Buscar neste blog

18 de set. de 2008

Veciños das Laxes solidarízanse cunha conveciña en cadeira de rodas

Os veciños das Laxes reclamaron no Concello que se asfaltase o camiño de servidume

Veciños e propietarios do terreo enfrontáronse ante as cámaras de "España Directo"


A veciña en cadeira de rodas sae da casa, unha vez que lle arranxan o camiño


Un grupo de veciños das Laxes reivindicou hoxe no concello, e ante as cámaras do programa televisivo España Directo, que se asfaltase o acceso á casa dunha veciña, que está en cadeira de rodas. Aínda que as autoridades municipais intentaron atender esta solicitude anteriormente, trátase dun camiño de servidume cuxos propietarios se opoñían ás obras. Finalmente, a presión cidadá e a atención mediática desencadearon o inmediato acondicionamento do terreo, ante o aplauso dos veciños e a ira dos propietarios.

Tanto no conflito da fonte do Charco como agora no conflito do camiño das Laxes, púxose de manifesto a solidez das redes de solidariedade veciñal na illa. A falta de asociacións de veciños, ás persoas que queren facer valer as súas reivindicacións non lles queda outra que chamar de porta en porta e organizar un acto de protesta colectiva no concello. Trátase dunha canle de participación informal, pero eficaz.

Unha casota arbórea

Casota no Lagartiño

Na illa chámaselles “casotas” aos refuxios que constrúen os rapaciños, xeralmente no monte, camuflados entre árbores e silvas, con pretensión de lugar secreto de reunión e de xogos. Esta que ven na imaxe, no Lagartiño, non é unha casota ao uso, pola sofisticación da construción, enriba dun piñeiro, e o visible que é desde o camiño.

16 de set. de 2008

As protestas dos bateeiros radicalízanse

Ao fondo, os antidisturbios, que cargaron sen miramentos contra os bateeiros

Os piquetes tentaron impedir o paso dos camións que transportaban mexillón

Numerosas persoas da illa achegáronse ata Vilanova, para apoiar os manifestantes

As accións dos piquetes radicalizáronse


Despois de sete semanas de mobilizacións, negociacións, piquetes, manifestos e folgas, o sector mexilloeiro acusa o desgaste. Sen vender e sen lograr un acordo de consenso que una a todo o sector, os bateeiros amosaron hoxe no porto de Vilanova a súa desesperación. Centos de produtores afíns a Pladimega concentráronse desde primeiras horas da mañá no peirao vilanovés para impedir que Virxe do Rosario vendese mexillón aos cocedeiros, burlando a folga. Os piquetes, que trataron de frear o transporte da mercadoría, foron contestados cun contundente dispositivo de antidisturbios. Os enfrontamentos entre ambos os dous bandos sucedéronse durante todo o día e recibiron amplo eco mediático. Á tardiña, os directivos das diferentes asociacións que integran a central reuníanse de urxencia en Vilagarcía, á procura dunha saída ao conflito.

A competencia entre as diversas agrupacións de mexilloeiros desplomou no último ano o prezo do molusco ata mínimos que chegaron aos 20 céntimos o quilo, unha tarifa insostible para un pequeno produtor. O descenso das vendas, debido á masiva entrada de mexillón foráneo, e o incremento do prezo do gasóleo, sementaron o resto das condicións para que o sector entrara en crise.

Neste contexto, unha representación maioritaria dos sector decidiu crear unha plataforma unitaria de comercialización do mexillón, “Pladimega”, para fortalecer o conxunto dos produtores, cun reparto equitativo das vendas por batea e uns prezos fixos. Pero non a todas as agrupacións lles pareceu boa a idea.

