Buscar neste blog

16 de nov. de 2010

Informe do Consello de Contas: a débeda




[Manuel Suárez Nieto] Seguindo co resumo das últimas contas municipais fiscalizadas polo Consello de Contas, nesta ocasión, examinamos a débeda e mais o apartado referido ao resultado. O Concello da Arousa acumula unha débeda viva a longo prazo -basicamente herdada da segregación- de 1,3 millóns de euros, case 227 millóns das antigas pesetas. En canto ao resultado, foi positivo, como xa dixemos, froito dos elevados ingresos, fundamentalmente das transferencias e subvencións por habitante. En xeral, o do 2007 foi un orzamento froito da conxuntura económica e política do momento.

15 de nov. de 2010

O submundo arousán


[Susi Rial] A principios de mes, a Illa de Arousa espertaba con certo rubor ó coñecerse a detención de Didier Dios, por supostos delictos de narcotráfico. E todo, porque Didier Dios chegou a ser patrón maior da Illa durante dous anos, o posto de maior responsabilidade da vida mariñeira. A noticia chegaba sen que aínda a vida arousá se repuxera da detención de Bruno Santiago, cunha intensa operación policial incluída, que tivo por escenario a praia de Conretellado, moi transitada nos meses de verán.

12 de nov. de 2010

Informe do Consello de Contas: os ingresos da Arousa



[Manuel Suárez Nieto] O Consello de Contas de Galiza é o ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego. O pasado mes de xuño elevou ao Parlamento o último informe, referido ao exercicio 2007. Na Galiza hai 198 concellos con menos de 5.000 habitantes, entre eles, o noso, que rexistrou uns ingresos superiores á media do seu grupo. O informe tamén inclúe a fiscalización das contas das confrarías, corporacións de dereito público dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar. 

9 de nov. de 2010

As novas rotondas

Rotonda en obras, no acceso á ponte

[Susi Rial] Nun período de tempo non moi grande, pouco máis dun ano e medio, e nun traxecto non moi longo, dende a ponte ata as Laxes, o ordenamento viario viuse modificado coa implantación de, nada menos, que tres rotondas. A súa presenza obrígalles ós vehículos a controlar a velocidade, e mellora a fluidez do tráfico, evitando incómodos semáforos. E, sen dúbida, contribúe a unha nova percepción do territorio.

8 de nov. de 2010

Undertown, en directo



[Redacción] Marcos Nine preséntanos o documental da actuación de Undertown, banda arousá de rock, durante as pasadas festas do Albariño, en Cambados.

A favor da peonalización



[Redacción] Dos 24 votos recibidos na última enquisa sobre unha hipotética peonalización do centro urbano da Arousa, un 70% amosouse partidario desta posibilidade. E case un 30% votou en contra. Entre os argumentos favorables que os lectores expuxeron nos comentarios, destacan a solución de problemas como a conxestión do tráfico no verán ou a perigosidade que supón camiñar por certas rúas estreitas, nas que os peóns apenas teñen espazo. Iso si, os comentaristas tamén recoñecen que é un proceso complexo, que requirirá da construción de aparcamentos e do deseño de alternativas de tránsito que faciliten a entrada e a saída da illa.

29 de out. de 2010

A luz dos mortos

O cemiterio vello

[Redacción] Gústalle ao pobo arousán que os seus mortos, coma os vivos, teñan luz que os alumee na noite, aínda que sexa só unha vez ao ano. Así, cada un de novembro, o cemiterio énchese de bombillas e créase arredor do camposanto un resplandor que convida á visita nocturna. Este ano, porén, o sistema de iluminación será diferente. O cableado do cemiterio vello non reúne as condicións de seguridade axeitadas, segundo informou a Compañía de Electrificación, que se encarga da instalación. E o cemiterio novo aínda funciona con “luz de obra”. A empresa eléctrica propúxolles aos veciños a contratación dunha nova rede de alumeado, pero ante a falta de acordo económico –cada abonado debería pagar 30 euros pola instalación, máis outros cinco de cota mensual–, cadaquén poñeralles luz aos seus defuntos ao seu xeito. Velas, lanternas e leds servirán para prender a chama do recordo, en ausencia das bombillas. E nas fiestras dalgunhas casas, seguindo unha vella tradición, na noite de Defuntos aboiará nun vaso de aceite unha “bolboreta” –un pequeno disco de cartón cunha mecha– acendida por cada unha das almas que xa van alá.

