Publicacións

As rendas dos labregos á Igrexa

Imaxe
Fragmento da "renda de froitos" da illa de Arousa, do século XIX O Ministerio de Cultura mantén na rede un interesante portal destinado á difusión do patrimonio histórico documental. Entre os arquivos dixitalizados que se poden consultar, figuran varios sobre a Arousa, como a carta do rei Fernando IV , pola que se lle concede ao mosteiro de San Martiño Pinario o privilexio de cobrar as rendas reais dos habitantes da illa de Arousa, coa condición de que os benedictinos manteñan acendida día e noite unha lámpada que o rei ordenou poñer na catedral compostelá. Do ben que a Igrexa levou as contas nos séculos sucesivos, dan fe os libros das rendas , tamén de acceso libre, nos que figuran por orde alfabética todos os pagadores arousáns, así como a cantidade de trigo, millo e centeo que abonaron.

Bugallos

Imaxe
Un bugallo, entre os restos da mallante O bugallo é un "tumor" do carballo, inducido polos insectos Os bugallos agochan no interior larvas Entre os residuos da mallante é moi habitual atopar bugallos, unha especie de bólas que forma o carballo arredor dos ovos de determinados insectos. Unha vez que se desprenden da árbore, os bugallos ou carrabouxos chegan ata a praia arrastrados pola marea.

Concertos, agora tamén no pub A Kultural

Imaxe
O pub A Kultural decidiu organizar unha serie de concertos para animar as fins de semana das frías noites de inverno. A iniciativa bota a andar o vindeiro 14 de novembro, coa actuación da banda viguesa Minim . Os concertos do Kultural súmanse á oferta habitual de música e teatro do pub Con do Moucho, e á programación cultural do Concello, que se desenvolve cada sábado no auditorio. Para o 12 de decembro, por certo, está prevista a actuación do grupo 6.P.M., do que forma parte o arousán Iván Oubiña.

O blog da ANPA

Imaxe
Captura de pantalla do blog Pais e nais de alumnos na última asemblea xeral (imaxe collida do blog da ANPA) A bitácora da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio Torre é a última en incorporarse á lista de "blogs carcamáns" que figuran neste blog. O colectivo celebrou hai unhas semanas a súa asemblea xeral de comezo de curso, na que trataron aspectos relacionados co mobiliario da ludoteca, o transporte escolar ou a necesidade dunha maior implicación dos pais nas actividades do colexio, entre outros.

Enxeños carcamáns

Imaxe
Certamente, transportar o balde de ameixas pendurado do guiador da bici non resulta cómodo, e ademais, pode ser perigoso para a estabilidade do vehículo. A propietaria da bici, unha sequeira, instalou no "gardabarros" traseiro un enxeño metálico á medida do balde.

Mar libre: o tráiler

Imaxe
Os "extras" de Dorna, durante a rodaxe en Sálvora (imaxe collida do blog de Dorna) A través do blog da asociación cultural Dorna , imos coñecendo detalles da rodaxe de Mar libre , un filme ambientado no século XVIII, dirixido polo monfortino Dani de la Torre. Mar libre ten como contexto a chegada dos industriais cataláns á costa galega e narra a historia do capitán Anxo Estrada, fillo dun mariñeiro, que volve á súa aldea natal despois duns anos de ausencia, e decide rebelarse contra as inxustizas provocadas por un desapiadado empresario. A película está sendo gravada en escenarios de Carnota, Redondela, Muros e Sálvora, entre outros, e conta coa participación de extras coñecidos: as embarcacións e os tripulantes da Escola de Navegación de Dorna. Mar Libre está producido por Ficción Producciones en colaboración coa Televisión de Galicia, e probablemente se emita como miniserie.

En tempada alta, e as conserveiras sen facer pedidos

Imaxe
Cargando mexillón para fábrica, no Chufre A partir de setembro comeza a “tempada” alta no sector mexilloeiro. As conserveiras fan aprovisionamento de molusco, así que nesta época, as asociacións de mexilloeiros adoitan estar en plena actividade, en resposta á demanda das fábricas. Porén, este ano, os bateeiros están a velas vir. Jealsa (Rianxeira), Calvo e Garavilla (Isabel), as compañías que absorben o 70% da produción do mercado galego, non fan pedidos, e a estratexia dos grandes da industria transformadora é imitada polos pequenos. No ruxe ruxe do sector, sospéitase que este cambio no proceder das fábricas podería obedecer a unha medida de presión sobre os produtores, coa intención de baixar os prezos. Coas bateas cheas de mexillón, os bateeiros veríanse obrigados a ceder ante as esixencias das conserveiras, para darlle saída ao stock. O prezo de mexillón para a fábrica vén determinado por unhas táboas, nas que se ten en conta o rendemento da carne e o número de pezas por quillo. O...