Buscar neste blog

3 de set. de 2009

Festival Komaira


A restauración do galeón Comaira entrou nunha nova fase para a que se precisan recursos. Así que o grupo de mozos que se está a encargar da posta a punto da embarcación decidiu organizar un festival no cine Capitol para recadar fondos. Será o 19 de setembro, e a entrada custa tres euros.

28 de ago. de 2009

Clásicos gastronómicos do Chufre

Mexillóns "tigre", sardiñas asadas e navallas, tres clásicos do verán arousán

A festa do mexillón presentou por 1ª vez no seu repertorio as vieiras

Tanto ten se se trata da festa da navalla, da festa do mexillón ou da exaltación dos produtos do mar. As carpas gastronómicas do Chufre ofrecen cada fin de semana de agosto un menú similar que inclúe mexillóns tigre, sardiñas asadas, navallas, polbo á feira e ameixas á mariñeira, entre outros. Só a festa do mexillón ofreceu un prato exclusivo e novidade deste ano, as vieiras recheas con mexillóns. Moi boas, por certo.

A pasante

As pintadas brancas nas columnas indican a localización da pasante

Navegar baixo a ponte dun lado a outro require certos coñecementos marítimos, debido á escasa profundidade do mar nesa zona do Bao e o conseguinte risco de encallamento. De todos os puntos polos que pode atravesar un barco, existe un idóneo, que os mariñeiros coñecen como “a pasante”. Marcada con dous sinais brancos en cadansúa columna, a pasante coincide co punto de maior elevación da ponte e reúne o calado suficiente para que poidan navegar lanchas e pequenas embarcacións independentemente dos diferentes niveis da marea. Así e todo, os barcos de gran envergadura, como os bateeiros, deben agardar a media marea para pasar e ademais de ter coidado en non tocar coa quilla no fondo, deben prestar atención á altura da ponte, para evitar bater coas grúas contra a plataforma viaria. Nas mareas vivas de decembro, o lombo do Bao queda en seco e a navegación na baixamar é imposible para calquera embarcación, mesmo na pasante.

A vista de paxaro, 40 anos atrás

Imaxe aérea da Arousa, tomada en 1968
(fotografía propiedade do diario ABC)


A dixitalización de vellas revistas e xornais e a posibilidade de acceder libremente ás hemerotecas a través da rede abre novas vías para a obtención de recursos e documentación sobre o pasado da Arousa. A vista aérea que reproducimos aquí foi publicada no semanario Blanco y Negro en 1968, e está dispoñible para a descarga baixo certas restricións. Na revista, a imaxe orixinal vai acompañada dun pé de foto que dá conta da existencia de 105 fábricas que empregan a 10.000 produtores. Como pode ser que nese tempo traballasen nas conserveiras o dobre de persoas que a poboación actual da Arousa?

A regata do Bao levanta expectación

As dornas, preparadas para a saída

Na Regata do Bao, o aparellamento da dorna forma parte da competición

Moitas persoas seguiron desde a praia o embarque dos tripulantes nas dornas

O pasado 22 de agosto celebrouse na Arousa a Regata do Bao, a última competición do calendario estival de dornas a vela que ten lugar en augas carcamanas. A proba contou coa participación de case 40 embarcacións, entre as que se proclamou vencedora a dorna Bazarra, tripulada por dous veteranos navegantes. A espectacularidade da regata, a única da súa clase con saída desde terra e na que o aparellamento das embarcacións forma parte da competición, congregou a un numeroso público na praia, que non quixo perder o emocionante comezo da regata.
As seguintes citas para os dorneiros da ría de Arousa son a Regata do Albariño, que se celebrará o 12 de setembro en Cambados, tras suspenderse a convocatoria inicial debido ao vento, e a Regata do Marisco, prevista para outubro no Grove.

21 de ago. de 2009

Os peóns gañan prioridade

Pasos de peóns recén pintados no Cruceiro


As estreitas rúas do centro urbano da illa contan con novos pasos de peóns que lles outorgan prioridade aos viandantes nos cruzamentos.

13 de ago. de 2009

Caracolas versus caramuxos

Unha caracola (abaixo) e un caramuxo cocidos


Os caramuxos son moi apreciados no mercado, as caracolas non


Aínda que son semellantes, caracolas e caramuxos non admiten confusión, nin no aspecto externo nin no sabor. Os caramuxos teñen a cuncha negra e, unha vez fervidos, teñen un gusto doce e fino. A caracola ten un sabor máis salgado e mesmo cun lixeiro toque picante, así que o seu valor comercial é escaso. De caracolas están os cons cheos, pero os caramuxos escasean, así que quen dá con eles, garda o segredo do lugar coma quen ten un tesouro.

