Buscar neste blog

14 de xuño de 2011

A organización dos Encontros de Carril propón unha edición de 'resistencia'

 O cartel dos X Encontros Carril 2011


[Redacción] Do 30 de xuño ao 3 de xullo, vai ter lugar en Carril a décima edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a cita bienal de referencia para os colectivos de navegación tradicional. A poucas semanas da celebración, o comité organizador vén de alertar da “grave situación económica” que atravesa, dadas as escasas achegas económicas das empresas patrocinadoras e das administracións. En concreto, a organización destacou a nula colaboración da Deputación de Pontevedra, cando nos Encontros anteriores de Ferrol (2007) e de Muros (2009), a deputación coruñesa destinou aos eventos 60.000 euros. Así as cousas, segundo a Federación Galega pola Cultura Marítima, esta será unha edición de “resistencia”, na que variarán algunhas cousas pero non o esencial: a xuntanza dos barcos e dos seus tripulantes. Certamente, as cifras de participación ata o momento son similares ás doutros anos, xa que está confirmada a asistencia de máis dun centenar de embarcacións procedentes de Galicia, Euskadi, Andalucía, Cataluña e Portugal. Ademais, como é habitual, o evento tamén contará con demostracións de oficios, obradoiros, música, exposicións, xornadas técnicas e mais un servizo de visitas á illa de Cortegada.

O pleno de investidura, no Canal Rías Baixas

Vídeo propiedade do Canal Rías Baixas

[Redacción] O Canal Rías Baixas, a televisión local da comarca, recolle neste vídeo un resume do polémico pleno do sábado 11 de xuño, no que un grupo de simpatizantes do PP insultou e apupou ao edil do BNG, por apoiar a investidura do alcalde socialista.

10 de xuño de 2011

Os caprichos dos cons

Pedras na praia de Con Retellado

[Susi Rial] Ben coñecida é a importancia dos cons na Illa de Arousa, onde máis que calquera edificio ou monumento, conta como maior símbolo o “con de tres pés”, por poñer só un exemplo. Os cons incluso serven de reclamo turístico, con iniciativas como a “ruta dos cons”. 

Nova sesión do club de lectura


[Redacción] O club de lectura Bibliarousa+ celebra o vindeiro martes 14 de xuño, ás 20.00 horas, o último encontro do curso. Nesta ocasión, o eixe temático é a obra "Como agua para chocolate", de Laura Esquivel.

9 de xuño de 2011

O BNG apoiará a investidura de Manuel Vázquez

[Redacción] O BNG da Illa de Arousa, a través do seu alcaldable Carlos Otero, vén de comunicar nunha rolda de prensa celebrada esta mañá en Vilagarcía de Arousa que apoiará a investidura do candidato socialista Manuel Vázquez, "para evitar un goberno do PP no noso Concello". "Estamos convencidos de que a decisión adoptada é a mellor para o traballo diario do BNG e, por suposto, a mellor para a Illa", sinalou Otero, que estivo acompañado no acto de Xoan Allegue, responsable comarcal do BNG. Carlos Otero tamén aproveitou para agradecerlles aos arousáns "o enorme apoio recibido" e reiterou o seu "compromiso de traballar todos os días para devolverlles aos veciños esa confianza en conseguir servizos que redunden na mellora da súa calidade de vida".
A partir de agora, ábrese un período de negociacións entre o grupo socialista e a formación nacionalista arousá, xa que, segundo explicou Otero, a decisión foi tomada pola asemblea local do Bloque, sen ter en conta ningún acordo previo con ningún dos dous candidatos que optaban á alcaldía,  Manuel Vázquez (PSOE) e Juan José González (PP).

4 de xuño de 2011

A insoportábel levedade do ser


[Manuel Suárez Nieto]  Os resultados electorais na Arousa foron 5-5-1. Agora tócalle aos concelleiros electos a través das súas correspondentes organizacións políticas conformar as maiorías para garantir un goberno estábel durante os próximos catro anos. De momento, non transcendeu máis alá dun 'quítate ti que me poño eu'. Por outro lado, totalmente normal en pleno proceso de negociación. En todo caso, ao meu entender, as forzas políticas da Arousa estanse comportando con madurez democrática e serenidade, o cal non está de máis recordar e recoñecer.

1 de xuño de 2011

O Céltiga remata a tempada con boas sensacións

 O campo Salvador Otero

[Susi Rial] O Céltiga comezaba a tempada 2010-2011 na categoría de Rexional Preferente co marcado obxectivo do ascenso a Terceira División. Pero as cousas non foron como se esperaba e, xa en xaneiro, o equipo que daquela adestraba José María Rial tiña moi difícil o ascenso. A directiva pediu entón, tanto ós xogadores coma ó corpo técnico, un cambio de actitude, pero en febreiro dimitía José María Rial alegando que o que precisaba o equipo eran aires novos. E algo de razón si que tivo, posto que tras o breve paso de “Carducho” polo banco arousán, a chegada de Manolo Núñez dou lugar ó esperado cambio. O Céltiga comezou a encadear vitorias, de tal maneira que chegou á última xornada da liga con opcións ó ascenso. Unha vitoria contra o Arousa, daríalle o pase para xogar o “play-off”, pero finalmente ambos os dous equipos empataron a dous goles. Agardaremos pois, á seguinte tempada, na que unha nova historia comezará a escribirse.

