Publicacións

As rendicións de Pladimega

Imaxe
Pladimega rompe, case antes de botar a andar. Primeiro foi a capitulación ante as fábricas. As conserveiras que traballan co sector mexilloeiro reciben o 8% dos seus pedidos gratis, en virtude dun abusivo privilexio adquirido, que ten a súa orixe na posición dominante das fábricas nas negociacións cos produtores. Pladimega non foi quen de eliminar este privilexio. Pero o seu maior fracaso coñeceuse onte, ao anunciar a baixada do prezo do mexillón para a súa comercialización en fresco, logo de ter fixado un prezo mínimo de 65 céntimos. Así as cousas, moitos dos produtores de mexillón senten que os sacrificios dos últimos meses, folgas, piquetes e mobilizacións, non serviron de nada. Os acordos que permitiron a creación da plataforma única de distribución ameazan con disolverse e, desde as bases, comeza a cuestionarse a capacidade dos actuais dirixentes de Pladimega para liderar o proxecto.

Que foi das avestruces do faro?

Imaxe
Imaxe das avestruces do faro, collida da rede Ata comezos deste ano, existía no faro unha explotación dedicada á cría de porcos bravos e á produción de ovos de avestruz. As dúas repoludas avestruces que pastaban libres na granxa eran a gran atracción da zona, sobre todo entre os máis pequenos. Afeitas a recibir chucharías da xente, achegábanse confianzudas ao valado cada vez que había visita. Co peche da explotación, desapareceron tamén as únicas grandes aves que había en territorio insular.

30 anos da revista Dorna

Imaxe
Exemplares da primeira etapa de Dorna, entre 1978 e 1982   [Helena Domínguez] A revista Dorna conmemora no próximo número, en decembro, o seu 30 aniversario. O boletín foi fundado aló polo 1978 por un grupo de mozos progresistas, que quería impulsar a creación dunha asociación cultural na illa. O equipo de redacción lanzou 14 números entre 1978 e 1982. Aquelas primeiras páxinas reflicten as preocupacións dos arousáns no tempo da transición e sorprende comprobar a vixencia na actualidade de moitos dos pensamentos da época (a preocupación medioambiental, o desequilibrio entre homes e mulleres no reparto das tarefas do fogar, a excesiva importancia das aparencias, a necesidade de dignificar a nosa variante dialectal do galego, os problemas de comercialización do mexillón...). A asociación Dorna fíxose realidade e aínda hoxe goza do apoio popular, mais a publicación da revista interrompeuse, polo menos, na illa. A iniciativa editorial tivo continuidade de xeito independente e con ou...

O día de pedir

Imaxe
Castañas e caramelos son o botín máis habitual do "día de pedir"   Grupo de rapaces e rapazas pedindo    Cada 2 de novembro, a rapazada da Arousa cumpre coa antiga tradición de ir pedir polas portas en nome dos defuntos, un costume moi carcamán que conecta coa celebración do Halloween do mundo anglosaxón (aínda que a nosa é unha tradución xenuína).  Grupos de nenos e nenas provistos de cadansúa bolsa percorren as casas veciñas na procura de castañas, caramelos ou o que caia. Para seren atendidos, teñen que dicir de corrido, e de un en un: "unha limosniña polos defuntiños que van alá", e calar a boca se resulta máis beneficiado o sobriño de quen os recibe á porta. ‘Pero agora imos a de miña tía, eh?". E así toda a mañá.  Unha das adquisicións ineludibles é o boliño de pan. As panaderías da Illa, comprometidas coa tradición, fornean para a ocasión pequenas pezas para regalarlles aos nenos que se acheguen por alí.  Máis importante ca o botín, é o ben que...

Ven á vila

Imaxe
Á esquerda, Sabela Otero, unha das arousás que participa no concurso O Canal Rías Baixas estrea este mércores 29 ás once e cuarto da noite o concurso televisivo “ Ven á vila ”, un programa destinado a promocionar o comercio vilagarcián no que participan dúas rapazas da Arousa, Sabela Otero e Gema Salgado. Un total de 12 parellas compiten contrarreloxo por localizar determinados artigos nas tendas de Vilgarcía e levalos de volta ao plató instalado na Praza de Galicia. En xogo hai un vale desconto, unha estancia nun hotel ou unha cea. Tras as cámaras, traballa na produción e na dirección de arte o arousán Antonio Millán.

Máis facilidades para a reciclaxe

Imaxe
O punto limpo O punto limpo da illa, de titularidade municipal, xa está en pleno funcionamento en horario de mañá, os xoves e os sábados. Nestas instalacións, ubicadas preto do muíño do vento, poden deixarse obxectos voluminosos como mobles, colchóns e electrodomésticos, así como aceites, pinturas, pilas, restos vexetais e entullos de pequenas obras, entre outros materiais. Trátase do primeiro centro da illa de recollida de residuos especiais, aqueles que pola súa natureza non son obxecto de recollida diaria. Este novo servizo debería poñer fin aos vertedoiros incontrolados nos montes e nas praias.

Polbo á illa

Imaxe
Unha das receitas con máis sona da tradición culinaria carcamana é o polbo “á illa”, que consiste en acompañar o cefalópodo con patacas cocidas na auga onde previamente se cociñou o polbo. Esta técnica proporciónalles ás patacas unha cor rosada e un sabor característico. A caldeirada complétase cun rustrido de cebola e pemento doce. As augas da illa foron noutros tempos moi abondosas en polbos, non é de estrañar que os seus habitantes desenvolvesen un xeito propio de cociñalo.