
PLADIMEGA. (Plataforma de distribución de mexillón de Galicia). Central de compras de nova creación que pretende implantar un sistema de vendas unitario para a comercialización do mexillón en Galicia, cun reparto xusto e equitativo por batea. Está constituída por diversas asociacións de mexilloeiros, que representan ao 80% do sector, con 2.300 bateas das máis de 3.000 existentes.
Tras frustrados intentos, Pladimega non conseguiu integrar a tres colectivos, Cons do Udra, Virxe do Rosario e Federación Arousa Norte. Cada un esgrime os seus motivos para non sumarse á central, aínda que fontes do sector sinalan tamén outra motivación: vender por baixo dos prezos que fixe Pladimega para acaparar mercado.
CONS DO UDRA. Colectivo de bateeiros da ría de Vigo no que conflúen latifundistas e minifundistas. A metade das bateas asociadas pertencen a moitos pequenos propietarios, mentres que a outra metade concéntrase nas mans duns poucos socios. Estes últimos son os que levan a voz de mando. O principal directivo é Amador Mallo, quen mantivo en vilo ao sector mexilloeiro, ao anunciar a integración de Cons do Udra en Pladimega, para logo recuar.
Particularidades: Cons de Udra conta cun mexillón de calidade, con moi boa saída no mercado; por outra banda, a ría de Vigo adoita estar pechada por toxina con máis frecuencia que noutros polígonos.
Motivos para non sumarse a Pladimega: un propietario con setenta bateas pódese permitir rebaixar o prezo do mexillón, porque o gran volume de facturación asegúralle, igualmente, beneficios. De todas maneiras, Cons do Udra non está interesado nunha venda centralizada que lle obrigue a esperar a quenda, xa que sempre é o primeiro en vender.
VIRXE DO ROSARIO. Asociación con sede en Vilaxoán, que agrupa a unhas 50 bateas da ría de Arousa O seu dirixente é Javier Blanco, "JB", coñecido no sector pola súa inclinación a facer declaracións incendiarias á prensa.
Particularidades: Virxe do Rosario estase a converter nunha das caras máis visibles do conflito, feito que comeza a desagradar a algún dos socios.
Motivos para non sumarse a Pladimega: Virxe do Rosario defende que as descargas para “provisión propia” (as agrupacións que contan con depuradora propia autoabastécense de mexillón) contabilicen no cupo adxudicado a cada agrupación, para evitar que unhas vendan máis ca outras.
FEDERACIÓN AROUSA NORTE. Agrupación de bateeiros con sede en Boiro, liderada por Manuel Franco. O reparto dos pedidos entre os socios non se fai por orde de listaxe. Cada socio negocia individualmente nos cocedeiros a saída do seu mexillón.
Particularidades: Arousa Norte vende molusco “en bloque”, en grandes cantidades e a granel, con prezos á baixa.
Motivos para non sumarse a Pladimega: rexeitan o plantexamento de Pladimega sobre unha única roda de reparto dos pedidos e defenden a comercialización do mexillón baseándose en tres calidades diferentes.
Os motivos nos teñen. Queren regalar o seu mexillon e nada mais. Teñen dirixentes que son comerciais, viven sin poñelas botas e a roupa de augas, e se hai a central de ventas acabaselle o negocio. Interesalle o xerente de Cons de Udra, Arousa norte ou a Jb unha central de ventas. O deles e conseguir clientes e roubarlle unha parte os seus asociados, e desgraciadamente hai xente que cree nas sus infamias, difamacions e mentiras continuadas. Pladimega non sera un camiño de rosas, e moitos dos seus dirixentes non son validos, pero do mal o menos. A idea polo menos e a menos mala sen lugar a dubida. Ou paramos esto ou olvidemonos de vivir dignamente deste negocio. Un saudo e sorte.
ResponderEliminar