Buscar neste blog

13 de nov. de 2009

As importacións de mexillón foron impulsadas dende a Xunta

Descarga de mexillón no Chufre

O director xeral de Competitividade e Innovación da Consellería do Mar, Xoán Maneiro, vén de declarar que o complicado momento que atravesa o sector mexilloeiro galego é consecuencia das guerras internas do sector. Á marxe dos problemas organizativos que poidan ter os bateeiros, Maneiro semella esquecer que foi a propia Xunta de Galicia, a través de misións comerciais pagadas con cartos públicos, a que alentou a entrada do molusco chileno no mercado galego. Xa no 2003, o entón conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, encabezou unha delegación comercial a Chile, co obxectivo de atopar novos proveedores de mexillón, co argumento de que a produción galega non era capaz de satisfacer a demanda, tal e como se recolle nesta entrevista. O conselleiro incluso lles recomendou aos produtores chilenos que cambiasen o nome de “chorito” polo de "mexillón” para ter éxito no mercado.
Formaban parte daquela delegación, entre outros, o propio Maneiro, por entón director do Centro de Control do Medio Mariño, e Anfaco, a asociación de conserveiras liderada por Juan Vieites.

11 de nov. de 2009

A filmografía de Marcos Nine





O director Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) vén de estrear un blog no que reúne toda a súa filmografía. Entre os traballos que se poden visualizar en liña, figuran o documental Carcamáns(2003), que conta a loita dos mariñeiros da illa para frear o avance do chapapote do Prestige, ou a curta titulada Aarón (2009), gañadora do primeiro premio do IV Certame Curtas na Rede, na categoría de documental. Aarón é un neno de catro anos que fai unha sesión de fotos moi especial...

3 de nov. de 2009

O samaín máis arousán

De porta en porta, á procura do botín

Grupo de rapaces e rapazas pedindo, onte á mañá

Un ano máis, os rapaces da Arousa cumpriron coa tradición de ir pedir polas portas "unha limosniña polos defuntiños que van alá".

30 de out. de 2009

As rendas dos labregos á Igrexa

Fragmento da "renda de froitos" da illa de Arousa, do século XIX


O Ministerio de Cultura mantén na rede un interesante portal destinado á difusión do patrimonio histórico documental. Entre os arquivos dixitalizados que se poden consultar, figuran varios sobre a Arousa, como a carta do rei Fernando IV, pola que se lle concede ao mosteiro de San Martiño Pinario o privilexio de cobrar as rendas reais dos habitantes da illa de Arousa, coa condición de que os benedictinos manteñan acendida día e noite unha lámpada que o rei ordenou poñer na catedral compostelá. Do ben que a Igrexa levou as contas nos séculos sucesivos, dan fe os libros das rendas, tamén de acceso libre, nos que figuran por orde alfabética todos os pagadores arousáns, así como a cantidade de trigo, millo e centeo que abonaron.

26 de out. de 2009

Bugallos

Un bugallo, entre os restos da mallante

O bugallo é un "tumor" do carballo, inducido polos insectos

Os bugallos agochan no interior larvas

Entre os residuos da mallante é moi habitual atopar bugallos, unha especie de bólas que forma o carballo arredor dos ovos de determinados insectos. Unha vez que se desprenden da árbore, os bugallos ou carrabouxos chegan ata a praia arrastrados pola marea.

25 de out. de 2009

Concertos, agora tamén no pub A Kultural


O pub A Kultural decidiu organizar unha serie de concertos para animar as fins de semana das frías noites de inverno. A iniciativa bota a andar o vindeiro 14 de novembro, coa actuación da banda viguesa Minim.
Os concertos do Kultural súmanse á oferta habitual de música e teatro do pub Con do Moucho, e á programación cultural do Concello, que se desenvolve cada sábado no auditorio. Para o 12 de decembro, por certo, está prevista a actuación do grupo 6.P.M., do que forma parte o arousán Iván Oubiña.