Compañeiros de toalla


A pulga de mar é un crustáceo moi abundante nas praias da Arousa. A pesares do nome , este simpático becho nin pica nin ten ningún interese polos humanos, dos que fuxe a saltos en canto se sente ameazado. Vive enterrado na area e aliméntase de algas e outros restos orgánicos.

10 de ago. de 2009

Sempre fermoso

O perelluqueiro da Abilleira, á noitiña

Detalle diurno dos pereiucos


O perelluqueiro (Crataegus monogyna) da Abilleira está fermoso en todas as estacións. As floriñas brancas da primavera dan paso a unha explosión de boliñas vermellas no verán.

6 de ago. de 2009

A condena de vixiar as praias

Cartel á entrada de Carreirón que advirte da prohibición de mariscar

Mulleres vixiando en Camaxe, a pasada semana

Cada ano, no verán, refórzase o sistema de vixilancia das praias para evitar o marisqueo furtivo. A confraría conta cun equipo de control, subvencionado parcialmente pola Xunta, que patrulla a liña de costa en motos e vehículos todo terreo. Con todo, o persoal é insuficiente para cubrir os numerosos areais da illa, tendo en conta a gran afluencia de turistas na época estival. Así, as mulleres que pertencen ao cabildo vense obrigadas a organizarse pola súa conta para protexer os seus recursos marisqueiros.
Todas as sequeiras arousás, sen excepción, túrnanse para vixiar a diario os bancos marisqueiros máis prezados, en longas xornadas non remuneradas. Por riba, ao carecer de autoridade oficial, de cando en vez teñen que enfrontarse verbalmente ás persoas que, aínda sendo sorprendidas apañando ameixas, non aceptan a prohibición de mariscar que rexe sobre as praias da Arousa.
A vixilancia das praias é unha condena que as mulleres aceptan con resignación e na que subxace unha compoñente machista. Estarían dispostos os rasteiros a botar o verán facendo gardas voluntarias?
Por outra banda, é preciso matizar que tamén existen dispositivos de control no mar, que se manteñen todo o ano as 24 horas do día. Neste caso, trátase dun traballo remunerado e o perfil do furtivo é un mariscador local.

2 de ago. de 2009

Como facer unha pisallada

Coas amoras pódese facer pisallada ou marmelada

Primeiro, búscase unha compaña agradable e, a poder ser, de boa estatura (as mellores amoras teñen a manía de medrar no alto). Logo localízase unha zona na que haxa abondosas silvas. Entre conversa e conversa, apáñanse as amoras, dándolles preferencia a aquelas máis grandeiras, maduras e que non estean comestas polos bechos. Xa na casa coa bolsa chea, lávanse ben os froitos para retirarlles o po. Esmigállase o miolo de media barra de pan do día (a codia non se aproveita). Cun tenedor, machúcanse as amoras coa miga e azucre a gusto, ata que non quede ningunha frangulla de cor branca. A pisallada está lista para servir e compartir.

30 de xul. de 2009

Nomes e voces: as vítimas da Arousa

Fragmento dunha imaxe do álbum "Debuxos da Guerra", de Arturo Souto


Xa está publicado na rede o primeiro censo de represaliados en Galicia entre 1936 a 1939, no que figuran varios veciños da Arousa. A base de datos forma parte dunha investigación histórica máis ampla, denominada "Nomes e Voces", iniciada no 2006 a través dun convenio das tres universidades galegas coa consellería de Cultura, co obxectivo de estudar a represión durante a guerra civil. Na listaxe aparecen as seguintes vítimas, segundo se busque por nacemento ou por veciñanza:

Nacidos na Arousa
: os irmáns Antonio e Juan Sanes Otero, Luis Castro Lojo, Francisco Vázquez Vázquez, todos eles paseados; Manuel Chaves Dios (preso), Narciso Suárez Lojo (executado) e Victoriano Bóveda Iglesias (procesado).

Con veciñanza na Arousa: os mestres Antonio Gestal (sancionado) e Luis de Saa (preso), Avelino Fuentes (procesado); Benito Allo Cores, Juan Rial García, Luis Bóveda Iglesias (presos); José Besada Nieto (executado), José Búa Laredo, Marcelino Dacosta Bravo (paseados). E Santiago Otero Pajares, que foi paseado e fondeado na ría e consta como “desaparecido”.

