Buscar neste blog

16 de abr. de 2008

Mapa de praias


A invasión do Carpobrotus

O carpobrotus na praia de Camaxe


Manto púrpura de carpobrotus en Con Cerrado

Esta planta invasora está presente na costa do Salnés.
Nas illas do Mediterráneo levan anos loitando contra ela

O aspecto do carpobrotus, nun día de chuvia

O carpobrotus é unha planta de rechamantes flores rosadas, orixinaria de Sudáfrica, que medra en chans salinos e areosos. Está considerada unha especie invasora de gran poder colonizador, que cubre totalmente a superficie na que medra, provocando a desaparición de especies autóctonas. Na illa xa hai unha década que está presente nalgunhas praias como a de Gradín, pero agora ameaza con converterse nunha praga. Nas imaxes, fresquiñas da chuvia de hoxe, podedes ver como extende o seu manto de beleza envenenada de Camaxe a Con Cerrado.

Calendario de dornas a vela

A Xarandeira nunha manobra de cambio de vela, a pasada tempada

A Federación Galega pola Cultura Marítima xa deu a coñecer o calendario de actividades deste ano, no que se combina a participación en encontros e eventos lúdico-culturais coas regatas competitivas do Trofeo Galicia. A tempada comeza na Illa, o día das Letras Galegas, cunha regata-pachanga, e a competición tamén se inicia en augas carcamás, o sábado 7 de xuño, coa celebración da IV Regata Fasquía.
Ao longo do verán, aínda terán lugar outras dúas regatas de dornas na Arousa, a XXIV Volta á Illa, a máis antiga das que se celebran en Galicia e que supuxo o primeiro pulo a prol da recuperación da vela tradicional, e a Regata do Bao, a única con saída desde terra.

10 de abr. de 2008

Atención ao que chega: "Isla de Arosa Center"


Aínda non existe, pero en Internet xa está anunciado o primeiro centro comercial da Illa. O nome, "Isla de Arosa Center", xa mete medo...

9 de abr. de 2008

O azafato Trillo



Hai tempo xa tivemos ocasión de mencionar neste universo o paso do bailarín máis famoso da Arousa, o Trillo, polo programa de televisión "Mira quien baila". Non chegou a gañar, pero si conseguiu facerse un oco na pequena pantalla. Velaí o está, de azafato no programa da galega Son de Estrelas.

A evolución do comercio tradicional

A "rambla", un dos poucos comercios de alimentación independentes que quedan


Todos os comercios tradicionais de alimentación que existían na illa desapareceron. Xa non queda ningunha tenda con mostrador, na que mercar en confianza os recados miúdos e de última hora. A última en pechar foi “a de Barral”, nas Laxes, e antes xubilaron “a de José de Elisa”, “a de Marujita”, “a do Sr. Viana”...

Os únicos comercios de propiedade familiar que sobreviven son o Autoservicio Esperanza, coñecido popularmente como “a rambla” ou “a de José”, e mais El Súper, ambos os dous cun formato comercial de libre servizo que supuxo, no seu día, unha renovación do comercio local. No camiño tamén quedaron outros supermercados de plantexamento similar, como o Vivó (antes o “Economato”) ou o Spar.

Non debe ser fácil resistir fronte ás grandes cadeas de distribución alimentaria establecidas na Illa, como o Froiz, o Día, o Claudio e o Touriño. Pero a estes tamén lles plantou cara, hai un par de anos, un peixe máis gordo, o mega Eroski situado no Terrón, á saída da ponte. Estes establecementos teñen un maior surtido e un equipamento comercial que facilita a compra, pero nin hai tendeiro co que falar, nin se fía.

8 de abr. de 2008

A axenda do Moucho, en liña

Un concerto no pub O Con do Moucho

A programación de concertos do Con do Moucho pódese consultar na web de Club Cultura, a asociación galega de salas de música ao vivo. O próximo venres, actuación do grupo de blues Edu Manazas & Whiskey Tren.

7 de abr. de 2008

As obras do Regueiro




Primeiro foi o empedrado das rúas Castelao e Sor Aurora, e agora tócalle ao "Regeiro", o centro neurálxico da Illa. Quen o verá, con adoquíns! E pensar que hai cincuenta anos aquí había mar...

4 de abr. de 2008

Máis blogs do instituto


O IES Illa de Arousa non ten web oficial, pero si uns cantos blogs. Os dous que presentamos agora están relacionados coa práctica e o goce literario. BibliArousa quere ser un punto de encontro dos usuarios da biblioteca do “insti”, e Cóntoche un conto é o espazo no que os alumnos de primeiro de ESO do obradoiro de escritura penduran as súas creacións literarias.