19 de out. de 2009

O blog da ANPA

Captura de pantalla do blog

Pais e nais de alumnos na última asemblea xeral
(imaxe collida do blog da ANPA)

A bitácora da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio Torre é a última en incorporarse á lista de "blogs carcamáns" que figuran neste blog. O colectivo celebrou hai unhas semanas a súa asemblea xeral de comezo de curso, na que trataron aspectos relacionados co mobiliario da ludoteca, o transporte escolar ou a necesidade dunha maior implicación dos pais nas actividades do colexio, entre outros.

Enxeños carcamáns


Certamente, transportar o balde de ameixas pendurado do guiador da bici non resulta cómodo, e ademais, pode ser perigoso para a estabilidade do vehículo. A propietaria da bici, unha sequeira, instalou no "gardabarros" traseiro un enxeño metálico á medida do balde.

17 de out. de 2009

Mar libre: o tráiler

Os "extras" de Dorna, durante a rodaxe en Sálvora
(imaxe collida do blog de Dorna)



A través do blog da asociación cultural Dorna, imos coñecendo detalles da rodaxe de Mar libre, un filme ambientado no século XVIII, dirixido polo monfortino Dani de la Torre. Mar libre ten como contexto a chegada dos industriais cataláns á costa galega e narra a historia do capitán Anxo Estrada, fillo dun mariñeiro, que volve á súa aldea natal despois duns anos de ausencia, e decide rebelarse contra as inxustizas provocadas por un desapiadado empresario. A película está sendo gravada en escenarios de Carnota, Redondela, Muros e Sálvora, entre outros, e conta coa participación de extras coñecidos: as embarcacións e os tripulantes da Escola de Navegación de Dorna. Mar Libre está producido por Ficción Producciones en colaboración coa Televisión de Galicia, e probablemente se emita como miniserie.

14 de out. de 2009

En tempada alta, e as conserveiras sen facer pedidos

Cargando mexillón para fábrica, no Chufre


A partir de setembro comeza a “tempada” alta no sector mexilloeiro. As conserveiras fan aprovisionamento de molusco, así que nesta época, as asociacións de mexilloeiros adoitan estar en plena actividade, en resposta á demanda das fábricas. Porén, este ano, os bateeiros están a velas vir. Jealsa (Rianxeira), Calvo e Garavilla (Isabel), as compañías que absorben o 70% da produción do mercado galego, non fan pedidos, e a estratexia dos grandes da industria transformadora é imitada polos pequenos. No ruxe ruxe do sector, sospéitase que este cambio no proceder das fábricas podería obedecer a unha medida de presión sobre os produtores, coa intención de baixar os prezos. Coas bateas cheas de mexillón, os bateeiros veríanse obrigados a ceder ante as esixencias das conserveiras, para darlle saída ao stock. O prezo de mexillón para a fábrica vén determinado por unhas táboas, nas que se ten en conta o rendemento da carne e o número de pezas por quillo. O prezo mínimo contemplado na táboa é de 0,23 céntimos o kg, e o máximo, 0,65, aproximadamente.

Un agasallo da natureza

A punta de Testos ao solpor, o 12 de outubro





As postas de sol na Arousa son fermosas todos os días. Pero o pasado luns, o ceo tinguiuse de lume.

28 de set. de 2009

O xardín secreto

Vista do xardín, desde o piorno situado fronte ao edificio Goday

O de Goday é un dos poucos xardíns públicos de interese que hai na Arousa

A zona non é accesible para os veciños

O xardín de Goday, que pertenceu no seu día á casa familiar do industrial conserveiro, é aínda un lugar descoñecido para a maioría da poboación local. O contorno foi recuperado e acondicionado no 2007 polo obradoiro de emprego Nordés pero permanece pechado dende entón, a pesar do seu carácter público.

22 de set. de 2009

Máis placas de inauguracións

Placa no cruzamento da Franqueira e a estrada das Aceñas


Se hai uns meses falabamos da placa-monumento de Fraga colocada no paseo marítimo do Cantiño, ben merece atención especial este outro monolito piramidal situado na Franqueira. O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde da Arousa, Manuel Vázquez, non quixeron deixar pasar a oportunidade de incrementar o patrimonio monumental da illa, con esta placa que conmemora a “inauguración oficial” da estrada das Aceñas. Como adoita acontecer, a vía xa existía moito antes do ritual político de inauguración, pero é xusto que as xeracións vindeiras lembren, con nomes e apelidos, quen foron os responsables de dotar a estrada de beirarrúas e sinalización, sen dúbida, unha actuación de envergadura que ficará na memoria popular. É máis, cada nova beirarrúa debería ter o seu correspondente monolito piramidal.

