Buscar neste blog

15 de xuño de 2010

O día dos matrimonios de longa duración

 Os familiares dos matrimonios homenaxeados participan na celebración
 A alfombra floral de costume, no Campo

Unha vez máis, toca deixar constancia da celebración, o pasado domingo, do "Sacramento", a festa relixiosa coa que os matrimonios da Arousa celebran os 40 anos de casados. Nesta ocasión, foron 14 as parellas que decidiron xuntar á familia á mesa con motivo das súas vodas de ouro, algunhas menos ca en anos anteriores (2008, 2009).

11 de xuño de 2010

Os usos efémeros da nova estrada do Chufre

Ciclistas gozando da estrada en obras

[Susi Rial] Dende hai xa algúns anos, as obras de construción da nova estrada do Chufre son un tema polémico, discutido e moi negociado. Tivo que pasar por riba de elevados custos, tanto económicos como medioambientais, así como das mobilizacións veciñais de aqueles que máis tiveron que sacrificar polo ben común. Pero hoxe, a estrada que une o Bao co peirao do Chufre é xa unha realidade. Tanto, que se estima que despois do verán se abrirá ó tráfico e serán 7.800 coches ó día os que retirará das estreitas e tortuosas rúas da Illa. Pero mentres non chega ese momento, a nova estrada xa está a ser utilizada. Coa chegada do bo tempo e durante a fin de semana, cando cesa o ruído das máquinas e os berros dos obreiros, a nova estrada convértese nun traxecto privilexiado para todo tipo de paseantes. Nenos en bicicleta que van á praia, xente facendo deporte,... e todo tipo de usuarios que poden admirar, ó longo de tres quilómetros, unha perspectiva da costa da Illa como nunca antes se vira. Ben é certo que despois do verán poderemos seguir facendo este percorrido, pero xa nada será o mesmo. Para entón, acompañaranos un tráfico que, presúmese, será intenso e o silencio e a tranquilidade da que hoxe en día se pode gozar alí, pasará á historia.

10 de xuño de 2010

O patente

 Un mariñeiro dándolle  patente á dorna no Portiño

[Información corrixida] Na fala mariñeira, chámaselle "patente" ao recubrimento que se aplica na obra viva das embarcacións, é dicir, na parte que se mergulla no mar, para evitar que se adhiran ao casco parásitos e estercos. Dar patente é un traballo que forma parte do mantemento habitual dun barco, sexa de madeira, poliéster ou ferro, e convén facelo unha vez ao ano.

9 de xuño de 2010

Xuntanza da familia Goday na Arousa


Os descendentes de Juan Goday Gual, o industrial procedente de Canet de Mar (Barcelona) que montou no século XIX un próspero negocio conserveiro en distintos puntos das rías galegas, reuniranse o 7 de agosto na Illa de Arousa. A xuntanza, que xa se celebrou por primeira vez en Muros no 2008, quere poñer en contacto a familiares espallados por distintos lugares, entre outros, Cataluña, Madrid e varias vilas galegas. O programa inclúe actos relixiosos, unha visita guiada ao Museo da Conserva -unha das primeiras fábricas fundadas por Juan Goday- e unha conferencia sobre a industria conserveira, a cargo de Xoan Dopico. Desde o Grove, os descendentes da familia van facilitando todos os detalles do encontro neste blog.

4 de xuño de 2010

José María Rial, novo adestrador do Céltiga

Entrada do Salvador Otero

[Susi Rial] Despois dunha época convulsa, o Céltiga toma as rendas con vistas á preparación da próxima tempada. No pasado mes de maio, o clube da Illa viviu o seu particular "mes horribilus", que comezou coa inesperada espantada do antigo adestrador, Antonio Gómez, a tan só dúas xornadas para o remate da liga. Despois chegou a crise da presidencia, xerada pola falta de candidatos, e solucionada coa continuidade da actual directiva, con Martiñán como presidente. Pero a culminación dos males chegaría co descenso do equipo á Rexional Preferente, logo de cinco anos na Terceira División. Pero agora, unha vez coñecido o nome do novo adestrador, semellan soprar ventos de esperanza. Trátase de José María Rial, técnico procedente do Portonovo, equipo  ó que ven de ascender á Terceira División. Polo tanto, trátase de todo un experto nos obxectivos que perseguirá o Céltiga na próxima tempada. Xunto con el, presúmese tamén a chegada de Wagner, o seu "segundo" no equipo do Portonovo. Nos próximos meses terá lugar o axuste do cadro, posto que se cre que moitos dos actuais xogadores do Céltiga terán ofertas para continuar xogando en Terceira División.