Educación intercultural: A Illa e Senegal


“A Illa é un pobo que ten unha íntima relación co mar ao igual que Senegal. Senegal chámase o país da Teranga, a hospitalidade. Os habitantes da Illa son de tradición solidaria e cooperan entre eles, valores que se manteñen pola ausencia de comunicación directa co continente ata hai só 22 anos, en que se construíu a ponte”.

Este extracto pertence ao proxecto educativo Kasumai, que establece pontes, a través da rede e do coñecemento mutuo, entre os rapaces arousáns e senegaleses. A idea naceu a proposta do profesorado do IES A Illa, que percibiu no alumnado unha actitude xeral de rexeitamento cara ás persoas de fóra. “Pareceunos moi importante poder estender esa solidariedade interna cara o exterior, tomando como referencia un país presente nos medios de comunicación pola chegada masiva de inmigrantes ás nosas costas”, explican na web. Un bo proxecto de educación intercultural, que tamén ten o seu blog.

Arte-reciclaxe

Andrés Pérez, no Chufre, vendendo as súas creacións nun día de verán

Isto do “drap art”, o nome co que as vangardas artísticas contemporáneas bautizaron a reciclaxe creativa, xa o leva practicando Andrés Pérez, “o vaquilla”, dende hai anos na Arousa. Evolucionou da creación de artiluxios e disfraces de Carnaval con todo tipo de obxectos usados, ás pequenas esculturas con chapas de latas de bebida. No verán, Andrés monta de vez en cando un posto no Chufre e alegra os turistas que prefiren mercar agasallos máis orixinais que os típicos suvenirs que se comercializan nas tendas, eses pratos decorativos folclóricos e eses piornos de cerámica “Recuerdo de la Isla de Arosa” que son iguais en todas partes de Galicia. Ademais, Andrés tamén pinta.

1 de abr. de 2008

Ela, ribeirinha


Baixo este título estreouse o pasado mes de febreiro nunha sala de cine de Barcelona a curtametraxe que o vigués Pedro Vila rodou na Arousa en setembro do 2006, con Pilar Bardem como actriz principal. Ela, ribeirinha dura dez minutos e conta a historia dunha muller de 75 anos, que todos os días agarda no mesmo con a volta do seu marido, teoricamente morto na Guerra do 36. A rodaxe foi todo un acontecemento na illa e contou coa participaron entusiasta de moitos veciños, sobre todo mulleres, que tiveron que repetir varias veces unha escena saíndo da igrexa vestidas de loito. A ver cando se proxecta na Arousa!

29 de mar. de 2008

Golpe de gracia de Pesca aos bateeiros

Descarga de mexillón no Chufre

A revolta é inminente. Un bateeiro gaña hoxe a metade do que gañaba hai dez anos. A forte caída de prezos (o mexillón págase a 40 céntimos o quilo), os problemas de xestión do sector e o encarecemento dos custos sumiu nunha profunda crise aos bateeiros, que parece que van recibir o golpe de gracia desde a propia Consellería de Pesca.
A nova Lei de Pesca, pendente de aprobación en calquera momento polo Consello da Xunta, prepara o terreo para a saída do sector dos pequenos produtores. En primeiro lugar, as bateas deixarán de ser transferibles entre familiares. En segundo lugar, e o máis preocupante para os implicados, tras trinta anos de actividade, a explotación sairá a concurso público sen que os propietarios que traballaron a batea de sempre teñan ningunha prioridade nin dereito de concesión preferente. Tendo en conta que a maioría das bateas da ría de Arousa teñen esta antigüidade, isto suporía a perda da concesión por parte dos actuais traballadores, moitos deles inmersos en fortes investimentos dos que aínda non se puideron recuperar.
O baremo que se valorará no concurso público deixa, ademais, ao bateeiro tradicional fóra de xogo, fronte ás empresas e multinacionais da pesca. Entre outras cousas, esixirase un plan de xestión e viabilidade, un estudio de explotación e a disposición de “persoal técnico” cualificado. Para rematar, as organizacións de produtores síntense enganadas pola Consellería de Pesca, que tivo en conta as súas alegacións de palabra, pero non no papel.

27 de mar. de 2008

Unha nova singladura para Dorna


A Escola de Navegación Tradicional de Dorna súmase á comunidade blogueira con esta bitácora na que nos informan das súas actividades. Agora no tempo de invernación das dornas, andan atarefados coa reparación das embarcacións, nunha nave prestada en Vilaxoán. E en xullo, participarán no Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais de Brest, de momento xa recibiron a visita dunha televisión francesa.