30 de maio de 2011

A asociación Dorna xa ten presidente provisional

O Faber, novo presidente da xunta xestora de Dorna

[Redacción] Avelino Cores, máis coñecido como Faber, asumiu recentemente a presidencia provisional da asociación cultural Dorna, namentres a xunta xestora traballa na busca dun equipo directivo que desexe tomar as rendas da entidade. Neste período de transición, Cores proponse mellorar a comunicación cos socios e rescatar as artes escénicas para a programación da entidade, pero, ademais, deberá facer fronte a outros compromisos inmediatos, como a organización da Festa do Mexillón, prevista para a primeira fin de semana de agosto. O Faber é un bo coñecedor de Dorna, colectivo no que está implicado desde que era un rapaz. Con once anos, pertenceu ao extinto club xuvenil Os Bufos e con dezaseis xa era membro da xunta directiva de Dorna, encabezada daquela por José Manuel Cousido, “O Petote”.

Ugia Pedreira, fuxindo das présas na Arousa



[Redacción] Desde que a cantante Ugia Pedreira estableceu veciñanza na Arousa, a pegada emocional da illa déixase sentir de cando en cando na súa obra. No seu día, fixemos referencia á mención aparecida no seu Pasodobre Universal. E agora acabamos de coñecer o “concerto de peto” que gravou na Abilleira, acompañada do brasileiro Fred Martins. O tema que interpretan titúlase "De pressa a vida passa", mais a sensación que transmiten é máis ben de calma...

27 de maio de 2011

A Illa nos mapas antigos (III): o mapa de Nicolás de Fer


[Susi Rial] O último dos mapas que conforman esta serie é o mapa do cartógrafo e xeógrafo francés Nicolás De Fer, “Le Royaume de Galice”. De Fer (1646-1720) é continuador do traballo do seu pai, Antoine. Este mapa en concreto data do ano 1708.

24 de maio de 2011

Namorados doutros tempos



[María García] Facendo un pouco de memoria dos costumes e da forma de vida dos nosos antergos, podemos darnos conta da evolución da vida social na Illa, sobor de todo, a das mulleres. Recordemos, por exemplo, as relacións entre noivos de antes. A muller nunca tomaba a iniciativa, e de ningunha maneira entraba na casa do mozo; nin ó revés, el tampouco entraba na casa dela. Os encontros adoitaban ser de noite, no camiño, cerca da casa da moza ou mesmo á porta da casa. “Falan á porta” dicíase. Tendo en conta que os puntos de luz na rúa eran débiles e moi escasos, a cousa non pintaba mal. Cando se formalizaba o que podíamos chamar a petición de man, eran os pais do mozo os que ían á casa da moza a pedila. Entón, dicíase: “xa falan dentro”. Aquí xa podían entrar un na casa do outro, isto xa era para casar de inmediato. En moitas ocasións, o mozo marchaba para navegar e deixaba a moza pedida. Así, ela, na súa ausencia, non saía nin ó baile nin ó cine coas amigas, ata que el regresaba cuns cartiños para facer unha casa e casar. Falta saber se o mozo tamén lle gardaba ausencia á moza.

Vaga de intentos de roubos na Illa

 A iniciativa veciñal evitou un roubo no Chufre

[Susi Rial] O pasado mes de abril coñecemos a nova de que un grupo de veciños arousáns evitou o roubo de 400 euros que un xubilado afincado na Illa acababa de retirar dunha sucursal bancaria. A nova incluso tivo gran sona a nivel nacional a causa da sorprendente solidariedade veciñal. Dende entón, e en diversas zonas da Illa, viñéronse sucedendo casos similares, que afortunadamente quedaron en intentos de roubos. O patrón sempre é o mesmo: xente nova da Europa do Leste achégase ás persoas maiores e, con calquera escusa, trata de despistalas para poderlles arrincar as xoias ou outros obxectos de valor que nese momento leven enriba. Se ben cómpre tomar as medidas necesarias, non existe motivo para a alarma porque os frustrados ladróns non adoitan ser perigosos e as súas intencións adivíñanse facilmente.

22 de maio de 2011

O BNG decidirá o próximo alcalde da Arousa

Resultados eleccións municipais 2011. Fonte: Mir

[Redacción] O Partido Popular vén de converterse no gañador das eleccións municipais 2011, ao resultar a lista máis votada, con 1.573 votos. O PSOE perdeu a maioría absoluta da que gozou nos últimos catro anos e quedou empatado en número de concelleiros co Partido Popular. Así, será o BNG, co seu único concelleiro, quen decida, mediante os pactos, quen será o próximo alcalde da Illa de Arousa.