Os actores do conflito mexilloeiro

Concentración de bateeiros, este mediodía no porto de Vilanova
 
PLADIMEGA. (Plataforma de distribución de mexillón de Galicia). Central de compras de nova creación que pretende implantar un sistema de vendas unitario para a comercialización do mexillón en Galicia, cun reparto xusto e equitativo por batea. Está constituída por diversas asociacións de mexilloeiros, que representan ao 80% do sector, con 2.300 bateas das máis de 3.000 existentes.
Tras frustrados intentos, Pladimega non conseguiu integrar a tres colectivos, Cons do Udra, Virxe do Rosario e Federación Arousa Norte. Cada un esgrime os seus motivos para non sumarse á central, aínda que fontes do sector sinalan tamén outra motivación: vender por baixo dos prezos que fixe Pladimega para acaparar mercado.
 
CONS DO UDRA. Colectivo de bateeiros da ría de Vigo no que conflúen latifundistas e minifundistas. A metade das bateas asociadas pertencen a moitos pequenos propietarios, mentres que a outra metade concéntrase nas mans duns poucos socios. Estes últimos son os que levan a voz de mando. O principal directivo é Amador Mallo, quen mantivo en vilo ao sector mexilloeiro, ao anunciar a integración de Cons do Udra en Pladimega, para logo recuar. Particularidades: Cons de Udra conta cun mexillón de calidade, con moi boa saída no mercado; por outra banda, a ría de Vigo adoita estar pechada por toxina con máis frecuencia que noutros polígonos. Motivos para non sumarse a Pladimega: un propietario con setenta bateas pódese permitir rebaixar o prezo do mexillón, porque o gran volume de facturación asegúralle, igualmente, beneficios. De todas maneiras, Cons do Udra non está interesado nunha venda centralizada que lle obrigue a esperar a quenda, xa que sempre é o primeiro en vender.  
 
VIRXE DO ROSARIO. Asociación con sede en Vilaxoán, que agrupa a unhas 50 bateas da ría de Arousa O seu dirixente é Javier Blanco, "JB", coñecido no sector pola súa inclinación a facer declaracións incendiarias á prensa.
Particularidades: Virxe do Rosario estase a converter nunha das caras máis visibles do conflito, feito que comeza a desagradar a algún dos socios. Motivos para non sumarse a Pladimega: Virxe do Rosario defende que as descargas para “provisión propia” (as agrupacións que contan con depuradora propia autoabastécense de mexillón) contabilicen no cupo adxudicado a cada agrupación, para evitar que unhas vendan máis ca outras. 
 
FEDERACIÓN AROUSA NORTE. Agrupación de bateeiros con sede en Boiro, liderada por Manuel Franco. O reparto dos pedidos entre os socios non se fai por orde de listaxe. Cada socio negocia individualmente nos cocedeiros a saída do seu mexillón. Particularidades: Arousa Norte vende molusco “en bloque”, en grandes cantidades e a granel, con prezos á baixa. Motivos para non sumarse a Pladimega: rexeitan o plantexamento de Pladimega sobre unha única roda de reparto dos pedidos e defenden a comercialización do mexillón baseándose en tres calidades diferentes.

15 de set. de 2008

A Lavanqueira e o Comaira, case listos

Á Lavanqueria xa só lle faltan os detalles (imaxe collida do blog de Fasquía).

O estaleiro de Manuel Mougán, na praia de Riasón, xa rematou a construción da Lavanqueira, unha dorna de tope encargada pola asociación Fasquía, no marco do proxecto de recuperación de embarcacións Desafío a tope. No blog de Fasquía podedes ver unha completa reportaxe fotográfica dos traballos de carpintería, desde os inicios ata o final, acompañada de explicacións técnicas.

Mentres, a poucos quilómetros de distancia, avanza a bo ritmo a restauración do galeón Comaira, no estaleiro de Evaristo de Castrelo. Un grupo de mozos da illa está arranxando este antigo barco de batea, coa intención de dotalo de vela, tal e como lucía orixinariamente.

Un foro da illa

Resultado das animadas e interesantes conversas que manteñen, a través dos comentarios, os visitantes deste blog, xurdiu a idea de crear un foro para debater sobre os asuntos que afectan á illa. Seguiremos con interese este novo foro de debate.

