28.5.10

Sobre os comentarios



O mellor deste blog son os comentarios, iso sábeo calquera que veña por aquí. A xente que comenta en na illa completa as informacións, corríxeas, matízaas e enriquéceas con novos datos e puntos de vista. Ademais de debater e deixar constancia das inquedanzas dos veciños da Arousa, os comentaristas deste blog tamén están a construír un Dicionario de Ausencias, o Proxecto Talasonimia, a Fraseoloxía Carcamana e o inventario de Apodos.

O principio que guía a administración dos comentarios é o da non intervención: nin se borran nin se moderan as mensaxes deixadas polos lectores. Neste blog existe liberdade  para que cadaquén diga o que queira, e non molesta o anonimato, unha opción que lle permite, a quen así o desexe, liberarse da lóxica identificadora dunha comunidade pequena na que todos se coñecen.

Ao logo de case cinco anos de existencia, este sistema funcionou ben, aínda que de cando en vez aparecese algún comentarista que tirase proveito da liberdade para lanzar ataques persoais. Nin quen escribe se ten zafado dalgunha escaldadura! Pero foi pouco o prezo a pagar en beneficio do cultivo da  pluralidade, apenas unha pequena refachada nunha singradura de augas tranquilas e ventos favorables.

Nos últimos días, a dorna de na illa bateu contra un con e foi deixando tras de si un ominoso regueiro de comentarios eliminados, como os restos dun naufraxio que chegan á praia. Quizais o sistema de comentarios comeza a dar os primeiros síntomas de esgotamento, pero Blogger non ofrece ferramentas para melloralo. Así que de momento seguiremos na mesma liña, cun sistema de comentarios aberto e libre, coa esperanza de que non se produzan máis colisións.

5 comentarios :

Anónimo dixo

ÁNIMO E ADIANTE!!!
Somos moitos os que agradecemos este lugar de debate que antes non tíñamos, e cada vez somos máis os que participamos del. A xente que leemos e que escribimos neste lugar pedimos respeto, para que nunca máis se teña que volver a borrar ningún outro comentario.

Anónimo dixo

ANIMO!!!!!!!!!
E que deus non permita que ninguén che faga naufragar.

Para andar polo mundo hai que saber andar,pero desgraciadamente algúns non ven mais alá do seu naris

Anónimo dixo

Eu estou dacordo a libertade e a critica estan ben, pero podese criticar e decilas cousas que uns repudian e outros aplauden con educación porque o importante e o contido do que queremos decir por eso sexamos educados e moderemos o mensaxe.

Anónimo dixo

engadir xente no blog e una boa nova tamen! parabens!

E ti que dis?

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A dirección eliminará os comentarios que estime conveniente. As peticións para borrar comentarios non serán atendidas. A participación implica a aceptación destas condicións.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...