27 de out. de 2010

Candido Pazó estrea na Arousa ‘Memorias dun neno labrego’

 Pazó e mais o alcalde, durante a presentación da obra aos medios

[Redacción] O auditorio municipal da Arousa acolle o sábado 30 de outubro, ás nove da noite, a estrea da adaptación teatral de Candido Pazó da obra “Memorias dun neno labrego”, un clásico da literatura galega, escrito por Xosé Neira Vilas. Segundo explicou Pazó na presentación do espectáculo, na que estivo acompañado polo alcalde, Manuel Vázquez, trátase dun monólogo narrativo e escénico, creado a partir da obra de Neira Vilas, ao que lle engadiu os seus propios textos e outros de tradición popular. Logo da representación en primicia no auditorio, a obra tamén se levará a escena no instituto, onde está previsto que acuda o propio Neira Vilas.

Ayes de Orjais

A portada do libro, publicado pola editorial Dos Acordes

[Susi Rial] Hai agora uns once anos, chegou ás mans do arousán José Luís do Pico Orjais, por mediación de Ugia Pedreira e Ramom Pinheiro, a copia dun manuscrito que, se presumía, podería ser de Marcial Valladares. Este feito marcaba o inicio dunha intensa investigación, á que se uniu no 2006 Isabel Rei, profesora do Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Esta longa travesía culminou coa publicación do cancioneiro "Ayes de mi país", que será presentado o vindeiro venres, 29 de outubro, ás 20:30 no auditorio de Rianxo.

26 de out. de 2010

Un compromiso con Carreirón



[Susi Rial] Carreirón é un dos maiores tesouros que posúe a Illa de Arousa. Pertence ó complexo intermareal Umia-O Grove e a súa paisaxe é tan fermosa como fráxil. E iso é debido, principalmente, á súa compoñente areosa, posto que, como di o biólogo Juan Poza, todo Carreirón vén sendo unha gran duna. A lista de normas e restricións a seguir son tantas, que se enchería de carteis a rotonda da entrada a Carreirón, ademais de que non contaría coas simpatías do público. Pero, dende aquí, consideramos que a información é básica, polo que imos achegar o noso pequeno gran de area, dando algunhas pautas de conduta que se deben levar a cabo durante unha visita a Carreirón.

22 de out. de 2010

Uxía²

Fotografía tomada da web de Uxía

[Manuel Suárez Nieto] Uxía's ao cadrado, ou ao caldeiro, como gusten. Ultimamente as sereas fondean na Abilleira ao abrigo dos temporais do sur. Que as traería a este o porto?, que fixo que aquí quedaran?, sería a boa fama dos nosos carpinteiros de ribeira?
Hai uns días falabamos do "Manual de sedución" dos Marful da Ugia Pedreira e do seu “Pasodoble Universal”, no que se acordan das mulleres da Arousa, das que din que non se mercan nin se venden.
Hoxe vennos á memoria o último traballo de Uxía Senlle, "Eterno Navegar", un disco con conexións moi intensas coa nosa terra. A peza número oito chámase "A fala da serea", e segundo a propia autora é “un autorretrato un tanto distorsionado feito coma homenaxe a unha illa que me deu tranquilidade e alegría, A Arousa”. Tamén son feitas na Arousa as fotos da capa e as do interior que acompañan cada un dos temas. Podemos ver dende Carreirón ata Barbafeita. A reportaxe fíxoa o Quim Farinha (este debe ser un burás).
Neste enlace poden escoitar os temas do disco, e se lles gusta, mérqueno.

21 de out. de 2010

Luís Guillán, in memóriam

 Luís Guillán (no centro, co xeonllo erguido), nunha fotografía familiar

[Susi Rial] O pasado 12 de outubro, morría á idade de 95 anos Luís Guillán Cores, na súa casa e rodeado de toda a súa familia. Con el desaparece unha testemuña dunha parte importante da historia da Illa de Arousa, en concreto, aquela que atinxe á primeira das grandes reivindicacións arousás: "luz, ponte e concello".

