Buscar neste blog

24 de xan. de 2011

'O meu obxectivo é poñer en marcha a hatchery'

Ángel Iglesias considera prioritario rexenerar os bancos marisqueiros

[Redacción] O patrón maior da Confraría da Illa de Arousa, Ángel Iglesias García, fixou como obxectivo do seu mandato botar a andar o criadeiro de ameixas de Quilma, coñecido como a “hatchery”. As instalacións, abandonadas dende hai máis dun lustro, nunca chegaron a ser produtivas e hoxe esixen dun forte investimento para recuperar a actividade. Os cartos non semellan, porén, o principal problema, xa que segundo explica Iglesias, a Confraría conta cunha subvención para actualizar tecnoloxicamente o centro. Deste e outros temas fala o patrón maior nesta entrevista exclusiva.
--------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Ángel Iglesias García, “O Pichón”, ocupa o máximo cargo da Confraría da Illa de Arousa desde que foi elixido o pasado verán. Unha das condicións que se puxo cando asumiu o posto foi non abandonar o seu oficio de mariñeiro: “a figura do patrón maior está moi mitificada. O patrón maior é un mariñeiro máis”, asegura, “o importante é ter un bo cabildo, e eu estou moi contento co equipo que teño”. A pesares de que Iglesias lle reste importancia, o certo é que a confraría é unha das institucións máis importantes da Arousa. Das súas decisións –apertura de zonas de marisqueo, taxas, vixiancias- dependen 1.400 persoas que viven do mar.

-¿Cales son as principais novidades do plan de explotación deste ano?
Un dos aspectos que ata o de agora non soubo resolver a confraría foi o de como impedir que a xente que traballa en terra veña mariscar ás concesións. Trátase de evitar que os que non viven do marisqueo se aproveiten dos nosos recursos. Hai que ter en conta que os mariscadores pagan un 9% dos seus ingresos anuais á confraría, e participan nas actividades de sementeira e rareo de cría. Deste xeito, están en desvantaxe fronte aos que van ao mar só uns días ao ano, en tempada alta. A novidade que introducimos é esixirlle a quen queira mariscar nas concesións da confraría que teña un 70% de días de mar enrolado na 3ª lista. Deste xeito, un naseiro pode ir ao raño, pero non unha persoa que traballe en terra.

-¿Hai algunha novidade con respecto ás especies que se traballan? ¿Por que na lonxa da Arousa non se pode vender centola nin peixe?
Traballamos o camarón, a nécora, a navalla, os distintos tipos de ameixa, o berberecho e o carneiro. O da centola e o do peixe non sería viable, non hai flota suficiente que traballe estas especies. Aínda que se podería mirar…

-Algúns mariñeiros quéixanse de que o sistema de clasificación en calidades na lonxa non é obxectivo, xa que se fai a ollo. Noutras lonxas, como Cambados, clasifican o marisco con máquinas que determinan os diferentes tamaños
Na lonxa da Arousa temos unha máquina de clasificación de marisco, que se utiliza para o berberecho e a xapónica. Fomos a Cambados para coñecer como sería o sistema aplicado á ameixa, pero non o vimos  claro. O produto deles é diferente ao noso. A ameixa do Bao é un molusco gordo e moi sensible, que leva pegado á cuncha un fiíño cunha pedra colgada. Coas voltas que dá a ameixa na máquina, o fiíño rompería, e os compradores din que así os marisco non aguanta tanto. Ademais, coa máquina, escachan algunhas ameixas.

-¿Cal consideras que é na actualidade o principal problema ao que ten que enfrontarse a confraría?
O declive nas capturas que se rexistra de ano a ano; os bancos marisqueiros van a menos. Sitios como Conserrado, a Lavanqueira, o Areoso e O Bao, nos que había ameixas a montes, sufriron unha descenso esaxerado da produción. No 2010, a campaña foi pésima. Tamén se notou nas zonas de libre marisqueo, como os lombos do Ulla ou a Ostreira. Temos que mirar de rexenerar os bancos marisqueiros, e por iso, o meu principal obxectivo é poñer en marcha a hatchery. Ben levado, o criadeiro podería producir 200 millóns de unidades de cría ao ano. E con 40 millóns, na confraría estariamos servidos.

-¿E que se precisa para botar adiante o criadeiro?
A da Arousa foi a primeira hatchery de Galicia, e penso que tamén unha das primeiras de España. Pero hai 25 anos que se montou e, dende entón, a acuicultura cambiou moito. Tamén é certo que o criadeiro nunca chegou a funcionar ben. Agora non se trata só de poñer novas tecnoloxías, senón tamén de buscar os profesionais que poidan levar a hatchery. Temos aprobada unha subvención de dous millóns de euros, pero a confraría soa non pode facer fronte á posta en marcha do centro. Estamos estudando a posibilidade de negociar co Igafa para que se faga cargo das instalacións.

-A partir deste ano, os mariñeiros están obrigados a contratar un seguro. ¿Que postura tes ao respecto?
O seguro obrigatorio é positivo e necesario, a xente vaino ver co tempo. Os da 7ª lista levan toda a vida con seguro, e teñen embarcacións que usan tres meses de vran. Como non o imos ter nós, andando todos os días no mar. O que non vexo tan útil é o seguro de riscos laborais, que tamén se nos esixirá este ano.

-Ao parecer, un 50% da flota da Arousa está en situación irregular porque non encontra facilidades para adaptar as súas embarcacións ás normativas existentes. ¿Que acontece?
O proceso de regularización das embarcacións está sendo escandaloso, porque goberno central, Xunta e Capitanía non se poñen de acordo nos criterios que esixen. No ano 1998, obrigóuselles aos mariñeiros a pasar as súas embarcacións a GT e anotar as medidas reais do barco na folla de asento. Recentemente, abriuse un proceso de regularización e á xente veulle denegada a solicitude debido a esa anotación, co argumento de que só se podía participar nun único proceso de regularización. Pero a anotación do 98 fora obrigatoria!. Xa tivemos unha reunión sobre este tema con Juan Carlos Maneiro, director xeral de competitividade da Consellería do Mar, e comprometeuse a deixar ben á xente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.