Os columpios das Laxes, os máis orixinais
Os columpios do "Regeiro", situados estratexicamente
Pregunta un carcamán de Canarias nos comentarios en que datas son este ano as festas do Carme. Aínda que o día oficial do Carme é o 16 de xullo, na Illa a festa móvese no calendario en función das mareas, para facilitar a procesión marítima, e de xeito que sempre cadre en sábado. Este ano, o día do Carme celébrase o sábado 19 de xullo, e previsiblemente, as festas arrincarán xa o mércores ou o xoves anterior, coa festa dos quintos. Déixovos aquí un vídeo promocional do Carme doutro ano.
Manto púrpura de carpobrotus en Con Cerrado
A xente que frecuenta o faro sabe que este é un lugar habitual de abandono de cans, sobre todo, coa chegada do bo tempo. Os cadelos famélicos de mirada triste xúntanse cos cans dunha propiedade veciña, a ver o que lles cae de comer. Nesta zona tense dado, incluso, un caso de roubo dun animal, perfectamente coidado e querido polos seus amos, que apareceu aos poucos anos no mesmo lugar, esquelético e maltratado. Os responsables do abandono de animais son, probablemente, de fóra, pois calquera can criado na illa non tardaría en presentarse de novo na porta da casa.
Os restos dun bidón de tabaco, na Area da Secada
O tráfico de drogas ten o seu antecedente no contrabando de tabaco, actividade que tivo o seu apoxeo nos anos 90, cando chegou a concibirse o termo “winston de batea”. Daquela, non era raro atopar paquetes de tabaco aboiando no mar ou descubrir almacéns soterrados nos montes e nas praias, que servían para agochar a mercadoría.
Os Güeros do Grove, cantando na taberna de Fina Viñas
Toca facer balance dun Entroido no que se cumpriron todos os rituais propios destas festas. A cea do Xoves de Comadres, tradición recentemente recuperada, e pasada por conveniencia ao venres, reuniu na súa segunda edición a unhas dúascentas mulleres no Tamanaco; por pouco non deixan marchar á orquestra e xa pensan en repetir. Este ano saíron cinco comparsas da Arousa, A Comparsita, Os Carenas, Harmonía, M.D.A e as As Rumorosas. Harmonía, a máis vella delas, celebrou o seu 20 aniversario cunha homenaxe no seu repertorio a Pepe Barral, finado hai pouco, e autor de moitas das letras míticas do Entroido carcamán. Tamén houbo representación “continental” do Grove e de Vilaxoán, como mostra o vídeo da comparsa meca Güeros. Ademais, como vén sendo habitual, o luns de Entroido, o día grande local, convocou a centos de persoas das vilas veciñas, que mesmo organizaron expedicións á illa en autobús. Non faltaron a queima do liborio, caracterizado nesta ocasión como un cazador de telenovela, e o desfile de carrozas, que non destacou pola espectacularidade das construcións, pero si pola participación dos veciños, que apoiaron a marcha disfrazados. E tamén houbo guateque infantil no Capitol, e rosquillas e orellas nas casas dos máis galopíns.
Un dos magos que participan nos "Invernos Culturais"
Outros espectáculos previstos:
1 de febreiro: Alberto Cunha, espectáculo de música e humor
22 de febreiro: o contacontos Cándido Pazó
7 de marzo: o mago Rafa
14 de marzo: o contacontos Oswaldo
4 de abril: espectáculo de variedades “Mesturas”
11 de abril: Concerto de Creole Kinds