[Susi Rial] Con este artigo, comezamos unha serie na que veremos as diferentes maneiras nas que se representaba a Illa de Arousa nos primeiros mapas. Naqueles séculos, os mapas confeccionábanse a través das informacións achegadas polos exploradores, porque para determinar a forma topográfica de calquera lugar, non había máis remedio que viaxar até alí. Era un duro traballo para o cartógrafo, que ademais tiña que consultar multitude de fontes para completar toda a información.
O primeiro mapa de Galicia de certa importancia realizado en España foi o de Tomás López, rematado en 1784 baixo o amparo do Conde de Floridablanca. Tomás López, xeógrafo e cartógrafo madrileño, foi dos máis importantes do seu tempo, polo que pasou gran parte da súa vida traballando para a Corte Real.
No seu “Mapa Geográfico del Reyno de Galicia” aparece reflectida a Galicia das sete provincias: Santiago, Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tuy. Por aqueles tempos, na Illa de Arousa era a época de asentamento dos fomentadores cataláns, que comezaban a introducir novas artes de pesca, como a xávega. Chama á atención a toponimia utilizada, “Isla de Aroza”. Xa no Viaje a Galicia do Padre Sarmiento, que data de 1745, a Illa aparece nomeada desta mesma maneira.
É certo que sorprende a grafía "Aroza", mais mesmo na norma ILG-RAG do galego, se quixésemos ser coherentes coa etimoloxía, deberiamos escribir "Arouza" ("Arouça" na norma AGAL). "Arousa" vén do latín ARAUTIAM, e todas estas terminacións en -TIAM dan -za en galego (pronunciado -sa nas zonas con seseo, como é o caso da propia Arousa). Por exemplo, IUSTITIAM>xustiza (pronunciado, con seseo, "xustisa"). Polo tanto, poida que se guiasen polo nome latino... se non é que é, directamente, unha gralla.
ResponderEliminarPara os interesados na etimologia da Arousa recomendo o post do meu blogue onde compilei opiniões de diferentes fontes: http://ilhadeorjais.blogspot.com/2009/07/n-52-o-nome-da-arousa.html
ResponderEliminar