3 de xuño de 2010

Outra festa no calendario gastronómico

A carpa gastronómica do Chufre ofrece marisco case
todas as fins de semana de xullo e de agosto

Ás festas da navalla, do mexillón, dos produtos do mar e do polbo, súmase este ano unha nova convocatoria gastronómica, cuxos beneficios irán destinados a financiar o clube de Ximnasia Rítmica Illa de Arousa. Trátase da primeira edición da Festa da Ameixa Encarnada, que terá lugar  do 10 ao 11 de xullo no Chufre, como é habitual. Coa papatoria de ameixas arrinca o calendario festeiro do vran: na seguinte fin de semana tocaralle o turno á Festa da Navalla, e na outra, ás festas do Carme.

2 de xuño de 2010

A Arousa renova as dúas bandeiras azuis



 Este verán nas praias do Bao e da Area da Secada ondeará unha vez máis a bandeira azul, que acredita que cumpren unhas determinadas condicións de limpeza e accesibilidade. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor vén de dar a coñecer o listado das bandeiras 2010; os portos e as praias galegas obtiveron en total 132 enseñas, oito máis ca o pasado ano.

31 de maio de 2010

Un carril bici diante da porta

Imaxe collida de Dorna

A Escola de Navegación Tradicional Dorna quéixase a través do seu blog do trazado do novo carril bici, que xusto lles pasa por diante  da caseta na que gardan os aparellos.
Por outra banda, o vindeiro sábado iníciase na Arousa a tempada oficial de regatas de dornas a vela, coa celebración do VI Trofeo Fasquía, a primeira proba puntuable para o campionato galego.

28 de maio de 2010

Os patos rodean a illa

 Colonia de patos na praia de Semuíño

[Susi Rial] Dende hai xa bastantes meses vense dando en certas praias da Illa de Arousa un curioso fenómeno, como é a gran proliferación de patos. Unha das praias más concorridas por estes animais é a praia de Semuíño. Nalgúns momentos chegáronse a contabilizar ata oitenta patos nunha praia de non máis de 25 metros de longo. Pero non todo foi mérito deles, posto que contaron coa gran axuda dos veciños da zona. Algúns collían os ovos e coidaban dos patiños ata que se facían grandes e se podían defender ben das gaivotas. Pero a natureza é sabia, e o resultado final non foi outro mais que a superpoboación. Os veciños tamén lles dan de comer regularmente, ata o punto de que, cando teñen fame, non dubidan en achegarse ás portas das casas pedindo comida co seu particular berro. Polo tanto, pódese dicir que son patos "semidomésticos". É tal a expectación que causan que, sobre todo coa chegada da calor, converteron a praia de Semuíño en destino dos máis variados domingueiros: familias con nenos pequenos, xente paseando que pasaba por alí,... e todo tipo de persoas que sentan alí uns intres agradables dándolles de comer ós patos, cousa que eles agradecen enormemente. Outra das características destes animais é que non gostan moito das aglomeracións. Viven en familias, ou en parellas mentres que non teñen crías. Buscan o seu espazo, o que dá lugar a que se espallen cada vez máis pola costa arousana. 

Novidades no blog

A partir desta fin de semana, na illa incorpora unha nova colaboradora, Susi Rial Guillán, que nos irá achegando ocasionalmente novos artigos de temática arousá. Licenciada en Xeografía,  Susi Rial xa ten colaborado hai tempo neste blog, coa redacción do artigo A ditadura do metro cadrado. Agora inicia unha nova etapa, que se estrea cunha entrada sobre os patos de Semuíño, o seu barrio. Os artigos de Rial irán identificados cunha etiqueta propia, que facilitará o seguimento das súas colaboracións.

Por outra banda, tamén foi mellorado o motor de busca do blog. O buscador anterior só permitía localizar palabras nos títulos das entradas. Co novo sistema, o buscador rastrexa as entradas completas e tamén os comentarios, un avance que tamén foi implantado en na illa 2, o blog de apoio no que se aloxan o dicionario de ausencias, a talasonimia e os outros proxectos de participación colectiva. Deste xeito, pódese recorrer ao buscador para consultar o significado dun termo e o debate que xenerou nos comentarios, ou para comprobar se xa está incluído ou non.

