Nenos á entrada do auditorio
[Manuel Suárez Nieto] Pois si, o Consello de Ministros non para. Estragóuselles a ponte, a eles e a algúns máis. O pasado venres 3 de decembro aprobou o “Real Decreto Lei de actuacións no ámbito fiscal, laboral e liberalizadoras para fomentar de forma inmediata o investimento e a creación de emprego”; máis unha, das xa moitas medidas que non conseguen os obxectivos para o que foron ditadas, baixar o desemprego. Todo a estribor, voga de couso na política económica. Séguese o ronsel das medidas propostas pola doutrina neoliberal, que non deixaron de poñerse en práctica dende finais da era Felipe González, con Pedro Solbes como Ministro de Economía, quen continuou coas mesmas de volta no goberno, aló polo 2004, moi na liña das preocupacións de Rato e do seu temor ao “tsunami regulatorio”. Pero nese Consello de Ministros houbo máis. Tamén se aprobou, coma tódolos anos, a proposta do Ministerio de Economía e Facenda, o RD que declara oficiais as cifras de poboación dos municipios españois a 1 de xaneiro de 2010.
Veñen tardando arredor de quince días en publicar no BOE. Así que arredor da lotaría teremos os dados oficiais de poboación que, se hai sorte, deixarán un censo de máis de 5.000 veciños, outros dous concelleiros, o cambio de categoría do Concello e un maior financiamento, froito do incremento na cota de participación nos fondos do Estado. O propio acordo do Consello de Ministros establece que os dados serán difundidos unha vez se publique o RD no BOE. De momento, na rede botei un par de lances e volvín á treita en dúas ocasións; na páxina do INE só figuran os dados a 1 de xaneiro de 2009 e os de 2010 por Comunidades Autónomas e provincias, mais non por municipios.
Seguramente sobren coñecedores destes dados e, aínda que de momento non sexan de acceso público, despois do juikilis, ben podían dicirnos o que vai pasar. Non creo que os leven á cadea, bastante teñen cos controladores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.