Publicacións

Caracolas versus caramuxos

Imaxe
Unha caracola (abaixo) e un caramuxo cocidos Os caramuxos son moi apreciados no mercado, as caracolas non Aínda que son semellantes, caracolas e caramuxos non admiten confusión, nin no aspecto externo nin no sabor. Os caramuxos teñen a cuncha negra e, unha vez fervidos, teñen un gusto doce e fino. A caracola ten un sabor máis salgado e mesmo cun lixeiro toque picante, así que o seu valor comercial é escaso. De caracolas están os cons cheos, pero os caramuxos escasean, así que quen dá con eles, garda o segredo do lugar coma quen ten un tesouro.

Compañeiros de toalla

Imaxe
A pulga de mar é un crustáceo moi abundante nas praias da Arousa. A pesares do nome , este simpático becho nin pica nin ten ningún interese polos humanos, dos que fuxe a saltos en canto se sente ameazado. Vive enterrado na area e aliméntase de algas e outros restos orgánicos.

Sempre fermoso

Imaxe
O perelluqueiro da Abilleira, á noitiña Detalle diurno dos pereiucos O perelluqueiro (Crataegus monogyna) da Abilleira está fermoso en todas as estacións. As floriñas brancas da primavera dan paso a unha explosión de boliñas vermellas no verán.

A condena de vixiar as praias

Imaxe
Cartel á entrada de Carreirón que advirte da prohibición de mariscar Mulleres vixiando en Camaxe, a pasada semana Cada ano, no verán, refórzase o sistema de vixilancia das praias para evitar o marisqueo furtivo. A confraría conta cun equipo de control, subvencionado parcialmente pola Xunta, que patrulla a liña de costa en motos e vehículos todo terreo. Con todo, o persoal é insuficiente para cubrir os numerosos areais da illa, tendo en conta a gran afluencia de turistas na época estival. Así, as mulleres que pertencen ao cabildo vense obrigadas a organizarse pola súa conta para protexer os seus recursos marisqueiros. Todas as sequeiras arousás, sen excepción, túrnanse para vixiar a diario os bancos marisqueiros máis prezados, en longas xornadas non remuneradas. Por riba, ao carecer de autoridade oficial, de cando en vez teñen que enfrontarse verbalmente ás persoas que, aínda sendo sorprendidas apañando ameixas, non aceptan a prohibición de mariscar que rexe sobre as praias da Arousa....

Como facer unha pisallada

Imaxe
Coas amoras pódese facer pisallada ou marmelada Primeiro, búscase unha compaña agradable e, a poder ser, de boa estatura (as mellores amoras teñen a manía de medrar no alto). Logo localízase unha zona na que haxa abondosas silvas. Entre conversa e conversa, apáñanse as amoras, dándolles preferencia a aquelas máis grandeiras, maduras e que non estean comestas polos bechos. Xa na casa coa bolsa chea, lávanse ben os froitos para retirarlles o po. Esmigállase o miolo de media barra de pan do día (a codia non se aproveita). Cun tenedor, machúcanse as amoras coa miga e azucre a gusto, ata que non quede ningunha frangulla de cor branca. A pisallada está lista para servir e compartir.

Así ensaiaron

Nomes e voces: as vítimas da Arousa

Imaxe
Fragmento dunha imaxe do álbum "Debuxos da Guerra", de Arturo Souto Xa está publicado na rede o primeiro censo de represaliados en Galicia entre 1936 a 1939, no que figuran varios veciños da Arousa. A base de datos forma parte dunha investigación histórica máis ampla, denominada "Nomes e Voces", iniciada no 2006 a través dun convenio das tres universidades galegas coa consellería de Cultura, co obxectivo de estudar a represión durante a guerra civil. Na listaxe aparecen as seguintes vítimas, segundo se busque por nacemento ou por veciñanza: Nacidos na Arousa : os irmáns Antonio e Juan Sanes Otero, Luis Castro Lojo, Francisco Vázquez Vázquez, todos eles paseados; Manuel Chaves Dios (preso), Narciso Suárez Lojo (executado) e Victoriano Bóveda Iglesias (procesado). Con veciñanza na Arousa : os mestres Antonio Gestal (sancionado) e Luis de Saa (preso), Avelino Fuentes (procesado); Benito Allo Cores, Juan Rial García, Luis Bóveda Iglesias (presos); José Besada Nieto (ex...