Sen traballo á vista

Cartel pegado no pantalán do Chufre

Datos do paro na Arousa, correspondentes ao ano 2008


O mar constituíu tradicionalmente unha saída laboral para as xentes da Arousa, especialmente para os homes. O progresivo regulamento do sector marisqueiro e pesqueiro, tendente á redución da flota de baixura, acoutou nos últimos anos as posibilidades de vivir dos recursos do mar. Ata os mariñeiros teñen que poñer carteis na procura de traballo.

Con todo, as persoas máis castigadas pola falta de perspectivas laborais son as mulleres. Segundo datos oficiais, no 2008, o 4,5% da poboación da Arousa estaba rexistrada nas listaxes do paro. Se observamos os datos por sexos, a cifra sobe ata o 6,7% no caso das mulleres, fronte ao 2,4% dos homes. O perfil do parado máis común na Arousa é unha muller, entre os 25 e os 49 anos.

18 de set. de 2009

Os preparativos do S.O.S. Komaira

A entrada do Capitol, empapelada cos carteis do festival

Socios do colectivo Comaira, preparando as instalacións para o festival

O festival S.O.S. Komaira é un exemplo de autoxestión

Mentres o galeón Comaira permanece mergullado en Castrelo, os catorce socios do colectivo do mesmo nome levan unha semana de intenso traballo para ter todo a punto para este sábado. Os concertos de grupos amigos, que colaboran desinteresadamente no festival, acompañaranse dunha exposición fotográfica sobre a evolución da restauración da embarcación. E tamén haberá empanada de mexillóns, que se servirá gratuitamente coa entrada (tres euros). O festival S.O.S. Komaira é unha iniciativa independente das institucións, destinada a financiar a recuperación dun antigo barco que ía ser despezado.

3 de set. de 2009

Festival Komaira


A restauración do galeón Comaira entrou nunha nova fase para a que se precisan recursos. Así que o grupo de mozos que se está a encargar da posta a punto da embarcación decidiu organizar un festival no cine Capitol para recadar fondos. Será o 19 de setembro, e a entrada custa tres euros.

28 de ago. de 2009

Clásicos gastronómicos do Chufre

Mexillóns "tigre", sardiñas asadas e navallas, tres clásicos do verán arousán

A festa do mexillón presentou por 1ª vez no seu repertorio as vieiras

Tanto ten se se trata da festa da navalla, da festa do mexillón ou da exaltación dos produtos do mar. As carpas gastronómicas do Chufre ofrecen cada fin de semana de agosto un menú similar que inclúe mexillóns tigre, sardiñas asadas, navallas, polbo á feira e ameixas á mariñeira, entre outros. Só a festa do mexillón ofreceu un prato exclusivo e novidade deste ano, as vieiras recheas con mexillóns. Moi boas, por certo.

A pasante

As pintadas brancas nas columnas indican a localización da pasante

Navegar baixo a ponte dun lado a outro require certos coñecementos marítimos, debido á escasa profundidade do mar nesa zona do Bao e o conseguinte risco de encallamento. De todos os puntos polos que pode atravesar un barco, existe un idóneo, que os mariñeiros coñecen como “a pasante”. Marcada con dous sinais brancos en cadansúa columna, a pasante coincide co punto de maior elevación da ponte e reúne o calado suficiente para que poidan navegar lanchas e pequenas embarcacións independentemente dos diferentes niveis da marea. Así e todo, os barcos de gran envergadura, como os bateeiros, deben agardar a media marea para pasar e ademais de ter coidado en non tocar coa quilla no fondo, deben prestar atención á altura da ponte, para evitar bater coas grúas contra a plataforma viaria. Nas mareas vivas de decembro, o lombo do Bao queda en seco e a navegación na baixamar é imposible para calquera embarcación, mesmo na pasante.