Sobre os comentarios



O mellor deste blog son os comentarios, iso sábeo calquera que veña por aquí. A xente que comenta en na illa completa as informacións, corríxeas, matízaas e enriquéceas con novos datos e puntos de vista. Ademais de debater e deixar constancia das inquedanzas dos veciños da Arousa, os comentaristas deste blog tamén están a construír un Dicionario de Ausencias, o Proxecto Talasonimia, a Fraseoloxía Carcamana e o inventario de Apodos.

O principio que guía a administración dos comentarios é o da non intervención: nin se borran nin se moderan as mensaxes deixadas polos lectores. Neste blog existe liberdade  para que cadaquén diga o que queira, e non molesta o anonimato, unha opción que lle permite, a quen así o desexe, liberarse da lóxica identificadora dunha comunidade pequena na que todos se coñecen.

Ao logo de case cinco anos de existencia, este sistema funcionou ben, aínda que de cando en vez aparecese algún comentarista que tirase proveito da liberdade para lanzar ataques persoais. Nin quen escribe se ten zafado dalgunha escaldadura! Pero foi pouco o prezo a pagar en beneficio do cultivo da  pluralidade, apenas unha pequena refachada nunha singradura de augas tranquilas e ventos favorables.

Nos últimos días, a dorna de na illa bateu contra un con e foi deixando tras de si un ominoso regueiro de comentarios eliminados, como os restos dun naufraxio que chegan á praia. Quizais o sistema de comentarios comeza a dar os primeiros síntomas de esgotamento, pero Blogger non ofrece ferramentas para melloralo. Así que de momento seguiremos na mesma liña, cun sistema de comentarios aberto e libre, coa esperanza de que non se produzan máis colisións.

26 de maio de 2010

A nova ponte

A pontiña foi incluída no trazado para minimizar o impacto 
da estrada na lagoa estacional  da Braña da Veiga


Tal e como lles adiantabamos hai uns días, temos nova ponte na illa, aínda que desta vez, non é para salvar masas de mar, senón de auga doce. Agardamos unhas beirarúas xenerosas para o peóns, non como as que tiña a ponte de entrada e saída á Arousa, que agora está a ser reformada, entre outras razóns, para ampliar o espazo destinado aos camiñantes.

25 de maio de 2010

As fotos da 'illa dos carcamáns'

Foto: Toñito Gil
O mar batendo no desaparecido 'malecón' do Campo

A antiga fonte do Charco

A "illa dos Carcamáns" é unha nova páxina do facebook  que está a difundir fotos antigas da Illa de Arousa. O espazo constitúe un valioso banco de imaxes, no que se poden atopar fotografías como as que mostramos aquí: unha fermosa estampa dun temporal con toda chea no Campo (canta xente se debeu anegar ao pasar por aquí!) e a primitiva fonte do Charco, que aínda hoxe continúa sen repoñer, e da que algúns mesmo negan a súa existencia.

24 de maio de 2010

Cemiterio de dornas

Dornas deterioradas no Cabodeiro, a comezos de xaneiro
Imaxe doutra dorna na mesma praia, tomada hai uns días

E un par de gamelas en desuso

Ao tempo que medra a consideración social da dorna como embarcación para a práctica deportiva, moitas  dornas de traballo apodrecen nas praias. No Cabodeiro hai unha boa mostra de vellas dornas e gamelas que esmorecen.

A reclamada rotonda das Laxes


Custou, pero á fin xa está en execución a rotonda das Laxes, unha obra demorada e moi esperada polos veciños. A ver que lle poñen enriba.

17 de maio de 2010

Ramón Nieto presenta o seu primeiro poemario

O libro foi pubicado por Espiral Maior

Ramón Nieto Otero (Illa de Arousa, 1975), arousán residente en Bruxelas, presenta o 22 de maio ás 22.00 horas na sede do círculo mercantil e industrial Unidade de Fene o seu poemario A estación única dunha illa, a obra coa que gañou a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xose María Pérez Parallé. Este é o primeiro libro de Nieto, "Neto" na súa sinatura literaria, e agardamos que non sexa o último, xa que o poeta arousán conta con máis obra inédita. O Pérez Parallé é un recoñecido galardón destinado a promocionar novas voces na poesía galega. O ano pasado gañouno Susana Sánchez Aríns (Vilagarcía de Arousa, 1974), profesora na illa e integrante de Dorna, co poemario (De)construçom

Máis poetas arousáns

Portadas dos libros de Vila Ribadomar e de Eugénio Outeiro


A celebración do Día das Letras Galegas é unha boa ocasión para acordarse dos escritores con raizames na illa. Nesta ocasión, a cousa vai de poesía: aquí teñen as portadas de Peixes medievais (Deputación de Pontevedra, 2004), de Xosé María Vila Ribadomar, cambadés asentado na Arousa; e de Às vezes vida (Ateneo de Pontevedra, 2002), de Eugénio Outeiro.