12 de set. de 2008

O Igafa, invisible na rede

Imaxe collida da web dun alumno do curso de mergullo

O Instituto Galego de Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca, non conta cunha web oficial na que consultar a súa oferta formativa e os seus proxectos de investigación. Neste centro, o único que imparte Formación Profesional na illa, pódense estudar dous ciclos de grao medio (mergullo a media profundidade e operacións de cultivo acuícola) e un de grao superior (produción acuícola). Ademais, o IGAFA organiza e participa noutro tipo de actividades marítimo-pesqueiras, desde cursos de competencia mariñeira ata proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Non estaría mal que tivera un pouco máis de presenza na rede, como lle corresponde a un centro do seu nivel.

Os coidados do Chopo

O Chopo, comendo no Chufre

Para que vexan que o Chopo, aínda que vello e coxo, segue vivo e atendido. O noso amigo pasa os días entre o Regueiro e o Chufre, buscando a quentura do sol.

8 de set. de 2008

Creada a denominación de orixe Mexillón de Galicia


O pasado 4 de setembro publicouse no D.O.G.A. o regulamento da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, onde se describen as características morfolóxicas, fisiolóxicas e xenéticas que distinguen o bivalvo, as prácticas de cultivo e a etiquetaxe. Este regulamento protexerá contra a utilización comercial, directa ou indirecta, da denominación de orixe galega de xeito fraudulento. A entidade encargada de xestionar e controlar o uso do distintivo é o Consello Regulador Mexillón de Galicia.

30 de ago. de 2008

O que dou de si o verán

Festa dos produtos do mar no Chufre

Unha vez máis, tivemos festas gastronómicas no Chufre todas as fins de semana de agosto, tentando aos visitantes con mariscadas a prezos populares. A animación turística do porto tamén beneficiou aos bares, que exhibiron terrazas cheas da mañá á noite e algúns recibiron á mesa, discretamente e sen barullos, a destacadas personalidades, desde o medallista olímpico vilagarcián Antón Paz ata o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.



O edificio multiusos, fronte á Casa do Concello
A mediados de xullo, Louzán inaugurou a nova estrada das Aceñas, financiada pola Deputación . E a finais de agosto, o Concello contou con Touriño para a estrea oficial do edificio “multiusos”, proxectado polo arquitecto Manuel Gallego, ao igual que a Casa do Concello. As obras do museo da conserva continúan.


Ao raño, no Areoso

Iscando as nasas no pantalán do Chufre
Os bateeiros botaron todo o verán facendo concentracións, piquetes e reunións. Os que van á navalla están á espera de que Pesca lles autorice o mergullo con bombonas de osíxeno. Ata o momento, traballan a pulmón. As sequeiras organizaron, como de costume, quendas diarias de vixilancia das praias para controlar o furtivismo dos turistas. Os da ameixa rastrearon no Areoso e andan descontentos co prezo das vendas. Naseiros esta tempada houbo moitos, así que a nécora e o camarón tocaron a menos.

O Areoso sen xente, unha mañá de diario

As praias da Arousa teñen cada vez máis xente, de xeito que foi habitual que se formaran caravanas ás oito da tarde á saída da ponte. A auga estivo máis quente ca outros anos, animando aos bañistas a pasar máis tempo no mar. O illote Areoso, a única colonia carcamana, vai perdendo area das dunas, e consolídase como lugar de fondeo de iates na fin de semana. Os chiringos apuran os últimos días de traballo.

Os pisos de nova construción amosan os carteis de “se vende”. As rúas están cheas de meniños que dan proba da boa evolución da natalidade. A falta de comercio, xurden novos bares. O quilo de xoubiñas cotízase a 10 euros. E de vez en cando, aparecen pola ría fardos de fariña aboiando no mar.