O censo tamén inclúe a Esteban Picón, asasinado e botado ao mar no Aguiuncho, aínda que non aparece relacionado directamente coa Illa de Arousa.

Poden enviar correccións e nova información para completar a base de datos a través do correo: memoriaguerracivil@usc.es

Unha vez máis, sobre este tema, remitímolos á canción Mártires de Arousa.

29 de xul. de 2009

O monumento de Fraga

Placa de inauguración do paseo do Cantiño


De todos é coñecida a pouca estima que Manuel Fraga lle profesou ao pobo da Arousa; segundo a lenda popular, a raíz dun desaire que sufriu en 1985, durante a inauguración da ponte, sendo presidente de Alianza Popular. As sucesivas victorias socialistas na illa non deberon axudar a amainar o rancor do de Vilalba, quen no seu longo mandato á fronte da Xunta non só rareou os investimentos locais, senón tamén as súas aparicións. Fraga visitou a illa en escasas ocasións, e sempre dun xeito rápido e sen moita publicidade. Un día, anos despois da inauguración do paseo marítimo do Cantiño, erixiron este triste e aparatoso monumento-placa co seu nome estampado. Non o estreou no seu tempo, nin coa cerimonia que a el lle gustaría. Pero aí quedou o armatoste para a posteridade.

Máis tipos de carreiros


Para marcar o camiño no miradoiro da Bouza, creado o ano pasado, optouse por unha solución de baixo impacto ambiental.

28 de xul. de 2009

Lastra por todas partes

O carreiro que atravesa o piñeiral de Con Cerrado foi pavimentado con pedra

Semella que a lastra é a solución construtiva preferida para pavimentar as rúas do centro da illa, e tamén para urbanizar os carreiros entre os piñeiros, como este que ven na imaxe que comunica a rúa de Con Cerrado (onde están os cámpings) coa praia do mesmo nome. Non sería máis axeitado, nun contorno natural, unha plataforma de madeira?

A reforma da ponte

A ampliación da ponte foi aprobada pola Consellería de Política Territorial do goberno bipartito


As obras supoñen "unha posta a cero", cunha durabilidade prevista de 50 anos


Unha das obras de maior envergadura que se están acometendo actualmente na Arousa é a reforma da ponte, cun orzamento de 14 millóns de euros. A actuación consiste na reparación dos elementos construtivos deteriorados e na mellora do acceso para os peóns e os ciclistas, xa que a plataforma actual só dispuña dunha estreita beirarrúa en ambos os dous sentidos. A afluencia turística unida á obrigada necesidade de cortar o carril no punto das obras está a ocasionar retencións de tráfico nas fins de semana.

21 de xul. de 2009

A festa da navalla, agardando polo bo tempo

Cartel promocional da festa da navalla, en San Miguel


Xa lle choveu o ano pasado, e nesta cuarta edición da Festa da Navalla semella que o tempo non vai ser moito mellor. Sexa como for, a organización ten preparados 1.600 quilos de navallas, que se servirán ao público na vindeira fin de semana, no paseo marítimo do Cantiño. Como de costume, a recadación irá destinada a financiar o deporte local. Neste caso, os beneficiados serán os grupos de baloncesto e piragüismo, que colaborarán no desenvolvemento da festa gastronómica.

Cantiga á patrona dos mariñeiros

Montaxe a partir do "libro das festas"

É habitual que durante a celebración do Carme se cante en repetidas ocasións, na misa e durante a procesión, o coñecido tema "Salve, reina de los mares". Pero desde o ano 2006, hai unha nova cantiga no repertorio, en galego, e de orixe carcamana. Aquí a teñen.

19 de xul. de 2009

Fetichismo dorneiro


Non hai bar que se precie de mariñeiro que non teña a súa maqueta de dorna ben á vista da clientela. Na Arousa hai varias persoas que se dedican a facer dornas por encargo, a un prezo que ronda os 150 euros, máis ou menos. Trátase de traballos artesanais que reproducen fielmente a embarcación a escala. Quen queira iniciarse nesta arte, pode botar man dos planos do antropólogo sueco Staffan Mörling, grande coñecedor das embarcacións tradicionais galegas.