20 de out. de 2010

Pechada unha irregular tempada de dornas a vela

Unha das embarcacións participantes na Volta á Arousa 2010

[Redacción] As regatas de dornas a vela pecharon este ano a súa tempada máis irregular dos últimos tempos. O vento, os problemas internos dos clubs e as desavinzas entre colectivos de diferentes localidades contribuíron a enrarecer o ambiente. Para comezar, o Trofeo Galicia, a competición máis importante do mundo na súa modalidade, quedou a medio facer.

17 de out. de 2010

Noitebús, máis ca un medio de transporte


[Susi Rial] O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, anunciaba o pasado mes de setembro a retirada das subvencións públicas para o servizo de Noitebús, dentro da súa chamada "política de austeridade". A nova non deixou indiferente a ninguén e as protestas non se fixeron agardar.

15 de out. de 2010

Ubuntu

Imaxe tomada da Galipedia

[Manuel Suárez Nieto] O outro día na Biblioteca Municipal levei unha alegría, ademais de ser todo un pracer ver á nosa bibliotecaria e os premios María Moliner que xunta, como quen non quere a cousa, nos estantes, facéndonos sentir a todos un pouco máis orgullosos de ser de onde somos. O caso é que tiña que consultar o correo e pregunteille que computador podía usar.

As enquisas do non

 

[Redacción] Ata o de agora, nas enquisas que levamos publicadas, gaña a opción do “non” por maioría. A primeira consulta, sobre as obras da ponte, contou cunha participación de 25 votos, dos cales un 76% manifestou un descontento co resultado das reformas que se están a acometer no viaduto. A segunda enquisa, que interrogaba sobre a política municipal de deportes, recibiu 19 votacións, e máis do 60% valorou negativamente o apoio brindado polo Concello ao deporte local. A nova enquisa aborda un tema recorrente cando se fala da conxestión de tráfico no centro urbano da Arousa, a posibilidade de peonalizar algúns barrios e rúas. Teñen unha semana para votar.

6 de out. de 2010

Enganchados ó Facebook


[Susi Rial] As redes sociais son o último chanzo na comunicación virtual, que comezou no seu día co sinxelo correo electrónico. Os arousáns non estamos á marxe destas novas tecnoloxías. Redes como Tuenti, Twitter e Facebook adoitaban ser de uso case exclusivo da xente nova. Pero hoxe en día a idade dos usuarios está moi diversificada, o cal enriquece en gran medida os seus contidos.

4 de out. de 2010

Gaivotas

 O botín da gaivota
A limpar o peixe, en compaña

[Redacción] Algúns mariñeiros din delas “que lles das de comer e che cagan enriba”, unha frase que non deixa en moi bo lugar ás gaivotas. Pero gusten ou non, haille que recoñecer a súa habilidade para obter alimento, mesmo botando man de sofisticadas técnicas. As gaivotas son capaces de coller ameixas e mexillóns co peteiro, para logo deixalos caír desde o alto, co obxectivo de que as cunchas escachen contra o chan. Saben abrir ameixas, e tamén saben que a unha limpeza de peixe sucédelle un festival de maghas fáciles.

O legado de Ramón Ferro

 Fotografía tomada do Club de Piragüismo

[Susi Rial] O deporte arousán está de parabéns. O pasado domingo 26 de setembro, Ramón Ferro culminaba un soño que levaba perseguindo durante varios anos, gañar o campionato do mundo. Desta maneira, consolídase como o mellor deportista nado na Illa.

22 de set. de 2010

Ponte ou viaduto?

 Así imaxinaban a ponte
nun folleto de finais dos 70


[Susi Rial] Nos anos sesenta, os arousáns imaxinabamos que a nosa desexada ponte estaría sostida por arcos, ó gusto das antigas pontes romanas. Na festa da ponte de 1979, imaxinouse unha ponte colgante, quizais debido á influencia da ponte de Rande. Pero agora, 25 anos despois da súa inauguración e a piques de rematar a súa primeira gran reforma, que ocorrería se nos dixeran que o noso gran triunfo non é unha ponte, senón un viaduto? Pois todo semella indicar que así é.