Evolución do voto nas eleccións municipais da Illa de Arousa

20 de maio de 2011

Agardando o 22-M


[Redacción] Un total de 4.102 electores están convocados a votar o vindeiro domingo nalgunha das seis mesas distribuídas nos tres locais electorais cos que conta a Arousa: o Colexio Torre, a Escola de Pau e a Casa do Concello. A estas alturas, poucos indecisos quedarán, e semella que tampouco había moitos hai quince días, cando publicamos a enquisa. A campaña destas eleccións municipais será lembrada pola vacua estratexia de descalificacións desenvolvida por unha parte da militancia das dúas forzas maioritarias, PSOE e PP, nun contexto xeral de cuestionamento cidadán dos partidos políticos en todo o Estado. Dende nailla, seguiremos a xornada electoral e daremos conta dos resultados en canto se fagan públicos, o 22 de maio pola noite.

19 de maio de 2011

A Illa nos mapas antigos II: o mapa de Gerard Mercator

 Detalle da ría de Arousa


[Susi Rial] O mapa do cartógrafo flamenco Gerard Mercator (1512-1594), titulado “Gallaecia Regnum”, foi rematado en 1611. Mercator pasaría á historia da cartografía por ser o inventor da proxección que leva o seu nome, e que consiste na representación da superficie terrestre proxectada sobre un cilindro tanxente ó planeta polo Ecuador.

18 de maio de 2011

Nova exposición de fotografía no auditorio


[Redacción] O arousán Dani Gondar, un home de mar namorado da fotografía, presenta a súa primeira mostra fotográfica baixo o título “Paisaxes e panorámicas da Illa de Arousa”. A exposición, composta de 43 imaxes, pódese visitar na sala de exposicións do auditorio municipal ata finais do verán.

Dous anos de fraseoloxía carcamana



[Redacción] O vindeiro 25 de maio cúmprense dous anos desde que iniciamos o proxecto “Fraseoloxía carcamana”, co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas da Arousa. A idea xurdiu logo da posta en marcha doutro proxecto anterior, o “Dicionario de ausencias”, no que se lle pedía aos lectores que escribiran aquelas palabras que usan habitualmente pero que non veñen recollidas nos dicionarios de galego. No longo fío de comentarios que xenerou o Dicionario, comezaron a aparecer propostas de expresións, polo que foi necesario crear un novo espazo para darlles cabida. Ao longo de todo este tempo, levamos recollidas unhas sesenta frases. Cal é a súa favorita? Saben dalgunha outra que non teñamos inventariada?

16 de maio de 2011

Os actos das Letras


[Redacción] Como vén sendo habitual, a asociación cultural Dorna preparou unha serie de actividades para celebrar o Día das Letras Galegas. O colectivo inaugura o 17 de maio a tempada de navegación, polo que xuntará parte da súa flota de dornas no Chufre, a partir das 11 da mañá, se o vento Norte non o impide. Ademais, como todos os anos, a librería Castelao instalará un posto de libros, no que ofrecerá descontos do 10%. A xornada estará amenizada polos grupos de música e baile tradicional de Dorna.

12 de maio de 2011

Nova ferramenta para valorar os comentarios


[Redacción] Despois da polémica xenerada nas últimas semanas, debido ao abuso que fan determinados usuarios da posibilidade de facer comentarios de xeito libre e anónimo, presentámoslles unha nova ferramenta que lles permitirá puntuar de forma negativa ou positiva cada unha das opinións. A partir de agora,  atoparán ao pé de cada comentario a icona de dúas manciñas, para que voten a que consideren conveniente.

10 de maio de 2011

Non me dighas!

A enquisa sobre o POL


[Redacción] A xulgar polos resultados colleitados na enquisa, o Plan de Ordenación do Litoral (POL),  aprobado recentemente pola Xunta, non xenera o rexeitamento rotundo que cabería esperar, tendo en conta o posicionamento en contra que amosaron todas as forzas políticas da Arousa. A normativa do POL, que restrinxe as áreas nas que se pode construír, será recorrida polo Concello, segundo anunciou o alcalde publicamente en varias ocasións.

Fin de semana de Confirmacións

 Un momento da cerimonia da Confirmación, o pasado domingo


[Susi Rial] A Confirmación quizais sexa o sacramento do que máis nos custa entender a súa utilidade, pero iso non evita que cada ano os novos da Illa se animen a participar nela. E é que, hoxe por hoxe, a Confirmación marca o inicio da xuventude e para moitos rapaces significa tamén a súa primeira gran saída nocturna. Por esta razón, e coa esperanza de non desviar o motivo real do sacramento, dende a igrexa da Illa decidiuse que este ano as confirmacións serían celebradas en domingo. Á parte do cambio de día, poucas diferenzas se produciron en relación con outros anos. Despois da misa, tiveron lugar as tradicionais comidas con familiares e amigos e poucos foron os rapaces que renunciaron á festa. Iso si, presúmese que foron moi poucos tamén os que o luns se presentaron no instituto.

