Publicacións

A illa nos mapas antigos (IV): o mapa de Domingo Fontán

Imaxe
[Susi Rial] A "Carta Geométrica de Galicia" é obra do pontevedrés, nado en Portas, Domingo Fontán. Neste mapa investiu 17 anos da súa vida e é o primeiro que se fai con rigorosidade científica e matemática. De feito, o mapa de Domingo Fontán supón un enorme salto cualitativo con respecto ós outros mapas aquí mostrados. No século XIX (este mapa foi impreso en 1845), os avances técnicos foron espectaculares, o cal permitiu que por primeira vez se coñecese o aspecto real da Arousa. Como se pode ver, a forma da Illa é practicamente igual á que hoxe coñecemos, e incluso aparecen nomeados algúns dos saíntes máis importantes, como Punta Cabalo e Punta Barbafeita, así como unha barra de area, posteriormente desaparecida a causa da construción da ponte.

Tempo de abruíños

Imaxe
[Redacción] O abruíño é un froito silvestre propio deste tempo do ano, que adoita medrar á beira das leiras e camiños rurais. O seu sabor agre, que deixa na boca unha lixeira sensación de sequidade, é difícil de esquecer. En castelán, coñécese co nome de "endrina", e no galego estándar, como “abruño”. A palabra que usamos na Arousa para nomear esta clase de cirola, “abruíño”, forma parte do noso particular “ Dicionario de ausencias ”.

E por fin, as pistas de tenis

Imaxe
A devecida pista de tenis, en Testos Detalle da instalación [Redacción] A campaña de pintadas nas rúas que reclamaba a construción dunhas pistas de tenis na Arousa resultou eficaz, vistos os resultados. As novas instalacións deportivas, situadas a carón do campo de fútbol Salvador Otero, xa son unha realidade. Nas imaxes poden ver o estado actual da pista, a piques de ser inaugurada. Ao parecer, tamén servirá para xogar ao baloncesto, unha vez montadas as correspondentes canastas.

Iniciativa popular para mudar o nome do Concello

Imaxe
[Redacción] O exalcalde Sito Vázquez vén de iniciar dende o seu blog unha campaña para que o Concello da Illa de Arousa mude o seu nome por 'Concello de Arousa'. Vázquez preparou un modelo de carta de solicitude que os usuarios poden descargar e enviar por correo ao alcalde. Historicamente, tanto os habitantes insulares como os seus veciños se referiron á illa co nome de “Arousa”, unha tendencia que comezou a mudar a partir da constitución dun municipio propio baixo o nome de “Concello da Illa de Arousa”, de xeito que se está impoñendo o nome de “illa” para referirse ao lugar. Vázquez xa ten escrito en varias ocasións sobre a preocupación que lle causa o feito de que a illa estea a perder o seu nome . Máis información sobre a nomenclatura da Arousa: A illa nos mapas antigos: I , II , III (Susi Rial) Concello da Arousa (Sito Vázquez)  O nome da Arousa (Ilha de Orjais) Arousa: a illa dá o nome á ría (Xoán Dopico, revista Dorna )

Analizando os cons da Arousa: un enigmático conxunto preto do Faro

Imaxe
Foto enviada por Francisco Cores, coa intención de determinar o interese arqueolóxico do conxunto [Redacción] Ao fío dos comentarios xurdidos recentemente sobre os tesouros arqueolóxicos da Arousa, Francisco Cores envíanos as imaxes dun conxunto de cons, situados entre a Area da Secada e o Faro, que el considera que poden corresponder a unha ara prehistórica. Cores explícanos os seus argumentos coa intención de que se abra o debate e de que os expertos poidan opinar sobre a orixe das curiosas formas que adquiriron as pedras. En todo caso, confésase fascinado polo lugar.

As alertas de toxina

Imaxe
[Redacción] Os mariscadores arousáns, especialmente os que traballan a vieira e o mexillón, están afeitos a recibir avisos periódicos de toxina, que obrigan á veda temporal dalgunha especie ou zona. O respecto ás alertas alimentarias non impide que haxa voces no sector que cuestionen a existencia de determinados episodios tóxicos, unha desconfianza que ten o seu caldo de cultivo nas deficientes formas en que se comunican e explican as alertas por parte das autoridades competentes. Nesta mesma liña, un 76% dos participantes na enquisa que nos ocupa considera que non existe suficiente transparencia no peche dos bancos marisqueiros por toxina, fronte a un 23% que cre que si. Un dos últimos episodios tóxicos rexistrados na Arousa afectou a comezos de maio á amexia rubia. A Confraría recibiu o aviso ás oito e media da tarde, unha vez celebrada a poxa na lonxa, o que provocou a devolución do marisco e a perda de 15.000 euros. Fontes do pósito lamentaron non ter recibido o aviso antes de qu...

Declarado un pequeno incendio pola Area da Secada

Imaxe
[Susi Rial] Na tardiña do pasado domingo, ó redor das catro e media, foi declarado un incendio na zona do Faro, nas proximidades da praia da Area da Secada. Como podemos xulgar a raíz da imaxe, o fume visto dende o peirao do Chufre facía presaxiar un desastre considerable a nivel forestal nunha das paraxes naturais máis aprezadas da Illa. Por fortuna, a rápida chegada do helicóptero anti-incendios e a case total ausencia de vento evitaron que o lume se propagara, sendo o incendio controlado rapidamente. Cada ano, coa chegada das altas temperaturas, os incendios forestais constitúen unha enorme ameaza para o monte galego. Na memoria de todos perdura o desastre dos incendios de 2006, uns actos de terrorismo forestal sen precedentes, dos que tamén foron víctimas os montes da Illa, tal e como se relatou neste espazo no seu día. Daquela, a colaboración veciñal foi clave para evitar que o desastre tivera maiores dimensións.