13 de maio de 2010

Así está a nova estrada

A estrada está a piques de chegar ás casas do Cabodeiro pendentes de derrubamento

Unha pequena ponte salva o humedal da Braña da Veiga


Pouco a pouco, a nova estrada de acceso ao Chufre vai tomando forma. Xa está asfaltado o tramo que vai do Bao a Riasón e tamén parte do vial que discorre polo Aguiuncho. Nesta zona, xa foron derrubadadas varias vivendas. Pronto lles tocará ás casas do Cabodeiro que tanta guerra deron.

11 de maio de 2010

Neuroband no youtube



A través do Youtube xa podemos ir coñecendo os últimos temas de Neuroband, de momento, hai tres vídeos pendurados.

10 de maio de 2010

A reunión dos bateeiros

Os bateeiros arousáns, durante o encontro coa directiva do Consello


Aproximadamente unhas 200 persoas reuníronse o pasado 8 de maio no auditorio municipal para escoitar as explicacións do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia, ante a polémica suscitada pola filtración dunha auditoría que declaraba a entidade en "creba técnica" e acusábaa de irregularidades nas contas. O presidente do Consello, Francisco Alcalde, defendeu a xestión e a transparencia da institución, e destacou o dano que lle está a causar todo este proceso ao sector mexilloeiro. Os bateeiros arousáns apoiaron á directiva do Consello e acordaron pedir a demisión de Maneiro, director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, a quen sinalan como promotor dunha auditoría "calumniosa" e tamén como responsable da súa divulgación malintencionada.

7 de maio de 2010

Think tank para desacreditar a denominación de orixe do mexillón galego

O Consello Regulador Mexillón de Galicia, en Vilagarcía


O Consello Regulador Mexillón de Galicia, independentemente dos erros que poida ter na súa xestión, está a ser vítima dunha orquestrada campaña de deslexitimación, impulsada por quen debería ser o seu principal garante, a Consellería do Mar, e en concreto, polo director xeral de Competitividade e Innovación, Juan Carlos Maneiro. A presentación dos resultados dunha auditoría externa realizada ao Consello foi a escusa para iniciar un ataque contra a única institución que aposta pola unión do sector mexilloeiro e a implantación da marca de calidade “Mexillón de Galicia”. Co apoio de certos xornalistas da prensa local, estase a presentar unha interesada lectura das contas da entidade e a lanzar ideas como que a denominación de orixe, cos seus escasos dous anos de vida, é “unha marca de calidade inservible e insignificante en canto ás vendas”, tal e como publicou o Faro de Vigo recentemente. A información non detalla, por exemplo, o escaso apoio, cando non atrancos, que está a recibir da propia Xunta a implantación da mencionada marca. Así as cousas, o Consello Regulador convocou aos seus socios a unha reunión o sábado pola mañá en Rianxo, ás dez, e na Arousa, á unha da tarde no auditorio municipal, para preparar a defensa e a resposta.

Seguimos

A marquesiña das Aceñas, en febreiro, rodeada de herbas


Non se pode estar en todo e, ás veces, hai que deixar unhas cousas para poder facer outras. Grazas por seguirdes aí. A imaxe é da parada do autobús escolar das Aceñas, da que un comentarista se ten queixado en repetidas ocasións polo seu descoidado estado.