28 de ago. de 2008

Andoriñas

Na esquina entre o "Provi" e o Benalúa, hai varios niños

Unha cría de andoriña nun niño de todos os veráns, situado
nunha casa preto da zapatería de Ventura


Un niño abandonado, xa en desuso, na "cantina"

Tres crías espabiladas, en Entrecortiñas



Remata a época de cría e as andoriñas comezan a abandonar os niños. Aínda se ve algún pequeno rezagado á espera de que os pais lle traían comida á gorida segura do niño, pero a maioría das crías xa se aventuran a voar de cable en cable. Este verán, as andoriñas foron fieis aos seus niños de costume nas casas do centro urbano da illa. Están a gusto ampliando a familia no medio dos veciños, e que sexa así por moito tempo.

21 de ago. de 2008

Continúan as mobilizacións do sector mexilloeiro



Evolución das importacións de mexillón chileno. Fonte: Comadex


O sector mexilloeiro galego permanece en folga desde o pasado 3 de agosto debido, fundamentalmente, á caída do prezo do bivalvo nos últimos anos. Na perda de valor do mexillón influiu a masiva entrada no mercado de bivalvo foráneo, chileno na súa maioría, un produto que, en ocasións, se envasa baixo etiqueta “galega” e que non está sometido aos estritos controis que debe superar o mexillón autóctono.

Por outra banda, as divisións internas do sector, caracterizado polo minifundismo organizativo, non favoreceu a adopción dunha estratexia única para competir no mercado global, de xeito que a crise se agudizou.

Así as cousas, a descarga de mexillón para fábrica permanece paralizada, a pesares da oposición da Federación Arousa Norte e Virxe do Rosario (Vilaxoán), os dous únicos colectivos de bateeiros que se resisten a sumarse á central Pladimega (Plataforma de Distribución de Mexillón de Galicia), aínda en proceso de creación. Con esta plataforma, que agrupa 2.500 das 3.300 bateas existentes, os mexilloeiros galegos pretenden unificar repartos, cobros, prezos e calidades, para lograr unha maior competitividade e profesionalización do sector.

O sector agarda, ademais, a próxima publicación no D.O.G.A. da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, un selo que podería contribuír a diferenciar e poñer en valor o produto galego.

20 de ago. de 2008

Arroaces

Arroaces no carreiro de Carreirón, o pasado domingo

Nas augas da Arousa non é difícil avistar bandadas de arroaces saltóns. Estes inquedos mamíferos, que se alimentan de peixes, gozan da simpatía das xentes do mar, e iso que moitas veces furan as redes dos mariñeiros na procura de presas fáciles.

19 de ago. de 2008

Regata Calmoseira: permitido bogar


A regata Calmoseira celebra o vindeiro sábado en Cambados a súa segunda edición, cunha novidade importante na organización: pódese bogar. Deste xeito, se o mar queda en calma podre, os navegantes poden botar man dos remos. A iniciativa contribuirá a darlle emoción e espectacularidade á regata de dornas a vela. Boa idea!

11 de ago. de 2008

Os veciños defenden un símbolo do Charco

Os veciños reclámanlle ao tenente alcalde unha nova fonte para o barrio

Os operarios municipais comezaron a traballar no lugar da vella fonte


Un grupo de veciños do Charco tentou disuadir ao tenente alcalde da intención de colocar unha escultura no lugar que sempre ocupou a fonte, un símbolo do barrio e unha das poucas fontes públicas que existen no concello. A fonte do Charco é o último rastro dun antigo pozo con pilón, do que aínda se lembran os veciños de oitenta anos. A auga manaba da pedra dun manantial natural, que tiña fama pola súa calidade e a súa abundancia, aínda en épocas de seca. Nas posteriores reformas do barrio, desapareceu o lavadoiro e o pozo foi convertido nunha fonte sen ningún interese arquitectónico, pero que continuaba cumprindo a súa función. Cando a “auga da traída” chegou á Illa, substituíuse o abastecemento do pozo pola auga canalizada. Finalmente, a modesta fonte do Charco quedou derruída hai uns meses por causa dun accidente de tráfico. Esta mañá, co inicio das obras, os veciños coñecían a nova da desaparición definitiva do surtidor. Tras recibir unha representación veciñal no concello, o tenente de alcalde visitou o lugar e escoitou as demandas da xente, que se nega a que desapareza unha fonte centenaria. Veremos que ocorre.