16 de set. de 2010

Pasodobre universal (e da Arousa)



[Redacción] A canción que poden  escoitar no vídeo chámase “Pasodoble universal”, e acórdase da Arousa no minuto 1.35, e de Butango e de Polonia. Trátase do tema de lanzamento de “Manual de sedución”, o segundo e último traballo discográfico de Marful, grupo liderado pola cantante Ugia Pedreira. Colaboradora da revista Dorna, Pedreira coñece ben a ínsula así que vai estar coma na casa no concerto que vai ofrecer a noite do venres 17 no auditorio. Nesta ocasión, será co grupo Nordestinas, o conxunto que forma xunto con Guadi Galego e Abe Rábade.

Xa temos wifi municipal, ou non?



[Manuel Suárez Nieto] Un ano máis, a única actividade que vemos na web municipal é a publicación da adxudicación dos contratos con cargo ao Plan E 2010,  Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local. O pasado mes de abril, a xunta de goberno local do Concello aprobaba a adxudicación da obra "Despregue de rede sen fíos para acceso wifi en edificios e instalacións municipais" por un importe de 95.705 euros á empresa Dúo Telecomunicaciones, cun prazo de execución de dous meses. As obras xa remataron e o Concello está a dar claves de acceso a aqueles usuarios que o desexen e se pasen polas dependencias municipais.

13 de set. de 2010

25 anos non son nada

Un momento das obras de construción da ponte

[Susi Rial] O 14 de setembro de 1985 cambiou a vida irremediablemente da xente da Illa de Arousa. A nova existencia do acceso rodado á Illa traería consigo unha nova percepción xeográfica. Antes o Bao daba a sensación de estar lonxe, moito máis lonxe do que está agora. Era un espazo enlamado que semellaba non formar parte da Illa, porque era coma un mundo aparte. A súa contribución foi vital para cumprir o vello soño da ponte.

Os actos do aniversario da ponte

O cartel da festa de aniversario
Fonte: A Illa dos Carcamáns


[Redacción] O Concello da Illa de Arousa celebra do 14 ao 18 de setembro o 25º aniversario da construción da ponte, cunha programación de actividades que inclúe concertos, unha mostra fotográfica sobre os momentos clave da infraestrutura (as reivindicacións populares, a primeira pedra e a inauguración) e unha mesa redonda na que intervirán Sito Vázquez e outros membros da “comisión pro-ponte” de 1979. Os festexos chegan nun momento no que a ponte está a experimentar a maior reforma da súa historia, consistente na reparación dos elementos estruturais e na ampliación da plataforma viaria. As obras, valoradas en 14 millóns de euros, está previsto que rematen a comezos do vindeiro ano.

12 de set. de 2010

Novo deseño, nova tempada


As vacacións foron longas, pero miren que castelo construímos. É fraxil, xa o sabemos. A calquera hora, a subida da marea lévao por diante. Pero iso non impide que, gran a gran de area, vaiamos edificando soños, experimentando con fórmulas que nos acheguen a un proxecto mediático da Arousa e para a Arousa. Comezamos nova tempada, con novo deseño. Vostedes teñen, como sempre, moito que dicir. O novo correo naillaredaccion@gmail.com está á súa disposición, para enviar notas de prensa, avisos, suxerencias e tamén queixas.

31 de xul. de 2010

De vacacións


Durante o mes de agosto, este blog non se actualizará coa regularidade de costume. Despois de catro anos de actividade ininterrumpida, collemos unhas semanas de vacacións para descansar e repoñer enerxías. Non se esquezan deste sitio, porque volveremos en setembro, e con algúns cambios e melloras.

27 de xul. de 2010

O desembarco na distancia


[Susi Rial] O día do Carme é o día máis agardado de todo o ano na Illa. A súa chegada marca o final das festas, por iso todo o mundo trata de vivilo da forma máis intensa posible. A primeira opción é ir á procesión. Pero os amantes do "vermú" prefiren ficar en terra, porque non hai día no que a hora de xantar se demore tanto.

26 de xul. de 2010

Os da 'Galega' van ao raño

 Un reporteiro do programa Na túa pel acompañou a un mariñeiro arousán ao raño para facer unha reportaxe sobre o marisqueo a flote. Despois dunha xornada de traballo, o reporteiro acabou  rebentado, con quilo e medio de ameixas e unhas cantas bochas... Aquí teñen  o programa enteiro, emitido o pasado 20 de xullo.   As cámaras da canle autonómica tamén estiveron gravando nas festas, esta vez, para o programa Na punta do pé.