26 de mar. de 2008

Desde Vilagarcía, con amor

Ao señor Silveiro de Vilagarcía, que hai cen anos lle dirixiu esta amorosa postal a unha Carmencita ou "Carmiña" de Madrid, xa non lle importará, a estas alturas, que reproduza un cacho da súa intimidade. O interese desta tarxeta non reside unicamente nas súas palabras, senón tamén no uso da cor e na escena que reproduce. ¿Que estaría a mirar toda esa xente na Marina, unha regata, unha procesión?

Postais antigas




Nos mercados de artigos de segunda man, antigüidades e coleccionistas, e tamén en diferentes sitios de internet, é posible atopar postais antigas como estas de Vilagarcía de 1910, con paisaxes recoñecibles pero moi cambiadas. Tamén se encontran con facilidade postais de Carril, de Cambados, do Grove e mesdo da illa de Cortegada, aínda que non tan antigas nin en tanta variedade como no caso da vila. Da Illa simplemente non existen (se alguén sabe dalgunha, agradécese a información), as primeiras postais que se imprimiron deben ser dos anos 70.
Por certo, as postais de Vilagarcía que se amosan aquí, están á venda en Numisjoya.

24 de mar. de 2008

Aproveitando o vento



Os surfeiros non terán queixa desta Semana Santa ventosa. Aquí temos un vídeo de hai uns días, no Bao, lugar habitual para a práctica do windsurf.

9 de mar. de 2008

Os resultados

Táboa dos resultados electorais na Illa,
elaborada polo Ministerio do Interior


O colexio electoral do "campo de pau", na tarde das eleccións



O "grupo escolar" (na imaxe) e mais o concello acolleron
os outros dous colexios electorais cos que conta a Illa

28 de feb. de 2008

Quen está detrás

Desde que comezaron as obras dos pisos da punta do Furado, xurdiron entre os veciños todo tipo de rumores e especulacións sobre os promotores, xa que se daba o paradoxo de que esta gran edificación á beira do mar tiraba para adiante con todas as da lei, mentres as casas unifamiliares situadas por detrás, e polo tanto máis lonxe da liña de costa, estaban ameazadas de derribo. A empresa promotora, Residencial Illa de Arousa S.L, foi constituída no ano 2004 e ten a súa sede en Vigo. Está participada por Nova Urbe, o accionista maioritario, e por Promociones Invelux, ambas as dúas compañías, tamén con domicilio social en Vigo. Verán na web que a construtora pretende “distanciarse de las propuestas urbanísticas cuyo norte es exclusivamente la venta” (non sabemos lojo que farán cos pisos).

Arousa a debate


Os blogueiros mecos presentan o Grove como "a vila dos blogs", pero os carcamáns ímoslle á zaga. Aquí temos outro blog destinado a reflexionar sobre a Illa, Arousa a debate, da autoría de Sito Vázquez, ex alcalde de Vilanova -e da Illa, cando estaba integrada neste concello- e profesor xubilado. Na súa presentación, describe as súas prioridades de contidos: "as relacións sociais, a Natureza, o urbanismo, as artes plásticas, e todo tipo de divertimentos que tamén me fagan pensar". Benvida sexa unha nova opinión na rede!

O mellor amigo do mariñeiro

Na proa, vixiante, o can

Mentres o amo prepara os aparellos, o can decide ir a terra


Logo de dar unha volta inspeccionadora, volverá á dorna a nado

Can e amo marchan xuntos, teñen unha xornada de traballo por diante


Ademais de cans abandonados, o faro tamén nos amosa estampas máis amables relacionadas con este animal, que se xuntou ao home hai máis de 2.000 anos. Na Arousa temos cans mariñeiros, que acompañan aos seus amos nas faenas cotiás, e que afeitos a estar xuntos a bordo, xa non poden pasar un sen o outro.

Abandono de cans no faro

Cans no faro, o do medio, abandonado


A xente que frecuenta o faro sabe que este é un lugar habitual de abandono de cans, sobre todo, coa chegada do bo tempo. Os cadelos famélicos de mirada triste xúntanse cos cans dunha propiedade veciña, a ver o que lles cae de comer. Nesta zona tense dado, incluso, un caso de roubo dun animal, perfectamente coidado e querido polos seus amos, que apareceu aos poucos anos no mesmo lugar, esquelético e maltratado. Os responsables do abandono de animais son, probablemente, de fóra, pois calquera can criado na illa non tardaría en presentarse de novo na porta da casa.