28 de xul. de 2008

O Céltiga non confía na canteira

O Salvador Otero, o campo do Céltiga
Os rapaciños da Arousa comezan desde moi novos a xogar ao fútbol no Céltiga. De feito, as dúas categorías inferiores, benxamín e alevín, son as que máis demanda teñen, con dous equipos cada unha. O club pón como condición o pagamento anual do carné de socio e, ademais, os pais teñen que custear a equipaxe deportiva e trasladar os rapaces nos coches particulares os días de partido, ou se non, pagar entre todos un autobús. A implicación das familias chega ata o punto de participaren na organización das festas gastronómicas para recadar cartos para o Céltiga. Pero unha vez que os rapaces superan a categoría xuvenil, poucos son os que conseguen chegar ao equipo titular, así que quedan sen equipo e sen instalacións nas que practicar a súa afección.
O equipo principal do Céltiga, en terceira división desde a pasada tempada, mantén unicamente catro xogadores “carcamáns”, nunha formación de vinte persoas. E as sete novas fichaxes anunciadas para a vindeira tempada non melloran a porcentaxe, xa que todos proceden doutros equipos. ¿É que na illa non hai bos xogadores ou é que para a directiva todo o de fóra é mellor?.
Non se trata de non fichar xogadores foráneos, senón de brindarlle tamén unha oportunidade á propia canteira, que financia en boa parte o club, ten ganas de xogar e está vinculada emocionalmente á camiseta. Moitos xogadores carcamáns que non teñen sitio no Céltiga ao chegar á maioría de idade, rematan xogando nos clubes veciños, o Chispa de Corón ou o San Miguel de Deiro. Neste último equipo hai máis xogadores carcamáns que no Céltiga.

24 de xul. de 2008

A procesión marítima

A procesión marítima chegando ao Campo

A xente agardando a chegada da Virxe do Carme


Os mariñeiros levan a ombros a imaxe, cargadiña de ristras de billetes

O barco do “Pejo” foi o encargado de levar este ano a imaxe da Virxe do Carme na procesión marítima. No barco da Virxe viaxan, ademais, a orquestra, os quintos, as autoridades que haxa presentes, o cura e a toda a familia dos propietarios. Sempre foi considerado un privilexio –ademais dunha responsabilidade- transportar á patroa dos mariñeiros, aínda que este ano, disque só se ofreceu un barco. Cando hai varios candidatos, a elección da embarcación faise por sorteo ou á poxa máis alta.

ArousaVisual Films Festival


O venres 25 de xullo celébrase a primeira edición de Arousa Visual Films Festival, un evento durante o que se exhibirán obras audiovisuais rodadas na illa ou realizadas por autores arousáns. A mostra está organizada por ArousaVisual, co patrocinio do Concello e a colaboración da asociación Dorna e MrMisto.

Programación
-Pola mañá proxectarase unha selección de curtas para nenos, no salón de actos da casa consistorial.