22 de xul. de 2010

Habemus fonte

A nova fonte de pedra do Charco, instalada esta mañá

O barrio do Charco estrea fonte, logo de máis de tres anos de espera. A recuperación da fontenla é un logro veciñal, que pode servir de exemplo para outros rueiros preocupados polo seu patrimonio. Así seguimos os acontecementos desde na illa:

-Quedamos sen fonte  (xaneiro 2008)
-Os veciños defenden un símbolo do Charco (agosto 2008)
-Activismo cidadán (xullo 2009)
-E agora aparece un ramo (xullo 2009)
-A fonte que si existiu (xullo 2009)
-As fotos da illa dos carcamáns (maio 2010)

16 de xul. de 2010

O silencioso fito xeográfico

Vértice xeodésico no Santo
Placa que acompaña o vértice

[Susi Rial] Dende o ano 1982, a impoñente estatua do "Santo" vese acompañada por unha discreta construción de formigón. Trátase dun fito xeográfico ou vértice xeodésico. Forma parte da rede xeodésica sobre a que se articula toda a cartografía de España. Faise a modo de triangulacións no terreo, nos cales, os fitos son os vértices dos triángulos. Calquera traballo topográfico ou de levantamento de mapas ten que apoiarse nesta rede. De aí a súa gran importancia, moi ben referida na placa que o acompaña. Enriba do cilindro hai un punto sobre o que se pode traballar para facer medicións. Non sen certa dificultade, pois non debe ser moi sinxelo subir até ese punto cun trípode e un aparato de cinco quilos. Pero, iso si, a súa fiabilidade está máis que contrastada. Fronte ó Concello, hai unha placa similar á do fito. Nela aparece o sistema ETRS89, que inclúe a utilización de novas tecnoloxías como o GPS, que fai que a precisión final sexa notablemente mellor. Pero supoñemos que se trata dunha placa meramente informativa, porque non atopamos por ningures ningún punto onde fora posible traballar.

15 de xul. de 2010

Canteiras improvisadas

Canteira na zona de Gradín
Marcas de canteiría nun con da Grañeira

Se as dunas forneceron de area as labores de construción dos habitantes da Arousa, a extracción de pedra tamén debeu ser unha práctica habitual noutros tempos. Moitos cons da Arousa presentan marcas de canteiría que así o indican.

As dunas da Arousa, en perigo

 Valado que protexe as dunas en Carreirón

As dunas frean o avance do mar sobre a terra, así que a súa destrución, máis alá dos prexuízos ambientais, tamén ten efectos sobre a propia superficie territorial da Arousa, que pode ver diminuída aínda máis a súa reducida extensión de solo. A urbanización da beiramar, o tráfico rodado e a carretaxe da area son algunhas das ameazas que pesan sobre o sistema dunar da illa. Coa información facilitada polo biólogo Juan Poza, presentamos unha relación das dunas máis destacadas.

12 de xul. de 2010

Roxa, rubia, vermella, encarnada

A I Festa da Ameixa Roxa, no Chufre, coas bandeiras en homenaxe á selección de fútbol

Coincidiu esta fin de semana a primeira festa da ameixa “roja” coa victoria da “roja” no Mundial de Fútbol de Sudáfrica. Dirán vostedes que ten que ver unha cousa coa outra, pero os amigos das cábalas de seguro que non pasan por alto tanta casualidade. Habendo no mar incontables especies de viandas comestibles, foi precisamente a ameixa “roja” a escollida para facer de engado dos turistas, unha vez máis. Non existe en Galicia ningunha outra exaltación gastronómica especializada na venerupis rhomboides, e inventámola nós. Fíxense vostedes, ademais, no acertado da tradución: á hora corrixir o castelanismo co que se denomina na Arousa a ameixa, optouse pola forma “roxa”, desbotando outras posibilidades como “vermella” ou “encarnada”, máis axeitadas para traducir o termo castelán “roja”. “Roxa” tiña que ser, e con razón. A venerupis rhomboides chámase tamén “ameixa rubia”, e polo tanto, tamén poder ser “roxa” na acepción deste termo en galego, aínda que sexa un adxectivo que, asociado á ameixa, careza de tradición.
E vai a selección española de fútbol, a “roja”, un equipo sen tradición vencedora, e conquista, por primeira vez na historia, o título do mundo na fin de semana da “roxa”. Os astros estaban aliñados, e numerosos arousáns botáronse á rúa a celebralo. E as bandeiras españolas, gardadas no fondo do baúl á espera da festa do Carme, saíron do armario.