17 de xul. de 2009

O Alborada, na véspera

O nuevo Alborada, ás dez da noite no porto

O barco que este ano ha de levar en procesión a imaxe da Virxe do Carme, o Nuevo Alborada, permanece solitario e xa engalanado no porto do Chufre. Mañá, todas as miradas se dirixirán cara el.

14 de xul. de 2009

Tensa espera no Cabodeiro

Cartel de protesta, ante a casa do Cabodeiro ameazada de derribamento

Estado actual das obras do vial


As obras de construción da estrada de acceso ao Chufre permanecen paradas, unha vez que as escavacións acadaron o punto do conflicto: as dúas casas do Cabodeiro ameazadas de derribamento. Despois dunha intensa campaña de mobilizacións, os veciños afectados lograron gañar tempo e, ao parecer, están pendentes de reunirse cos novos responsables da Xunta para renegociar a súa situación. Mentres, os propietarios afectados polas expropiacións do seguinte tramo da estrada, do Cabodeiro ao Lagartiño pasando polo Aguiuncho, foron convocados a unha reunión informativa a vindeira semana, no Concello.

7 de xul. de 2009

Inventario de alcumes

Inauguramos un novo espazo de participación, destinado a compilar os sobrenomes que reciben en herdanza familiar as xentes da Arousa, gústelles ou non. Quedan descartados, polo tanto, os alcumes particulares de persoas -moi abundantes na illa, por certo- que non se transmiten de xeración en xeración. Poden deixar as súas propostas en Alcumes da Arousa.

E agora aparece un ramo


Os veciños do Charco están decididos a chamar á atención das autoridades para recuperar a fonte. A última acción, a colocación dun ramo de flores en recordo do patrimonio perdido.

6 de xul. de 2009

A fonte que si existiu

                                 Foto: Juan Dios Chaves
A fonte do Charco, nunha imaxe tomada nos oitenta, aproximadamente


Que a aparición do porco non os despiste, a fonte do Charco si existiu, como ben o saben todos os veciños. A construción, dotada de tres billas, non destacaba pola súa beleza, dende logo, pero era o único signo externo que quedaba no barrio das augas subterráneas que anegaban a zona noutros tempos, e que lle deron nome e identidade ao lugar, o "Charco".

5 de xul. de 2009

Activismo cidadán

O Charco amenceu hoxe cunha reivindicación pública sobre a desaparecida fonte


Case dous anos leva o Charco sen a súa fonte pública, logo de que fora derruída debido a un accidente de tráfico. En agosto do ano pasado, os veciños fixéronlles saber aos responsables municipais o seu desexo de que unha nova fonte ocupase o lugar da antiga, contradicindo así as intencións do Concello, que pretendía erixir unha estatua no sitio. Dende aquela, non se produciu ningunha actuación na zona, a pesares do compromiso municipal de estudar a proposta dos veciños. Hoxe á mañá, o Charco amenceu cun cartel que denuncia o abandono do proxecto da fonte.

1 de xul. de 2009

Cabezudos

Cabezudos pola actual Avenida Castelao, a comezos dos 50, aproximadamente

Había tres ou catro que non saían os cabezudos na procesión do "Corazón de Xesús". O pasado domingo, e logo dun proceso de restauración, as cinco figuras de cartón pedra volveron ás rúas a alegrar -ou asustar, sempre hai algún que chora- os nenos. É curiosa a fusión de elementos relixiosos e pagáns que se produce nesta celebración relixiosa, que mestura a procesión dun santo co desfile dos cabezudos. Este tipo de figuras, e tamén os xigantes, están presentes nas tradicións lúdicas de moitas culturas, e na Arousa gozaron de moita popularidade noutros tempos. Sería interesante recuperalos tamén para as festas populares.

30 de xuño de 2009

O cartel, e a web das festas do Carme


Por petición popular, aquí teñen pendurado o cartel das festas do Carme, xa exposto nos bares da Arousa. A novidade deste ano é que, por primeira vez, se pode consultar a programación en internet, na web oficial festasdocarmeilla.com

27 de xuño de 2009

O vento obriga a interromper a Volta á Arousa

A XXV Volta á Arousa rexistrou unha participación récord de dornas

De volta, despois dunha regata ventosa e accidentada

A 1ª edición da Volta á Arousa en bici acompañou por terra a regata


A Volta á Arousa, a regata coa que se iniciaron a mediados dos 80 as competicións deportivas de dornas a vela, non puido completar o percorrido da edición 2009 debido ao forte vento. A saída produciuse segundo o previsto, no Bao, cunha participación récord de 62 dornas. Pero o forte vento dificultou dende o comezo a navegación; houbo de todo, dornas que foron ao fondo, ou que estiveron a piques, e paus que partiron. Antes de que as primeiras embarcacións chegaran á altura de Carreirón, a organización decidiu suspender a regata. A celebración do 25 aniversario da Volta á Arousa continuou en terra coa merenda de rigor, en merecida recompensa polos traballos pasados. Este ano, por primeira vez, paralelamente á regata celebrouse a Volta á Arousa en bici.