-A sesión da tarde, tamén dentro da casa consistorial, comeza ás 18.30, co pase do documental "A illa de Arousa en 1969"de J.L.Otero, "Genito", e mais dun programa de TVE rodado no mesmo ano. Seguirán ás 20.00 os documentais de Marcos Nine "Carcamáns", sobre a reacción da xente da Arousa ante ao afundimento do Prestige, e "Historia dunha parroquia", flamante premio Mestre Mateo .
Ás 22.00 h proxectaranse as curtas "O Conxuro" e  "A meiga chuchona", de Pablo Millán, seleccionadas e premiadas en varios festivais internacionais; e finalmente "O aire", un documental de Antón Millán, premio de videocreación da Universidade de Vigo, que trata sobre unha crenza tradicional da Arousa.
Despois da posta do sol, ás 23.00h, na praza do Concello, será a quenda do pase no exterior. Abrirá "Ela Ribeirinha", do director galego Pedro Vila. A curta foi rodada na illa en 35 mm e narra a historia dunha muller que cada día agarda no mesmo con a volta do seu home, supostamente morto na Guerra do 36. A rodaxe foi todo un acontecemento na illa e contou coa participaron entusiasta de moitos veciños. Está previsto que asista a protagonista, Pilar Bardem.
Seguidamente proxectaranse tres curtas de autores aurousáns: "Longo Sendeiro de Pedra", de Pablo Millán, que recibiu, entre outros galardóns, o Grand Remi de Houston;  "O quinteiro" de Antón Millán, gravada na illa en HDV, coa participación de varios actores locais; e o "O premio da rubia", de Marcos Nine.

A asociación ArousaVisual está a traballar na posibilidade de crear un festival temático anual, do que se informará no seu web www.arousavisual.org, aínda non operativo.

Mostra de filmes arousáns

Rodaxe de "O Quinteiro", de Antonio Millán
(imaxe collida da Axencia Audiovisual Galega)


A Arousa acolle o 25 de xullo unha mostra de filmes relacionados coa illa, por estaren rodados en territorio insular ou por teren os seus autores ou protagonistas vencellos carcamáns. Esta primeira edición do certame contará co reclamo da presenza da actriz Pilar Bardem, quen logo de rodar na illa a curtametraxe “Ela ribeirinha”, repite visita, agora para asistir á estrea da cinta. Marcos Nine, Antonio Millán e Pablo Millán son algúns dos autores que participan na mostra coas súas obras audiovisuais. As proxeccións terán lugar na casa consistorial e na praza do concello. Poden consultar a programación completa aquí.
O certame está organizado pola asociación ArousaVisual, que ten previsto preparar cada ano un festival temático, baixo o nome "ArousaVisual Films Festival".

21 de xul. de 2008

Fogos artificiais

Unha mostra dos fogos do pasado sábado

O espectáculo pirotécnico sempre levanta moita expectación


O día do Carme ofrece a única oportunidade de ver fogos artificiais na Arousa

Os fogos marcan, tamén, a fin das festas

As do Carme son as únicas festas da Arousa con orzamento de abondo para pagar uns fogos artificiais. A exhibición pirotécnica resérvase para a noite do sábado, o día grande. As orquestras interrompen temporalmente a verbena, á unha da mañá, e a xente diríxese ao Chufre para gozar do espectáculo e acompañar os foguetes máis vistosos cun “ooohhh”. Os fogos artificiais marcan tamén a despedida das festas, ata o vindeiro ano.

16 de xul. de 2008

O día a día dun bateeiro

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


A televisión de Galicia emitiu hai uns días este vídeo no que amosa escenas cotiás do traballo na batea. Ramón Dios, presidente do Consello Regulador do Mexillón, quéixase do pouco valorado que está o molusco.

15 de xul. de 2008

A liana

Liana detrás do Santo, hai uns anos

Quedará algunha liana agochada polos montes da Illa?. Dos xogos populares propios dos homes (aínda que nunca faltaron rapazas que probaran), a liana é quizais o máis aventureiro e arriscado. Consiste en pendurarse dunha corda, previamente amarrada a unha árbore, ao estilo Tarzán e balancearse dun lado a outro aproveitando o impulso. Practícase en terreos con desnivel e a caída adoita ser sobre toxos, para darlle máis emoción ;-)

7 de xul. de 2008

O problema da confraría

Ameixas na lonxa da Illa

O Servizo Galego da Competencia abriu un expediente sancionador contra a Confraría de San Xulián por restrinxir a liberdade de mercado. A denuncia partiu do sindicato Agamar, tras detectar prácticas abusivas no pósito arousán. O problema é complexo.

