Buscar neste blog

1 de feb. de 2007

A revolución das sequeiras

Camaxe despois dunha xornada de seca
 
[Helena Domínguez] A investigadora norteamericana Sarah Keene Meltzoff realizou un traballo de campo na Arousa entre 1985-1986 e 1989-1991 para estudar como as mariscadoras se organizaban e constituían un cabildo. O cabildo é a entidade encargada de organizar as vedas do marisqueo (determina cando e onde se pode ir á seca), a vixilancia das praias (normalmente nos veráns porque son moitos os turistas que caen na tentación de espurruñar na area e levar o que non é seu) e os traballos de limpeza (se os areais se enchen de esterco, as ameixas afogan e morren). Ata daquela só había un cabildo para os homes. Que careceran de poder “político” non significa que as mulleres estivesen á marxe das actividades marisqueiras; de feito, ir á seca é un traballo tradicionalmente de mulleres. Tal e como explica a investigadora no seu interesante estudio, o éxito da organización do cabildo das mulleres foi propiciado por dous factores: elas controlaban os medios de produción, xa que para ir á seca só se require un balde e unha legoña, en vez de custosos aparellos; e segundo, as mulleres manexaban desde sempre os cartos das súas propias actividades produtivas, e case sempre tamén os do resto da familia (máis dun home ten vendido “en segredo” os relojitos na lonxa para non ter que dar parte na casa).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.