23 de feb. de 2008

Outra planeadora que arde

As augas submarinas do narcotráfico emerxen de cando en vez á superficie e fanse visibles a través de feitos como os desta mañá. Unha planeadora con tres motores fora borda apareceu queimada na praia de Espiñeiro. Parece ser que xa clarexaba o día cando aos presuntos narcotraficantes lles rompeu o remolque co que ían baixar ou subir a embarcación, e ante a imposibilidade de completar a manobra, decidiron prenderlle lume. (As fotos, en Carcamán X)

Os restos dun bidón de tabaco, na Area da Secada


O tráfico de drogas ten o seu antecedente no contrabando de tabaco, actividade que tivo o seu apoxeo nos anos 90, cando chegou a concibirse o termo “winston de batea”. Daquela, non era raro atopar paquetes de tabaco aboiando no mar ou descubrir almacéns soterrados nos montes e nas praias, que servían para agochar a mercadoría.

22 de feb. de 2008

A ponte, espíritu de auga

A vista aérea da ponte da illa está incluída nun anuncio de promoción turística que a Xunta difundiu o pasado verán a nivel europeo.



A construción da ponte contou cun orzamento de 1.500 millóns de pesetas, na súa época o maior investimento realizado pola Xunta, despois da creación da compañía de Radio Televisión de Galicia. As obras duraron dous anos, de 1983 a 1985, e durante a súa execución perdeu a vida un traballador.

20 de feb. de 2008

Cada vez somos máis

Os asiduos a este universo xa repararían en que alguén deixou nos comentarios a ligazón a un novo blog, Carcaman X, de temática arousá e cunha apariencia moi similar a este. Desde aquí dámoslle a benvida ao subxénero da comunicación carcamana, e agardamos que nos poña ao día de moitos asuntos. Para comezar coa retroalimentación, xa lle roubei a imaxe do escudo do concello, publicada máis abaixo ;-)

Un escudo sen consenso

O novo escudo oficial do Concello da Illa

CarcamánX inicia a súa andadura con varios temas de interese no escaparate, entre eles, o novo escudo oficial da Illa, aprobado en pleno o pasado mes de xaneiro, co voto en contra do PP e a abstención do BNG. É unha pena que na elección dun símbolo heráldico que representa a toda a comunidade insular, o equipo de goberno, de maioría socialista, non buscase o consenso de todas as forzas políticas. As principais críticas que recibiu o escudo por parte da oposición referíronse ás cunchas de vieira, que non son representativas da Arousa.
O novo escudo, conforme ás reglas da heráldica, substitúe a estoutro de inspiración libre, que se creou de xeito provisional despois de que a Illa se segregase do concello de Vilanova.

O aluguer, para os turistas

Os pisos das Laxes en construción, no inverno de 2006

Nunha illa inzada de pisos baldeiros de nova construción, parece mentira, pero resulta unha tarefa difícil atopar unha vivenda en aluguer. Os propietarios prefiren reservar os pisos para os meses do verán, nos que chegan a cobrarlles 1.500 euros mensuais aos inquilinos, antes que facer un contrato de aluguer de longa duración a alguén que desexe vivir na illa todo o ano.
Por outra banda, a renda mensual do aluguer xa acadou a barreira dos 400 euros, un prezo moi superior aos que se fixaban hai só uns poucos anos, e por riba, as inmobiliarias obrigan a pactar o abandono do piso no mes de xuño. O incremento da oferta de pisos nin baixou os prezos nin incrementou as posibilidades de emancipación da xuventude local. O negocio do aluguer está no turismo de sol e praia.

Xentes do mar


Esta fermosa escultura en homenaxe ás xentes do mar, obra do artista cambadés Lucas Míguez, é a última incorporación ao patrimonio público da Arousa. Está situada a carón da fachada occidental do Concello.

14 de feb. de 2008

Entroido intercomarcal



Os Güeros do Grove, cantando na taberna de Fina Viñas

Toca facer balance dun Entroido no que se cumpriron todos os rituais propios destas festas. A cea do Xoves de Comadres, tradición recentemente recuperada, e pasada por conveniencia ao venres, reuniu na súa segunda edición a unhas dúascentas mulleres no Tamanaco; por pouco non deixan marchar á orquestra e xa pensan en repetir. Este ano saíron cinco comparsas da Arousa, A Comparsita, Os Carenas, Harmonía, M.D.A e as As Rumorosas. Harmonía, a máis vella delas, celebrou o seu 20 aniversario cunha homenaxe no seu repertorio a Pepe Barral, finado hai pouco, e autor de moitas das letras míticas do Entroido carcamán. Tamén houbo representación “continental” do Grove e de Vilaxoán, como mostra o vídeo da comparsa meca Güeros. Ademais, como vén sendo habitual, o luns de Entroido, o día grande local, convocou a centos de persoas das vilas veciñas, que mesmo organizaron expedicións á illa en autobús. Non faltaron a queima do liborio, caracterizado nesta ocasión como un cazador de telenovela, e o desfile de carrozas, que non destacou pola espectacularidade das construcións, pero si pola participación dos veciños, que apoiaron a marcha disfrazados. E tamén houbo guateque infantil no Capitol, e rosquillas e orellas nas casas dos máis galopíns.

