Publicacións

O día a día dun bateeiro

Imaxe
A televisión de Galicia emitiu hai uns días este vídeo no que amosa escenas cotiás do traballo na batea. Ramón Dios, presidente do Consello Regulador do Mexillón , quéixase do pouco valorado que está o molusco.

A liana

Imaxe
Liana detrás do Santo, hai uns anos Quedará algunha liana agochada polos montes da Illa?. Dos xogos populares propios dos homes (aínda que nunca faltaron rapazas que probaran), a liana é quizais o máis aventureiro e arriscado. Consiste en pendurarse dunha corda, previamente amarrada a unha árbore, ao estilo Tarzán e balancearse dun lado a outro aproveitando o impulso. Practícase en terreos con desnivel e a caída adoita ser sobre toxos, para darlle máis emoción ;-)

O problema da confraría

Imaxe
Ameixas na lonxa da Illa O Servizo Galego da Competencia abriu un expediente sancionador contra a Confraría de San Xulián por restrinxir a liberdade de mercado. A denuncia partiu do sindicato Agamar, tras detectar prácticas abusivas no pósito arousán. O problema é complexo. Os mariscadores que faenan dentro das concesións administrativas insulares destinan o 9% das súas vendas na lonxa ao pósito arousán. Con estes cartos, a confraría merca a semente de ameixa e paga a vixilancia das praias para evitar o furtivismo, entre outras labores de mantemento dos areais. Ademais dos mariñeiros “a tempo completo”, no raño tamén atopamos mariscadores “de tempada”, que aproveitan as épocas de maior prezo da ameixa para ir uns días ao raño e obter unhas gañancias extra. Mentres que os primeiros levan todo o ano pagando, os segundos achegan unha pequena porcentaxe á confraría, beneficiándose igualmente do traballo colectivo. Ante esta situación, a confraría arousá decidiu limitar o permiso de marisq...

O libro das festas

Imaxe
Xa corre de man en man o "libro das festas", o folleto que edita anualmente a comisión das festas do Carme para dar a coñecer a programación. A reprodución de fotografías antigas, cedidas polos veciños, é un dos principais reclamos desta publicación. Á xente gústalle recoñecer e recoñecerse nestas imaxes, que mostran escenas cotiás de tempos pasados e amigos e familiares que xa non están, ou que cambiaron moito.

Flora dunar

Imaxe
Rabo de coello, na praia das "Señas" "Bágoas de crocodilo" Xa que falamos aí atrás do carpobrotus, o protagonismo nesta ocasión correspóndelle a dúas especies propias das dunas e os areais costeiros da illa, o rabo de coello (lavutus ovatus) e as “bágoas de crocodrilo”. Esta última especie é probable que teña outros nomes, agradécese a información sobre a denominación científica. As dúas imaxes foron captadas na praia das Señas.

Unha segunda oportunidade

Imaxe
A biblioteca do colexio público é tamén a aula da escola de adultos Unha das iniciativas máis bonitas e interesantes que puxo en marcha o concello insular desde que se constituíu é a Escola Municipal de Adultos, que lles ofrece unha segunda oportunidade a aquelas persoas que polo motivo que sexa non puideron obter no seu tempo o antigo “graduado escolar” ou rematar o bacharelato. A idade do alumnado varía desde os rapaces de 20 ata as mulleres de 50. Neste curso asistiron con regularidade ás clases unhas dez mulleres maiores de 30 anos. Son elas as que demostraron máis empeño na preparación dos exames finais da ESO. A aula está situada na biblioteca do colexio público Torre e ten un horario de noitiña, unha vez que rematan as obrigas laborais. Ademais de proporcionar este servizo, a escola tamén ofrece obradoiros de estimulación da memoria para os maiores, e clases ás mulleres que participan nos obradoiros de emprego Nordés.

Volta á Illa

Imaxe
A Volta á Illa é a regata pioneira das competicións de dornas a vela de Galicia Imaxes tomadas con móbil, o pasado 28 de xuño A regata de dornas a vela máis veterana do calendario, a Volta a Illa, volveu demostrar o seu poder de convocatoria reunindo o pasado sábado a medio cento de embarcacións. Nesta vixésimo cuarta edición, as dornas tomaron a saída con pouco vento, e despois dunha encalmada xeral pola zona do Campelo e o Faro, a navegación axilizouse ao pasar Carreirón. Os cinco primeiros postos estiveron moi disputados ata o final, o que contribuíu a darlle emoción á competición. Finalmente, venceu a Cariñosa. Poden ler unha crónica de primeira man no blog de Fasquía . Por certo, durante a regata tamén se promocionou cun stand a participación de Galicia na festa marítima internacional de Brest.