A vista de paxaro, 40 anos atrás

Imaxe aérea da Arousa, tomada en 1968
(fotografía propiedade do diario ABC)


A dixitalización de vellas revistas e xornais e a posibilidade de acceder libremente ás hemerotecas a través da rede abre novas vías para a obtención de recursos e documentación sobre o pasado da Arousa. A vista aérea que reproducimos aquí foi publicada no semanario Blanco y Negro en 1968, e está dispoñible para a descarga baixo certas restricións. Na revista, a imaxe orixinal vai acompañada dun pé de foto que dá conta da existencia de 105 fábricas que empregan a 10.000 produtores. Como pode ser que nese tempo traballasen nas conserveiras o dobre de persoas que a poboación actual da Arousa?

A regata do Bao levanta expectación

As dornas, preparadas para a saída

Na Regata do Bao, o aparellamento da dorna forma parte da competición

Moitas persoas seguiron desde a praia o embarque dos tripulantes nas dornas

O pasado 22 de agosto celebrouse na Arousa a Regata do Bao, a última competición do calendario estival de dornas a vela que ten lugar en augas carcamanas. A proba contou coa participación de case 40 embarcacións, entre as que se proclamou vencedora a dorna Bazarra, tripulada por dous veteranos navegantes. A espectacularidade da regata, a única da súa clase con saída desde terra e na que o aparellamento das embarcacións forma parte da competición, congregou a un numeroso público na praia, que non quixo perder o emocionante comezo da regata.
As seguintes citas para os dorneiros da ría de Arousa son a Regata do Albariño, que se celebrará o 12 de setembro en Cambados, tras suspenderse a convocatoria inicial debido ao vento, e a Regata do Marisco, prevista para outubro no Grove.

21 de ago. de 2009

Os peóns gañan prioridade

Pasos de peóns recén pintados no Cruceiro


As estreitas rúas do centro urbano da illa contan con novos pasos de peóns que lles outorgan prioridade aos viandantes nos cruzamentos.

13 de ago. de 2009

Caracolas versus caramuxos

Unha caracola (abaixo) e un caramuxo cocidos


Os caramuxos son moi apreciados no mercado, as caracolas non


Aínda que son semellantes, caracolas e caramuxos non admiten confusión, nin no aspecto externo nin no sabor. Os caramuxos teñen a cuncha negra e, unha vez fervidos, teñen un gusto doce e fino. A caracola ten un sabor máis salgado e mesmo cun lixeiro toque picante, así que o seu valor comercial é escaso. De caracolas están os cons cheos, pero os caramuxos escasean, así que quen dá con eles, garda o segredo do lugar coma quen ten un tesouro.

Compañeiros de toalla


A pulga de mar é un crustáceo moi abundante nas praias da Arousa. A pesares do nome , este simpático becho nin pica nin ten ningún interese polos humanos, dos que fuxe a saltos en canto se sente ameazado. Vive enterrado na area e aliméntase de algas e outros restos orgánicos.

10 de ago. de 2009

Sempre fermoso

O perelluqueiro da Abilleira, á noitiña

Detalle diurno dos pereiucos


O perelluqueiro (Crataegus monogyna) da Abilleira está fermoso en todas as estacións. As floriñas brancas da primavera dan paso a unha explosión de boliñas vermellas no verán.

6 de ago. de 2009

A condena de vixiar as praias

Cartel á entrada de Carreirón que advirte da prohibición de mariscar

Mulleres vixiando en Camaxe, a pasada semana

Cada ano, no verán, refórzase o sistema de vixilancia das praias para evitar o marisqueo furtivo. A confraría conta cun equipo de control, subvencionado parcialmente pola Xunta, que patrulla a liña de costa en motos e vehículos todo terreo. Con todo, o persoal é insuficiente para cubrir os numerosos areais da illa, tendo en conta a gran afluencia de turistas na época estival. Así, as mulleres que pertencen ao cabildo vense obrigadas a organizarse pola súa conta para protexer os seus recursos marisqueiros.
Todas as sequeiras arousás, sen excepción, túrnanse para vixiar a diario os bancos marisqueiros máis prezados, en longas xornadas non remuneradas. Por riba, ao carecer de autoridade oficial, de cando en vez teñen que enfrontarse verbalmente ás persoas que, aínda sendo sorprendidas apañando ameixas, non aceptan a prohibición de mariscar que rexe sobre as praias da Arousa.
A vixilancia das praias é unha condena que as mulleres aceptan con resignación e na que subxace unha compoñente machista. Estarían dispostos os rasteiros a botar o verán facendo gardas voluntarias?
Por outra banda, é preciso matizar que tamén existen dispositivos de control no mar, que se manteñen todo o ano as 24 horas do día. Neste caso, trátase dun traballo remunerado e o perfil do furtivo é un mariscador local.

