Luís Guillán (no centro, co xeonllo erguido), nunha fotografía familiar
[Susi Rial] O pasado 12 de outubro, morría á idade de 95 anos Luís Guillán Cores, na súa casa e rodeado de toda a súa familia. Con el desaparece unha testemuña dunha parte importante da historia da Illa de Arousa, en concreto, aquela que atinxe á primeira das grandes reivindicacións arousás: "luz, ponte e concello".
A xuventude de Luís Guillán estivo marcada pola prematura morte do seu irmán maior José, falecido de tuberculose en 1933, á idade de 26 anos. Luís e o resto dos irmáns faríanlle un enterro laico, o primeiro celebrado na Illa de Arousa, por expreso desexo do falecido.
Anos máis tarde, sería o primeiro empregado na Compañía de Electrificación, empresa fundada en 1946 e propiedade da familia Goday e que aínda hoxe fornece de electricidade á Illa de Arousa. Luís Guillán foi unha importante parte activa na chegada da luz á Illa.
A electrificación levouse a cabo mediante un complicado proceso, no que a electricidade pasaba por un cable submarino polo Bao, adquirido mediante axuda popular. Daquela, os oficios sustentábanse na artesanía máis que na tecnoloxía, e supoñía unha habilidade que posteriormente herdaron os fillos, como é o caso de Luís Guillán e do seu compañeiro na Compañía de Electrificación, José Rivas, tamén falecido.
Home de gran corazón e de bágoa fácil, a Luís Guillán gustáballe cantar e asubiar, e tocaba a frauta con gran fluidez, aínda que aprendera a facelo de oído. Nin os problemas de saúde, nin a avanzada idade, lograron minguar en ningún momento o seu ánimo pola vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.