13 de feb. de 2008

O Jujel

Xa anda circulando polos enderezos electrónicos a nova da aparición do "Jujel", a versión do coñecidísimo buscador, que utiliza a gheada como bandeira e axusta os resultados das búsquedas ás páxinas galegas. Na súa presentación defínese como un experimento que non quere ofender nin burlar, senón facer un servizo e chamar á atención dunha forma simpática sobre o fenómeno da gheada. Este trazo dialectal é dominante na illa, igual que o seseo, o cheismo e outras peculiaridades lingüísticas da fala das Rías Baixas, ás que se lles suman as propias insulares, sobre todo, no léxico. O uso do "j", aínda non sendo autorizado pola normativa, está presente nas comunicacións diarias informais da xente nova, nos SMS, nos correos electrónicos, nas letriñas de Carnaval... Os lingüistas van botar as mans á cabeza ;-)

11 de feb. de 2008

O blog dos gardacostas

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia tamén teñen un punto de encontro na rede, no que falan dos asuntos que lles preocupan e das novidades no gremio. É interesante ver o que pensan, agora que a Consellería de Pesca anunciou un incremento da vixilancia pesqueira e marisqueira na ría para combater o furtivismo e outro tipo de infraccións. O corpo de gardacostas estase a reforzar con máis medios (vehículos todoterreo e unha nova lancha) e pronto se convocarán prazas para cubrir persoal. Atención aos que largan as nasas fóra do horario permitido.

As letras das Rumorosas: Non somos continente, avisádelle ben á xente

Había unha vez unha illa
No medio dunha jran ría
Que xente máis peculiar .... BIS
Nós somos-los carcamáns... BIS

E VENTE Á ILLA..
A DISFRUTAR,
CO CARNAVAL PODEDES FLIPAR
AQUÍ AS FESTAS, PODEN DURAR
DESDE O PATRÓN
HASTA A NAVIDAD

Pa qué calendario oficial
Nós temos un insular
Colocámo-los festivos - BIS
Todos xuntiños no vran – BIS



AÍNDA QUE CHOVA
A ESMADRASAR
A PANORAMA NO PODE PARAR
E O REJEIRO
A REBOSAR
TOTAL MAÑAN É O DÍA DO CAN..

Que vistas nas nosas praias
Tiradas nós na toalla
Porque as rapasas da Arousa - BIS
Somos todas ben xeitosas – BIS

QUE PARAÍSO
MÁIS NATURAL
QUE HASTA ÓS CONS TEMOS QUE BAUTIZAR
MIRA O SANTO
E CARREIRÓN
SON ESCENARIOS DE PELICULÓN.

As diresións prohibidas
Sólo son orientativas
Aparca diante da casa –BIS
Xa pitarán sin non pasan – BIS…..


AHÍ O VEN
O MUNICIPAL
SEMPRE ME ENJANCHA CÓ MÓVIL NA MAN
¿QUÉ É O QUE FIXEN?
¿QUE FIXEN MAL?
SOLO IBA A 80 POLA GENERAL.

Pa qué a sircunvalasión
Si temos 1000 callejóns
Por donde pasan camións – BIS
Cheíños de mexillón – BIS

QUE URBANISMO
MÁIS ESPESIAL
CASA E PISOS XUNTIÑOS ESTÁN
¿DE QUE COLOR
VAS A PINTAR?
DUN BEN VISTOSO PA NON CONXUNTAR.

Si ti queres triunfar
Un bar terás que montar
Aquí é o mellor nejosio -BIS
Vaite buscando un bo sosio –BIS

E TEN COIDADO
TI CÓ QUE FAS
QUE A VECIÑA ESTÁ A VIGILAR.
TI DASTE A VOLTA
E XA VERÁS
QUE O RUMOR XA CHEJOU Ó NAVAL.

Que xeito máis singular
Temos aquí de falar
“flipin có que traballin” –BIS
“apañin ameixas amaso” – BIS

SOMOS D’AROUSA
QUE MÁIS NOS DA
TI O QUE DIJAS DO PUENTE P’ALÁ
NO CONTINENTE
NON É IJUAL
O NOSO IDIOMA SERÁ UNIVERSAL

Na Illa somos así
Quen vén non se quere ir
Non cambiaremos por nada - BIS
A nosa terra soñada - BIS

E SI UN PROBLEMA
PODE SURGIR
O PUEBLO ENTEIRO
VAISE A UNIR
E NÓS POR SEMPRE
COMO CARCAMÁNS
DA NOSA AROUSA
NON NOS MOVERÁN.

