Publicacións

Comeza a tempada de regatas de dornas a vela

Imaxe
O cartel é de Antonio Millán O Trofeo Galicia de Dornas a vela, a competición máis importante na súa modalidade, arrinca o 6 de xuño na Arousa coa celebración de Fasquía , a primeira das catro regatas puntuables para o campionato. Unhas 40 embarcacións da ría participarán nesta quinta edición de Fasquía, con saída e meta no porto do Chufre e 4 millas de percorrido. A seguinte proba do calendario de dornas a vela é a Volta á Arousa, que este ano cumpre o seu 25 aniversario, e irá acompañada dunha programación especial.

Dispoñible para a descarga o último número de Dorna

Imaxe
A p ortada do número de maio foi deseñada por Pedro Díaz Lorenzo Tardou uns meses máis do previsto, pero á fin está na rúa o último número da revista Dorna , editada pola asociación do mesmo nome. A publicación celebra o seu 30 aniversario con interesantes reportaxes e artigos, como sempre. Especialmente recomendable é o artigo "Montes: usos e desusos" de María Oubiña, xa que aborda un tema do que escasea a información e o debate: a situación dos montes comunais da Arousa.

Fraseoloxía carcamana

Imaxe
[Redacción. 25/05/09 ] "Fraseoloxía carcamana" naceu co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas carcamanas, unha morea de frases de uso coloquial, difíciles de entender para as persoas alleas á Arousa. - Andar ao chuchuchú : participar en pequenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan e difunden  rumores ou pequenas conspiracións. Exemplo de uso:  "non te fíes de fulaniña que anda moito ao chuchuchú". -Aparta laxe que te fendo!: expresión para indicarlle a alguén que ten moita fachenda ou que esaxera as súas capacidades. Obviamente, unha laxe non é tan fácil de fender. -A xogar a Testos: expresión usada para dicirlle a alguén que deixe de molestar e marche. Fai referencia ao lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol.

De cando o pobo defendeu a xestión colectiva do marisqueo

Imaxe
Cartel no Faro para disuadir os mariscadores furtivos No verán de 1931, uns veciños da Arousa solicitaron unha concesión administrativa para crear viveiros de marisco na zona de Riazón. A noticia correu de boca en boca: “queren mercar as praias, queren mercar as praias!”. O técnico que chegou á illa para analizar a calidade das augas mariñas foi recibido co repenicar das campás da igrexa e tivo que marchar sen facer o seu traballo, despois de calmar ao pobo que se opuña a tal concesión. Foi a mobilización popular a que impediu que os areais arousáns evolucionasen dun modelo de xestión colectiva do marisqueo a outro baseado en parques de cultivo particulares, coma o caso de Carril. No Entroido do ano seguinte, as comparsas fixeron escarnio da idea dos viveiros: Homes sabios que queredes* praias grandes po marisco Ide a Muros e collede a que? a praia de San Francisco A onde irán os lareiras que será de todos nós pois meteranse dentistas e que? Irán rastear a mós Haberá un marqués no Bao...

Feísmo

Imaxe
As tuberías da depuradora invaden unha das caliñas de Punta Cabalo Construción industrial que atenta contra a paisaxe e o medioambiente Ao parecer, a lexislación medioambiental obriga a soterrar as tuberías das depuradoras de marisco, pero non todas as empresas da Arousa teñen os deberes feitos. A depuradora Aurelio Silva, en Punta Cabalo, é un exemplo. A empresa invadiu a praia, situada nunha das zonas máis fermosas e virxes da costa da illa, con varios canais e mesmo unha construción de cemento. Isto si que é feísmo.

Unha guía de paxaros de Carreirón

Imaxe
Portada da guía A asociación medioambiental Carreirón, un colectivo de nova creación resultado da xuntanza de Gaia, Illa Natura e a Xunta de Montes, presentará nos vindeiros días a primeira guía de aves e mamíferos do parque natural de Carreirón. A obra foi realizada en colaboración cos departamentos de medioambiente do Concello da Illa e da Xunta, e está asinada por Miguel Ángel Conde Teira, biólogo especialista en ornitoloxía, e Samuel Paz Parracho, un bo coñecedor dos paxaros da Arousa, fundador de Illa Natura e autor das fotografías. A guía contén os datos dun cento de aves e oito especies de mamíferos que se poden avistar na Arousa, acompañados de imaxes de alta calidade. A presentación está prevista para o 23 de maio no auditorio.

Adeus Chopo!

Imaxe
O Chopo, o pasado Nadal Máis dunha década de vida solitaria sen dono coñecido, artrose, carrachos incrustados... O Chopo xa non deambulará máis polo Chufre, foi sacrificado por recomendación veterinaria. Adeus Chopiño, houbo quen che quixo!