6 de maio de 2011

A Illa nos mapas antigos I: o mapa de Tomás López


[Susi Rial] Con este artigo, comezamos unha serie na que veremos as diferentes maneiras nas que se representaba a Illa de Arousa nos primeiros mapas. Naqueles séculos, os mapas confeccionábanse a través das informacións achegadas polos exploradores, porque para determinar a forma topográfica de calquera lugar, non había máis remedio que viaxar até alí. Era un duro traballo para o cartógrafo, que ademais tiña que consultar multitude de fontes para completar toda a información.

5 de maio de 2011

O BNG incorpora a Rosa Núñez como número 2 da súa candidatura

Parte da candidatura do BNG á alcaldía da Illa de Arousa

[Redacción] O candidato do BNG á alcaldía da Illa de Arousa, Carlos Otero, deu a coñecer a lista completa da súa candidatura o pasado luns, na Brasería A Salga. O acto foi presentado por Rosa Núñez, unha das novas fichaxes dos nacionalistas arousáns, que concorre por primeira vez ás eleccións municipais nun significativo posto número dous. Otero e Núñez estiveron acompañados polo deputado Bieito Lobeira, quen presentou o BNG como unha alternativa ás políticas antisociais do PP e PSOE, que “cargan o peso da crise económica nos máis desfavorecidos e priman os intereses da grande banca e do capital”. Pola súa banda, Carlos Otero referiuse á oportunidade que ten a xente de dignificar e limpar a política, botando das administracións a aqueles que as utilizan para beneficio propio ou dos seus amigos, “prácticas habituais do PP e do PSOE alí onde gobernan”. Tamén salientou a capacidade e a forza da súa candidatura para facer “políticas para as persoas”. A lista do BNG incorpora catro novas caras, ademais de Rosa Núñez: Tomás Cores, Sofía Rial, Pilar Suárez e Xulio Villanueva.

Candidatura do BNG á alcaldía da Illa de Arousa
1. Carlos Otero Chaves
2. Rosa Núñez Cores
3. Adelino Santamaría Iglesias
4. Tomás Cores Dios
5. Sofía Rial Nieto
6. Julián Dios Dacosta
7. Antonio Millán Torrado
8. Virginia Otero Piñeiro
9. Xoán Carlos Piñeiro Insua
10. Fátima Prieto Allo
11. Pilar Suárez
12. Xulio Villanueva González

2 de maio de 2011

Vázquez presenta candidatura acompañado dos pesos pesados do socialismo galego

O candidato socialista, Manuel Vázquez, acompañado do seu equipo durante o mítin

[Redacción] O PSOE da Illa de Arousa presentou a súa candidatura durante a Semana Santa, ante un entregado público de simpatizantes que abarrotaron o auditorio municipal. Abriu o acto Raquel Rial, número 6, en representación dos mozos que veñen de incorporarse á lista (ademais dela, Carlos Iglesias, Raquel Dacosta, Iria Dios e Luis Arosa). E pechouno o alcalde, Manuel Vázquez, que centrou a súa intervención en repasar os logros acadados durante o seu mandato. “Somos o partido que máis se parece á Arousa”, insistiu.
Manuel Vázquez, que repite por 4º vez candidatura á alcadía, estivo arroupado no seu primeiro mitin da campaña polo secretario xeral do PsdeG, Patxi Vázquez, quen se referiu á Illa como “unha canteira”, un “referente para o socialismo galego”, e polo Ministro de Fomento, José Blanco, un habitual da illa nos períodos de vacacións. Blanco foi presentado por Patxi Vázquez “como o home que está facendo de presidente de Galicia”, e así actuou o ministro durante o seu discurso, no que incluíu referencias á política local, autonómica e tamén do Estado. Unha das maiores ovacións recibiunas cando anunciou que “imos dar a batalla para gañar a Deputación de Pontevedra”. Blanco tamén se referiu ás "infamias" que houbo de aguantar desde que decidiu asentar na Illa.

Candidatura do PSOE á alcaldía da Illa de Arousa 
1. José Manuel Vázquez
2. Carlos Iglesias Cores
3. Fátima Rivas González
4. M. Dolores Folgar Vilas
5. J. Isidro García García 
6. Raquel Rial Villanueva
7. Raquel Dacosta Otero
8. Alfonso Salgado Alonso
9. Iria Dios Oliveira
10. Alfredo Otero Lojo
11. Luis Arosa García.
12. Juan L. Otero Besada
13. Juliana Dios Barreiro
14. Manuel García Poza
15. Lucinda Diz Besada

30 de abr. de 2011

O PP renova os postos de saída da súa candidatura

O equipo do Partido Popular para as eleccións municipais do 2011

[Redacción] O Partido Popular confeccionou para as vindeiras eleccións municipais unha candidatura que presenta cambios nos postos de saída, con respecto á listaxe do 2007. Así, o cabeza de lista, Juan José González, repite acompañado por dúas novas caras nos números dous e tres, Paula Suárez e Miguel Paz. A candidatura complétase con outras dúas incorporacións, Valentín Oubiña e Joaquín Fernández, ademais do resto do equipo habitual do Partido Popular, que conta nesta lexislatura que remata con catro concelleiros na corporación (Juan José González, Zoila Paz, Ramón Ferro e Diana Ríos).