(Música: Volando Voy...)
ESTO XA SE ACABA
PONNOS 1 CUBATA,
GUAPA!
VAITEOS COLOCANDO
ENSIMA DA BARRA,
E ACABA!
CACIQUE COLA,
VODKA CON LIMA
E BAILAREMOS TODAS
NA TARIMA
CACIQUE COLA,
VOZKA CON LIMA
E NON TE OLVIDES
DE POÑER PALLIÑAS!!

Carnaval 2008.
Letra composta pola comparsa As Rumorosas

As letras das Rumorosas: Despejando!

(Música: "Ese toro enamorado de la luna")

Aquí estamos outra ves as rumorosas
Xa voltamos  outro ano pa contar
Líos, cornos e aljún que ourto divorsio
Abrochade o cinturón pa despejar....

Que non se nos mova nadie do seu sitio,
Que aquí todos temos moito que rascar
Preparade unhas boas mascarillas
Que esto pronto vai a empesar a cheirar...

Agora que está moi de moda o toro bravo
E nos entra en gran hermano un transexual
Donde andan eses homes pelo en pecho
Nós queremos un bo macho semental.

(Música: "Volare...")

Mirade... que pasou!
A monarquía, se modernisou
Elena, ó home deixou
E xa bastante ajuantou
E chupando do bote o medio maricón
Nos sobacos leva o pantalón
Que carallo lle veu, ou que droja tomou
Non lle vemos outra explicasión...!!

O Juancar... que collóns!!!
Con Chaves se nos picou
Menudo follón se montou
Zapatero, flipado quedou
E agora aínda esixe desculpas por parte do jefe da nosa nasión
E amenasa có sierre de empresas, de qué coño vai!! Puto dictador!!
POR QUE NO TE CALLAS!!

(Música: "Para hacer bien el amor...)

Pa faser ben o amor
Tómate un tauritón
Si ti ves que non funsiona
Esta é a motivasión
2.500...
por 1 fillo nos darán
busco amante
que me queira fecundar

Faser a compra da semana
sale nun pastón
Nós queremos un bó sueldo
pa vivir mellor
Fóra ó can
Trae un porco pa criar
Fóra o césped
Lechujiñas pa adornar

Ter 1 vivienda digna costa 1 riñón
Vaite indo de alquiler
e pide a subvención
Con 200, fiansa e aval
Voume indo da casa
Mami venme planchar!!

(VOLANDO VOY...)

Vaya exclusiva
Dos MDA
Tanto ocultar
O novo disfraz
Saleu na prensa
Sin previo aviso
Foi publicado
“aunque el no quiso”.

Xa temos escudo
E unha bandeira
Queremos un himno
Para a illa enteira
As rumorosas
Están dispostas
Agora cantaremos
A nosa proposta.

Carnaval 2008.
Letra composta pola comparsa As Rumorosas

4 de feb. de 2008

M.D.A. versus As Rumorosas

A formación M.D.A., composta por homes, e As Rumorosas, formada exclusivamente por mulleres, constitúen a nova fornada de comparsas carcamanas, cunha media de idade que non chega aos trinta. Dáse a particularidade de que algúns mozos da primeira teñen a súa parella na segunda, e que ambas as dúas comparsas rivalizan amistosamente e que se autorreferencian nas súas letras. Os M.D.A., disfrazados de mulleres en traxe de aeróbic, tráennos este ano as letriñas máis frescas de todo o Entroido carcamán, na mellor das tradicións críticas e retranqueiras, cravando ben o aguillón onde toca (Noraboa!). Recomendámoslles que lean as historias que compuxeron e, en especial, o emocionante (para algunhas xeracións) exercicio de nostalxia da letra titulada “Brindo”. As Rumorosas, de azafatas con minifalada, poñen a nota “sexy” do Carnaval e tamén teñen moito que dicir.

Letras M.D.A.
Brindo pola nostalxia
King Peter
Arousa is not Spain

Letras As Rumorosas

As letras dos MDA: Arousa is not Spain

Sí somos nós, os dos juevos cheos de amor,
Xa estamos aquí, có Carnaval.
Vamos poñer, a todos a feder,
Moito no estilo dos M.D.A.

Hubo eleccións, e cacho decepción,
O champán reseso pá oposición.
Ganou o soe, así calquera, non te jode,
Entre dvd´s e beiras do mar….