Os mariscadores que faenan dentro das concesións administrativas insulares destinan o 9% das súas vendas na lonxa ao pósito arousán. Con estes cartos, a confraría merca a semente de ameixa e paga a vixilancia das praias para evitar o furtivismo, entre outras labores de mantemento dos areais.

Ademais dos mariñeiros “a tempo completo”, no raño tamén atopamos mariscadores “de tempada”, que aproveitan as épocas de maior prezo da ameixa para ir uns días ao raño e obter unhas gañancias extra. Mentres que os primeiros levan todo o ano pagando, os segundos achegan unha pequena porcentaxe á confraría, beneficiándose igualmente do traballo colectivo. Ante esta situación, a confraría arousá decidiu limitar o permiso de marisqueo nas súas concesións a aqueles mariñeiros que tivesen seis meses de despacho, e de non ser así, obríganos a pagar o 9% de 10.000 euros para obter autorización. Esta medida ten provocado numerosas queixas e non semella que legalmente se poida soster.

Por unha banda, a confraría da Illa é das que maiores retencións aplica de toda a ría e faille unha competencia desleal aos pósitos veciños, esixíndolles aos seus mariñeiros un mínimo de vendas na lonxa. Por outra banda, hai que ter en conta que na lonxa insular non se comercializan todas as especies. “Eu ando aos aparellos”, explica un mariñeiro arousán, “pero a lonxa da Illa non comercializa peixe e teño que ir a Cambados ou a Vilanova a vender. E logo, por riba, se quero ir ao raño non podo porque non teño unhas vendas mínimas”, quéixase. E ademais, tal e como explica o mesmo mariñeiro, “¿quen son eles para impedirme traballar se eu teño todos os papeis en regra? En ningún outro sector pasa iso”.

3 de xul. de 2008

O libro das festas


Xa corre de man en man o "libro das festas", o folleto que edita anualmente a comisión das festas do Carme para dar a coñecer a programación. A reprodución de fotografías antigas, cedidas polos veciños, é un dos principais reclamos desta publicación. Á xente gústalle recoñecer e recoñecerse nestas imaxes, que mostran escenas cotiás de tempos pasados e amigos e familiares que xa non están, ou que cambiaron moito.

Flora dunar

Rabo de coello, na praia das "Señas"


"Bágoas de crocodilo"


Xa que falamos aí atrás do carpobrotus, o protagonismo nesta ocasión correspóndelle a dúas especies propias das dunas e os areais costeiros da illa, o rabo de coello (lavutus ovatus) e as “bágoas de crocodrilo”. Esta última especie é probable que teña outros nomes, agradécese a información sobre a denominación científica. As dúas imaxes foron captadas na praia das Señas.

Unha segunda oportunidade

A biblioteca do colexio público é tamén a aula da escola de adultos

Unha das iniciativas máis bonitas e interesantes que puxo en marcha o concello insular desde que se constituíu é a Escola Municipal de Adultos, que lles ofrece unha segunda oportunidade a aquelas persoas que polo motivo que sexa non puideron obter no seu tempo o antigo “graduado escolar” ou rematar o bacharelato. A idade do alumnado varía desde os rapaces de 20 ata as mulleres de 50. Neste curso asistiron con regularidade ás clases unhas dez mulleres maiores de 30 anos. Son elas as que demostraron máis empeño na preparación dos exames finais da ESO. A aula está situada na biblioteca do colexio público Torre e ten un horario de noitiña, unha vez que rematan as obrigas laborais.
Ademais de proporcionar este servizo, a escola tamén ofrece obradoiros de estimulación da memoria para os maiores, e clases ás mulleres que participan nos obradoiros de emprego Nordés.