Candidatura do PP á alcaldía da Illa de Arousa
1 Juan José González Vázquez
2 Paula Suárez González
3. Miguel Paz Cores
4. Zoila Paz Dacosta
5. Valentín Oubiña Mariño
6. Juana María Suárez Paz
7. Carlos Alberto Pouso Otero
8. Diana Ríos Dios
9. Joaquín Fernández Hermo
10. Ramón Ferro Dios
11. Ana Rial Nieto
12. Daniel Pouso Dios
13. María Otero Nieto
14. Mª Asunción Rial Rodríguez
15. Alberto Paz Nine

Carretando votos

[Redacción] A sombra do carrexo de votos pende sobre cada proceso electoral que se celebra en Galicia. Este fenómeno, que consiste en trasladar aos votantes aos colexios electorais, inducindo o voto nun determinado sentido, é unha táctica habitual en contornas rurais e practicase especialmente cos votantes máis vulnerables, como poden ser as persoas maiores. Xa no 2001, co gallo das eleccións ao parlamento galego, o filme colectivo “Hai que botalos” denunciaba a anomalía que supuña a carretaxe no libre exercicio do voto secreto. Na enquisa que publicamos sobre este tema, a gran maioría dos participantes consideran que na Arousa tamén se practica o carrexo de votos. Con todo, mentres que no resto de Galicia a sospeita recae sobre o Partido Popular, as acusacións na Illa adoitan ir dirixidas contra o partido gobernante, o PSOE. “Carretan votos e anotan quen vai votar e quen non”, aseguraba Carlos Otero, candidato do BNG, durante unha entrevista que lle realizamos hai uns meses.

18 de abr. de 2011

As antigas reivindicacións mariñeiras, no libro de Dionisio Pereira

Dionísio Pereira, no centro, durante a presentación en Pontevedra

[Susi Rial] O pasado venres, 8 de abril, foi presentado o novo libro de Dionisio Pereira, “Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)", Ed. Xerais, na librería Michelena de Pontevedra. Foron 20 anos de investigación por parte do autor, que recolleu documentación, traballos previos e conversas cunha serie de entrevistados. Cun claro compromiso coa memoria histórica, neste libro podemos atopar como foi durante o mencionado período a loita de clases, o asociacionismo e a loita da muller mariñeira polos seus dereitos, así como unha relación dos aparellos de pesca e de como estes foron evolucionando. A falta de documentación impide que no libro haxa referencias directas á Illa de Arousa. Caso totalmente contrario é o do Grove, do que se expón moita información no libro. De tódolos xeitos, estamos ante un traballo que recolle precedentes do carácter loitador mariñeiro; unha cuestión que facilmente pode axudar a explicar a personalidade arousá dos nosos días.

12 de abr. de 2011

Os fondos mariños da Illa, nunha exposición


[Susi Rial] Baixo o título de “Os fondos mariños da Illa de Arousa”, expóñense no auditorio imaxes da flora e da fauna da Illa máis descoñecidas. As fotografías foron realizadas por Ramón e Rodrigo Lojo, pai e fillo afeccionados ó mergullo, que queren compartir deste xeito as imaxes que tomaron do fermoso mundo submarino do mar arousán. Primeiros planos de criaturas acuáticas, peixes de vivas cores, cabaliños de mar e raras especies vexetais son só algúns exemplos do que se pode contemplar na exposición, que ademais constata a elevada calidade ecolóxica das profundas augas da Illa. A exposición permanecerá aberta ata a finalización do curso escolar, de luns a venres, de 10:30 a 14:00, e de 16:30 a 19:30 horas; e os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00.

10 de abr. de 2011

O Concello anuncia un contencioso contra o POL


[Redacción] O Concello da Illa de Arousa recorrerá á última vía que lle queda para opoñerse ao Plan do Litoral (POL), os tribunais. O alcalde, José Manuel Vázquez, anunciou a semana pasada que interporá un contencioso-administrativo contra as novas directrices que regulan a construción na costa, ao considerar “que vulneran e quitan dereitos adquiridos polos veciños e veciñas da Illa de Arousa”. O POL reduce as hectáreas urbanas da illa, especialmente na zona sur , onde se localizan a maior parte dos solos considerados incompatibles. A Xunta rexeitou todas as alegacións presentadas polo Concello, ao estimar que a porcentaxe de transformación urbana prevista non garantía os valores de sustentabilidade e conservación paisaxística.