Beira do mar, beira do mar
Onde están?....

A nosa Arousiña non está mal….
Pero queda moito que rascar….

Hubo follóns, no axuntamento,
Xente enserrada e moita tensión…..
Pero ben que saliron pa votar….
Que a carretera na foron cortar.

E o muelle qué? Cando se vai faser?
Esto de momento non pinta ben,
E a nova estrada, quen é o que a ten parada?
Moi pouca verjonsa ten que ter….

Fai moita falta, fai moita falta,
Veña xa….. uoh!

A nosa Arousiña non está mal….
Pero sin eso no pode medrar…..

O patrón maior, que é arqueólogo,
Atopou tres huesos en riasón,
E o mexillón ahora rejálano,
Catro fantasmas jodérono todo.

O trillo foi, alá á televisión,
Deixou ben alto o listón.
E menos mal, que xa non vai ó mar,
Mandaron mensajes hasta as ameixas….

Que non volva, que non volva,
O caimán…..

A xente da Arousa é o mellor que hai….
Pero temos moito que avanzar….
Cotillear menos dos demáis,
Porque todos temos de onde tirar….

Carnaval 2008. 
Letra composta pola comparsa M.D.A.

As letras dos MDA: Brindo pola nostalxia

Brindo polos tempiños cando eramos miniños,
Brindo polas masetas que rompiamos no camiño,
Brindo pola motora que colliamos no Cantiño,
Tamén polo Citröen que tiña o señor Camilo (BIS).

Brindo por seguir sendo o mellor pueblo da ría,
E porque non haxa puente como pasou aljún día,
Brindo por cando A Illa era unha Arousa unida,
E ahora cada un mira pola súa vida (BIS).

Brindo por Santórum que emparchaba bicicletas,
E por xogar ó fútbol alá, no campo das penas.
Brindo por cando a Arousa tiña camiños de terra,
E cando as Rumorosas aínda non tiñan a rejla (BIS).

Desde algún bar da Arousa, brindo contijo……

Brindo por Seferino cando tiña as revistas
E tamén polo Moucho, cando era Juanito Viñas.
Brindo por compra-los trompos alá na de Marujita,
Brindo polas chiquitas que poñían na capilla (BIS).

Brindo por cando Emilio tiña aberto o Tropicana,
E máis por todo o Kas que vendeu Joaquín Viana.
Brindarei cando en testos xojen máis os meus veciños,
Ahora todos son de fóra e mira cacho equipiño.

Brindo polos domingos que había pan reseso,
E baixabas pola tarde, no bolsillo con 10 pesos.
Porque antes non había problemas de cobertura,
E pa quedar cós amijos, tiñas que faser a ruta.

Desde algún bar da Arousa, brindo contijo……

Brindo polos tempos nos que había casotas,
E o camión das patacas che pitaba en plena porta.
Bocata de tulicrem e pá jerra dos tutelos,
Polo cine capitol, e a maleta do platero.

Brindo polas agachadas e tamén por faser coito,
Ahora si o queres faser, na recta da Goulla cóbranche moito
Brindo por esperar que che saljan os pelos dos juevos,
non como os homes de ahora que se depilan pa no telos.

Porque no economato todo estaba máis barato,
Brindo polo bazar que tamén tiña o butano,
Brindo por cando a ría estaba chea de tabaco,
Ahora si nos disculpades vamos a emborracharnos.

Carnaval 2008. 
Letra composta pola comparsa M.D.A. 
Música: "Brindo por las mujeres", Andrés Calamaro

As letras dos MDA: King Peter

Sabes mellor que nadie que toleastes
e que tar-Hugo Chavez alusinou,
sabes que as túas fotos están que arden,
aínda que máis queimados estamos nós,
que non temos rasóns pa ter que pajarche,
todo o ano que pasas de vacasións.

E alá no outro mundo,
en vez de rei e tanta corona,
tires do raño ou da lejoña,
pa manterme a min.

Dille a quen che prejunte que curras moito,
dille que é estresante pasear de gorrón.
O único rei que hai pa min é Elvis,
que polo menos dounos o rock and roll.

E alá no outro mundo,
en vez de alteza e realeza,
sepas o que é ter unha hipoteca,
e poder ser feliz.

E alá no outro mundo
que o bribón sea unha planeadora,
na que traballes de sol a sol,
como nós aquí.

Marichas encarjouche un pouco de chocolate,
cando fostes a Ceuta a armar follón,
non lle pillastes nada e mosqueouse
fixo as maletas e “hasta ló”,
que non temos rasóns pa ter que pajarche,
todos os caprichos dos teus Borbóns.

