran volume de facturación asegúralle, igualmente, beneficios. De todas maneiras, Cons do Udra non está interesado nunha venda centralizada que lle obrigue a esperar a quenda, xa que sempre é o primeiro en vender.

VIRXE DO ROSARIO. Asociación con sede en Vilaxoán, que agrupa a unhas 50 bateas da ría de Arousa O seu dirixente é Javier Blanco, "JB", coñecido no sector pola súa inclinación a facer declaracións incendiarias á prensa.
Particularidades: Virxe do Rosario estase a converter nunha das caras máis visibles do conflito, feito que comeza a desagradar a algún dos socios.
Motivos para non sumarse a Pladimega: Virxe do Rosario defende que as descargas para “provisión propia” (as agrupacións que contan con depuradora propia autoabastécense de mexillón) contabilicen no cupo adxudicado a cada agrupación, para evitar que unhas vendan máis ca outras.

FEDERACIÓN AROUSA NORTE. Agrupación de bateeiros con sede en Boiro, liderada por Manuel Franco. O reparto dos pedidos entre os socios non se fai por orde de listaxe. Cada socio negocia individualmente nos cocedeiros a saída do seu mexillón.
Particularidades: Arousa Norte vende molusco “en bloque”, en grandes cantidades e a granel, con prezos á baixa.
Motivos para non sumarse a Pladimega: rexeitan o plantexamento de Pladimega sobre unha única roda de reparto dos pedidos e defenden a comercialización do mexillón baseándose en tres calidades diferentes.

15 de set. de 2008

A Lavanqueira e o Comaira, case listos

Á Lavanqueria xa só lle faltan os detalles (imaxe collida do blog de Fasquía).

O estaleiro de Manuel Mougán, na praia de Riasón, xa rematou a construción da Lavanqueira, unha dorna de tope encargada pola asociación Fasquía, no marco do proxecto de recuperación de embarcacións Desafío a tope. No blog de Fasquía podedes ver unha completa reportaxe fotográfica dos traballos de carpintería, desde os inicios ata o final, acompañada de explicacións técnicas.

Mentres, a poucos quilómetros de distancia, avanza a bo ritmo a restauración do galeón Comaira, no estaleiro de Evaristo de Castrelo. Un grupo de mozos da illa está arranxando este antigo barco de batea, coa intención de dotalo de vela, tal e como lucía orixinariamente.

Un foro da illa

Resultado das animadas e interesantes conversas que manteñen, a través dos comentarios, os visitantes deste blog, xurdiu a idea de crear un foro para debater sobre os asuntos que afectan á illa. Seguiremos con interese este novo foro de debate.

12 de set. de 2008

O Igafa, invisible na rede

Imaxe collida da web dun alumno do curso de mergullo

O Instituto Galego de Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca, non conta cunha web oficial na que consultar a súa oferta formativa e os seus proxectos de investigación. Neste centro, o único que imparte Formación Profesional na illa, pódense estudar dous ciclos de grao medio (mergullo a media profundidade e operacións de cultivo acuícola) e un de grao superior (produción acuícola). Ademais, o IGAFA organiza e participa noutro tipo de actividades marítimo-pesqueiras, desde cursos de competencia mariñeira ata proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Non estaría mal que tivera un pouco máis de presenza na rede, como lle corresponde a un centro do seu nivel.

Os coidados do Chopo

O Chopo, comendo no Chufre

Para que vexan que o Chopo, aínda que vello e coxo, segue vivo e atendido. O noso amigo pasa os días entre o Regueiro e o Chufre, buscando a quentura do sol.

8 de set. de 2008

Creada a denominación de orixe Mexillón de Galicia


O pasado 4 de setembro publicouse no D.O.G.A. o regulamento da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, onde se describen as características morfolóxicas, fisiolóxicas e xenéticas que distinguen o bivalvo, as prácticas de cultivo e a etiquetaxe. Este regulamento protexerá contra a utilización comercial, directa ou indirecta, da denominación de orixe galega de xeito fraudulento. A entidade encargada de xestionar e controlar o uso do distintivo é o Consello Regulador Mexillón de Galicia.

30 de ago. de 2008

O que dou de si o verán

Festa dos produtos do mar no Chufre

Unha vez máis, tivemos festas gastronómicas no Chufre todas as fins de semana de agosto, tentando aos visitantes con mariscadas a prezos populares. A animación turística do porto tamén beneficiou aos bares, que exhibiron terrazas cheas da mañá á noite e algúns recibiron á mesa, discretamente e sen barullos, a destacadas personalidades, desde o medallista olímpico vilagarcián Antón Paz ata o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.



O edificio multiusos, fronte á Casa do Concello
A mediados de xullo, Louzán inaugurou a nova estrada das Aceñas, financiada pola Deputación . E a finais de agosto, o Concello contou con Touriño para a estrea oficial do edificio “multiusos”, proxectado polo arquitecto Manuel Gallego, ao igual que a Casa do Concello. As obras do museo da conserva continúan.


Ao raño, no Areoso

Iscando as nasas no pantalán do Chufre
Os bateeiros botaron todo o verán facendo concentracións, piquetes e reunións. Os que van á navalla están á espera de que Pesca lles autorice o mergullo con bombonas de osíxeno. Ata o momento, traballan a pulmón. As sequeiras organizaron, como de costume, quendas diarias de vixilancia das praias para controlar o furtivismo dos turistas. Os da ameixa rastrearon no Areoso e andan descontentos co prezo das vendas. Naseiros esta tempada houbo moitos, así que a nécora e o camarón tocaron a menos.

O Areoso sen xente, unha mañá de diario

As praias da Arousa teñen cada vez máis xente, de xeito que foi habitual que se formaran caravanas ás oito da tarde á saída da ponte. A auga estivo máis quente ca outros anos, animando aos bañistas a pasar máis tempo no mar. O illote Areoso, a única colonia carcamana, vai perdendo area das dunas, e consolídase como lugar de fondeo de iates na fin de semana. Os chiringos apuran os últimos días de traballo.

Os pisos de nova construción amosan os carteis de “se vende”. As rúas están cheas de meniños que dan proba da boa evolución da natalidade. A falta de comercio, xurden novos bares. O quilo de xoubiñas cotízase a 10 euros. E de vez en cando, aparecen pola ría fardos de fariña aboiando no mar.

28 de ago. de 2008

Andoriñas

Na esquina entre o "Provi" e o Benalúa, hai varios niños

Unha cría de andoriña nun niño de todos os veráns, situado
nunha casa preto da zapatería de Ventura


Un niño abandonado, xa en desuso, na "cantina"

Tres crías espabiladas, en Entrecortiñas



Remata a época de cría e as andoriñas comezan a abandonar os niños. Aínda se ve algún pequeno rezagado á espera de que os pais lle traían comida á gorida segura do niño, pero a maioría das crías xa se aventuran a voar de cable en cable. Este verán, as andoriñas foron fieis aos seus niños de costume nas casas do centro urbano da illa. Están a gusto ampliando a familia no medio dos veciños, e que sexa así por moito tempo.