Buscar neste blog

16 de abr. de 2008

A invasión do Carpobrotus

O carpobrotus na praia de Camaxe


Manto púrpura de carpobrotus en Con Cerrado

Esta planta invasora está presente na costa do Salnés.
Nas illas do Mediterráneo levan anos loitando contra ela

O aspecto do carpobrotus, nun día de chuvia

O carpobrotus é unha planta de rechamantes flores rosadas, orixinaria de Sudáfrica, que medra en chans salinos e areosos. Está considerada unha especie invasora de gran poder colonizador, que cubre totalmente a superficie na que medra, provocando a desaparición de especies autóctonas. Na illa xa hai unha década que está presente nalgunhas praias como a de Gradín, pero agora ameaza con converterse nunha praga. Nas imaxes, fresquiñas da chuvia de hoxe, podedes ver como extende o seu manto de beleza envenenada de Camaxe a Con Cerrado.

5 comentarios:

  1. Diante de todo, parabéns polo gran traballo que estades a facer.
    Por outra banda, gracias por incluir os meus blogs nos vosos enlaces.
    Por outro lado non me parece ningunha traxedia que o Carpobrotus ou "dente de dragón" colonice algunhas zonas de dunas ou areais, está a mudar o clima e e normal que esta planta se beneficie das mudanzas climáticas

    ResponderEliminar
  2. Sito, paréceme interesante a túa visión, pode ser que dentro de moitos anos a vexetación da Illa sexa completamente diferente. E tamén é certo que certas especies que xa consideramos propias, foron introducidas hai séculos.
    Pero se deixamos que o dente de dragón se estenda, ameazará a biodiversidade... neses solos areosos tamén medran outras espcies autóctonas moi chusquiñas, como a cola de conexo (lagurus ovatus). Non me gustaría deixar de vela!

    ResponderEliminar
  3. En "Arousa a debate" estou preparando un traballo sobre plantas invasoras, con un tratamento especial para o dente de dragón.
    Hai uns vinte anos que alertei tanto a Asociación Ecoloxista Gaia, como a Xunta ade Montes da ameaza que representaba esta pranta para a flora autóctona de Carreirón.
    O rabo de coello, o pan de gaivota,... e tantas outras castes en perigo, requiren algo máis que comentarios.

    ResponderEliminar
  4. A verdad é que a Arousa está cheíña desta planta...

    ResponderEliminar
  5. Hai varias plantas exóticas que invaden os ecosistemas dunares que xa están demasiado alterados pola afluencia dos turistas.
    Penso que na Illa de Arousa tamén se deberían tomar medidas para preservar as dunas. Certamente xa se está a facer na máis importante, a da Area da Secada; pero deben protexerse por todo o litoral xa que teñen a función de evitar que o mar erosione a terra, e ¡ao precio a que está!
    Tanto a uña de gato como a Arctotheca calendula son moi vistosas e da ganas de poñelas por tódolos sitios; pero están a eliminar a vexetación propia dos ecosistemas dunares, que a pesares de non ser tan chamativas, son as que realizan a función de evitar que o mar se introduza terra adentro.
    Recoméndovos este libro

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.