7 de abr. de 2011

A banda The Alkrikes proba sorte nun concurso da Radio Galega


[Susi Rial] O nome da banda e do tema non podían ser máis arousáns. “The Alkrikes”, formada por catro rapaces arousáns (Sergio Dios, Paco Vázquez, Víctor Vidal e Miguel G. Poza), compiten estes días co seu tema “Riasong” nun concurso da Radio Galega destinado á descuberta de novos talentos emerxentes. Na web do certame poden escoitar en liña o tema en competición, así como darlle un voto de balde, aínda que tamén se pode votar por medio de teléfono móbil, mandando NOVOSON_45 ao número 25211. O prazo das votacións remata o vindeiro 18 de abril ás 19:00 horas.

Disputado empate entre As Rumorosas e os M.D.A.


[Redacción] A batalla por gañar a enquisa sobre a mellores letras do Entroido 2011 librouse entre dúas comparsas que gustan de rivalizar, os M.D.A., formada integramente por homes, e As Rumorosas, composta exclusivamente por mulleres. Durante a semana de votacións, o resultado mantívose case a diario nun axustado empate, compensándose inmediatamente os votos de máis que recibía unha ou outra comparsa. Así as cousas, quedaron igualados. Tal e como falaron os comentaristas, os M.D.A. crearon unhas letras máis críticas, en consoancia coa tradición das comparsas carcamanas. Pero As Rumorosas presentaron unhas letras mellor compostas e rimadas.

2 de abr. de 2011

O Café Moderno

 Tomando o chocolate no Café Moderno, a finais dos sesenta

[María García] Se ben é certo que a apertura dun bar na illa non é unha noticia destacable, non deixa de ser entrañable que o novo Café Moderno leve ese nome en honor da cafetería que antes había nese mesmo sitio.
O Café Moderno foi un bar de renome no seu tempo. Estaba ubicado no primeiro andar, polo tanto, había que subir unhas escaleiras, o que xa lle daba un toque de distinción. Coas súas mesas de mármore branco e forxa, era lugar escollido por moitos homes para xogar a partida; as mulleres ían cos seus maridos os domingos. A antiga cafetería foi escenario de moitas celebracións, pero para recordar costumes xa desaparecidas, cómpre destacar unha: cando se celebraba a Primeira Comuñón, os rapaces eran convidados pola parroquia a chocolate con churros ao saír da misa; nin que dicir ten que era un momento moi esperado polos cativos. Este festexo celebrábase sempre no Café Moderno.

31 de mar. de 2011

A asociación Dorna busca presidente

 Uxío Allo, nunha imaxe tomada de Dorna

[Redacción] A asociación cultural e deportiva Dorna vén de iniciar un proceso para elixir nova directiva a través dunha xunta xestora, tras convocar eleccións e esgotarse o prazo de presentación de candidaturas sen que ninguén concorrese. O presidente saínte, Uxío Allo, considera que o colectivo conta coas persoas e cos medios necesarios para iniciar unha nova etapa, pero “ninguén quere o peso da presidencia”. “A proba é que se apuntaron voluntariamente dez persoas para formar parte da xestora”, explica.
A constitución formal da xestora terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril e a partir de entón, daranse os pasos necesarios para formar unha directiva nun período aproximado de tres meses. Allo ofreceu todo o seu apoio ao novo equipo e cualificou como “unha experiencia única e enriquecedora” a súa etapa de sete anos á fronte da entidade. Aínda que deixa a presidencia, Uxío Allo continuará vinculado activamente a Dorna, coa súa colaboración na Escola de Navegación Tradicional, unha das áreas máis importantes da asociación, xunto coas seccións de baloncesto e de música e danza.

A música achégase aos nenos nos “Sábados musicais”

Un momento do concerto de Nadal ofrecido pola Escola de Música

[Susi Rial] A partir do próximo sábado, 2 de abril, ponse en marcha unha nova iniciativa procedente da Escola de Música da Illa de Arousa. Trátase dos “Sábados musicais”, unha oferta educativa totalmente gratuíta e dirixida a nenos de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades terán lugar na propia Escola (instalacións da antiga escola taller, en Testos), todos os sábados de 10:30 a 12:30. Durante as xornadas, os nenos realizarán diversas actividades, como bailes e xogos, mediante as cales tomarán contacto con diversos instrumentos, coas notas e cos diferentes sons, e poderán determinar a súa capacidade auditiva e, quen sabe, descubrir unha vocación agochada. Todos aqueles interesados poden inscribirse na Escola de Música os martes e os xoves de 16:00 a 20:00 da tarde, e os sábados de 9:00 a 14:00 pola mañá, e de 16:00 a 20:00 pola tarde. Tamén é posible inscribirse o resto dos días na biblioteca municipal.

26 de mar. de 2011

A lúa máis grande ilumina a Illa

[Susi Rial] O pasado sábado 19 de marzo, os arousáns puidemos gozar das fermosas vistas que nos proporcionou a lúa. Unha lúa cargada tanto de fermosura coma de misterio, xa que foron moitos os que relacionaron a presencia desta enorme lúa coa chegada de grandes catástrofes sísmicas, como a ocorrida no Xapón recentemente. Nada máis lonxe da realidade, posto que a súa existencia débese a que o momento de maior aproximación coa Terra coincidiu en lúa chea. O que si que dou lugar foi a unhas grandes mareas vivas, que proporcionaron a seca máis grande en 18 anos e que foi moi ben aproveitada polos mariscadores.