9 de xul. de 2010

Novo xefe para o marisqueo a flote

Mariñeiros á volta do raño

Logo dun baleiro de poder que se prolongou durante dous meses, a confraría da Arousa xa ten novo patrón maior. A xunta xeral elixida nas eleccións celebradas a mediados de xuño vén de designar a Ángel Iglesias García, “o Pichón”, xefe do marisqueo a flote. O seu mandato durará apenas un ano, ata que a Consellería do Mar convoque eleccións xerais nas confrarías galegas, previstas para o 2011. Co nomeamento de Ángel Iglesias, péchase a situación anómala que viviu a confraría tras a dimisión, o pasado mes de abril, de boa parte do equipo de Benigno Chaves, anterior patrón maior. Segundo a nova lexislación, é a Xunta a que se encarga de convocar eleccións en todas as confrarías galegas a un tempo. Tras esgotar o seu mandato de catro anos, e ante a imposibilidade de organizar uns comicios, Chaves decidiu renunciar ao seu cargo e forzar deste xeito as votacións para a renovación da directiva.
A nova dirección da Confraría,  composta polo patrón maior, un vicepatrón, un terceiro patrón e mais cinco cabildos, destaca pola súa xuventude. O órgano que elixe a directiva é a xunta xeral, formada por 24 membros, entre mariñeiros e armadores.

As dunas da Area da Secada

Dunas na Area da Secada

[Susi Rial] Sempre estiveron aí. Para calquera que teña nacido ou vivido na Illa durante moitos anos, non lle parecerá estar vendo o extraordinario conxunto que en realidade é. As dunas da Area da Secada son dunha certa entidade, polo que non é doado ver algo semellante nos arredores. Dicir, como curiosidade, que incluso foron escenario dalgunha que outra serie de televisión. Na súa formación entraron en xogo varios factores: un espazo moi areoso e a confluencia de varias direccións de vento. Nun principio deberon de ser móbiles, até que foron fixadas pola vexetación que as  colonizou. O fenómeno dunar máis impresionante que atopamos nas Rías Baixas está en Corrubedo, coa súa gran duna móbil de máis de un quilómetro de lonxitude. Hai xa varios anos que tivo que ser pechada ó público, para protexela dunha morte prematura. Así pois, e tendo en conta as diferencias, aproveito esta oportunidade que me foi dada para pedir medidas de protección e preservación deste espazo dunar. Porque forma parte do noso patrimonio. Porque se trata dunha riqueza natural que nos ofrece a nosa Illa. E, o que é máis importante, porque é o noso deber.

5 de xul. de 2010

Sons da Arousa: as 10 da noite

Aquí teñen o primeiro rexistro sonoro dunha colección que agardamos ir ampliando pouco a pouco (e mellorando en calidade), ata conformar un arquivo sonoro da Arousa. Comezamos coa peculiar forma de dar as dez do reloxo público da caixa de aforros. A gravación fíxose o 27 de xuño de 2010, ás 22.00 h, con día claro e os paxariños a piar. Admítense suxerencias sobre posibles escenarios.

Paté de mexillón galego

Boiromar presentou recentemente un gorentoso paté de mexillón

Boiromar vén de lanzar ao mercado un paté de mexillón en salsa de vieira, que supón unha innovación na familia de conservas elaboradas con este molusco. O paté comercialízase en caixas de dúas unidades de 85 gramos cada unha, e está dirixido ao canal de tendas de delicatessen e pequeno comercio. Segundo consta no envase, está elaborado de xeito artesanal, sen ningún tipo de aditivo, e con mexillón galego. A intención da compañía é incorporar aos seus produtos o selo da denominación de orixe, que como poden comprobar, xa está presente na súa web.