21 de xuño de 2009

Xa abriron os chiringos

O chiringo da Lavanqueira, hai uns días

Como é costume, contra o San Xoan volven os chiringos ás praias máis concorridas da Arousa. A liña de costa que vai do Bao a Xastelas concentra a maioría deles, de diferentes ambientes e para todos os gustos.

As alfombras, un ano máis

A alfombra do "Sacramento", no Campo

Primeiro foron as confirmacións, logo as comuñóns, e este domingo tocoulle ao "sacramento". Dezaoito matrimonios da Arousa celebraron os seus 39 ou 40 anos de casados nunha cerimonia colectiva, cuxa parte pública máis vistosa foi, como sempre, a exhibición dunha alfombra de sal e flores no Campo. Este tipo de celebracións relixiosas, que van marcando os ciclos da vida das persoas, están moi enraizadas entre a poboación insular.

16 de xuño de 2009

O pombal do cura

Antigo pombal de construción cilíndrica


O da horta do cura é probablemente o único pombal de construción tradicional que existe na Arousa. Este tipo de edificacións eran comúns nas casas reitorais e nos pazos galegos, xa que tanto o custe da construción como a cría de pombas non estaban ao alcance do labrego común. Como poden ver, o pombal atópase nun bo estado de conservación.

7 de xuño de 2009

Alta abstención dos arousáns nas europeas

Nestas eleccións só acudiron ás urnas o 58,7% dos votantes

Resultados provisionais comparados das eleccións europeas no 2009 e 2004. Fonte: MIR

As altas porcentaxes de participación que habitualmente rexistra a Arousa nas eleccións, en torno ao 85%, baixan ata a metade do censo nas europeas. Se no 2004 só votaron o 59,7 dos electores, este ano a cifra aínda descendeu un punto máis: 58,7. Os arousáns non senten que as eleccións europeas vaian con eles, a pesares de que no Parlamento Europeo se tomen moitas decisións que afectan á vida diaria dos veciños, como os asuntos de pesca.
As imaxes mostran os resultados provisionais das eleccións, publicados polo Ministerio de Interior: o PSOE mantén o seu liderato co 49,7% dos votos, aínda que perde papeletas. A segunda forza, o PP, sobe do 33,3 ao 36,8%, e o BNG tamén perde votos ao pasar do 13 ao 9,3%. Os 40 votantes de Esquerda Unida seguen fieis ao partido e UPyD case consegue xuntar unha ducia de papeletas. Curiosamente, tamén recibiron cadanseus tres votos a Falange e o Partido Regionalista del País Leonés.

Vídeos escolares



Os alumnos de Tecnoloxía de cuarto da ESO realizaron uns vídeos promocionais da Arousa para participar no concurso Presume do Salnés. Aquí poden ver o resto das curtas.

4 de xuño de 2009

A fonte do Lagartiño

Manancial de auga doce na praia do Lagartiño

A auga flúe de entre as pedras


O Lagartiño de camiños de terra tal e como o coñecemos hoxe está condenado a desaparecer, a medida que avance a construción da estrada de acceso ao porto. É esta unha zona da illa húmida, pola que flúen mananciais subterráneos que desembocan na praia. Aquí teñen unha imaxe actual da fonte do Lagartiño, un xeneroso agasallo da natureza no que conflúen a auga do mar e da terra. Agardemos que a fonte non remate, tamén, sepultada en cemento.

A ruta dos faladoiros

Marquesiña de fabricación artesanal na Abilleira

O paseo que vai dunha punta da Abilleira a outra vai camiño de converterse nunha ruta dos faladoiros. Primeira parada: ao comezo da Abilleira pequena, no curruncho entre onde remata a fila de casas e a praia, pavimentado recentemente. Os xubilados asiduos ao lugar instalaron alí algún banco e cadeira. Parada intermedia: os bancos de embaixo o perelluqueiro. E terceira parada, onda o pequeno peirao da Abilleira, contra as Laxes do pan. Neste último posto, os veciños sofisticaron as instalacións, xa que cambiaron o banco baixo a figueira por unha auténtica marquesiña fabricada artesanalmente con materiais de reciclaxe. Cada un dos tres postos ten os seus fieis, que buscan sombra e compaña para botar o conto á beira do mar .