Gústannos os cambadeses

[Redacción]  Segundo os resultados da enquisa publicada neste xornal, son os cambadeses os veciños cos que mellor nos entendemos os da Arousa. Así o confirma tamén o gran número de parellas que agora e sempre se forman entre cambadeses e carcamáns. O pobo que acadou o segundo lugar na listaxe foi o do Grove, e a moita distancia quedaron os de Vilanova e Vilagarcía.

21 de mar. de 2011

O desfile de carros culmina un Entroido marcado pola crise



[Susi Rial] O desfile de carros celebrado o pasado sábado marcou o punto final do Entroido, logo da suspensión do acto a fin de semana anterior. Tanques, gnomos, castelos e fantasías de Entroido, entre outros, paseáronse polas rúas enchendo de música e colorido o inesperado epílogo destas festas. O Entroido é unha das citas máis agardadas na Illa durante todo o ano, polo que xa durante a semana anterior ó seu comezo, eran moitos os que ían quentando motores. O luns de carnaval máis famoso, que non é outro que o da Illa, non defraudou. Autobuses e taxis estiveron en actividade frenética durante toda a noite, dando lugar a unha nova marca de asistencia no día grande da Illa. O mércores de cinza, as mulleres das Rubas volveron organizar o enterro do liborio. E este ano, o “afortunado” para ser botado á fogueira foi Berlusconi. Desta vez, non se repartiu pan de millo, tal e como viña sendo tradición. E é que a crise chéganos a todos. O Entroido 2011 foi inusualmente máis longo e pode que sexa lembrado como o ano no que houbo menos comparsas, menos disfraces e menos carros do que viña sendo habitual. Iso si, o sentido do humor e as ganas de festa foron os mesmos ou maiores ca os de sempre.

19 de mar. de 2011

Gallego Jorreto rehabilitará a casa do Campaneiro para os xubilados

 Representantes dos xubilados, o alcalde e mais Gallego Jorreto, fronte á casa do Campaneiro

[Redacción] O arquitecto Manuel Gallego Jorreto, autor do proxecto da Casa do Concello, do multiusos e da recuperación do peirao de pao e da fábrica de Goday, vai ser o encargado de dirixir a rehabilitación das casas do Campaneiro e de Dona Tomasa, as vivendas modernistas adquiridas recentemente polo Concello. Acompañado do alcalde, José Manuel Vázquez, Gallego Jorreto visitou a zona e quedou “gratamente sorprendido” coas casas, segundo informaron fontes municipais. Na visita tamén o acompañaron os representantes do club de xubilados, que verán satisfeita a súa vella demanda de contar cun espazo propio, xa que o Concello decidiu cederlles para o seu uso a Casa do Campaneiro. As obras serán financiadas polo Ministerio de Fomento.

Nova cita co club de lectura


[Redacción] A obra elixida este mes polo club de lectura Bibliarousa+ dá para un debate ben interesante. 'Otra idea de Galicia' fai un percorrido pola historia de Galicia e as súas vicisitudes económicas e culturais, coa vontade de desmontar estereotipos.

16 de mar. de 2011

O turismo do vento


[Susi Rial] Ben coñecida é a forza coa que o vento sopra na Illa. Iso fai que cada vez sexan máis os que nos visitan para aproveitar esta enerxía que tanto abunda. Por iso, nas inmediacións do Bao é doado atopármonos con xente facendo surf, ski surfing e ata facendo voar unha cometa. O reclamo do vento é un factor do que case non se fai promoción, pero iso non evita que os visitantes veñan espontaneamente. Ademais, trátase dun turismo máis limpo e menos agresivo ca o de sol e praia. Tampouco se trata dun turismo estacional, porque para a práctica destas actividades non son imprescindibles as temperaturas agradables.

14 de mar. de 2011

Todas as letras das comparsas

As letras dos M.D.A.
.............................................................................................................................
As letras das Rumorosas

.............................................................................................................................
As letras da comparsa Armonía

Unha mirada ao conflito de Odosa, vinte anos despois


[Redacción] O vindeiro 18 de marzo preséntase na Coruña o documental “Rexistro de Traballo. Doli, doli, doli, coas conserveiras”, unha longametraxe dirixida por Uqui Permui, que aborda o conflito da fábrica de Odosa. En 1989, unhas setenta mulleres da Arousa, catro delas en folga de fame, pecháronse na fábrica para protestar polas condicións de traballo e o peche inminente da conserveira. As reivindicacións das traballadoras quedaron rexistradas nun vídeo gravado por un sindicato do Salnés, material que lle serviu á creadora Uqui Permui parar narrar de novo a historia, contada polas mesmas protagonistas, vinte anos despois. Segundo explica Permui, o título do documental está inspirado nun dos lemas que coreaban as traballadoras, quen, por falta de entendemento ou pola vontade de adaptar as consignas laborais a unha linguaxe divertida, dicían “doli, doli”, en vez de "solidariedade". “Eran mulleres que nunca antes se manifestaran nin tiñan experiencia en prácticas políticas”, explica a creadora. A estrea do documental é na casa museo Pardo Bazán da Real Academia Galega, na Coruña, ás seis da tarde. Está previsto que a obra se proxecte máis adiante noutros lugares, entre eles, a Illa de Arousa.