26 de mar. de 2010

Chaves acusa publicamente ao Concello de corrupción

Área de reparto en execución, en Gradín

O incidente entre José Manuel Chaves Daporta, "o pastelero", e a arquitecta municipal, Pastora Parada, deu lugar a un cruzamento de acusacións que vai adquirindo tintes marbellís. Logo de que fose ampliamente divulgada a versión do Concello, Chaves pasou a contraatacar tamén nos medios. Nunha entrevista a SiRadio de Galicia, acusa aos responsables municipais de favorecer a determinados construtores, e de recibir cartos por detrás na adxudicación de licencias. Aquí teñen o momento:


No cuarto de hora de conversa co locutor, Gabino Porto, o construtor arousán tamén se referiu ao caso dos pisos do Furado, e á xestión das áreas de reparto:


Os polémicos pisos do Furado





(Os cortes de voz foron extraídos da entrevista exclusiva concedida ao magazine "Rías Baixas Día a Día", de SiRadio de Galicia, divulgada na súa web)

25 de mar. de 2010

Lixo

Monte de cacharros tirados en Carreirón 

Se hai unhas semanas describíamos en que consistía o sistema de captura de polbos mediante cacharros, o obxectivo da presente imaxe é chamar á atención sobre a gran cantidade de artefactos abandonados e tirados polas praias, e en especial, no parque de Carreirón.

16 de mar. de 2010

Un deseño corporativo 'histórico'

E aínda vixente

A agrupación "Illa", creada en 1977, é o colectivo de bateeiros máis antigo da Arousa. Dende a súa fundación, cambiou algunha vez de sede, pero a súa característica imaxe corporativa permanece sempre inalterable na fachada.

10 de mar. de 2010

Bateas de peixes, o futuro inmediato?

Batea de peixes do Instituto Galego de Acuicultura (Igafa)

O plan de ordenación dos cultivos mariños, plasmado polo momento nun proxecto de liñas xerais, aposta polo impulso de especies diferentes do mexillón e da ostra, algunhas delas con viabilidade probada. Segundo apunta o documento, en Galicia existen 3.362 bateas dedicadas ao cultivo de mexillón, 101 á ostra, 75 centradas en policultivos e outras 193 instalacións experimentais de moluscos, crustáceos e peixes (polbo, navalla, ollomol, algas, ameixas...). Entre as plataformas experimentais, por certo, figuran tamén as bateas de reparqueo de mexillón, pensadas para aquelas zonas con risco alto de mareas vermellas, que precisan un lugar ao que trasladar o produto cando pechan os polígonos. Actualmente funcionan con éxito nas rías de Arousa e de Vigo.
Tendo en conta a aposta do goberno Feijóo pola piscicultura –e cuxo máximo expoñente é a recuperación do polémico proxecto de Pescanova en Touriñán- é de esperar que a política para a zona marítima apunte na mesma dirección, o fomento das granxas flotantes de peixes. O "potencial" da piscicultura xa foi avanzado polo ex conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, no relatorio dedicado á pesca do libro Galicia 2010, publicado hai unha década.
En que lle podería afectar todo isto ao sector mexilloeiro? En primeiro lugar, habería que coñecer se as novas instalacións substituirán ás xa existentes, promovendo un cambio de cultivo no sector mexilloeiro, ou se se sumarán aos actuais viveiros, co conseguinte risco de sobreexplotación das rías. Por outra banda, no cultivo de peixes é habitual o uso de antibióticos e pensos, unha práctica que podería prexudicar a outras especies como o mexillón ou a ostra, que se crían de xeito ecolóxico. En todo caso, o horizonte do sector mexilloeiro semella que presenta nubarróns negros, unha vez máis.

Asoma a primavera en Carreirón

Un piñeiro cargado de polen, hai uns días

Un niño de peludas

Un ano do proxecto talasonimia

¿Cal é o Con das Camas, o que está en seco ou o de máis atrás?



Hai un ano iniciábamos o Proxecto Talasonimia para tratar de inventariar e recuperar os nomes dos cons, das praias, dos caladoiros e de todos os accidentes marítimos da Illa de Arousa. Logo viría o Dicionario de Ausencias, para recuperar as palabras patrimoniais. O espazo recibiu tal cantidade de propostas, que derivou na creación de outro diferente, dedicado á Fraseoloxía carcamana, é dicir, a todas aquelas expresións coloquiais que, se un non mantén relación coa Arousa, non entende. Finalmente, a proposta dos lectores, creouse o espazo de Alcumes, para recoller os apodos de tradición familiar. Con motivo do aniversario, animámosvos a darlle un novo impulso ao Proxecto Talasonimia, que conta na actualidade con 77 entradas e 32 comentarios. A última incorporación foi o “Con das camas”. Xa dirán os expertos cal deles é, dos dous que aparecen na foto.

3 de mar. de 2010

O repertorio inédito dos M.D.A.



