[Helena Domínguez] A investigadora norteamericana Sarah Keene Meltzoff realizou un traballo de campo na Arousa entre 1985-1986 e 1989-1991 para estudar como as mariscadoras se organizaban e constituían un cabildo. O cabildo é a entidade encargada de organizar as vedas do marisqueo (determina cando e onde se pode ir á seca), a vixilancia das praias (normalmente nos veráns porque son moitos os turistas que caen na tentación de espurruñar na area e levar o que non é seu) e os traballos de limpeza (se os areais se enchen de esterco, as ameixas afogan e morren). Ata daquela só había un cabildo para os homes.
Que careceran de poder “político” non significa que as mulleres estivesen á marxe das actividades marisqueiras; de feito, ir á seca é un traballo tradicionalmente de mulleres. Tal e como explica a investigadora no seu interesante estudio, o éxito da organización do cabildo das mulleres foi propiciado por dous factores: elas controlaban os medios de produción, xa que para ir á seca só se require un balde e unha legoña, en vez de custosos aparellos; e segundo, as mulleres manexaban desde sempre os cartos das súas propias actividades produtivas, e case sempre tamén os do resto da familia (máis dun home ten vendido “en segredo” os relojitos na lonxa para non ter que dar parte na casa).
Comentarios
Publicar un comentario
A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.