Buscar neste blog

6 de xul. de 2011

As alertas de toxina


[Redacción] Os mariscadores arousáns, especialmente os que traballan a vieira e o mexillón, están afeitos a recibir avisos periódicos de toxina, que obrigan á veda temporal dalgunha especie ou zona. O respecto ás alertas alimentarias non impide que haxa voces no sector que cuestionen a existencia de determinados episodios tóxicos, unha desconfianza que ten o seu caldo de cultivo nas deficientes formas en que se comunican e explican as alertas por parte das autoridades competentes. Nesta mesma liña, un 76% dos participantes na enquisa que nos ocupa considera que non existe suficiente transparencia no peche dos bancos marisqueiros por toxina, fronte a un 23% que cre que si.
Un dos últimos episodios tóxicos rexistrados na Arousa afectou a comezos de maio á amexia rubia. A Confraría recibiu o aviso ás oito e media da tarde, unha vez celebrada a poxa na lonxa, o que provocou a devolución do marisco e a perda de 15.000 euros. Fontes do pósito lamentaron non ter recibido o aviso antes de que os rañeiros saíran a faenar. Había anos que a ameixa non rexistraba niveis elevados de toxina ASP.

4 de xul. de 2011

Declarado un pequeno incendio pola Area da Secada


[Susi Rial] Na tardiña do pasado domingo, ó redor das catro e media, foi declarado un incendio na zona do Faro, nas proximidades da praia da Area da Secada. Como podemos xulgar a raíz da imaxe, o fume visto dende o peirao do Chufre facía presaxiar un desastre considerable a nivel forestal nunha das paraxes naturais máis aprezadas da Illa. Por fortuna, a rápida chegada do helicóptero anti-incendios e a case total ausencia de vento evitaron que o lume se propagara, sendo o incendio controlado rapidamente. Cada ano, coa chegada das altas temperaturas, os incendios forestais constitúen unha enorme ameaza para o monte galego. Na memoria de todos perdura o desastre dos incendios de 2006, uns actos de terrorismo forestal sen precedentes, dos que tamén foron víctimas os montes da Illa, tal e como se relatou neste espazo no seu día. Daquela, a colaboración veciñal foi clave para evitar que o desastre tivera maiores dimensións.

1 de xul. de 2011

As ameazas do cemiterio dos Bufos

Os Bufos

[Susi Rial] A realización do novo sendeiro peonil permitiranos gozar de fermosos recunchos da Illa, ata agora agochados, dende Punta Cabalo ata as Rubas. Pero hai meses, cando comezaron as obras do novo sendeiro, foron moitos veciños os que puxeron de manifesto a súa preocupación debido a que o cemiterio prehistórico dos Bufos, situado nas inmediacións de Punta Cabalo, puidera sufrir algún dano. Se ben non hai motivos, cando menos en principio, polos que sospeitar que os restos non van ser debidamente protexidos, si que este feito pon de relevo, novamente, o abandono ó que están sometidos os restos arqueolóxicos máis antigos e importantes da Illa de Arousa. O cemiterio dos Bufos é de orixe prehistórica, aínda que o alfabeto fenicio presente na cerámica atopada no xacemento, ó igual que moedas da época imperial romana, indican que seguiu tendo uso en épocas moi posteriores. A necrópole constata a existencia dun antigo poboado cunha forte vinculación ó mar. Hoxe en día, na zona só se pode observar unha morea de silvas.

29 de xuño de 2011

Sardiñas, do racú ou do xeito?

O barco de Chiquita, o único da Arousa dedicado ao racú

As sardiñas do xeito son máis caras que as do racú

[Redacción] Hai quen as quere do xeito e hai quen as prefire do racú. Nisto das sardiñas, como en todas as cousas, é cuestión de gustos. Na Arousa hai un único barco, o dos irmáns Chiquita, dedicado á pesca da sardiña con racú. Neste caso, as capturas fanse en mar aberto, con rede de cerco e en grandes cantidades, polo que é habitual que algunhas pezas acaben mazadas, ao golpearse contra os aparellos ou ao ser apiladas nas caixas. As sardiñas do xeito, pola contra, péscanse máis polo miudo, en pequenos barcos que faenan dentro da ría e con redes de menor tamaño. Aproximadamente, dedícanse a esta arte unhas dez embarcacións da illa. Din os xeiteiros que o seu peixe recibe un mellor trato e así queda reflectido no prezo: a cinco ou seis euros o quilo, mentres que a sardiña do racú vai a tres euros. Pero o prezo e a técnica de pesca non son os únicos factores a ter en conta á hora de elixir... tamén hai quen opina que a sardiña do racú, ao proceder de augas abertas, ten máis graxa que a do xeito e, polo tanto, sabe mellor. Cuestión de gustos.