1 de xul. de 2008

Volta á Illa

A Volta á Illa é a regata pioneira das competicións de
dornas a vela de Galicia
Imaxes tomadas con móbil, o pasado 28 de xuño

A regata de dornas a vela máis veterana do calendario, a Volta a Illa, volveu demostrar o seu poder de convocatoria reunindo o pasado sábado a medio cento de embarcacións. Nesta vixésimo cuarta edición, as dornas tomaron a saída con pouco vento, e despois dunha encalmada xeral pola zona do Campelo e o Faro, a navegación axilizouse ao pasar Carreirón. Os cinco primeiros postos estiveron moi disputados ata o final, o que contribuíu a darlle emoción á competición. Finalmente, venceu a Cariñosa. Poden ler unha crónica de primeira man no blog de Fasquía.
Por certo, durante a regata tamén se promocionou cun stand a participación de Galicia na festa marítima internacional de Brest.

26 de xuño de 2008

Menos fogueiras

Fogueira na Lavanqueira, organizada polo "chiringo do You"


Ás nove, día claro, xa cheiraba a fume polos camiños. Os veciños da Arousa cumpriron coa tradición de facer fogueiras na noite de San Xoán, aínda que a impresión xeral é que a festa veu a menos. Botáronse en falta as fogueiras multitudinarias da xuventude en Gradín e noutras zonas de costume. Semella que moitos adiaron a gran troula para San Pedro, que cadra na noite do sábado e ao día seguinte non hai que ir traballar.
Quen non faltou á súa cita foi o “chiringo do You” e compañía. O chiringuito máis popular da Lavanqueira cambiou este ano de ubicación (agora está situado enriba da praia), e como aínda está de reestruturación, non ofreceu nin a paella nin a churrascada de sempre, pero si houbo fogueira e un bo ambiente de festa.

23 de xuño de 2008

Auga de San Xoán

Auga de San Xoán, unha das combinacións de herbas posible

Aquí temos de mollo herba de San Xoán, ruda, herba luísa, unha folla de figueira, lavanda, romeu, unha rosa e unhas floriñas de xazmín. Vai quedar ao sereno toda a noite, e mañá pola mañá, hai que lavar a cara con esta auga fresca e recendente. É unha tradición da noite da San Xoán que as mulleres da Arousa manteñen viva, por se acaso. Que mellor que recibir oficialmente o verán cun rito purificador que afasta os meigallos.

19 de xuño de 2008

O ático de Pepe Blanco




Diversos medios dixitais fanse eco hoxe deste vídeo realizado e publicado polo xornal conservador La Nación (Grupo Intereconomía) no que se asegura que Xosé Blanco, secretario de organización do PSOE, adquiriu unha propiedade nos famosos pisos da Punta do Furado. A construción deste residencial á beira do mar ten provocado airados comentarios neste blog, onde incluso algún visitante xa ten advertido de que Blanco, asiduo dos veráns carcamáns, tiña os ollos postos na polémica obra.

É obvio que este vídeo sensacionalista ten por principal obxectivo desprestixiar politicamente tanto ao Concello socialista, como ao secretario do PSOE, e nel fanse algunhas afirmacións falsas; por exemplo, non é certo que as ameazas de derribo das casas da zona proveñan do Concello, senón da Xunta. En todo caso, si é responsabilidade do Concello a recalificación como urbanizable dun piñeiral situado enriba da praia e a concesión das licencias de obras. Ata o momento, leva soportado as críticas de moitos veciños, veremos agora como capea o temporal baixo o foco dos medios de comunicación.

12 de xuño de 2008

Caldeirada de peixe na xeiteira

Xa hai tempo que a asociación cultural Dorna pendurou no youtube este vídeo, no que se recrea a antiga costume mariñeira de facer unha caldeirada de peixe a bordo. O narrador, Uxío Allo, interpreta unha canción popular que di así:

"quen teña viño,
quen teña viño (bis)
que me traia un pouquiño,
quen non o teña,
que vaia rápido
a buscar unha botella"



E aquí abaixo, temos unha nova versión fílmica da caldeirada, a cargo de Hércules Audiovisual. O narrador do vídeo é o mesmo, pero variou o seu cantar; iso si, sen renunciar á temática de costume ;-)

"Bota viño taberneiro,
taberneiro bota viño
bota viño taberneiro
que os da Illa pra cantare
temos que beber primeiro" (bis)