De cando Fontán atravesou o Vao

>Vao


Domingo Fontán, nado en Portas, investiu 17 anos da súa vida, entre 1817 e 1834, en confeccionar o que sería o primeiro mapa de Galicia deseñado con métodos científicos, denominado Carta Geométrica de Galicia ("domingo fontán", 2023). A fazaña non só requiriu botar man dos últimos adiantos tecnolóxicos, senón tamén percorrer Galicia de norte a sur para facer as oportunas medicións.

Polo tempo que Fontán acudiu á Arousa, aínda se podía atravesar a pé polo lombo do Vao, aproveitando o ciclo da marea baixa, seguindo o mesmo trazado que hoxe presenta a ponte construída en 1985. Non cabe dúbida de que habería algún tramo do camiño que non quedaría completamente en seco e, de ser certa a hipótese que estamos a discorrer, non sería de estrañar que o señor Fontán sufrise o incomodo de ter que mollar os pés no mar ou mesmo puideron estragárselle as botas de coiro coa salitre. Que mágoa que non exista un diario de campo da experiencia de Fontán!

A suba que experimentou o nivel do mar nas últimas décadas imposibilitou o acceso a pé á Illa de Arousa. Así e todo, aínda agora, cando hai unha seca grande, emerxe visible un lombo de area que case quere unir a illa co continente. Antigamente, a veciñanza utilizaba esta canle para cruzar en carros de vacas ao outro lado. Esta posibilidade pode resultarlles disparatada ás novas xeracións de arousáns criadas coa ponte, pero o certo é que na ría atopamos outros pasos similares. A illa de Cortegada, en Carril, tamén dispón dun acceso que só é transitable coa marea baixa en épocas de grandes secas; chámanlle, precisamente, "camiño do carro" e é explotado turisticamente no verán, coa organización de rutas guiadas.

Se cadra, o señor Fontán coidou que o máis prudente era arribar á Arousa en barco e tomou a lancha de pasaxe en Vilanova. Daquela, puido compartir espazo a bordo con algúns poboadores insulares, que irían de volta para a casa con animais e ferramentas adquiridos nas feiras da comarca. Non sería de estrañar que o señor Fontán sufrise o incomodo dos salseiros a baterlle na cara e mesmo algunha galiña mareada puido ensuciarlle as botas de coiro coas súas deposicións.

Sexa como for, cando Fontán mandou imprimir o seu mapa en París en 1835, puidemos coñecer por primeira vez o verdadeiro contorno da Illa de Arousa. Os mapas anteriores de Tomás López, de 1784 (López, 1784); do francés Nicolás de Fer, de 1708 (Fer, 1705), e do dominico Hernando de Ojea, de 1635 (Ojea, 1635 ), presentaban unha masa de terra informe no medio do mar, moi alonxada da precisión ofrecida polo ilustrado galego. Tal grao de detalle só podía ser acadado por un home coma el, disposto a ensuciar as botas.


BIBLIOGRAFÍA

Domingo Fontán. (15 de febreiro de 2023). En Wikipedia. https://gl.wikipedia.org/wiki/Domingo_Font%C3%A1n

Fer, Nicolás de. (1705). Royaume de Galice: Province d'Espagne. [mapa].1:1 522.000. 

https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?control=BDG20160067156

Fontán Rodríguez, Domingo. (1845). Carta geométrica de Galicia : dividida en sus provincias de Coruña, Lugo, Pontevedra y subdividida en Partidos y Ayuntamientos, presenta en 1834 a S.M. la reina gobernadora Doña María Cristina de Borbón. [mapa]. 1:100.000. París: Imprimerie de Lemercier. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do?autor_numcontrol&materia_numcontrol&secc_CARTOGRAF=on&id=70872&forma=ficha&tipoResultados=BIB&posicion=2

López, Tomás. (1874). Mapa Geográfico del Reyno de Galicia: Contiene las Provincias de Santiago, Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Orense y Tuy. [mapa]. Varias escalas. Madrid. 

https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do?autor_numcontrol&materia_numcontrol&secc_CARTOGRAF=on&id=70911&forma=ficha&tipoResultados=BIB&posicion=3

Ojea de Hernando (1635). Gallaecia Regnum. [mapa]. 1:811.000. Amsterdam: Apud Guilij.  https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do?autor_numcontrol=&materia_numcontrol=&secc_CARTOGRAF=on&id=70936&forma=ficha&tipoResultados=BIB&posicion=1&formato=ficha&aplicar=Aplicar

 

Comentarios