Aínda que a moda do "politicamente correcto" tamén vai calando pouco a pouco nas letriñas do Entroido, as comparsas arousás teñen por tradición a crítica, de xeito explícito ou encuberto, á veciñanza. A gracia que demostren nesta arte determina o seu éxito entre o público. No repertorio 2010 dos M.D.A. hai dúas cancións que provocaron moitas risas e comentarios, e que non constan nas historias impresas. Agora xa podemos escoitar unha delas no Youtube.

Os cacharros dos polbos

Un cacharro roto e tirado nunha praia da Arousa


Entre os polbeiros de toda a vida, que herdaron dos máis vellos os coñecementos secretos sobre as covas e os recunchos marítimos nos que se agochan os polbos, non está ben visto o uso de cacharros na pesca. Estes artefactos, previamente afundidos cun peso de cemento ou pedra, funcionan como casas trampa para o polbos, moi amigos de introducirse en refuxios coma este, que lle dean abrigo. Logo, non hai máis que botar o cambelo cun cangrexo amarrado para facer que o cefalópodo saia da casa e pique. Seguindo a máxima de que 'onde houbo un polbo, hai outro', o nivel de capturas está garantido. O sistema é especialmente eficaz, mais non é considerado unha arte nobre polo seu potencial esquilmador.

26 de feb. de 2010

A crítica da Comparsita

A Comparsita denuncia nas súas letras a súa exclusión do festival de comparsas


Coas letras da Comparsita, rematamos de publicar todas as historias que se cantaron no Entroido deste ano. En total, foron catro as comparsas que saíron á rúa: As Rumorosas, M.D.A., Armonía e a Comparsita. Esta última non puido participar no festival de comparsas organizado polo Concello o domingo (e dotado cun premio de 300 euros para cada grupo participante) por non reunir o número de compoñentes mínimo que establecía as bases municipais. A exclusión da Comparsita converteuse nunha das principais críticas das súas letras.

23 de feb. de 2010

As 'carrozas'


Desfile de carrozas, o pasado sábado 20 de febreiro

O equipo de rodaxe, e os animais, de "El hombre y la Tierra"


A marcha partiu das Laxes e rematou no Campo
O desfile de carrozas celebrado o pasado sábado rexistrou unha alta participación popular. Á tropa carnavalesca non lle faltou de nada, houbo música, instalacións construidas para a ocasión, disfraces orixinais e público de todas as idades. Tamén o luns, o día grande do Entroido local, houbo un bo ambiente, aínda que se notou unha menor asistencia de visitantes foráneos; non sendo o mal tempo unha novidade, debeu de ser a causa da crise.

A foto do desfile ao dereito


Pois si, agora ten sentido...

O día que nos visitou a OJE

A chegada da motora cos membros da OJE

A Arousa celebraba por entón a primeira festa do mexillón

Concentración en Testos

Coincidindo coa celebración do Ano Santo de 1982, a Organización Juvenil Española (OJE), unha especie de "boy scouts" vinculados ao movemento franquista, desembarcou na Arousa para celebrar o seu encontro anual en terras insulares. A visita quedou inmortalizada nunha serie de imaxes, que agora poden consultar na rede.

22 de feb. de 2010

No Grande Azul

O patrón do barco Nuevo Ino, posando ante a exposición

Outra das fotografías da mostra "No Grande Azul"


Ata o 14 de marzo pódese visitar no Museo do Mar de Vigo a exposición "No Grande azul", do fotógrafo José Romay, gañador da Bolsa de Creación Fotográfica O Mar, convocada polo propio museo. A mostra documental, en branco e negro, recolle as experiencias de mariñeiros galegos dedicados a diversas artes: arrastreiros, percebeiros, bateeiros... Para facela, Romay tivo que coñecer de primeira man diferentes mares, entre eles, o Gran Sol ou a Costa da Morte. Tamén retratou o traballo cotián dos mexilloeiros da Illa de Arousa, para o que contou coa colaboración do patrón do Nuevo Ino, Juan Domínguez García, e do seu irmán Victorio, que aparece na exposición camiñando sobre a batea.

19 de feb. de 2010

As famosas letras dos M.D.A.

Os M.D.A. disfrazáronse de presos de Guantánamo





Semella que a crítica popular é unánime á hora de considerar as letras dos M.D.A. como as mellores deste Entroido. Aquí as teñen.