2 de ago. de 2009

Como facer unha pisallada

Coas amoras pódese facer pisallada ou marmelada

Primeiro, búscase unha compaña agradable e, a poder ser, de boa estatura (as mellores amoras teñen a manía de medrar no alto). Logo localízase unha zona na que haxa abondosas silvas. Entre conversa e conversa, apáñanse as amoras, dándolles preferencia a aquelas máis grandeiras, maduras e que non estean comestas polos bechos. Xa na casa coa bolsa chea, lávanse ben os froitos para retirarlles o po. Esmigállase o miolo de media barra de pan do día (a codia non se aproveita). Cun tenedor, machúcanse as amoras coa miga e azucre a gusto, ata que non quede ningunha frangulla de cor branca. A pisallada está lista para servir e compartir.

30 de xul. de 2009

Nomes e voces: as vítimas da Arousa

Fragmento dunha imaxe do álbum "Debuxos da Guerra", de Arturo Souto


Xa está publicado na rede o primeiro censo de represaliados en Galicia entre 1936 a 1939, no que figuran varios veciños da Arousa. A base de datos forma parte dunha investigación histórica máis ampla, denominada "Nomes e Voces", iniciada no 2006 a través dun convenio das tres universidades galegas coa consellería de Cultura, co obxectivo de estudar a represión durante a guerra civil. Na listaxe aparecen as seguintes vítimas, segundo se busque por nacemento ou por veciñanza:

Nacidos na Arousa
: os irmáns Antonio e Juan Sanes Otero, Luis Castro Lojo, Francisco Vázquez Vázquez, todos eles paseados; Manuel Chaves Dios (preso), Narciso Suárez Lojo (executado) e Victoriano Bóveda Iglesias (procesado).

Con veciñanza na Arousa: os mestres Antonio Gestal (sancionado) e Luis de Saa (preso), Avelino Fuentes (procesado); Benito Allo Cores, Juan Rial García, Luis Bóveda Iglesias (presos); José Besada Nieto (executado), José Búa Laredo, Marcelino Dacosta Bravo (paseados). E Santiago Otero Pajares, que foi paseado e fondeado na ría e consta como “desaparecido”.

O censo tamén inclúe a Esteban Picón, asasinado e botado ao mar no Aguiuncho, aínda que non aparece relacionado directamente coa Illa de Arousa.

Poden enviar correccións e nova información para completar a base de datos a través do correo: memoriaguerracivil@usc.es

Unha vez máis, sobre este tema, remitímolos á canción Mártires de Arousa.

29 de xul. de 2009

O monumento de Fraga

Placa de inauguración do paseo do Cantiño


De todos é coñecida a pouca estima que Manuel Fraga lle profesou ao pobo da Arousa; segundo a lenda popular, a raíz dun desaire que sufriu en 1985, durante a inauguración da ponte, sendo presidente de Alianza Popular. As sucesivas victorias socialistas na illa non deberon axudar a amainar o rancor do de Vilalba, quen no seu longo mandato á fronte da Xunta non só rareou os investimentos locais, senón tamén as súas aparicións. Fraga visitou a illa en escasas ocasións, e sempre dun xeito rápido e sen moita publicidade. Un día, anos despois da inauguración do paseo marítimo do Cantiño, erixiron este triste e aparatoso monumento-placa co seu nome estampado. Non o estreou no seu tempo, nin coa cerimonia que a el lle gustaría. Pero aí quedou o armatoste para a posteridade.

Máis tipos de carreiros


Para marcar o camiño no miradoiro da Bouza, creado o ano pasado, optouse por unha solución de baixo impacto ambiental.