30 de maio de 2009

Comeza a tempada de regatas de dornas a vela

O cartel é de Antonio Millán

O Trofeo Galicia de Dornas a vela, a competición máis importante na súa modalidade, arrinca o 6 de xuño na Arousa coa celebración de Fasquía, a primeira das catro regatas puntuables para o campionato. Unhas 40 embarcacións da ría participarán nesta quinta edición de Fasquía, con saída e meta no porto do Chufre e 4 millas de percorrido. A seguinte proba do calendario de dornas a vela é a Volta á Arousa, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, e irá acompañada dunha programación especial.

Dispoñible para a descarga o último número de Dorna

A portada do número de maio foi deseñada por Pedro Díaz Lorenzo


Tardou uns meses máis do previsto, pero á fin está na rúa o último número da revista Dorna, editada pola asociación do mesmo nome. A publicación celebra o seu 30 aniversario con interesantes reportaxes e artigos, como sempre. Especialmente recomendable é o artigo "Montes: usos e desusos" de María Oubiña, xa que aborda un tema do que escasea a información e o debate: a situación dos montes comunais da Arousa.

25 de maio de 2009

Fraseoloxía carcamana



[Redacción. 25/05/09 ] "Fraseoloxía carcamana" naceu co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas carcamanas, unha morea de frases de uso coloquial, difíciles de entender para as persoas alleas á Arousa.

-Andar ao chuchuchú: participar en pequenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan e difunden  rumores ou pequenas conspiracións. Exemplo de uso:  "non te fíes de fulaniña que anda moito ao chuchuchú".

-Aparta laxe que te fendo!: expresión para indicarlle a alguén que ten moita fachenda ou que esaxera as súas capacidades. Obviamente, unha laxe non é tan fácil de fender.


-A xogar a Testos: expresión usada para dicirlle a alguén que deixe de molestar e marche. Fai referencia ao lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol.

De cando o pobo defendeu a xestión colectiva do marisqueo

Cartel no Faro para disuadir os mariscadores furtivos

No verán de 1931, uns veciños da Arousa solicitaron unha concesión administrativa para crear viveiros de marisco na zona de Riazón. A noticia correu de boca en boca: “queren mercar as praias, queren mercar as praias!”. O técnico que chegou á illa para analizar a calidade das augas mariñas foi recibido co repenicar das campás da igrexa e tivo que marchar sen facer o seu traballo, despois de calmar ao pobo que se opuña a tal concesión. Foi a mobilización popular a que impediu que os areais arousáns evolucionasen dun modelo de xestión colectiva do marisqueo a outro baseado en parques de cultivo particulares, coma o caso de Carril. No Entroido do ano seguinte, as comparsas fixeron escarnio da idea dos viveiros:


Homes sabios que queredes*
praias grandes po marisco
Ide a Muros e collede
a que?
a praia de San Francisco

A onde irán os lareiras
que será de todos nós
pois meteranse dentistas
e que?
Irán rastear a mós

Haberá un marqués no Bao
un bizconde da Sapeira
e un conde de Riazón
que máis?
E un duque dos Tarais

Hai miña rula arousana , garrida do corpo xentil
nunca me olvides miña queridiña que morro por ti
Darche quixera rapaza da i’alma todo o meu querer
entre as delicias das túas caricias sequiño morrer (retrouso)


(*Letriña de Entroido recollida oralmente e datada a comezos dos anos 30)

21 de maio de 2009

Feísmo

As tuberías da depuradora invaden unha das caliñas de Punta Cabalo

Construción industrial que atenta contra a paisaxe e o medioambiente


Ao parecer, a lexislación medioambiental obriga a soterrar as tuberías das depuradoras de marisco, pero non todas as empresas da Arousa teñen os deberes feitos. A depuradora Aurelio Silva, en Punta Cabalo, é un exemplo. A empresa invadiu a praia, situada nunha das zonas máis fermosas e virxes da costa da illa, con varios canais e mesmo unha construción de cemento. Isto si que é feísmo.