Buscar neste blog

18 de nov. de 2008

Que foi das avestruces do faro?

Imaxe das avestruces do faro, collida da rede


Ata comezos deste ano, existía no faro unha explotación dedicada á cría de porcos bravos e á produción de ovos de avestruz. As dúas repoludas avestruces que pastaban libres na granxa eran a gran atracción da zona, sobre todo entre os máis pequenos. Afeitas a recibir chucharías da xente, achegábanse confianzudas ao valado cada vez que había visita. Co peche da explotación, desapareceron tamén as únicas grandes aves que había en territorio insular.

30 anos da revista Dorna

Exemplares da primeira etapa de Dorna, entre 1978 e 1982

 

[Helena Domínguez] A revista Dorna conmemora no próximo número, en decembro, o seu 30 aniversario. O boletín foi fundado aló polo 1978 por un grupo de mozos progresistas, que quería impulsar a creación dunha asociación cultural na illa.

O equipo de redacción lanzou 14 números entre 1978 e 1982. Aquelas primeiras páxinas reflicten as preocupacións dos arousáns no tempo da transición e sorprende comprobar a vixencia na actualidade de moitos dos pensamentos da época (a preocupación medioambiental, o desequilibrio entre homes e mulleres no reparto das tarefas do fogar, a excesiva importancia das aparencias, a necesidade de dignificar a nosa variante dialectal do galego, os problemas de comercialización do mexillón...).

A asociación Dorna fíxose realidade e aínda hoxe goza do apoio popular, mais a publicación da revista interrompeuse, polo menos, na illa. A iniciativa editorial tivo continuidade de xeito independente e con outros obxectivos na Universidade de Santiago, coa edición da revista Dorna de expresión poética. Habería que agardar ata o ano 2005, para que o colectivo cultural Dorna da Illa de Arousa decidise retomar a publicación. O novo equipo editor leva lanzados nesta nova etapa nove números. No blog de Sito Vázquez, un dos fundadores da publicación, explícanse máis detalles sobre o nacemento da asociación cultural.

3 de nov. de 2008

O día de pedir

Castañas e caramelos son o botín máis habitual do "día de pedir"
 
Grupo de rapaces e rapazas pedindo 
 
Cada 2 de novembro, a rapazada da Arousa cumpre coa antiga tradición de ir pedir polas portas en nome dos defuntos, un costume moi carcamán que conecta coa celebración do Halloween do mundo anglosaxón (aínda que a nosa é unha tradución xenuína). 
Grupos de nenos e nenas provistos de cadansúa bolsa percorren as casas veciñas na procura de castañas, caramelos ou o que caia. Para seren atendidos, teñen que dicir de corrido, e de un en un: "unha limosniña polos defuntiños que van alá", e calar a boca se resulta máis beneficiado o sobriño de quen os recibe á porta. ‘Pero agora imos a de miña tía, eh?". E así toda a mañá. 
Unha das adquisicións ineludibles é o boliño de pan. As panaderías da Illa, comprometidas coa tradición, fornean para a ocasión pequenas pezas para regalarlles aos nenos que se acheguen por alí. 
Máis importante ca o botín, é o ben que se pasa andando coas amizades toda a mañá polos camiños, aínda que sempre hai algún vergoñento que non se atreve.

28 de out. de 2008

Ven á vila

Á esquerda, Sabela Otero, unha das arousás que participa no concurso

O Canal Rías Baixas estrea este mércores 29 ás once e cuarto da noite o concurso televisivo “Ven á vila”, un programa destinado a promocionar o comercio vilagarcián no que participan dúas rapazas da Arousa, Sabela Otero e Gema Salgado. Un total de 12 parellas compiten contrarreloxo por localizar determinados artigos nas tendas de Vilgarcía e levalos de volta ao plató instalado na Praza de Galicia. En xogo hai un vale desconto, unha estancia nun hotel ou unha cea. Tras as cámaras, traballa na produción e na dirección de arte o arousán Antonio Millán.