Publicacións

Trompos ao camiño

Imaxe
Brinquedia celebra o 9 de novembro o “Día do Peón”, para tratar de recuperar un xogo que se asocia ao patrimonio oral e ao ludismo universal. Como en cada vila que presuma de tradición, na illa os trompos teñen unha linguaxe e unhas normas de seu. O xogador carcamán distínguese polo costume de cortar o cu do trompo, largar de punta e xogar en grupo ao “ risco ”, trazando un círculo no chan . O vencedor moral sempre é o que máis “ chochas ” fai, é dicir, o que consegue impactar o seu trompo contra o do compañeiro, deixándolle a marca na madeira. Aos trompos máis grandeiros e gordos chámanlles “ vacas ”, logo están as " cebolas ", de menor tamaño que os anteriores, e os pequeneiros son as “ piorniñas ”. A corda de enrollar é o “ liñón ”, e a forza de xiro do trompo é a “ escorrendela ”. Por exemplo, se largas o trompo e non baila, pódese dicir “non me colleu escorrendela”. É certo que este xogo de rapaces xa non goza do tirón que tradicionalmente tivo nesta época do ano, pero n...

Riasón

Imaxe
Riasón é unha praia desas que unicamente frecuentan os veciños do lugar, sen acceso asfaltado nin paseo marítimo, na que amarran unha chea de dornas e na que os mariñeiros aínda poden ter os seus galpóns para gardar os aparellos. Eugénio Outeiro , que tamén fai poesía coa fotografia, chámalle a “ cara B ” da illa. Unha xenuina cara B que ten os días contados... Non tardarán en comezar as obras da nova estrada de acceso ao porto do Chufre, que discorre por esa zona. As casotas de madeira dos mariñeiros Os caprichos do mar na terra, xa contra O Bao En Riasón amarra unha dorna que leva o seu nome

Unha benvida estratéxica

Imaxe
O Santo é, sen dúbida, un lugar estratéxico para darlles a benvida aos visitantes. Sen embargo, o autor non estivo moi fino na ortografía...

A fábrica de Goday

Imaxe
Fotomontaxe a partir das imaxes do artigo de Celtiberia A conserveira de Goday, considerada a primeira fábrica moderna de Galicia, ten sido obxecto de estudo de varios investigadores. En Celtiberia hai pendurado un completo e documentado artigo sobre a historia desta factoría, no que se ofrecen todo tipo de detalles sobre o modo de produción, a maquinaria ou o persoal. Cita como fonte principal a obra inédita Notas para o Museo da Conserva, A Illa de Arousa , de Juan Fernández Casal, quen traballou durante oito anos para a familia Goday. A ver que nos depara o anunciado "centro de interpretación das conservas".

Outra forma de mirar

Imaxe
Aínda que o punto forte da illa reside no seu patrimonio natural, tamén podemos encontrar beleza na súa paisaxe urbana. Ás mostras de construcións populares (os cruceiros, os muíños de vento e de mareas, os lavadoiros de Palmeira e do Río, algunha fonte, algún pombal...), temos que engadir outros detalles de arquitectura urbana e industrial máis recentes, que destacan pola súa orixinalidade e espertan o interese dos curiosos. A chimenea da antiga fábrica do Charco As reixas das fiestras do Triskel As fiestras desta casa, na rúa Palmeira Este edificio de pisos no Chufre, construido recentemente, ten na fachada un escudo coa data de 1947. ¿Alguén dos que visita este Universo coñece o seu significado?

A revista Dorna, en pdf

Imaxe
Portada do verán 2007 A asociación cultural Dorna retomou no 2005 a labor de publicar unha revista do mesmo nome. Dende entón, levan sete números editados, con contidos diversos nos que predominan os artigos locais sobre temas marítimos, históricos e ecolóxicos. Trátase dunha publicación de 28 páxinas que se distribúe de man en man, e que presenta en cada número unha portada diferente. Xa está en preparación a próxima edición, a terceira deste ano. Mentres non chega ás nosas mans, podemos consultar na rede, en formato pdf, a última entrega .

Para cando dimisións en Opmega?

Imaxe
Descarga de mexillón no peirao do Chufre A creba da depuradora Megalmar –cunha débeda superior a 600.000 euros en catro anos de actividade- é o colofón a unha nefasta xestión de Opmega, a maior organización de produtores de mexillón de Galicia. A xunta directiva, enfrontada internamente por obxectivos alleos aos intereses do sector, foi incapaz de facer fronte a unha maior complexidade do mercado (competencia estranxeira, caída do prezo do mexillón, descenso das vendas...), perdendo no camiño os cartos e a confianza dos bateeiros. Megalmar é unha sociedade limitada unipersonal, cuxo único socio é Opmega, así que agora tócalles aos productores asociados sanear as contas. A ver cando deciden tamén sanear os seus dirixentes.