Publicacións

A procesión marítima

Imaxe
A procesión marítima chegando ao Campo A xente agardando a chegada da Virxe do Carme Os mariñeiros levan a ombros a imaxe, cargadiña de ristras de billetes O barco do “Pejo” foi o encargado de levar este ano a imaxe da Virxe do Carme na procesión marítima. No barco da Virxe viaxan, ademais, a orquestra, os quintos, as autoridades que haxa presentes, o cura e a toda a familia dos propietarios. Sempre foi considerado un privilexio –ademais dunha responsabilidade- transportar á patroa dos mariñeiros, aínda que este ano, disque só se ofreceu un barco. Cando hai varios candidatos, a elección da embarcación faise por sorteo ou á poxa máis alta.

ArousaVisual Films Festival

Imaxe
O venres 25 de xullo celébrase a primeira edición de Arousa Visual Films Festival, un evento durante o que se exhibirán obras audiovisuais rodadas na illa ou realizadas por autores arousáns. A mostra está organizada por ArousaVisual, co patrocinio do Concello e a colaboración da asociación Dorna e MrMisto. Programación -Pola mañá proxectarase unha selección de curtas para nenos, no salón de actos da casa consistorial. -A sesión da tarde, tamén dentro da casa consistorial, comeza ás 18.30, co pase do documental "A illa de Arousa en 1969"de J.L.Otero, "Genito", e mais dun programa de TVE rodado no mesmo ano. Seguirán ás 20.00 os documentais de Marcos Nine "Carcamáns", sobre a reacción da xente da Arousa ante ao afundimento do Prestige, e "Historia dunha parroquia", flamante premio Mestre Mateo . Ás 22.00 h proxectaranse as curtas "O Conxuro" e  "A meiga chuchona", de Pablo Millán, seleccionadas e premiadas en varios festiv...

Mostra de filmes arousáns

Imaxe
Rodaxe de "O Quinteiro", de Antonio Millán (imaxe collida da Axencia Audiovisual Galega) A Arousa acolle o 25 de xullo unha mostra de filmes relacionados coa illa, por estaren rodados en territorio insular ou por teren os seus autores ou protagonistas vencellos carcamáns. Esta primeira edición do certame contará co reclamo da presenza da actriz Pilar Bardem, quen logo de rodar na illa a curtametraxe “Ela ribeirinha”, repite visita, agora para asistir á estrea da cinta. Marcos Nine, Antonio Millán e Pablo Millán son algúns dos autores que participan na mostra coas súas obras audiovisuais. As proxeccións terán lugar na casa consistorial e na praza do concello. Poden consultar a programación completa aquí . O certame está organizado pola asociación ArousaVisual, que ten previsto preparar cada ano un festival temático, baixo o nome "ArousaVisual Films Festival".

Fogos artificiais

Imaxe
Unha mostra dos fogos do pasado sábado O espectáculo pirotécnico sempre levanta moita expectación O día do Carme ofrece a única oportunidade de ver fogos artificiais na Arousa Os fogos marcan, tamén, a fin das festas As do Carme son as únicas festas da Arousa con orzamento de abondo para pagar uns fogos artificiais. A exhibición pirotécnica resérvase para a noite do sábado, o día grande. As orquestras interrompen temporalmente a verbena, á unha da mañá, e a xente diríxese ao Chufre para gozar do espectáculo e acompañar os foguetes máis vistosos cun “ooohhh”. Os fogos artificiais marcan tamén a despedida das festas, ata o vindeiro ano.

O día a día dun bateeiro

Imaxe
A televisión de Galicia emitiu hai uns días este vídeo no que amosa escenas cotiás do traballo na batea. Ramón Dios, presidente do Consello Regulador do Mexillón , quéixase do pouco valorado que está o molusco.

A liana

Imaxe
Liana detrás do Santo, hai uns anos Quedará algunha liana agochada polos montes da Illa?. Dos xogos populares propios dos homes (aínda que nunca faltaron rapazas que probaran), a liana é quizais o máis aventureiro e arriscado. Consiste en pendurarse dunha corda, previamente amarrada a unha árbore, ao estilo Tarzán e balancearse dun lado a outro aproveitando o impulso. Practícase en terreos con desnivel e a caída adoita ser sobre toxos, para darlle máis emoción ;-)

O problema da confraría

Imaxe
Ameixas na lonxa da Illa O Servizo Galego da Competencia abriu un expediente sancionador contra a Confraría de San Xulián por restrinxir a liberdade de mercado. A denuncia partiu do sindicato Agamar, tras detectar prácticas abusivas no pósito arousán. O problema é complexo. Os mariscadores que faenan dentro das concesións administrativas insulares destinan o 9% das súas vendas na lonxa ao pósito arousán. Con estes cartos, a confraría merca a semente de ameixa e paga a vixilancia das praias para evitar o furtivismo, entre outras labores de mantemento dos areais. Ademais dos mariñeiros “a tempo completo”, no raño tamén atopamos mariscadores “de tempada”, que aproveitan as épocas de maior prezo da ameixa para ir uns días ao raño e obter unhas gañancias extra. Mentres que os primeiros levan todo o ano pagando, os segundos achegan unha pequena porcentaxe á confraría, beneficiándose igualmente do traballo colectivo. Ante esta situación, a confraría arousá decidiu limitar o permiso de marisq...