2 de xul. de 2010

O verán que chegou

A praia do Mallón, nunha tarde de agosto

[Susi Rial] Tódolos anos, cando se aproximan as datas estivais, adoitamos escoitar nos medios de comunicación que o que se achega, será o verán máis cálido da Historia, sempre coa sombra alongada do cambio climático detrás. E este verán 2010 non é unha excepción, dende logo. Hai que ter en conta que cando se refiren á "Historia", queren dicir dende que se teñen datos, cousa que só acontece dende os anos 70. Polo tanto, o espazo de tempo non chega a ser o bastante significativo. Neste verán dise que as temperaturas aumentarán unha media de un ou dous graos. Neste sentido, os expertos de Meteogalicia, páxina web de referencia en canto ás previsións meteorolóxicas, avisan do arriscado que é facer unha predición a tan longo prazo. Aínda así, de ser certa, só é válida para o sur de España. Na Rías Baixas, pola contra, contamos cun clima máis variable, de xeito que non nos salvaremos dos días de chuvia, nin de poñernos unha boa chaqueta pola noite. E, por suposto, moito coidado coas altas temperaturas, sobre todo nenos e persoas maiores, sen esquecerse de recomendacións como as de beber auga aínda que non se teña sede e evita-lo sol entre as 12:00 do mediodía e as 16:00 da tarde.

30 de xuño de 2010

Abellas de San Pedro

Unha repoluda abella de San Pedro, vista desde diferentes ángulos

A abella de San Pedro, tal e como lle chamamos na Arousa, é un insecto voador, de movementos aparentemente torpes. Se un becho peludo coma este lles bate na cara, non se asusten, porque non fai mal ningún. Mais que abella é escarabello, así que non ten aguillón e, ademais, déixase atrapar con facilidade; mesmo semella que lle gustan as atencións.
Segundo nos informan dende  Arquivos Entomolóxicos Galegos, trátase dun coleóptero melolóntido do xénero anoxia; concretamente, a nosa abella debe de pertencer  á especie anoxia villosa, que se diferencia doutro parente similiar, anoxia australis, porque este último presenta unhas raias lonxitudinais nos élitros.  En xeral, a moitos dos membros desta familia chámaselles vulgarmente escarabellos de San Xoán, por eclosionar máis ou menos nesta época do ano, nalgúns casos de forma masiva. Na Arousa é frecuente velos revoar polas hortas á noitiña.

29 de xuño de 2010

Unha misa especial

 Un cabezudo posando no atrio, ao remate da procesión

O pasado domingo foi un día de festa para a Igrexa de San Xulián. O sacerdote Víctor Suárez Gondar (Illa de Arousa, 1982), recentemente ordeado, elixiu a celebración do Corazón de Xesús para oficiar a súa primeira misa, ante a xente que o veu medrar e tocar a campaíña dende que era un rapaz. Na súa homilía, o cura arousán amosouse orgulloso de ser da Arousa, dixo sentirse "libre" e agredeceulles aos veciños que comprenderan o camiño que escolleu. A cerimonia concluíu cun sonoro aplauso por parte dos fregueses, que logo saíron en procesión coa imaxe relixiosa a ombros e os rebuldeiros  cabezudos rondando. E ao remate, ata houbo pinchos no atrio, ofrecidos polo novo sacerdote, que marcha a Roma a continuar a súa formación relixiosa.

Serán comarcal en Cambados

24 de xuño de 2010

Arquitectura de vangarda da Illa de Arousa


[Susi Rial] Os seus teitos nin son triangulares nin teñen tellas. Non están construídas de ladrillo nin están revestidas coa pedra convencional. Sinxelamente, son casas que nada teñen que ver coas que habitualmente viñan enchendo os escenarios da Illa. A construción dunha casa case sempre supón a inversión máis importante da vida e este pode ser un dos motivos polo que incluír innovacións no seu deseño, adoita ser unha decisión difícil de determinar. As casas como estas defínense polo seu deseño minimalista e o seu gran sentido da funcionalidade. Un dos precursores deste estilo foi o arquitecto Walter Gropius, fundador da escola Bauhaus en 1919. Os arquitectos da Bauhaus utilizaban como principais materiais o formigón, o vidro e o aceiro e nos seus deseños predominaban as formas simples e as liñas rectas nos edificios. Pero a Illa non só conta con deseños innovadores nas casas de particulares. Nos últimos anos vén sendo toda unha referencia na arquitectura debido á construción de edificios como os do Concello e o Auditorio multiusos, obra do premiado arquitecto Manuel Gallego Jorreto.

