Buscar neste blog

9 de xul. de 2010

As dunas da Area da Secada

Dunas na Area da Secada

[Susi Rial] Sempre estiveron aí. Para calquera que teña nacido ou vivido na Illa durante moitos anos, non lle parecerá estar vendo o extraordinario conxunto que en realidade é. As dunas da Area da Secada son dunha certa entidade, polo que non é doado ver algo semellante nos arredores. Dicir, como curiosidade, que incluso foron escenario dalgunha que outra serie de televisión. Na súa formación entraron en xogo varios factores: un espazo moi areoso e a confluencia de varias direccións de vento. Nun principio deberon de ser móbiles, até que foron fixadas pola vexetación que as  colonizou. O fenómeno dunar máis impresionante que atopamos nas Rías Baixas está en Corrubedo, coa súa gran duna móbil de máis de un quilómetro de lonxitude. Hai xa varios anos que tivo que ser pechada ó público, para protexela dunha morte prematura. Así pois, e tendo en conta as diferencias, aproveito esta oportunidade que me foi dada para pedir medidas de protección e preservación deste espazo dunar. Porque forma parte do noso patrimonio. Porque se trata dunha riqueza natural que nos ofrece a nosa Illa. E, o que é máis importante, porque é o noso deber.

5 comentarios:

  1. A función das dunas é amortecer o avance do mar para evitar que iste avance sobre a terra. Antes da construción da ponte había moitas dunas en todo o litoral do leste. Trala inauguración da ponte, os camións grúa fixeron o seu agosto quitando coches que quedaban enterrados nas dunas. Trala súa colmatación, o mar foille gañando terreo á terra, o cal é evidente nun paseo polo entarimado que ven desde O Vao: xa o mar está a piques de arrincalo en algúns puntos.
    Impresionante duna debeu ser tamén a do Furado. De alí sacouse a area de cáseque tódalas casas vellas da Arousa. Son os vestixios dunha duna fósil formada cando o nivel do mar estaba varios metros por riba do actual.
    Mención enpecial tamén merece a duna do Vao. Non o parece porque por riba dela pasan os coches coma se fora unha estrada. Non creo que aguante moito ise ritmo. Pronto desaparecerá e meterase o mar por toda a marisma ata chegar á elevación da estrada da ponte.

    ResponderEliminar
  2. Por certo, a duna da Area da Secada é móbil, pois pode comprobarse que carece de vexetación en gran parte da súa superficie e, ademais, as úa area desprázase cambiando a súa forma ao longo do ano.
    Hai moitas dunas baixas fixas ao longo do litoral da Arousa, que non o parecen porque están cubertas de vexetación mesturándose a típica dunar coa terrestre. Pero certamente estanse a perder a causa da colmatación.
    Outra duna importante é a de Espiñeiro. Menos mal que se puxo o cercado de madeira porque os coches metíanse por ela ata aparcar na mesma praia.
    Por certo, as tumbas que apareceron na praia (non me acorda o nome) dan idea da cantidade de terro que xa lle comeu o mar á terra desde que se construiu a ponte, como resultado da destrución das dunas que había por esa zona.

    ResponderEliminar
  3. Juan, aínda che faltou por mencionar unhas dunas que hai en Carreirón, e que tamén foron protexidas cun cerco hai un par de anos, máis ou menos. Se mo permites, vou recoller a información que facilitas sobre as dunas da Arousa e publicala nunha entrada propia, para facilitarlle a consulta a todos os interesados.
    Grazas.

    ResponderEliminar
  4. A min contanme os vellos que se sacaba a area para as casas do areoso e da area da secada e que as dunas eran moito máis grandes do que nós recordamos. O do vao é moi forte porque a xente empéñase en ter o coche enriba da praia e pronto vai chejar a ajua arriba. Deberíanse protexer e respetar todos eses espacios pero parese que nadie lle dá a importansia que teñen

    ResponderEliminar
  5. Non me esquecín das dunas de Carreirón porque se nos poñemos a mirar cáseque todo Carreirón é unha duna. De feito, a lagoa de Carreirón non é nin mais nin menos que un cacho de terra tapado por unha antiga duna. Vese area en gran parte da superficie de Carreirón, e afondando un pouco atopamos máis area.
    Por certo, nailla, podes utilizar a información xa que a min o que me interesa é que a xente coñeza os valores naturais para protexelos. Ademáis, protexendo as dunas estase a protexer a propia superficie territorial da Illa de Arousa xa que en caso contrario vai a ir a menos e os dominios de Costas vanse a ir extendendo máis terra adentro.
    Non nos esquezamos de que o nivel do mar está subindo unha media de 2 cm cada dez anos (2 mm anuais) segundo o seguemento que se está a facer desde 1960. Entre o ano 1960 e o 2000 o nivel do mar, en todo o mundo, subeu 7 centímetros.

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.