9 de mar. de 2011

Paixón por Metallica

Manuel Paz, o maior coleccionista de Metallica da Arousa

[Susi Rial] Non naceu en Leganés, nin en Carabanchel. Manuel Paz Fernández naceu na Illa de Arousa, pero iso nunca foi impedimento para que Manuel, ó que todos coñecen como “Piri”, se convertera nun dos maiores coleccionistas e seguidores da grupo heavy estadounidense Metallica. Manuel é seguidor da banda dende 1983. Dende entón, presenciou uns quince concertos, o último, o celebrado en Lisboa no 2010. A súa gran colección está presidida por uns 85 CDs, 11 vinilos e 22 DVDs, sen incluír dous maxisingles que editou o grupo antes de que saíra á luz o seu primeiro disco, e que constan de gran valor entre os coleccionistas. Pero, de entre toda a colección, o obxecto máis especial para Manuel é unha puga que o propio James Hetfield, líder de Metallica, lle dou na man durante un concerto celebrado no circuíto de Donington Park, en Londres. A afección de Manuel por Metallica débese, segundo nos conta, a que é o grupo que lle produce máis vibracións. E estas non fan máis ca medrar co paso do tempo. Será verdade, entón, iso de que os vellos rockeiros nunca morren.

3 de mar. de 2011

Persil, as pioneiras das comparsas femininas

A comparsa de arousás Persil, de visita no Grove, a finais dos anos 60

[María García] Foi a finais dos anos 60 cando se formou a que cremos que foi a primeira comparsa carnavaleira da Illa formada integramente por mulleres. Un grupo de mozas tomou a idea dun anuncio da televisión no que se ofertaba un deterxente para lavar a roupa, no cal se podía ver  un grupo de majorets resaltando a brancura de “Persil”. As mozas trasladaron o anuncio ás rúas da Illa, de Cambados, do Grove e de todas as vilas veciñas que visitaron, enarborando unha pancarta co lema ”La Isla de Arosa se une al desfile del blanco”. Con letra do señor Juan de Albertina, a comparsa Persil alegrou o Entroido e causou gran expectación, porque o traxe era orixinal, as mozas bonitas e, porque non dicilo, as saias subían do xeonllo, cousa que neses anos non se podía ver a calquera hora.

2 de mar. de 2011

Aberta a inscrición dos obradoiros de informática e multimedia

 [Susi Rial] En breve comezarán diferentes actividades relacionadas coa Internet e coa informática en xeral no edificio multiusos. Algunhas das actividades están dirixidas ós rapaces, que poderán facer na aula os seus traballos académicos, así como participar nas clases que se impartirán sobre creación de blogs e fotografía dixital, entre outros. Ademais, tamén se realizarán cursos de aprendizaxe básica de Office e de Internet. Estas clases, en concreto, poden resultar moi interesantes para todos aqueles adultos que chegaron tarde á era das telecomunicacións e que precisan aprender dende un nivel básico. O prazo de inscrición xa está aberto. Todos aqueles interesados poden acudir a anotarse ó segundo andar do edificio multiusos, de luns a venres de 17:00 a 21:00 da tarde, e os sábados de 10:30 a 13:30 da mañá.

1 de mar. de 2011

O Consello do Mexillón presenta unha querela contra unha conserveira por fraude na etiquetaxe

 Descarga de mexillón no porto do Chufre

[Redacción] Que algunhas conserveiras están a vender mexillón chileno baixo a etiqueta de galego é unha sospeita que aniña hai tempo no sector produtivo. Pero agora será a Xustiza quen determine definitivamente a magnitude da fraude. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia anunciou esta mañá nunha rolda de prensa que vén de interpoñer unha querela criminal contra Conservera de Rianxo, comercializadora da marca Cortizo, por falsear na etiquetaxe a procedencia do mexillón. Para reunir as probas, o Consello mercou de xeito aleatorio nun supermercado, e perante a presenza dun notario, varias latas da mencionada empresa, nas que constaba a indicación “Mejillones de las Rías Gallegas” e se precisaba, ademais, que “los mejillones (mytilus galloprovincialis) proceden de la campaña 2008”. Tras analizar o contido no seu departamento de I+D+i e contrastar logo os datos co grupo de investigación Xenomar, o Consello asegura que 27 das 34 pezas estudadas non correspondían á especie autóctona de Galicia. Nunha acción sen precedentes ata o de agora, o Consello denunciou os feitos no Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº1 de Padrón, que admitiu a trámite a querela por supostos delictos contra  os dereitos da propiedade industrial e dos consumidores. A conserveira implicada foi chamada a declarar o vindeiro 31 de marzo.