Carnaval 2008
Letriña composta pola comparsa M.D.A. 
Música: "Sabes mejor que nadie", Albert Hammond

22 de xan. de 2008

Unha partida de cartas




A partida de cartas á tarde é unha cita inexcusable para moitos xubilados. Cada un ten o seu bar, a súa hora e os seus compañeiros de sempre, unha rutina que levanta paixóns.

20 de xan. de 2008

Case 5.000


Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, correspondentes ao ano 2007, a Illa conta con 4.889 habitantes empadroados, a cifra máis alta dos últimos cinco anos. A poboación achégase á cobizada liña dos 5.000, que permitiría, unha vez superada, que o Concello ascendera de categoría administrativa, o que implicaría máis ingresos do Estado. Con todo, a evolución do padrón de habitantes na última década, non fai pensar que o crecemento estea garantido. O pico de poboación máis alto rexistrouse no 2001, con 4.953 habitantes, e a partir de aquí, comezou un lento descenso, con anos de pequenas recuperacións. Do 2006 ao 2007, a Illa gañou uns 40 persoas, pero tamén perdeu outras 40 no tramo anterior, do 2005 ao 2006.

17 de xan. de 2008

Venres culturais

O concerto do grupo Andrés Rivas Trío abre o 18 de xaneiro (salón de actos do concello, 23 horas) o ciclo “Classic Jazz Swing”, que terá continuidade nos vindeiros meses con máis actuacións de jazz. Esta serie de concertos está enmarcada na programación municipal “invernos culturais”, que propón espectáculos de concatocontos, música e maxia para as noites dos venres. O próximo 25 de xaneiro vén o Mago Teto. A entrada é gratuíta.

Un dos magos que participan nos "Invernos Culturais"

Outros espectáculos previstos:

1 de febreiro: Alberto Cunha, espectáculo de música e humor
22 de febreiro: o contacontos Cándido Pazó

7 de marzo: o mago Rafa
14 de marzo: o contacontos Oswaldo

4 de abril: espectáculo de variedades “Mesturas”
11 de abril: Concerto de Creole Kinds

14 de xan. de 2008

Quedamos sen fonte

Así leva desde hai uns meses o sitio da fonte do Charco, desde que unha noite un coche se empotrou contra ela e houbo que retirar os cachos. A antiga construción xa non é recuperable, pero agardamos que para o seu lugar veña outra, é patrimonio público e auga na rúa a disposición de quen a precise.

Peixe fresco

Un par de corbelos limpos, listos para botar á tarteira
Fanecas

Unha maragota xeitosa

Corbelos, fanecas e maragotas son algunhas das especies de peixe que podemos atopar todo o ano na praza (ou na porta da casa, se pasa a peixeira). Captúranse coas betas, os tramallos ou á liña. Denomínanse corbelos aos badexos pequenos, e o prezo do quilo anda polos dez euros. A maragota é algo máis barata ca os anteriores –custa un seis euros- ten máis espiñas, as escamas tamén son máis duras e, porén, a comida é máis branda. As fanecas andan polos cinco euros.

3 de xan. de 2008

Tardes de inverno

Logo dun outono seco e dun comezo de inverno de tardiñas de sol, xa chegaron a tronada, o frío e as chuvias. Esta mañá mesmo asomou a saraiba. Aos previsores, que xa tiñan o estramio apañado, non lles colleu de sorpresa, por sorte para algunhas galiñas.

Á quenturiña do sol, hai uns días



De volta do piñeiral da Area da Secada

Unhas que precisan estramio

2 de xan. de 2008

Aínda queda o patrón

A iluminación de Nadal deste ano, no Campo

Á parte da exaltación relixiosa, e de andar de bares da mañán á noite nada máis rematar as farturentas festas do Nadal, ¿podería, a celebración de San Xulián, converterse en algo máis? Ábrese o concurso de ideas.

Adxudicados os novos obradoiros

A sede do Obradoiro Nordés, en Testos

Obradoiro de construción naval con poliéster.
Imaxe collida desta web

A convocatoria para cubrir prazas nos obradoiros de emprego que organiza o concello resolveuse hai unhas semanas, con alegría para uns e disgusto para outros. Máis dun cento de solicitudes para apenas cincuenta prazas amosan o interese que esperta esta actividade de formación remunerada (uns 900 euros mensuais), que inclúe módulos de albanelería, carpintería, construcción naval, xardinería e canteiría. Os obradoiros, dirixidos principalmente a mulleres novas, ofrecen a oportunidade de aprender un oficio en horario de mañá e traballar na recuperación e no coidado do patrimonio público.
Un caramelo que todos queren nunha vila na que o emprego para as mulleres, máis alá da precaria hostalería, escasea.