18 de xuño de 2010

Todos os nomes

A Consulta-O Cortixo

[Susi Rial] Adoita pasar na Illa que os donos non lles elixen os nomes ás cousas, senón que son os nomes os que os escollen. Ou, mellor dito, a xente. Aí está o caso do Cortixo. Quixo a casualidade que o seu local fose durante moitos anos a consulta do médico. E de aí, o bocadillo de pinchos sempre se foi buscar á Consulta e nunca máis ó Cortixo. Ou o caso do Saratoga. É un dos bares máis antigos da Illa e o seu polbo é moi apreciado entre os nosos visitantes. Pero os seus incondicionais sempre che proporán ir tomar unha chiquita ó Bar Suso. Mención especial merecen os bares atendidos por mulleres. Neses casos, os alcumes preferidos son os nomes de dúos musicais femininos, ó estilo de "As Ghrecas" ou "Asúcar Moreno". Por que ocorre isto? Quen sabe! Quizais é debido á nosa memoria colectiva, que nós mesmos asumimos como a maior das sabedorías. Por iso, cando a unha persoa de certa idade lle digas, "vou ata o Moucho", pode que che mire como se lle falaras en inglés. Mellor dille "vou á de Juanito Viñas". E o mesmo se vas ó Baka. Colle o atallo e dille "vou á do Capricho". E isto non ocorre só cos bares. Aí temos, por exemplo, o caso do Xufre; obviamos por completo o intento de "normativización" imposto e nunca puxemos en dúbida esa "ch". Por iso, cando alguén vén de fóra e pronuncia a forma que cre correcta, non podemos evitar miralo con certa dor, do mal que nos sona. Por non falar do Santo. Porque non é un santo. Trátase do Corazón de Xesús, é dicir, de Xesucristo. Polo tanto, deberíase chamar "O Cristo". Pero non. Nunca será O Cristo. O Santo é o Santo.

Muiñeira da Arousa

O grupo de Dorna, o Día das Letras Galegas

O grupo de música tradicional da asociación Dorna pecha o curso este domingo, cun festival que terá lugar no auditorio municipal, as 20.30 horas. Entre o repertorio, destaca a Muiñeira da Arousa, musicada por Dorna e composta de varias coplas recollidas da tradición oral carcamana. Como verán, as letras son comúns a moitas cancións populares galegas, pero hai unha estrofa, a última, na que se recolle a especifidade arousá, cun enfrontamento de "barbas" entre San Xulián, o patrón carcamán, e San Amaro, o patrón dos caliveras. O mellor será, claro, que a vaian escoitar en directo.

Muiñeira da Arousa
O gaiteiro de Saiar
foi tocar a Redondela
deixou a gaita no Grove
agora chora por ela

E véndeme os bois
e véndeme as vacas
e non me vendas
a cunca das papas [volta]

15 de xuño de 2010

O motor do Comaira

O motor, tal e como estaba no barco cando foi cedido para a súa restauración no 2008
O  Barreiros Diesel do Comaira foi inscrito na Pobra en 1974
O resultado final, logo de tres semanas traballando nel

O  galeón Comaira navegaba, na súa etapa de barco bateeiro, propulsado por un mítico motor Barreiros Diesel A90, que orixinalmente debeu pertencer a un camión, e  logo foi adaptado para o mar, segundo o convencemento da persoa que o acondicionou. Nas imaxes poden ver o "antes" e o "despois" da máquina  tras un proceso que requeriu un rascado profundo e aplicación de imprimación e  de pintura. Tamén houbo que arranxar o enfriador, que estaba atascado.
O grupo de mozos arousáns que está a restaurar o  antigo Comaira prepara para este verán varias actividades para obter financiamento e continuar coa posta a punto do barco. Quedan pendentes a montaxe do motor e a instalación eléctrica, para a que se precisan arredor de 3.000 euros, así como a construción da ponte e a dotación da vela, necesarios para devolver a embarcación ao seu estado orixinal. A vela para un barco destas características, cunha eslora de 12 metros, pode acadar un prezo de 6.000 euros.