Unha vez máis, tivemos festas gastronómicas no Chufre todas as fins de semana de agosto, tentando aos visitantes con mariscadas a prezos populares. A animación turística do porto tamén beneficiou aos bares, que exhibiron terrazas cheas da mañá á noite e algúns recibiron á mesa, discretamente e sen barullos, a destacadas personalidades, desde o medallista olímpico vilagarcián Antón Paz ata o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
O edificio multiusos, fronte á Casa do Concello
A mediados de xullo, Louzán inaugurou a nova estrada das Aceñas, financiada pola Deputación . E a finais de agosto, o Concello contou con Touriño para a estrea oficial do edificio “multiusos”, proxectado polo arquitecto Manuel Gallego, ao igual que a Casa do Concello. As obras do museo da conserva continúan.
Ao raño, no Areoso
Iscando as nasas no pantalán do Chufre
Os bateeiros botaron todo o verán facendo concentracións, piquetes e reunións. Os que van á navalla están á espera de que Pesca lles autorice o mergullo con bombonas de osíxeno. Ata o momento, traballan a pulmón. As sequeiras organizaron, como de costume, quendas diarias de vixilancia das praias para controlar o furtivismo dos turistas. Os da ameixa rastrearon no Areoso e andan descontentos co prezo das vendas. Naseiros esta tempada houbo moitos, así que a nécora e o camarón tocaron a menos.
O Areoso sen xente, unha mañá de diario
As praias da Arousa teñen cada vez máis xente, de xeito que foi habitual que se formaran caravanas ás oito da tarde á saída da ponte. A auga estivo máis quente ca outros anos, animando aos bañistas a pasar máis tempo no mar. O illote Areoso, a única colonia carcamana, vai perdendo area das dunas, e consolídase como lugar de fondeo de iates na fin de semana. Os chiringos apuran os últimos días de traballo.
Os pisos de nova construción amosan os carteis de “se vende”. As rúas están cheas de meniños que dan proba da boa evolución da natalidade. A falta de comercio, xurden novos bares. O quilo de xoubiñas cotízase a 10 euros. E de vez en cando, aparecen pola ría fardos de fariña aboiando no mar.
Este verán caracterizouse polos dias abrasadores e os dias de puro inverno galego
ResponderEliminarOs chiringos si que apuran os ultimos dias de traballo, e tamen as noites, porque onte hubo unha festasa na de Barreiro e You(o chiringo con mais glam da terra)foi fantastica a noite era preciosa, e adornaron a nosa praiña con farolillos pola area...daba xenio vela!!!ata o ano lavanqueira!!!
ResponderEliminar